Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Xoves, 12 de xaneiro de 2012 Páx. 1991

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 5 de Las Palmas de Gran Canaria

EDICTO (615/2011).

En Las Palmas de Gran Canaria, 14 de decembro de 2011.

Tendo visto Miguel Ángel Limón Luque, maxistrado-xuíz do Xulgado do Social número 5 desta cidade e a súa provincia, en audiencia pública, o xuízo sobre despedimento, seguido ante este xulgado baixo o n.º 0000615/2011, promovido por instancia de Ernesto López Silveira contra Infoelga Montajes Eléctricos, SLNE e o Fondo de Garantía Salarial, pronunciou en nome de El-Rei a seguinte sentenza.

I. Antecedentes de feito.

Primeiro. Na data do 16 de xuño de 2011 a parte demandante arriba indicada presentou no decanato unha demanda que foi repartida a este xulgado e na cal, despois de alegar os feitos e fundamentos de dereito que considerou procedentes, terminou suplicando que se ditase unha sentenza de conformidade coas súas pretensións, en que se declarase o despedimento producido improcedente e se condenase a empresa a optar pola readmisión ou a indemnización, ben como aos pertinentes salarios de tramitación.

Segundo. Admitida a trámite a demanda, sinalouse para o acto do xuízo o día 13 de decembro de 2011. Comparecida unicamente a parte demandante e dada conta dos autos, a demandante afirmouse e ratificou os pedimentos e súplica da súa demanda. Recibido o preito a proba, esta foi admitida e practicada co resultado que consta nas actuacións e, seguidamente, eleváronse as conclusións a definitivas e declaráronse os autos conclusos e vistos para sentenza.

Terceiro. Na tramitación do presente procedemento observáronse as prescricións legais, salvo o sistema de prazos.

II. Feitos probados.

Primeiro. Ernesto López Silveira veu prestando os seus servizos con carácter indefinido para a empresa demandada, dedicada á actividade de instalacións eléctricas, desde o 22 de maio de 2009, coa categoría profesional de oficial de 1.ª, e percibindo un salario diario de 39,75 euros, con inclusión da pro rata de pagas extraordinarias.

Segundo. O demandante recibiu no seu móbil unha mensaxe da Seguridade Social en que se lle comunicaba a súa baixa na empresa demandada con data do 18 de maio de 2011.

Terceiro. Non ten nin tivo no ano anterior a calidade de representante unitario ou sindical dos traballadores.

Cuarto. No 14 de xuño de 2011 tivo lugar o acto de conciliación ante o Servizo de Mediación, Arbitraxe e Conciliación, co resultado de intentado sen efecto, despois de presentarse a papeleta de conciliación no día 31 de maio de 2011.

III. Fundamentos de dereito.

Primeiro. O artigo 91.2 da Lei de procedemento laboral vixente dispón que a parte demandada que non comparecer ao xuízo estando debidamente citada, a pesar do apercibimento que se lle tiver feito en tal sentido poderá ser tida por confesa na sentenza sobre os feitos que fundan a pretensión da demanda, sempre que conforme o artigo 83.2 TRLPL non tiver alegado xusta causa que deba motivar a suspensión do xuízo, co que se establece unha confesión presunta de carácter legal, en que do feito base da non comparecencia inxustificada se deduce a consecuencia de falta de posibilidade de oporse con éxito á pretensión do demandante, presunción en todo caso iuris tantum e polo tanto destrutible polos feitos ou probas que aparezan nos autos en contrario, de onde se deriva o carácter de mera facultade que se lle outorga ao xuíz e non de obriga que se lle impón, que procede exercer no presente caso ao non concorreren circunstancias que o impidan.

E, por outro lado, débese ter en conta a consolidada doutrina de que a non comparecencia do demandado non exime o demandante de probar os feitos en que fundamenta a súa propia petición (STSS Sala 1.ª 18/5/46, 26/6/46, 21/12/55, entre moitas) por aplicación do principio de distribución da carga da proba, contida con carácter xeral no artigo 217 LEC, que impón ao demandante a carga de probar os feitos constitutivos da súa pretensión.

De acordo co establecido no artigo 97.2 de la LPL, débese establecer que os feitos non foron controvertidos e se deducen da documental presentada polo demandante –vida laboral e contrato de traballo–, e da confesión da demandada. Canto á data do despedimento, terase en conta a data de baixa na Seguridade Social, ao non ter alegado a parte demandante nin sinalado a data en que efectivamente recibiu a mensaxe da Seguridade Social. En consecuencia, a data de extinción será o 18 de maio de 2011. Polo que se refire ao salario, o demandante fíxao en 53,18 euros día, cando ningunha proba se presentou neste senso, salvo o contrato de traballo que remite ao convenio colectivo aplicable, que é o de siderometalurxia da provincia de Las Palmas, o cal establece para a categoría profesional do demandante unha cantidade de 39,75 euros diarios con inclusión de pro rata de pagas extraordinarias, que é a cantidade que se debe considerar.

Segundo. No presente caso, e conforme o disposto no artigo 105.1 da Ley de procedemento laboral, corresponde á parte demandada en materia de despedimento ou nos supostos de extinción do contrato de traballo a carga de probar os feitos xustificativos da relación extintiva, o que non se produciu na presente litis dada a non comparecencia da demandada aos actos de conciliación e xuízo.

No presente caso, non quedou probada a causa da extinción contractual, tratándose dun despedimento carente de forma e acreditándose a existencia da relación laboral e as circunstancias profesionais, ben como o feito do despedimento, pola proba documental practicada e pola confesión da empresa demandada, que debe ser tida por confesa, pola súa non comparecencia a pesar da súa citación en forma. Por todo iso, conforme o artigo 105 e 108 LPL, procede declarar a improcedencia do despedimento efectuado.

Terceiro. As consecuencias xurídicas do despedimento improcedente veñen consideradas no artigo 56 e 57 ET, pola redacción dada a estes por a Ley 45/2002, do 12 de decembro. O empresario, no prazo de cinco días desde a notificación da sentenza, pode optar entre a readmisión con aboamento dos salarios deixados de percibir, manténdoo en situación de alta na Seguridade Social durante o correspondente período, e o pagamento da indemnización prevista no artigo 56.2 ET. Por outra parte, a parte demandanda terá dereito, así mesmo, aos salarios de tramitación percibidos ata o día da data de extinción da relación laboral, a saber, a desta sentenza.

A indemnización debe ser igual ao importe de corenta e cinco días de salario por ano traballado con rateo dos períodos inferiores ao ano e cun máximo de corenta e dúas mensualidades. No noso caso, fixouse nos feitos probados a cantidade de 39,75 euros, con pro rata de pagas extraordinarias, cantidade que se corresponde coa que se deduce do convenio colectivo de aplicación. En consecuencia, a indemnización que se percibirá é, a día da data de publicación da sentenza, de tres mil quiñentos setenta e sete euros con cincuenta céntimos (3.577,50 euros).

Vistos os preceptos legais citados e demais de xeral observancia e pola autoridade que me confire o artigo 117 da Constitución española e 1 da Lei orgánica do poder xudicial,

Decido.

Que, estimando a demanda promovida por Ernesto López Silveira contra Infoelga Montajes Eléctricos, SLNE e o Fondo de Garantía Salarial, declaro a improcedencia do despedimento de que foi obxecto a demandante, e condeno a empresa demandada a estar e pasar por esta decisión readmitindo o traballador ou, alternativamente, aboando ao demandante a cantidade de tres mil quiñentos setenta e sete euros con cincuenta céntimos (3.577,50 euros), en concepto de indemnización, opción que se debe exercer no prazo de cinco días desde a notificación desta sentenza por escrito ou mediante comparecencia ante este xulgado, coa advertencia que, de non optar expresamente dentro dese prazo, se entencerá obrigatoria a readmisión, con aboamento en ambos os casos, sexa cal for o sentido da opción, así como a cantidade de 39,75 euros diarios desde o 19 de maio de 2011 –día seguinte ao do despedimento producido– até a data de notificación a sentenza, en concepto de salarios de tramitación. Así mesmo, condeno o Fondo de Garantía Salarial a estar e pasar por esta resolución, asumindo as responsabilidades que lle poidan corresponder.

Notifíquese a presente resolución ás partes e fágaselles saber que contra ela poderán interpor recurso de suplicación para ante a Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Canarias, o cal deberá ser anunciado, por escrito ou comparecencia, no termo de cinco días, contando desde o seguinte ao da notificación da sentenza e con expresa advertencia de que, se o recorrente for a parte demandada, deberá exhibir ante este xulgado o comprobante de ter depositado na conta de recursos deste Xulgado do Social número 5, n.º de identificación: 0030/1846/42/0005001274, e no concepto clave 3500/0000/65/0615/11, aberta no Banco Español de Crédito (Banesto), oficina sita na rúa Triana desta cidade, a cantidade obxecto de condena, consignación en metálico que se pode substituír polo aseguramento mediante aval bancario, en que se deberá facer constar a responsabilidade solidaria do avalista e demostrar tamén ter depositado na indicada conta a cantidade de 300 euros preceptiva legalmente para recorrer, requisitos sen os cales non se terá por anunciado o devandito recurso.

Así o pronuncio, mando e asino por esta a miña sentenza.

Dilixencia de publicación. En Las Palmas de Gran Canaria, 15 de decembro de 2011.

Expídoa eu, o/a secretario/a xudicial, para facer constar que no día da data Miguel Angel Limón Luque, maxistrado-xuíz deste órgano xudicial, me entrega a anterior resolución debidamente asinada, que paso a facer pública, librando testemuño dela para a súa unión aos autos e lévase o orixinal ao libro de resolucións deste xulgado. Dou fe.