Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Luns, 9 de xaneiro de 2012 Páx. 1339

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 18 de novembro de 2011, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se ordena a publicación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 27 de outubro de 2011, polo que se aproba definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado Parque Eólico Vilamartiño, así como das disposicións normativas contidas no mencionado proxecto.

En cumprimento do disposto no artigo 13.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, esta dirección xeral dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 27 de outubro de 2011, cuxa parte dispositiva é o seguinte texto literal:

«1. Aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado Parque Eólico Vilamartiño, promovido por Eólica Galenova, S.L.

2. De conformidade co contido do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 1 de outubro de 1997, polo que se aproba o Plan Eólico de Galicia como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, modificado mediante o Acordo do 5 de decembro de 2002, o planeamento nos concellos da Baña, Val do Dubra e Santa Comba queda vinculado ás determinacións contidas no proxecto sectorial que se aproba».

De conformidade co artigo 4 da Lei 10/1995, modificada pola disposición adicional 2.ª da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, publícanse como anexo a esta resolución as disposicións normativas do proxecto sectorial denominado Parque Eólico Vilamartiño.

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2011.

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas

ANEXO

1. Adecuación ao planeamento local vixente e prazo.

O parque eólico que se proxecta localízase nos municipios da Baña, Santa Comba e Val do Dubra na provincia da Coruña.

O municipio da Baña dispón como instrumento de ordenación urbanística do Plan Xeral de Ordenación Municipal do 26 de marzo de 2003 no que os terreos incluídos na poligonal do parque están clasificados como: solo rústico de protección forestal, solo rústico de protección agropecuaria e solo rústico de protección de leitos, ben que só se realizarán obras nos dous primeiros tipos de solo. Localízase no interior da poligonal o núcleo rural denominado Cabanas, situado a máis de 500 m do aeroxerador máis próximo.

O municipio de Val do Dubra dispón como instrumento de ordenación urbanística das normas subsidiarias municipais de planeamento aprobadas o 15 de abril de 1997 en que os terreos incluídos na poligonal do parque están clasificados como solo non urbanizable de protección de parcelacións agropecuarias e solo non urbanizable de réxime normal. Non se localiza no interior da poligonal ningún núcleo rural.

O municipio de Santa Comba dispón como instrumento de ordenación urbanística do Plan Xeral de Ordenación Municipal do 5 de abril de 2001, en que os terreos incluídos na poligonal do parque están clasificados como solo rústico de protección agropecuaria. Localízase no interior da poligonal o núcleo rural denominado Portochán, situado a máis de 500 m do aeroxerador máis próximo. Cabe destacar que neste municipio non se realizará ningunha das obras correspondentes a este parque, aínda que parte do seu solo verá modificada a súa cualificación por estar afectado pola área de servidume dos aeroxeradores.

2. Proposta de modificación do plan urbanístico vixente.

2.1. Adecuación ao plan.

A construción dun parque eólico encóntrase necesariamente vinculada a un terreo concreto, co fin de aproveitar o elevado potencial eólico deste.

A instalación dunha central xeradora de enerxía eléctrica a partir dun recurso renovable, como é a enerxía cinética do vento, contribuirá de forma significativa ao desenvolvemento industrial e socioeconómico de toda a Comunidade de Galicia.

A área delimitada por este proxecto sectorial cualificarase como solo rústico de protección de infraestruturas, permitindo, desta forma, a construción do parque eólico na dita área. Esta área represéntase no plano 7 Plan municipal modificado.

Con isto deberá engadirse á dita normativa a citada ordenanza específica de solo rústico de protección de infraestruturas, que se describe a continuación.

Solo rústico de protección de infraestruturas

1. Ámbito de aplicación.

Comprende esta categoría de solo a zona delimitada no plano 7 como solo rústico de protección de infraestruturas exclusivamente na área onde se localizan as infraestruturas previstas no proxecto sectorial sen alterar o resto do plan co uso permitido de parques eólicos.

2. Condicións de uso e licenzas.

O uso citado destinado á instalación de parques eólicos para poder implantarse nesta categoría de solo deberá contar coa correspondente declaración ambiental, de acordo co previsto na Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, e coa aprobación do proxecto sectorial, segundo o establecido na Lei 10/1995, de ordenación do territorio.

Nesta categoría de solo quedan permitidos os usos para a localización de infraestruturas e as súas zonas de afección destinadas ao aproveitamento do vento como recurso natural para a produción de enerxía (parques eólicos), así como usos agrícolas e gandeiros sen máis limitación que a necesaria protección das infraestruturas enerxéticas das plantacións forestais, mantendo as plantacións a unha distancia mínima de 50 m do aeroxerador máis próximo. Non se poderá realizar ningunha edificación nun raio de 200 m arredor dos aeroxeradores nin da torre de control, coa excepción do edificio de control necesario para o funcionamento do parque eólico.

3. Condicións de edificación.

A superficie máxima das edificacións será de 200 m2, computándose exclusivamente as edificacións pechadas, a altura máxima das edificacións será dunha planta e non poderá superar os 4,05 m de altura medidos desde a rasante do terreo ata o arranque inferior da vertente de cuberta. As características estéticas, construtivas e os materiais, cores e acabados serán acordes coa paisaxe rural, e deberán ser as fachadas de pedra e o tellado de tella. A superficie da parcela na que se sitúe a edificación non será inferior a 5.000 m2 e deberase xustificar a idoneidade da localización elixida e a imposibilidade ou inconveniencia de situalas no solo urbano ou urbanizable coa cualificación idónea.

Os cerramentos e valados poderán realizarse de malla metálica ou vexetais sen que poidan superar os 3 m de altura e cun máximo de 1 m de altura de zona opaca no caso de que se realice de malla metálica.

4. Condicións estéticas.

As características estéticas e construtivas e os materiais, cores e acabados serán acordes coa paisaxe rural e coas construcións tradicionais do contorno. En tal sentido as edificacións realizaranse en pedra de granito cun espesor mínimo de 15 cm e tella nos tellados. A carpintaría exterior dos edificios será de aluminio lacado en verde. As cubertas serán de tella e poderán ter unha pendente máxima do 31%.

5. Condicións de servizos.

De acordo co previsto no artigo 42.1.a) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, o promotor da infraestrutura enerxética deberá resolver pola súa conta os servizos de:

– Acceso rodado.

– Abastecemento de auga.

– Saneamento e depuración.

– Enerxía eléctrica.

– Recollida, tratamento, eliminación e depuración de toda clase de residuos.

– Así como a dotación de aparcadoiros, logo de xustificación da superficie que se propoña.

2.2. Eficacia.

De conformidade co Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5 de decembro de 2002, polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan Eólico de Galicia, á marxe das modificacións do planeamento local para a súa adecuación, implica para os concellos afectados a obriga de conceder a licenza de obras para as conseguintes instalacións, seguindo os trámites previstos na lexislación de réxime local e do procedemento administrativo común.

Cando se revise o planeamento municipal dos municipios afectados e/ou se adapte á Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, xunto coas seus posteriores modificacións e derrogacións por Lei autonómica 15/2004, do 29 de decembro, Lei autonómica 6/2007, do 11 de maio, Lei autonómica 3/2008, do 23 de maio, Lei autonómica 6/2008, do 19 de xuño, Lei autonómica 18/2008, do 29 de decembro, e Lei 2/2010, do 25 de marzo, de medidas urxentes de modificación da Lei 9/2002, do 30 de decembro, incluiranse as delimitacións sinaladas nos planos clasificándoas como «solo rústico de protección de infraestruturas», coa normativa sinalada no punto anterior.

2.3. Prazo.

A adecuación do planeamento local deberá realizarse coa redacción e tramitación de:

– A primeira modificación puntual que por calquera causa acorde o concello, que obviamente pode ser para esta adecuación.

– A revisión do planeamento urbanístico municipal vixente.

– A adaptación, se é o caso, do plan á Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

3. Cualificación das obras e instalacións de marcado carácter territorial.

As obras necesarias para a execución deste proxecto están cualificadas como de carácter territorial, de acordo co establecido no Plan sectorial eólico de Galicia, aprobado definitivamente polo Consello da Xunta o 1.10.1997, e de conformidade co establecido na disposición derradeira primeira da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.