Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Luns, 9 de xaneiro de 2012 Páx. 1186

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 248/2011, do 15 de decembro, polo que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asumiuse polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia. Corresponden á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza as competencias nesta materia, en virtude do Decreto 7/2011, do 20 de xaneiro polo que se establece a estrutura orgánica da citada consellería.

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón no seu artigo 16 que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, aprobación e modificación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico. O artigo 18 da mesma norma establece a obrigatoriedade de comunicar á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións.

Dando cumprimento ás disposicións anteriores, o Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia, creado por Lei 3/1998, do 30 de xuño, acordou en Asemblea Xeral do 25 de setembro de 2011, aprobar a modificación dos seus estatutos que foron presentados ante esta consellería para os efectos da súa aprobación definitiva.

Tendo en conta o exposto, una vez que foi verificada a adecuación á legalidade dos devanditos estatutos, en uso das facultades que me foron conferidas, polo artigo 34.5 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo da deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do quince de decembro de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo 1.

Aprobar os estatutos do Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia, que figuran como anexo ao presente decreto.

Artigo 2.

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposión derrogatoria.

Estes estatutos derrogan os anteriores que foron aprobados por Decreto 270/2000, do 26 de outubro, da Xunta de Galicia, e modificados polo Decreto 3020/2003, do 3 de xullo.

Disposición derradeira.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, quince de decembro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

TÍTULO I
Normas xerais

Artigo 1.

Estes estatutos teñen por obxecto regular a organización e actuación do Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia, a teor do establecido nas disposicións legais sobre a súa creación e de conformidade coa lexislación vixente sobre colexios profesionais.

Artigo 2.

Son principios esenciais da súa estrutura a igualdade dos seus membros e a democracia na súa organización e funcionamento, que inclúe a elección democrática dos seus órganos de goberno e a adopción dos acordos por maioría.

A vontade do Colexio é dotar os fisioterapeutas dunha institución que represente e defenda os seus intereses e que contribúa na sociedade á promoción do dereito á saúde e a unha asistencia sanitaria e, noutros ámbitos, de calidade.

Artigo 3.

1. O Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia é unha corporación de dereito público, con personalidade xurídica propia e con plena capacidade para o cumprimento dos seus fins e o exercicio das súas funcións. Poderá adquirir a título oneroso ou lucrativo, allear, vender, gravar, posuír e reivindicar toda clase de bens, contraer obrigas e, en xeral, ser titular de toda clase de dereitos, executar ou soportar calquera acción xudicial, reclamación ou recursos en todas as vías e xurisdicións.

2. Contando co acordo previo da Xunta de Goberno, corresponde ao presidente do Colexio o exercicio das facultades establecidas no punto anterior, agás os actos de disposición, para os cales se exixirá, ademais, ratificación da Asemblea Xeral.

3. A representación legal do Colexio, tanto en xuízo coma fóra del, recaerá no seu presidente, quen estará lexitimado para outorgar poderes xerais ou especiais a procuradores e avogados ou calquera clase de mandatario, logo de acordo da Xunta.

Artigo 4.

O ámbito territorial do Colexio de Fisioterapeutas de Galicia será a Comunidade Autónoma de Galicia.

O Colexio terá a sede na cidade da Coruña e o seu domicilio oficial será na rúa de San Roque, 10, 1.º -15002 A Coruña.

Os cambios de domicilio poden ser acordados, por proposta da Xunta de Goberno, pola Asemblea Ordinaria por maioría.

Artigo 5.

O Colexio réxese polos presentes estatutos, pola Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, pola Lei 2/2007, do 15 de marzo, de sociedades profesionais, así como polas disposicións que a desenvolvan ou substitúan, e pola demais lexislación que resulte de aplicación. Regulan, así mesmo, o exercicio das profesións colexiadas a Lei 3/1991, sobre competencia desleal, a Lei 15/2007, sobre defensa da competencia, e a Lei 17/2009. En canto corporación de dereito público o Colexio está suxeito ao dereito administrativo no que se refire ao exercicio da potestade disciplinaria e mentres exerza funcións administrativas.

Artigo 6.

Nos seus aspectos institucionais e corporativos, o Colexio relacionarase coa Consellería de Presidencia, Administración Públicas e Xustiza, que ten atribuídas as competencias en materia de colexios. Nos seus aspectos de carácter sectorial e relativos á profesión deberá relacionarse coa Consellería de Sanidade, que é a que ten atribuídas as competencias en materia sanitaria, e con aquelas consellerías que teñan relación co ámbito profesional.

Artigo 7.

O Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia relacionarase co Consello Xeral de Colexios Profesionais de Fisioterapeutas de España, de acordo coa lexislación xeral do Estado.

Sen prexuízo do que dispón o punto anterior, o Colexio poderá establecer acordos de reciprocidade e cooperación con outros colexios e asociacións, calquera que sexa o seu ámbito territorial.

O Colexio poderá establecer cos organismos profesionais estranxeiros e internacionais as relacións que, dentro do marco da lei, teña por conveniente.

Artigo 8.

O Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia asume as funcións que a Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, determina para os consellos galegos de colexios profesionais.

Artigo 9.

Co fin de asegurar o funcionamento colexial e facelo do xeito máis práctico posible, a Xunta de Goberno pode propor á Asemblea que se aprobe un regulamento de réxime interno.

TÍTULO II
Finalidades e funcións

Artigo 10.

O Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia asume no seu ámbito territorial todas as competencias e funcións que lle pode delegar a Administración mediante disposición legal ou regulamentaria ou encomendar mediante convenio.

En tal sentido, sinálanse como finalidades esenciais do Colexio:

a) Ordenar dentro do marco que establecen as leis e orientar e vixiar o exercicio da profesión.

b) Colaborar cos poderes públicos na regulamentación das condicións xerais do exercicio da profesión.

c) A representación e defensa dos intereses xerais dos fisioterapeutas e da fisioterapia, en especial, nas súas relacións coas Administracións e as institucións sanitarias.

d) Promover e vixiar a fisioterapia, desde a perspectiva científica, cultural, laboral e social e potenciar a súa integración e relevancia na estrutura sanitaria.

e) A protección dos intereses dos consumidores finais e usuarios dos servizos dos colexiados.

Artigo 11.

En especial, correspóndelle ao Colexio desenvolver, dentro do seu ámbito de actuación, as seguintes funcións:

1. En relación coa finalidade de representación e defensa dos intereses xerais dos fisioterapeutas e da fisioterapia:

a) Exercer a representación e defensa da profesión ante as administracións públicas e institucións de todo tipo, tribunais e demais persoas públicas e privadas con lexitimación para ser parte nos litixios que afecten os intereses profesionais.

b) Intervir en todos os ámbitos de regulación da actividade sanitaria que afecte a fisioterapia e participar nos consellos e órganos consultivos da Administración en materia de saúde e asistencia sanitaria e, en xeral, naqueles que aborden materias competencia da profesión.

c) Amparar e defender os dereitos e o prestixio profesional dos colexiados en xeral ou de calquera dos seus grupos ou individuos en particular, se foren obxecto de vexación ou menoscabo, por motivo da súa actividade profesional.

d) Emitir informe sobre todas as normas que elabore a Xunta de Galicia sobre as condicións do exercicio da fisioterapia en Galicia.

e) Auxiliar e asesorar as autoridades e tribunais emitindo os informes técnicos e profesionais que se lle pidan.

f) Vixiar que a utilización do nome e o exercicio das técnicas propias da fisioterapia se ateñan ás normas reguladoras da profesión e o seu exercicio, impedindo e perseguindo todos os casos de intrusión profesional. Para tal efecto, poderase requirir o apoio das autoridades gobernativas e sanitarias e formular os casos ante os tribunais de xustiza.

O Colexio non poderá establecer baremos orientativos nin calquera outra orientación, recomendación, directriz, norma ou regra sobre honorarios profesionais. O Colexio poderá elaborar criterios orientativos para os exclusivos efectos da taxación de custas de peritaxes xudiciais. Os devanditos criterios serán igualmente válidos para o cálculo de honorarios e dereitos que corresponden para os efectos de taxación de custas de peritaxes xudiciais en asistencia xurídica gratuíta.

2. En relación coa finalidade de ordenación, orientación e vixilancia do exercicio profesional:

a) A ordenación do exercicio profesional da fisioterapia no ámbito das súas competencias e de acordo co marco que establecen as leis.

b) Levar o censo de profesionais e o rexistro de títulos.

c) Vixiar para que o exercicio profesional responda, tanto en número de profesionais como en calidade, ás necesidades da sociedade.

d) Velar pola salvagarda e observancia dos principios éticos e legais da profesión, elaborando e aprobando un código deontolóxico desta e coidando o seu respecto e efectividade.

e) Exercer as funcións disciplinarias sancionando os actos dos colexiados que supoñan unha infracción da deontoloxía e das normas colexiais e executar as sancións impostas.

f) Velar por que os medios de comunicación social divulguen a fisioterapia con base científica contrastada e combater toda propaganda ou publicidade incerta ou enganosa, ou a que con carácter xeral atente contra os dereitos dos consumidores ou usuarios ou contraveña os principios establecidos na normativa vixente.

g) Intervir como mediador e con procedementos de arbitraxe nos conflitos que por motivos profesionais se susciten entre colexiados.

h) Estudar os problemas creados pola intrusión profesional.

i) Informar as industrias relacionadas coa fisioterapia das condicións desexables para o desenvolvemento de novos produtos e establecer, se as condicións técnicas o permiten, un control de calidade sobre os materiais ofrecidos.

j) Cantas funcións redunden en beneficio da protección dos intereses dos consumidores e usuarios dos servizos dos seus colexiados.

k) Atender as solicitudes de información sobre os seus colexiados e sobre as sancións firmes a eles impostas, así como as peticións de inspección ou investigación que lles formule calquera autoridade competente dun Estado membro da Unión Europea nos termos previstos na lei

l) Servizo de atención aos colexiados e aos consumidores e usuarios.

– O Colexio deberá atender as queixas ou reclamacións presentadas polos colexiados.

– Así mesmo, o Colexio disporá dun servizo de atención aos consumidores ou usuarios, que necesariamente tramitará e resolverá cantas queixas e reclamacións referidas á actividade colexial ou profesional dos colexiados sexan presentadas por calquera consumidor ou usuario que contrate os servizos profesionais, así como por asociacións e organizacións de consumidores e usuarios na súa representación ou en defensa dos seus intereses.

– O Colexio, a través deste servizo de atención aos consumidores ou usuarios, resolverá sobre a queixa ou reclamación segundo proceda, ben informando sobre o sistema extraxudicial de resolución de conflito, ben remitindo o expediente aos órganos colexiais competentes para instruír os oportunos expedientes informativos ou disciplinarios, ben arquivando ou ben adoptando calquera decisión conforme dereito.

– A regulación deste servizo deberá prever a presentación de queixas ou reclamacións por vía electrónica e a distancia.

3. En relación coa finalidade de promoción científica, cultural, laboral e social da profesión:

a) Organizar actividades e servizos comúns de carácter profesional, cultural, asistencial de previsión e análogos, que sexan de interese para os colexiados.

b) Organizar conferencias, congresos, xornadas, publicar revistas, folletos, circulares e en xeral pór en práctica os medios que se consideren necesarios para estimular o perfeccionamento técnico, científico e humanitario da profesión.

c) Prestar os servizos de asesoramento xurídico, laboral, administrativo e fiscal que se crean convenientes.

d) Participar no asesoramento para a elaboración de plans de estudos.

e) Emitir informe sobre as normas de organización dos centros docentes correspondentes aos profesionais da fisioterapia e manter permanente contacto con estes e preparar a información necesaria para facilitar o acceso á vida profesional dos colexiados.

4. En relación coa finalidade de promover o dereito á saúde:

a) Colaborar coas institucións e administracións públicas da Comunidade Autónoma na conservación e promoción do dereito á saúde e dunha asistencia sanitaria de calidade, participando na defensa e tutela dos intereses xerais da colectividade como destinataria da actuación profesional dos fisioterapeutas.

b) Contribuír de forma continuada ao asesoramento cidadán en temas relacionados coa promoción e defensa da saúde.

5. Portelo único.

O Colexio disporá dunha páxina web para que, a través do portelo único previsto na Lei de libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, os profesionais poidan realizar todos os trámites necesarios para a colexiación, o seu exercicio e baixa no Colexio, a través dun único punto, por vía electrónica e a distancia.

Concretamente, as organizacións colexiais farán o necesario para que, a través deste portelo único, os profesionais poidan, de forma gratuíta:

a) Obter toda a información e formularios necesarios para o acceso á actividade profesional e ao seu exercicio.

b) Presentar toda a documentación e solicitudes necesarias incluíndo a colexiación.

c) Coñecer o estado da tramitación dos procedementos nos que teñan a consideración de interesados e recibir a correspondente notificación dos actos de trámite preceptivos e a resolución destes polo Colexio.

A través do referido portelo único, para a mellor defensa dos dereitos dos consumidores e usuarios, as organizacións colexiais ofrecerán a seguinte información, que deberá ser clara, inequívoca e gratuíta:

a) O acceso ao rexistro de colexiados, que estará permanentemente actualizado e no que constarán os nomes e apelidos dos profesionais colexiados habilitados.

b) As vías de reclamación e os recursos que se poderán interpor en caso de conflito entre o consumidor ou usuario e un colexiado e o colexio profesional.

c) Os datos das asociacións ou organizacións de consumidores e usuarios ás que os destinatarios dos servizos profesionais poden dirixirse para obter asistencia. O Colexio deberá adoptar as medidas necesarias para o cumprimento do previsto neste artigo e incorporar para iso as tecnoloxías precisas que garantan a interoperabilidade entre os distintos sistemas.

d) Todas as demais funcións que sexan beneficiosas para os intereses profesionais e que estean encamiñadas ao cumprimento dos obxectivos colexiais, de acordo cos intereses da sociedade.

Artigo 12.

O Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia asume a formación continuada do fisioterapeuta, quen:

a) Deberá posuír as aptitudes, habilidades e coñecementos necesarios para aplicar técnicas, métodos e procedementos así como actuar mediante o emprego de medios físicos, que curan, preveñen, recuperan e adaptan a persoas afectadas de disfuncións somáticas, ou ás que se desexa manter nun nivel axeitado de saúde, e neste sentido, será o responsable de establecer e aplicar técnicas e métodos fisioterapéuticos, considerando o individuo na súa tripla dimensión biolóxica, psicolóxica e social.

b) Asumirá a responsabilidade da propia aprendizaxe de forma continuada, de maneira que poida acceder á especialización, investigación científica, docencia universitaria e responsabilidade organizativa, así como ao desempeño dun exercicio profesional perfectamente actualizado.

c) Será capaz de:

– Poñer atención fisioterapéutica preventiva, curativa e de reinserción, ao individuo e á comunidade tanto en saúde coma en enfermidade, aplicando todos os medios físicos e técnicas manuais que estean ao seu alcance.

– Proporcionar educación sanitaria á poboación nos distintos ámbitos, familiar, escolar, deportivo, laboral e de ocio.

– Elaborar plans de atención fisioterapéutica individualizados e integrais dirixidos á cobertura das necesidades de actividade da vida diaria.

– Colaborar cos servizos comprometidos no desenvolvemento da saúde e ser un axente deste, incorporando todas aquelas novas técnicas de educación maternal, xeriátrica, escolar e laboral.

– Participar nos diferentes niveis educativos a través da formación en pregrao, posgrao e continuada do diplomado en Fisioterapia.

– Desenvolver sistemas de control que contribúan á eficacia e eficiencia do sistema sanitario e da atención fisioterapéutica en xeral, así como elaborar informes que se soliciten de acordo coa súa función.

– Manter o seu nivel de competencia a través dunha formación permanente actualizada.

– Participar dentro do campo profesional no ámbito deportivo en aspectos de asesoramento proxectos e tecnoloxía á sociedade

– Ofertar técnicas de asesoramento, proxectos e tecnoloxía á sociedade.

– Participar en proxectos de investigación nas áreas relacionadas coa fisioterapia ou formando parte de equipos multidisciplinares e transmitir os resultados á comunidade científica.

– Xestionar e participar na xestión de todos os servizos de fisioterapia en todos os niveis.

– Realizar a súa actividade seguindo en todo momento os principios da ética profesional.

– Respectar, atender e coidar os seus pacientes, dedicándolles toda a súa capacidade e esforzo por enriba de calquera outro interese.

TÍTULO III
Da colexiación e dos colexiados

CAPÍTULO I
Da colexiación

Artigo 13.

Para o exercicio da profesión de fisioterapeuta no ámbito territorial de Galicia, en calquera das súas modalidades, observarase, en materia de obrigatoriedade de colexiación, o que estableza a normativa vixente nesta materia. Os fisioterapeutas que non exerzan a profesión poderán incorporarse ao Colexio con carácter voluntario sempre que cumpran o resto dos requisitos da colexiación.

Artigo 14.

Poderán integrarse no Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia:

a) Os que posúan a titulación de diplomado universitario de Fisioterapia de acordo coa lexislación vixente sobre a materia.

b) Os profesionais que teñan recoñecida a especialidade en Fisioterapia en virtude do Decreto do 26 de xullo de 1957 de creación da especialización en Fisioterapia.

c) Os profesionais habilitados antes da promulgación do decreto citado na alínea b) para exercer a fisioterapia.

d) Calquera outra titulación equivalente homologada pola autoridade competente.

e) Os estranxeiros poderán incorporarse ao Colexio cando cumpran os requisitos para exercer a profesión en España.

Artigo 15.

A pertenza ao Colexio enténdese sen prexuízo dos dereitos de sindicación e asociación.

Artigo 16.

1. Son condicións necesarias para obter a alta como colexiado:

a) Posuír a titulación legalmente requirida para o exercicio en España da profesión de fisioterapeuta.

b) Non atoparse incapacitado ou inhabilitado legalmente para o exercicio da profesión.

c) Non atoparse suspendido no exercicio profesional por sanción disciplinaria colexial.

d) Aboar os correspondentes dereitos ou cotas de incorporación. A cota de inscrición ou colexiación non poderá superar en ningún caso os custos asociados á tramitación da inscrición.

e) Acreditación fidedigna da súa identidade.

A condición da letra a) acreditarase mediante a achega do correspondente título profesional orixinal ou de testemuño auténtico deste. No caso de tratarse de título estranxeiro achegarase, ademais, a documentación acreditativa da súa validez en España para efectos profesionais, e se se tratase de súbditos doutros países, cumprirán os demais requisitos legalmente exixidos para o establecemento e traballo dos estranxeiros en España. A condición da letra b) acreditarase pola declaración do interesado. A condición da letra c) farase constar, salvo que se trate de primeira colexiación, por certificación do Colexio de procedencia; a condición da letra d), mediante o orixinal ou copia auténtica do documento de ingreso na conta do Colexio; e a condición da letra e), mediante copia auténtica do DNI ou pasaporte.

Declararanse ou acreditaranse os restantes datos que deban constar no Rexistro do Colexio. O solicitante fará constar, se se propón exercer a profesión, o lugar en que o vai facer e a modalidade de exercicio.

2. A Xunta de Goberno resolverá as solicitudes de colexiación, que se presentarán por escrito conforme o modelo aprobado, ou por vía telemática de conformidade co establecido no artigo 11.5 no prazo dun mes. Unicamente as poderá denegar cando non se cumpran as condicións fixadas no número anterior. A resolución poderá deixarse en suspenso para emendar as comprobacións que sexan procedentes co fin de verificar a súa lexitimidade e suficiencia.

Artigo 17.

A solicitude de colexiación será denegada nos seguintes casos:

a) Cando os documentos presentados coa solicitude de ingreso sexan insuficientes ou ofrezan dúbidas sobre a súa lexitimidade e non se completasen ou emendasen no prazo sinalado para o efecto, ou cando o solicitante falsee os datos ou documentos necesarios para a súa colexiación.

b) Cando o peticionario non acredite ter satisfeito as cotas de colexiación no seu Colexio de orixe.

c) Cando sufrise algunha condena por sentenza firme que o inhabilite para o exercicio da súa profesión.

d) Por expulsión decretada en resolución da xurisdición disciplinaria colexial devida firme.

Se no prazo previsto a Xunta Directiva acordase denegar a colexiación pretendida comunicarao ao interesado sinalando a data do acordo denegatorio, fundamentos deste e os recursos dos que é susceptible.

No termo dun mes seguinte á recepción da notificación do acordo denegatorio poderá formular o interesado recurso de reposición ante a Xunta de Goberno do Colexio. Contra o acordo denegatorio definitivo desta, o interesado poderá acudir á vía contencioso-administrativa.

Artigo 18.

A condición de colexiado perderase polas causas seguintes:

a) Defunción.

b) Incapacidade legal.

c) Por separación ou expulsión do Colexio acordada en expediente disciplinario.

d) Admisión da baixa voluntaria xustificada por cesamento da actividade profesional.

e) Non ter aboado o importe dos dereitos correspondentes a un ano de colexiación.

Para que a baixa forzosa por incumprimento das obrigas económicas sexa efectiva, será necesaria a instrución dun expediente sumario que comportará un requirimento escrito ao afectado para que dentro do prazo dun mes se poña ao día dos descubertos. Pasado este prazo sen cumprimento tomarase o acordo de baixa, que deberá notificarse de forma expresa ao interesado.

A perda da condición de colexiado non liberará do cumprimento das obrigas vencidas.

Artigo 19.

Os colexiados poderán figurar inscritos como:

a) Exercentes: son aquelas persoas naturais que, reunindo todas as condicións exixidas, obtivesen a incorporación ao Colexio e exerzan a profesión de fisioterapeuta.

b) Non exercentes: as persoas naturais que obtivesen a incorporación ao Colexio e non exerzan a profesión.

c) Colexiados honorarios: os fisioterapeutas xubilados voluntaria ou forzosamente e que acrediten non estar de alta no imposto de actividades económicas, os declarados en incapacidade total para o exercicio da profesión, invalidez permanente para todo tipo de traballo ou grande invalidez. Estes colexiados estarán exentos do pagamento das cotas colexiais.

d) Colexiados de honra: aquelas persoas naturais ou xurídicas que realizasen un labor relevante e meritorio a favor da profesión. Esta categoría será puramente honorífica e acordada pola Asemblea Xeral.

Artigo 20.

Os fisioterapeutas incorporados ao Colexio poderán actuar profesionalmente:

a) Como profesional libre de forma independente ou asociado con outro ou outros fisioterapeutas ou profesionais.

b) Como profesional asalariado de empresas ou doutro ou outros profesionais.

c) Como funcionario contratado de calquera administración pública e dos seus organismos dependentes.

d) En calquera outra forma en que se poida exercer a fisioterapia.

O fisioterapeuta deberá comunicar ao Colexio cando solicite a incorporación, e sempre que se produzan variacións, a forma ou formas de actuación profesional que desenvolva.

CAPITULO II
Dereitos e deberes dos profesionais

Artigo 21.

Cando unha profesión se organice por colexios territoriais, abonda coa incorporación a un só deles, que será o do domicilio profesional único ou principal, para exercer en todo o territorio español. Para estes efectos, cando nunha profesión só existan colexios profesionais nalgunhas comunidades autónomas os profesionais rexeranse pola lexislación do lugar onde teñan establecido o seu domicilio profesional único ou principal, o que abondará para exercer en todo o territorio español.

Os colexios non poderán exixir aos profesionais que exerzan nun territorio diferente ao de colexiación, comunicación nin habilitación ningunha nin o pagamento de contraprestacións económicas distintas daquelas que exixan habitualmente aos seus colexiados pola prestación de servizos dos que sexan beneficiarios e que non se encontren cubertos pola cota colexial.

Nos supostos de exercicio profesional en territorio distinto ao de colexiación, para os efectos de exercer as competencias de ordenación e potestade disciplinaria que corresponden ao Colexio do territorio en que se exerza a actividade profesional, en beneficio dos consumidores e usuarios, os colexios deberán utilizar os oportunos mecanismos de comunicación e os sistemas de cooperación administrativa entre autoridades competentes previstos na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio. As sancións impostas, se é o caso, polo Colexio do territorio onde se exerza a actividade profesional producirán efectos en todo o territorio español.

No caso de desprazamento temporal dun profesional doutro Estado membro da Unión Europea, observarase o disposto na normativa vixente na aplicación do dereito comunitario relativa ao recoñecemento de cualificacións.

Artigo 22.

Son dereitos dos fisioterapeutas colexiados:

a) Exercer a fisioterapia segundo os criterios deontolóxicos e profesionais recoñecidos.

b) Participar no goberno do Colexio formando parte das asembleas e exercendo o dereito a instar a súa convocatoria, a formular a esta proposicións, emendas, mocións de censura e rogos e preguntas, e a elixir e ser elixido para os cargos directivos, todo isto nas formas e condicións previstas neste estatuto.

c) Utilizar as dependencias colexiais tal e como se regule e beneficiarse do asesoramento dos servizos, programas e outras vantaxes que o Colexio poña á súa disposición.

d) Ser asesorado ou defendido polo Colexio en cantas cuestións se susciten relativas aos seus dereitos e intereses lexítimos consecuencia dun recto exercicio profesional. A Xunta de Goberno decidirá os asuntos en que as custas e gastos que o procedemento ocasione sexan asumidos polo Colexio.

e) Dirixirse aos órganos do Colexio formulando suxestións, propostas, peticións e queixas.

f) Acceder á documentación e aos asentos oficiais do Colexio, obter certificacións dos documentos e actos colexiais que os afecten persoalmente e recibir información sobre cuestións de interese relacionadas coa fisioterapia.

g) Pertencer aos programas de previsión e protección social que poidan establecerse.

h) Exercer o dereito de recurso contra acordos e resolucións dos órganos colexiais.

i) Afirmar a súa condición de colexiado e dispoñer de carné.

O Colexio velará pola protección dos datos que posúe dos colexiados segundo o establecido e determinado nas leis, e, en concreto a Lei de protección dos dereitos fundamentais da persoa e a súa intimidade.

j) Calquera outro dereito que estea recoñecido pola lei ou sexa establecido polos órganos colexiais.

Artigo 23.

Son deberes dos fisioterapeutas colexiados:

a) Cumprir as prescricións contidas nos presentes estatutos, nos regulamentos que os desenvolvan e nos acordos que o Colexio adopte.

b) Pagar nos prazos establecidos as cotas e dereitos tanto ordinarios coma extraordinarios que fosen aprobados polo Colexio para o seu sostemento.

c) Observar a deontoloxía da profesión.

d) Informar o Colexio dos cambios nos seus datos persoais e profesionais.

e) Comunicar ao Colexio calquera acto de intrusión ou actuación profesional irregular.

f) Observar co Colexio a disciplina adecuada e entre os colexiados os deberes de harmonía profesional evitando a competencia ilícita.

g) Pór en coñecemento do Colexio os feitos e as circunstancias que poidan incidir na vida colexial ou no exercicio da fisioterapia.

h) Exercer fielmente os cargos colexiais para os cales sexan elixidos.

i) Participar nas asembleas xerais do Colexio salvo causa inevitable.

O exercicio da publicidade para os profesionais estará sometido só ás liñas que regula a Lei de publicidade e a competencia desleal.

Artigo 24.

Ademais das prohibicións que poidan recollerse nas normas deontolóxicas de rigorosa observancia, e do establecido nestes estatutos, todo colexiado se absterá de:

a) Tolerar ou encubrir, en calquera forma, a quen sen título suficiente exerza a fisioterapia.

b) Prestarse a impartir, figurar, promover ou participar en cursos de formación ou outro método calquera que induza á intrusión profesional.

c) Prestarse a que o seu nome figure como director, asesor ou traballador de centros de curación ou empresas relacionadas coa fisioterapia, que non dirixan, asesoren ou presten traballo persoalmente ou que non se axusten ás leis vixentes e aos presentes estatutos ou cando se violen neles as normas deontolóxicas.

d) Desviar os pacientes das consultas públicas de calquera índole cara á consulta particular con fins interesados.

TÍTULO IV
Dos órganos de goberno

CAPITULO I
A Asemblea Xeral

Artigo 25.

A Asemblea Xeral é o órgano soberano do Colexio e, como tal, máximo órgano de expresión da vontade colexial. Rexerase polos principios de participación directa, igual e democrática de todos os colexiados asistentes. Nas asembleas xerais poden participar todos os colexiados que estean en plenitude dos seus dereitos.

Artigo 26.

As asembleas poderán ser ordinarias ou extraordinarias. A Asemblea Xeral reunirase con carácter ordinario unha vez ao ano, no mes de decembro. Incluirá na orde do día a lectura, debate e aprobación do plan de actividades, liquidación do orzamento vencido, orzamento para o ano seguinte e presentación da memoria e a elaboración da memoria anual nos termos previstos no artigo 5.11 da Lei 25/2009, do 22 de decembro. A asemblea anual ordinaria celebrarase na sede do Colexio ou noutro lugar, sendo facultade da Xunta de Goberno a sinalización do lugar, día e hora de celebración.

A asemblea xeral extraordinaria celebrarase por iniciativa da Xunta de Goberno ou dun vinte por cento dos colexiados cunha orde do día concreta. A súa convocatoria non terá lugar máis alá do prazo dun mes nin menos de cinco días, contados desde a data da súa solicitude, sendo facultade da Xunta de Goberno a sinalización de día, hora e lugar de celebración.

Artigo 27.

1. As convocatorias das asembleas xerais ordinarias serán comunicadas por escrito, con notificación individual a cada colexiado, con trinta días naturais de antelación como mínimo á súa celebración, especificando o día, hora, lugar e orde do día. Os colexiados poderán consultar na Secretaría do Colexio os antecedentes dos asuntos que se van tratar. Deberá incluírse copia das propostas que teñan por obxecto a modificación deste estatuto para que estas poidan ser sometidas á votación na asemblea a que se refira a convocatoria.

2. Ata quince días antes da celebración das asembleas, os colexiados poderán presentar as propostas que desexen someter a deliberación e acordo, aínda que só será obrigatorio para a Xunta de Goberno incluír na orde do día as que veñan avaladas por un cinco por cento do censo de colexiados.

Artigo 28.

1. As asembleas xerais serán dirixidas polo presidente do Colexio acompañado polo resto dos membros da Xunta de Goberno. Actuará de secretario o que o sexa do Colexio, encargado de levantar a acta da sesión.

2. As asembleas xerais quedarán validamente constituídas en primeira convocatoria cando participen a maioría dos colexiados. Quedará validamente constituída en segunda convocatoria calquera que sexa o número de asistentes.

3. Nas asembleas só se poderán tomar acordos sobre aqueles asuntos que fosen fixados na orde do día, o cal non pode ser modificado. Terán dereito a voz e voto os colexiados que se encontran presentes na asemblea, agás que estean suspendidos dos seus dereitos.

Artigo 29.

1. A Asemblea procederá a debater os asuntos que figuren na orde do día. A Mesa poderá propoñer á Asemblea Xeral a modificación da orde de discusión dos asuntos incluídos na orde do día, a cal decidirá se procede tras a oportuna votación.

2. Na discusión dos asuntos estableceranse quendas a favor e en contra que se consumirán alternativamente, sen que poidan empregarse máis de cinco minutos en cada intervención. Os colexiados que desexen consumir quenda comunicarano á presidencia antes do debate de cada asunto. Finalizadas as intervencións procederase á votación.

3. Poderá concederse o uso da palabra, por unha soa vez, por alusións e aclaracións logo de consumidas as quendas e antes da votación.

4. As emendas, adicións e propostas incidentais teñen que discutirse con preferencia á proposición obxecto de debate, comezando polas emendas á totalidade. Se a Mesa non as asume votarase en primeiro termo a súa toma de consideración cunha quenda previa a favor e outra en contra.

5. Os membros da Xunta de Goberno e os compoñentes das comisións nomeadas para algunha finalidade especial, aos cales se lles discuta a súa xestión, e os colexiados cuxa conduta afecten as proposicións sometidas a deliberación da asemblea, poderán facer uso da palabra con carácter preferente e non consumirá quenda. Tampouco consumirán quenda os autores da proposición mentres esta se discuta.

Artigo 30.

As votacións poden ser:

a) Ordinarias, como norma xeral.

b) Secretas, en caso de solicitude da cuarta parte dos colexiados presentes, e sempre que algún membro o solicite nos casos de asuntos que afecten a imaxe do Colexio, a dignidade profesional dalgún colexiado, nos de moción de censura ou confianza e, en xeral, naqueles asuntos en que puidese verse condicionada a liberdade na emisión de voto.

c) Nominais, se así o solicitan a terceira parte dos colexiados presentes.

Artigo 31.

1. Os acordos serán adoptados como norma xeral por maioría de votos a favor respecto dos votos en contra.

2. Non obstante, precisaranse os quórums cualificados que a continuación se expresan nas materias que se sinalan:

a) Maioría absoluta dos colexiados inscritos para aprobar as propostas de fusión, absorción, segregación e disolución do Colexio.

b) Maioría de votos a favor que representen máis do 50% dos votos emitidos para a modificación deste estatuto e para a aprobación de moción de censura revogatoria ou a retirada da confianza.

c) Os demais que se prevexan para asuntos específicos nos regulamentos que desenvolvan estes estatutos.

Os acordos tomados en asemblea xeral serán obrigatorios para todos os membros do Colexio mesmo os ausentes, os disidentes e os que se abstivesen, sen prexuízo dos recursos procedentes.

Artigo 32.

Son competencia da Asemblea Xeral:

a) Aprobar o estatuto do Colexio, os regulamentos e a normativa xeral de obrigado cumprimento.

b) Coñecer e aprobar, se procede, a memoria anual de resumo da súa actuación presentada pola Xunta de Goberno e a memoria anual nos termos previstos no artigo 5.11 da Lei 25/2009, do 22 de decembro.

c) Aprobar a liquidación do orzamento vencido e o balance e conta de resultados da corporación.

d) Aprobar os orzamentos e o programa de actuación.

e) Autorizar os actos de adquisición e disposición e gravame dos bens inmobles e de dereitos reais constituídos sobre estes.

f) Coñecer e controlar a xestión da Xunta de Goberno, solicitando informes e adoptando, de ser o caso, as oportunas mocións, mesmo a de censura con carácter revogatorio conforme o previsto no artigo seguinte, así como resolver sobre mocións de confianza.

g) O establecemento de acordos ou convenios que vinculen o Colexio máis alá do tempo de exercicio da Xunta que os propoña.

h) A fixación das achegas económicas extraordinarias.

i) Discutir e votar calquera asunto incluído na orde do día correspondente.

j) Aprobar as propostas de fusión, absorción, segregación e disolución do Colexio.

k) Nomear colexiados de honra.

l) Coñecer dos rogos, preguntas e proposicións sometidos á súa consideración.

m) A elección dos cargos directivos que deban ser substituídos por producirse unha vacante.

n) A modificación dos estatutos e código deontolóxico.

Artigo 33.

1. A moción de censura contra a Xunta de Goberno só poderá formularse en Asemblea Xeral convocada para o efecto. Teñen lexitimación para formular moción de censura o 20% dos colexiados.

2. Os que tiveren presentado unha moción de censura non poderán formular ningunha outra contra a mesma xunta de goberno no prazo dun ano.

3. A aprobación de moción de censura contra a Xunta de Goberno comportará a convocatoria de eleccións no prazo de dez días.

4. A Xunta de Goberno poderá someter á Asemblea Xeral moción de confianza para a ratificación da súa xestión e/ou programa de goberno, cuxa formulación, tramitación e efectos se axustarán ao previsto para a moción de censura.

Artigo 34.

Das reunións da Asemblea Xeral levantarase acta que quedará rexistrada nun libro para este efecto, asinada polo presidente e o secretario. A acta da Asemblea será aprobada pola mesma Asemblea e terá forza executiva ou ben elixiranse tres compromisarios pola Asemblea que aprobarán a devandita acta.

CAPÍTULO II
A Xunta de Goberno

Artigo 35.

A Xunta de Goberno ten encomendada a dirección e administración do Colexio e constitúe o órgano executivo deste respecto aos acordos da asemblea xeral, aos preceptos contidos nestes estatutos e regulamento que se dite e respecto do resto de normas e acordos que regulen o réxime colexial.

Artigo 36.

A Xunta de Goberno ten carácter colexiado e estará integrada polo presidente, vicepresidente, (o presidente e o vicepresidente serán de distintas provincias galegas), secretario, tesoureiro e vogais, nun mínimo de catro e un máximo de oito; haberá como mínimo un vogal de cada provincia de Galicia. Cando resulte necesario para axilizar o labor do Colexio, a Xunta de Goberno poderá acordar a constitución dunha xunta permanente formada polo presidente, vicepresidente, secretario e tesoureiro. A Xunta de Goberno poderá nomear asesores coordinadores para o exercicio das funcións de información, asesoramento enlace e coordinación das distintas comisións e grupos de traballo.

Artigo 37.

As funcións da Xunta de Goberno son as seguintes:

a) Cumprir e facer cumprir os acordos da Asemblea Xeral, os estatutos, regulamentos e lexislación vixente que afecte o Colexio.

b) Xestión e administración do Colexio e os seus intereses.

c) Decidir sobre as solicitudes de colexiación e baixas de colexiados.

d) A fixación do importe dos dereitos de incorporación e das cotas ordinarias de percepción periódica.

e) A representación do Colexio nos ámbitos da súa actividade.

f) A elaboración do orzamento e do programa de actuación e da memoria anual nos termos previstos no artigo 5.11 da Lei 25/2009, do 22 de decembro.

g) A tramitación e resolución dos expedientes disciplinarios e a aplicación das sancións.

h) Crear e reestruturar as comisións e grupos de traballo necesarios para o mellor cumprimento das funcións colexiais e para o estudo, seguimento ou promoción de aspectos e trámites referidos á súa celebración.

i) A preparación dos asuntos que deban ser sometidos á Asemblea e o coidado de todos os aspectos e trámites referidos á súa celebración.

j) Fixar a data de celebración das asembleas ordinarias e extraordinarias.

k) Cantas funcións non indicadas deriven destes estatutos ou sexan funcións propias do Colexio e non estean expresamente atribuídas á Asemblea.

l) A reclamación de cotas aos colexiados morosos.

Artigo 38.

A Xunta de Goberno celebrará sesión bimensual e tantas veces como o decida o presidente ou o soliciten tres dos seus membros. As convocatorias faranse por escrito a través da Secretaría, por mandato do presidente, con polo menos cinco días de antelación, e acompañadas da correspondente orde do día. É obrigatoria a asistencia de todos os membros. A falta de asistencia non xustificada a dúas sesións consecutivas ou catro non consecutivas considerarase como renuncia ao cargo. As sesións da Xunta de goberno celebraranse nas dependencias do Colexio.

Artigo 39.

A Xunta de Goberno quedará validamente constituída coa asistencia da metade máis un dos seus membros, entre os cales deberán encontrarse, polo menos, o presidente ou vicepresidente e o secretario. Os acordos tomaranse por maioría dos asistentes, e en caso de empate decidirá o voto de calidade do presidente. Os acordos da Xunta consignaranse nas oportunas actas por orde de datas no libro que se disporá para o efecto.

Artigo 40.

A duración dos cargos será de catro anos. Se algún dos compoñentes da Xunta de Goberno, agás o presidente, cesa por calquera causa, a mesma xunta designará o substituto con carácter de interinidade, ata que se verifique a primeira elección regulamentaria. A baixa do presidente será cuberta polo vicepresidente e supón o nomeamento dun substituto deste entre os membros da Xunta de Goberno. De producirse a vacante de máis da metade dos membros da Xunta de Goberno ou do presidente e do vicepresidente ao mesmo tempo, convocaranse eleccións no prazo dun mes.

Artigo 41.

O presidente da Xunta de Goberno ten especialmente atribuídas as seguintes funcións:

a) A representación legal do Colexio para todos os efectos e a representación do Colexio en todas as relacións deste cos poderes públicos, entidades, corporacións de calquera tipo, persoas físicas ou xurídicas.

b) Levar a dirección do Colexio e decidir en casos urxentes que non sexan competencia da Asemblea, e coa obriga de informar das súas decisións a Xunta de Goberno na primeira reunión que se celebre.

c) Visar as certificacións que expida o secretario.

d) Subscribir e outorgar contratos, documentos e convenios de interese para o Colexio

e) É depositario da sinatura e do selo do Colexio.

f) Autorizar coa súa sinatura todo tipo de documentos en relación coa alínea a) deste artigo.

g) Convocar as reunións da Xunta de Goberno e as asembleas xerais tanto ordinarias coma extraordinarias.

h) Contratar, levar a termo todo tipo de actos e documentos propios da xestión e da administración colexiais, incluídos os que sexan propios da cuestión económica bancaria e financeira, ben que a mobilización dos fondos a fará conxuntamente co tesoureiro

i) Coordinar o labor de todos os membros da Xunta de Goberno.

Artigo 42.

O vicepresidente colaborará co presidente no exercicio das súas funcións e exercerá todas aquelas funcións específicas que lle sexan asignadas por este ou pola Xunta de Goberno que resulten de interese para o Colexio de Fisioterapeutas de Galicia.

Artigo 43.

Son funcións do secretario:

a) Levar os libros necesarios para conseguir o mellor e máis ordenado funcionamento dos servizos do Colexio. Será obrigatoria a existencia de libros de actas da Asemblea Xeral e da Xunta de Goberno, e o de rexistro de entrada e saída de documentos

b) Levantar acta das reunións dos órganos do Colexio e autenticar coa súa sinatura a do presidente ou vicepresidente, expedir certificacións e testemuños, e ser o depositario e responsable da documentación colexial.

c) Redactar a memoria anual nos termos previstos no artigo 5.11 da Lei 25/2009, do 22 de decembro.

d) Coidar a organización administrativa e laboral das oficinas do Colexio, garantir o seu funcionamento e o cumprimento das obrigas legais ao respecto.

e) Controlar a tramitación dos expedientes dos colexiados e ter permanentemente actualizado o rexistro destes.

f) Redactar e enviar os oficios de citación para todos os actos do Colexio.

g) Dar cumprimento aos acordos adoptados pola Xunta de Goberno.

h) Ten asignada a custodia dos períodos electorais, durante os cales dá fe da recepción e tramitación da documentación, é depositario dos votos recibidos por correo e vixía o cumprimento dos requisitos electorais.

Artigo 44.

Son funcións do tesoureiro:

a) Recadar, vixiar e administrar os fondos do Colexio e levar a contabilidade.

b) Efectuar os pagamentos ordenados pola Xunta de Goberno e asinar os documentos para o movemento dos fondos do Colexio, conxuntamente co presidente ou vicepresidente.

c) Facer o balance e conta de resultados do exercicio, liquidando o orzamento vencido, e formular o orzamento de ingresos e gastos, todo isto para sometelo á aprobación da Asemblea Xeral.

d) Levar ou supervisar os libros de contabilidade que sexan necesarios.

e) Realizar o balance de situación tantas veces como o requira o presidente ou a Xunta de Goberno.

f) Ter informada a Xunta de Goberno sobre o estado financeiro do Colexio.

Artigo 45.

Serán funcións dos vogais:

a) Auxiliar os titulares dos outros cargos da Xunta de Goberno e substituílos nas súas ausencias.

b) Levar a cabo as tarefas que lles confíe o presidente da Xunta de Goberno ou a propia Xunta.

Artigo 46.

O exercicio dos cargos do Colexio é gratuíto, ben que poden ser reembolsados os gastos que comporta o exercicio do devandito cargo.

CAPITULO III
Eleccións á Xunta de Goberno

Artigo 47.

Terán dereito a ser elixidos todos os colexiados que estean ao día das súas obrigas colexiais, agás que estean afectados por unha sanción que comporte a suspensión de actividades colexiais en xeral ou a limitación dos seus dereitos. A candidatura a presidente do Colexio oficial deberá estar avalada por un 3% do censo de colexiados, salvo o presidente que se presente á reelección. Os colexiados non exercentes non poderán ser candidatos ao cargo de presidente.

Artigo 48.

Só poderán concorrer ás eleccións candidaturas completas en que estean todos os membros da Xunta que se vai elixir. As candidaturas deberán formarse indicando o cargo a que opta cada candidato, os cales deberán asinar a súa aceptación para formar parte desta. Ninguén se poderá presentar como candidato a máis dun cargo ou candidatura.

Artigo 49.

A convocatoria de eleccións deberá efectuala a Xunta de Goberno con polo menos trinta días de antelación á data de celebración, e fará pública ao mesmo tempo a lista de colexiados con dereito a voto. Os colexiados que desexen formular algunha reclamación contra as listas de electores deberán formalizala no prazo de cinco días de ter sido expostas. Estas reclamacións deberán ser resoltas pola Xunta de Goberno dentro dos tres días seguintes ao da expiración do prazo para formulalas, e a resolución deberá ser notificada a cada reclamante dentro dos dez días seguintes. As candidaturas deberán presentarse na secretaría do Colexio, debidamente asinadas por todos os seus membros e con expresión do seu lugar de residencia (declaración xurada ou certificado) dentro dos oito días seguintes a aquel en que se faga pública a convocatoria. Unha vez transcorridos estes oito días, a Xunta de Goberno deberá facer pública a relación de candidaturas dentro dos cinco días seguintes, e a partir dese día poderá emitirse o voto por correo. A Secretaría do Colexio confeccionará unha relación coa copia literal das candidaturas presentadas, e remitiraas aos colexiados coa papeleta de voto correspondente e os sobres e instrucións para a emisión do voto por correo. En caso de presentación dunha soa candidatura ás eleccións, esta quedará automaticamente elixida. O candidato a presidente por cada candidatura poderá presentar brevemente as circunstancias dos candidatos e o programa da súa candidatura en acto convocado para o efecto.

Artigo 50.

1. O día fixado para as eleccións, constituirase nos locais e hora da convocatoria unha mesa electoral que será a que dirixa a votación e as súas circunstancias. A devandita mesa estará formada por tres persoas e ningunha delas será candidato. O fisioterapeuta de máis idade será presidente e os dous de menor idade serán secretario e vogal. Cada candidatura poderá designar entre os colexiados un interventor que a represente nas operacións electorais.

2. Os colexiados deberán votar no lugar e local designado para o efecto. Na mesa electoral encontrarase a urna, que deberá ofrecer suficientes garantías. Constituída a mesa electoral, o seu presidente indicará o inicio da votación, e á hora prevista para finalizar pecharanse as portas da sala e só poderán votar os que se encontren dentro dela. A continuación, e logo da oportuna comprobación, introduciranse na urna os votos que chegasen por correo certificado cos requisitos establecidos. A Xunta de Goberno determinará o horario da elección, que terá unha duración mínima de oito horas. Os electores votarán utilizando exclusivamente unha papeleta. Logo de identificación do elector, entregaráselle a papeleta ao presidente, o cal a depositará na urna en presenza do votante. O secretario da mesa sinalará na lista de colexiados os que vaian depositando o seu voto. Os electores que non voten persoalmente poderano facer por correo certificado remitindo este á secretaría do Colexio. O sobre certificado deberá conter unha fotocopia do DNI do elector acompañado de solicitude de voto por correo, con sinatura lexible da súa propia man, ademais dun sobre branco pechado dentro do cal se encontre a papeleta de voto ou conste mecanografada a candidatura escollida, coa relación de todos os seus membros e cargos. Para que sexan válidos os votos por correo, deberán reunir os requisitos mencionados e recibirse na secretaría do Colexio con dous días de antelación ao da votación.

Artigo 51.

Rematada a votación procederase ao escrutinio. Serán declaradas nulas aquelas papeletas que conteñan expresións alleas ao escrutinio, contido da votación ou borróns que imposibiliten a perfecta identificación da vontade do elector e aquelas que nomeen máis dunha candidatura ou unha candidatura incompleta. Finalizado o escrutinio, elaborarase a acta do resultado que será asinada polos interventores e por todos os membros da mesa e que o presidente fará pública. Os membros elixidos da Xunta de Goberno tomarán posesión dos cargos nun prazo máximo de quince días desde a data da elección. Os nomeamentos serán comunicados ao departamento correspondente da Xunta de Galicia e ás instancias que correspondan dentro do prazo establecido no artigo 7.6 da Lei de colexios profesionais.

TÍTULO V
Do réxime económico

Artigo 52.

O Colexio ten capacidade para a titularidade, xestión e administración de bens e dereitos adecuados para o cumprimento das súas finalidades. A actividade económica realizarase de acordo co procedemento orzamentario.

Artigo 53.

Os recursos do Colexio están constituídos por:

1. Recursos ordinarios:

a) As cotas e os dereitos de incorporación fixados pola Xunta de Goberno.

b) As cotas ordinarias periódicas que fixe a Xunta.

c) Os dereitos e as taxas que, eventualmente, fixe a Xunta polos servizos colexiais.

d) Os rendementos dos bens e dereitos que constitúen o patrimonio colexial.

e) Calquera outro legalmente posible de similares características.

2. Recursos extraordinarios:

a) As derramas ou achegas extraordinarias aprobadas pola asemblea.

b) As subvencións ou doazóns de calquera tipo de procedencia pública ou privada.

c) En xeral, os incrementos patrimoniais lexitimamente adquiridos.

Artigo 54.

A Xunta de Goberno presentará anualmente para a súa aprobación á Asemblea Xeral:

a) A liquidación do orzamento do exercicio anterior.

b) O orzamento para o exercicio seguinte. Unha vez aprobado, o orzamento só pode ser aumentado ou reducido por circunstancias excepcionais, por acordo da Asemblea extraordinaria convocada para tal efecto.

Artigo 55.

En caso de disolución ou reestruturación que afecte o patrimonio do Colexio, este destinarase en primeiro lugar a cubrir o pasivo. O activo restante adxudicarase, coas cautelas que se establezan, ao organismo ou organismos que os substitúan. Se non se der esta circunstancia, o activo restante adxudicarase entre os colexiados que teña, como mínimo, un ano de antigüidade e proporcionalmente cos anos que leven como colexiados. En todo caso, a Asemblea Xeral extraordinaria poderá facer outro tipo de liquidación do activo restante despois de cubrir o pasivo.

TÍTULO VI
Do réxime disciplinario

Artigo 56.

O Colexio ten xurisdición disciplinaria para sancionar as faltas cometidas polos profesionais no exercicio da súa profesión ou actividade colexial.

Artigo 57.

As faltas cualificaranse en leves, graves e moi graves.

Son faltas leves:

a) A desatención dos requirimentos colexiais e a falta de comunicación ao Colexio das modificacións nos datos persoais e profesionais da persoa colexiada.

b) A realización de actos desconsiderados cara aos compañeiros, ao Colexio e aos seus órganos reitores.

c) A falta de seguimento das instrucións colexiais debidamente aprobadas e xustificadas por un interese xeral.

Son faltas graves:

a) A reiteración da comisión de faltas leves.

b) As accións de incumprimento dos estatutos e outras normas colexiais, así como tamén a vulneración dos deberes profesionais e principios deontolóxicos da profesión, sen animosidade.

c) A realización de actos profesionais manifestamente incorrectos polos cales resulte prexudicado o paciente.

d) Cometer actos de desconsideración deliberada contra compañeiros, o Colexio ou os seus xestores.

e) A falta de pagamento correspondente a un período que non supere o ano de colexiación.

f) O incumprimento dos deberes profesionais ou deontolóxicos cando diso derive un prexuízo grave para os consumidores ou usuarios.

Son faltas moi graves:

a) O encubrimento ou promoción da intrusión profesional en calquera das súas facetas.

b) A realización de actos profesionais que sexan motivo dun veredicto xudicial nos cales se aprecie dolo ou engano.

c) O incumprimento dos estatutos e doutras normas colexiais e dos principios que inspiran a profesión de forma deliberada e dolosa.

d) A falta de pagamento de máis dun ano de colexiación. Este feito é motivo de expulsión sempre que o moroso fose debidamente requirido.

Artigo 58.

A imposición de calquera sanción disciplinaria exixe a formación e tramitación previa do expediente correspondente.

Forma do expediente: o expediente débese axustar ás seguintes normas:

1.ª O procedemento iniciarase por acordo da Xunta de Goberno, xa sexa por iniciativa propia ou como consecuencia dunha denuncia formulada por calquera colexiado, persoa ou entidade pública ou privada. A Xunta de Goberno, cando reciba unha denuncia ou teña coñecemento dunha suposta infracción, poderá acordar a instrución de información reservada antes de decidir a incoación do expediente ou, se procede, que se arquiven as actuacións sen recurso ulterior. Todas as actuacións relativas á tramitación do expediente serán por conta do instrutor, o cal será nomeado pola Xunta de Goberno entre os colexiados. A incoación do expediente, así como o nomeamento do instrutor, notificaránselle ao colexiado suxeito do expediente.

2.ª Correspóndelle ao instrutor practicar todas as probas e actuacións que leven ao esclarecemento dos feitos. Á vista das actuacións practicadas, formularase un prego de cargos onde se exporán os feitos imputados ou ben a proposta de sobresemento e arquivo do expediente.

3.ª O prego de cargos notificaráselle ao interesado e concederáselle un prazo de quince días para poder formular alegacións e achegar e propor todas as probas de que intente valerse.

4.ª O instrutor, transcorrido o prazo, formulará proposta de resolución, que se lle notificará ao interesado para que no prazo de quince días poida alegar todo o que considere na súa defensa. Durante este período notificaránselle as actuacións practicadas.

5.ª A proposta de resolución, con toda a actuación, elevarase á Xunta de Goberno e esta ditará a resolución apropiada

6.ª As resolucións sancionadoras conterán a relación dos feitos probados, a determinación das faltas constatadas, a cualificación da súa gravidade e a sanción imposta. A relación de feitos debe ser congruente co prego de cargos formulados no expediente.

Artigo 59.

As sancións que se poden impor son:

a) Por faltas leves: amoestación verbal, represión privada e amoestación escrita.

b) Por faltas graves: amoestación por escrito con advertencia de suspensión, suspensión da condición de colexiado e do exercicio profesional durante un prazo non superior a tres meses e suspensión para o desempeño de cargos colexiais na Xunta de Goberno por un prazo non superior a cinco anos.

c) Por faltas moi graves: suspensión da condición de colexiado e do exercicio profesional por un prazo superior a tres meses e non superior a un ano, inhabilitación permanente para o desempeño de cargos colexiais directivos e expulsión do Colexio con privación da condición de colexiado.

Artigo 60.

O período de prescrición das faltas será de seis meses para as leves, dous anos para as graves e catro anos para as moi graves, e a prescrición interromperase polo inicio do procedemento disciplinario.

Artigo 61.

O sancionado poderá pedir á Xunta de Goberno a súa rehabilitación coas conseguintes cancelacións da nota no seu expediente. Esta petición poderase realizar no prazo de tres meses se a falta fose leve, no prazo dun ano se a falta fose grave, no prazo de dous anos se a falta fose moi grave e se tivese sido expulsado no prazo de sete anos, desde a data do inicio do cumprimento da sanción.

TÍTULO VII
Do réxime xurídico

Artigo 62.

En todo o non previsto especificamente nestes estatutos aplicaranse a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e todas aquelas normas xurídicas vixentes e aplicables ao caso ou suposto concreto.

Artigo 63.

1 Contra os actos suxeitos ao dereito administrativo emanados do órgano de goberno dos colexios profesionais caberá recurso de alzada ante o Consello Xeral de Colexios de Fisioterapeutas.

2 No suposto de actos e resolucións ditados no exercicio de competencias administrativas delegadas, observaranse os termos da propia delegación en canto ao órgano competente para coñecer en caso do recurso correspondente.

Artigo 64.

O Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia será auditado cando se produza a renovación ordinaria, total ou parcial, dos seus órganos directivos. Todo iso sen prexuízo da función fiscalizadora que lles corresponde aos organismos públicos legalmente habilitados para iso.

TÍTULO VIII
Das sociedades profesionais

Artigo 65. Creación do Rexistro de Sociedades Profesionais de Fisioterapeutas.

En cumprimento do mandato establecido na Lei 2/2007, do 15 de marzo, de sociedades profesionais, créase o Rexistro de Sociedades Profesionais de Fisioterapeutas de Galicia.

Artigo 66. Solicitude de inscrición.

A inscrición no Rexistro da Sociedade Profesional de Fisioterapeutas poderá ser instado polo representante da sociedade constituída ou de oficio por instancia do Rexistro Mercantil.

Artigo 67. Inscrición por instancia da propia sociedade.

1. O representante da sociedade deberá presentar escrito dirixido ao presidente do Colexio en que solicite a inscrición da sociedade no Rexistro de Sociedades Profesionais de Fisioterapeutas de Galicia. Ao dito escrito xuntarase copia auténtica da escritura pública de constitución da sociedade.

2. Se o escrito de solicitude de inscrición ou a escritura pública non contiver os datos identificativos necesarios establecidos nos artigos 7 e 8 da Lei 2/2007, do 15 de marzo, de sociedades profesionais, requirirase o solicitante para que no prazo de dez días emende a falta advertida, coa indicación de que, se así non o fixer, se ditará resolución e se terá por desistido da súa petición.

3. Se o escrito de solicitude de inscrición ou escritura pública contiver todos os datos identificativos antes sinalados ou fosen emendadas dentro de prazo as faltas advertidas, procederase a inscribir a sociedade no rexistro.

A inscrición conterá os seguintes aspectos:

a) Denominación ou razón social e domicilio da sociedade. Se a sociedade for multiprofesional, recollerase especificamente esta circunstancia.

b) Data e nota identificativa da escritura pública de constitución e notario autorizante e duración da sociedade se se constituíse por tempo determinado.

c) A actividade ou actividades profesionais que constitúen o obxecto social.

d) Identificación dos socios profesionais ou non profesionais e, en relación cos socios profesionais, número de colexiado.

e) Identificación das persoas que se encarguen da administración e representación, expresando a condición de socio profesional ou non de cada unha delas.

4. Calquera cambio de socios ou administradores e calquera modificación do contrato social deberá ser obxecto de inscrición no rexistro; para estes efectos o representante da sociedade deberá presentar a solicitude correspondente acompañada dos documentos en que consten os cambios e as modificacións operadas.

Artigo 68. Inscrición por comunicación do Rexistro Mercantil.

Recibido escrito do Rexistro Mercantil en que se comunique a inscrición no dito rexistro dunha sociedade profesional, procederase de oficio a inscribir esta no Rexistro de Sociedades Profesionais de Fisioterapeutas de Galicia.

Artigo 69. Relacións co Ministerio de Xustiza e coa Xunta de Galicia.

1. Inscrita unha sociedade profesional de fisioterapeutas no rexistro, comunicarase a dita inscrición ao Ministerio de Xustiza e á Xunta de Galicia. As comunicacións levaranse a cabo trimestralmente salvo que se estableza con carácter xeral un prazo distinto; nese caso aplicarase este.

2. A comunicación recollerá os aspectos sinalados no artigo 65.3.

3. A comunicación dirixirase á secretaría ou ao departamento que a Administración estatal determine e á consellería que a Xunta de Galicia sinale ou, de ser o caso, ás institucións respectivas que asuman as competencias referidas a colexios profesionais.

4. Calquera modificación da inscrición inicial será tamén comunicada aos órganos oficiais.

Artigo 70. Autoridade colexial encargada do rexistro.

1. Corresponderá ao presidente e vicepresidente, indistintamente, instruír o procedemento para a inscrición das sociedades profesionais; para estes efectos poderán emitir os requirimentos de emenda correspondentes e cantos actos de trámite sexan precisos para a dita inscrición das sociedades profesionais, unha vez presentada toda a documentación preceptiva.

2. Contra os actos ditados polo presidente ou vicepresidente no exercicio desta competencia poderanse interpor os recursos recollidos nas leis reguladoras do procedemento administrativo.

3. Corresponderalle ao secretario a facultade de certificar sobre todos os aspectos que figuren inscritos no rexistro.

Artigo 71. Rexistro único e centralizado.

O rexistro será único para toda Galicia.