Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Xoves, 5 de xaneiro de 2012 Páx. 763

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 23 de decembro de 2011 pola que se anuncian axudas económicas destinadas a subvencionar a realización de infraestruturas de uso público en ámbitos urbanos e rurais, por parte dos concellos de Galicia.

A Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, establece a obrigatoriedade de prestación de determinados servizos públicos polos concellos.

Así mesmo, a devandita lei dispón que as funcións de coordinación e axuda desta comunidade autónoma se dirixirán preferentemente a acadar o obxectivo da prestación homoxénea dos ditos servizos.

Pola súa banda, a Comunidade Autónoma de Galicia busca garantir un equilibrio no territorio galego entre o medio rural e urbano, o interior e a costa, que permita o desenvolvemento económico da totalidade do territorio e que os cidadáns galegos teñan unhas óptimas condicións de vida, con independencia do seu lugar de residencia, potenciando e apoiando a prestación de servizos por parte dos nosos concellos, como Administración máis próxima aos administrados, e converténdoos en motores do desenvolvemento económico rexional.

É neste sentido no que a Unión Europea incide, a través das correspondentes directrices estratéxicas, como prioridade para o conxunto da Unión. Así, a posta en marcha de medidas que respondan ás necesidades dos ámbitos rurais e urbanos da comunidade autónoma incidirá de xeito decisivo no cumprimento dos obxectivos que a Unión Europea se propuxo e que se ven materializados no Programa operativo Feder 2007-2013, no seu eixo 5 de desenvolvemento sustentable local e urbano, tema prioritario 58, actuación 4, que ten como fin as axudas ás entidades locais para equipamentos sociais.

Por esta razón, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza pretende colaborar cos concellos na mellora da calidade de vida local, regulando, por medio desta orde, os requisitos e o procedemento que se seguirá para a concesión de axudas económicas destinadas á realización de infraestruturas de uso público en ámbitos urbanos e rurais, por parte dos concellos de Galicia, coa finalidade de acadar unha mellora nos servizos prestados á cidadanía por parte dos concellos galegos.

O Decreto 7/2011, do 20 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, atribúelle á Dirección Xeral de Administración Local as relacións cos concellos, así como as convocatorias e propostas de adxudicación de axudas e subvencións aos concellos que sexan competencia desa dirección xeral.

Esta convocatoria tramítase como anticipada de gasto, de acordo coa orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, e co establecido no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 18 de outubro de 2011, na que se acordou a súa remisión ao Parlamento de Galicia para a súa tramitación.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e beneficiarios.

1. Por medio desta orde establécense as bases para conceder subvencións, en réxime de concorrencia competitiva aos concellos de Galicia, para o ano 2012, destinadas á realización de infraestruturas de uso público en ámbitos urbanos e rurais, por parte dos concellos de Galicia.

2. As actuacións que se van subvencionar responderán a proxectos completos (fase única), do seguinte tipo:

a) Adecuación de prazas e paseos municipais.

b) Creación, adecuación ou rehabilitación de espazos e parques destinados á infancia.

3. Poderán ser beneficiarios desta subvención aqueles concellos de Galicia que reúnan os seguintes requisitos:

a) Que teñan menos de 30.000 habitantes, de acordo coas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes en 1 de xaneiro de 2010, publicadas polo Instituto Galego de Estatística.

b) Ter remitidas as contas do concello correspondentes ao exercicio orzamentario de 2010 ao Consello de Contas.

4. As solicitudes presentadas deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Só poderá presentarse un proxecto por concello, no cal poderá incluírse máis dunha actuación.

b) O orzamento do proxecto para o cal se solicita subvención non poderá ser superior a 50.000 euros.

c) Que os terreos ou predios sobre os que se pretende realizar as actuacións sexan de titularidade municipal e o concello teña a plena dispoñibilidade sobre eles.

d) Que existe acordo do concello polo cal se solicita a subvención para as obras ou equipamentos concretos que se pretenden executar ao abeiro desta orde, e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nela.

5. O incumprimento de calquera das condicións ou requisitos establecidos nos números 2 a 4 deste artigo na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes constituirá causa de inadmisión da solicitude, sen prexuízo de calquera outra que poida derivar da normativa aplicable.

Artigo 2. Crédito.

Estas subvencións faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 05.03.141.A 760.3 (código de proxecto: 2008 00178 Plans de desenvolvemento local), ata unha contía máxima dun millón douscentos setenta e sete mil cento setenta e sete euros (1.277.177 euros), correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012.

Esta orde estará sometida ao regulado na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001. Ao abeiro desta orde, o crédito previsto no artigo 2 queda sometido á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no exercicio 2012, para financiar as obrigas derivadas da convocatoria.

Existe a posibilidade de ampliación de crédito nos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Esta liña de subvencións finánciase nun 70% con cargo aos fondos de desenvolvemento rexional (Feder), e nun 30% con cargo a fondos FCI. Estes fondos Feder están incluídos no Programa operativo Feder 2007-2013, no seu eixo 5 de desenvolvemento sustentable local e urbano, tema prioritario 58, actuación 4, que ten como fin as axudas ás entidades locais para equipamentos sociais.

Artigo 3. Gastos subvencionables.

1. Considéranse gastos subvencionables aqueles en que incorren o concello solicitante, como consecuencia da realización de proxectos acordes coas actuacións sinaladas no artigo 1.2 destas bases reguladoras.

2. Para ter a consideración de gastos subvencionables deben respectar o previsto no artigo 7 do Regulamento (CE) n.º 1080/2006, e cumprir os requisitos da Orde EHA/524/2008 do Ministerio de Economía e Facenda, do 26 de febreiro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e Fondos de Cohesión, e demais normativa de aplicación.

3. A axuda económica que se conceda poderá financiar como máximo ata o 80% do orzamento da obra ou equipamento que se vai realizar.

Artigo 4. Iniciación.

1. Os que desexen acollerse aos beneficios desta orde elevarán petición, por medio de instancia dirixida á persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, segundo modelo que figura como anexo I desta orde, podendo presentar esta na oficina de rexistro único e información, nos rexistros das delegacións territoriais, ou por calquera outro dos medios a que se refire o artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, de acordo co Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, os interesados poderán presentar electronicamente as súas solicitudes a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://www.xunta.es/sede-electronica, ben que o resto da tramitación transcorrerá pola vía ordinaria.

2. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

3. Igualmente, os concellos interesados e que teñan asinado o correspondente convenio de colaboración para a implantación do portal dos concellos Eido Local, poderán presentar as súas solicitudes a través de medios telemáticos, manifestando esta opción de forma expresa na súa solicitude, cando cubran os modelos normalizados que se poñen á disposición dos interesados no portal dos concellos Eido Local (http://www.eidolocal.es), segundo o procedemento que se recolle nas instrucións dispoñibles nesta web e no mesmo prazo que o estipulado para a tramitación ordinaria.

4. O concello peticionario xuntará á solicitude a seguinte documentación:

a) Certificación do acordo do concello polo cal se solicita a subvención para as obras ou equipamentos concretos que se pretenden executar ao abeiro desta orde, e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nela. O acordo deberá estar adoptado antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

b) Memoria xustificativa da necesidade das obras ou equipamentos para as cales se solicita a subvención, asinada polo representante da entidade local.

c) Proxecto ou anteproxecto da obra que se vai realizar, co seguinte contido mínimo:

– Memoria explicativa.

– Orzamento detallado.

– Planos.

No caso de parques infantís será obrigatoria a súa adaptación á normativa europea para este tipo de instalacións.

d) Certificación expedida polo/a secretario/a do concello segundo o modelo do anexo II desta orde, referida á titularidade e plena disposición do concello sobre os terreos e predios onde se pretenden realizar as actuacións. Deberá quedar acreditado que o concello, antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes, xa é titular dos terreos ou predios e ten a plena dispoñibilidade sobre eles.

e) Certificación do/a secretario/a do concello referida aos dereitos recoñecidos netos (capítulos I, II e III do estado de ingresos) do orzamento liquidado da entidade do ano 2010, para o cálculo do esforzo fiscal do concello (anexo III desta orde).

f) Declaración de conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para as actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos (anexo IV desta orde).

g) Certificado do/a secretario/a do concello da remisión das contas do concello ao Consello de Contas de Galicia, a que fai referencia o artigo 1.3.b) desta orde, emitido segundo o modelo do anexo III desta orde. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión das contas ao Consello de Contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

5. Se algunha documentación das solicitadas neste artigo xa constase en poder da Dirección Xeral de Administración Local desta consellería, e non se producise desde o momento en que foi presentada variación que afectase o contido ou a vixencia desta, non será necesario achegala novamente. Neste caso, o concello solicitante indicará a data e o procedemento para os que foron presentados, ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento o que correspondan, sen prexuízo do previsto con carácter xeral no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. O defecto na solicitude seralles notificado aos interesados pola Dirección Xeral de Administración Local e daráselles un prazo de dez días para emendar os erros ou omisións, con indicación de que, de non facelo así, se terán por desistidos da súa petición, logo da resolución que deberá ditarse nos termos do artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5. Instrución e resolución.

Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, serán analizadas por unha comisión de valoración presidida pola persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local e da cal formarán parte os/as delegados/as territoriais da Xunta de Galicia. Actuará como secretario/a a persoa titular da Subdirección Xeral de Xestión e Cooperación Económica coas Entidades Locais da Dirección Xeral de Administración Local, ou un funcionario/a da citada dirección xeral con nivel mínimo de xefe/a de servizo.

Unha vez elaborada a correspondente proposta mediante acta motivada, elevarase á persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, quen resolverá.

Artigo 6. Criterios de avaliación.

1. Na valoración das solicitudes presentadas polos concellos teranse en conta os seguintes aspectos:

a) Necesidade das actuacións solicitadas, en relación coa situación actual do concello, considerando as seguintes circunstancias que permiten avaliar a cobertura de atención, as necesidades de investimento en equipamentos sociais.

1. Dispersión da poboación calculada en número de habitantes por quilómetro cadrado: ata 15 puntos.

2. Maior ratio de poboación de menores de 10 anos en relación ao total da poboación do concello: ata 5 puntos.

3. Poboación de 65 ou máis anos en relación co total da poboación do concello: ata 5 puntos.

4. Menor ratio de investimento subvencionado en relación co total da poboación do concello solicitante. Para estes efectos considerarase investimento subvencionado o importe total das subvencións concedidas ao concello nos últimos 3 anos, para actuacións sinaladas no artigo 1.2 destas bases reguladoras, con cargo aos créditos da Dirección Xeral de Administración Local e cofinanciadas co programa operativo Feder 2007-2013, no seu eixo 5 de desenvolvemento sustentable local e urbano, tema prioritario 58: ata 10 puntos.

5. Valoración da necesidade das actuacións para as cales se solicita subvención, segundo a tipoloxía do proxecto: ata 25 puntos.

a) Adecuación de prazas ou paseos municipais: ata 5 puntos.

b) Creación, adecuación ou rehabilitación de espazos e parques destinados á infancia: ata 5 puntos.

c) Proxecto integral: prazas ou paseos municipais e creación, adecuación ou rehabilitación de espazos e parques destinados á infancia: ata 10 puntos.

d) Necesidade das actuacións para as cales cada concello solicita subvención con base no contido da memoria presentada por cada concello, tales como ausencia de infraestruturas similares, insuficiencia das existentes ou estado de deterioración destas, entre outras: ata 15 puntos.

b) Valoración do esforzo fiscal do concello, determinando a contribución media por habitante ao orzamento liquidado do concello do ano 2010, de acordo coa formula: dereitos recoñecidos netos (capítulos I, II e III)/número de habitantes: ata 10 puntos.

c) De conformidade co establecido no artigo 20.2.l) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, por utilización da lingua galega na realización das actividades para as cales se solicita axuda, acreditada mediante compromiso expreso do concello achegado xunto coa solicitude: 10 puntos.

d) Pola presentación dunha programación específica en colaboración con outros concellos acreditativa de que as infraestruturas públicas para as cales se solicita a subvención responden a unha planificación conxunta e coordinada para a execución ou prestación en común de obras, servizos e actividades das súas competencias, dirixidas á dinamización dos seus respectivos ámbitos de poboación, detallándose o réxime das actuacións conxuntas, así como os compromisos de todos para o seu desenvolvemento: ata 20 puntos.

Para a asignación de puntuacións naqueles criterios que incorporan referencias a datos de poboación, utilizaranse as cifras oficiais do padrón municipal de habitantes en 1 de xaneiro de 2010, publicadas polo Instituto Galego de Estatística.

A puntuación máxima será de 100 puntos e establécese unha contía máxima de 40.000 euros por solicitude.

Artigo 7. Notificación.

1. A resolución notificaráselles a todas as persoas beneficiarias da subvención, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Conforme o disposto no artigo 44.1 da mesma lei, de non notificarse resolución no prazo de catro meses contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo. Todo iso sen prexuízo do establecido nos artigos 42 e 43 da devandita lei.

2. Contra esta resolución, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

3. Así mesmo, o órgano competente para a concesión destas axudas poderá acordar a modificación da resolución por instancia da persoa beneficiaria, sempre e cando non se cause prexuízo a terceiro.

Artigo 8. Aceptación.

1. O concello beneficiario disporá dun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, para comunicar a aceptación das condicións contidas nela.

2. Transcorrido o prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

Artigo 9. Obrigas dos beneficiarios.

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, os beneficiarios das axudas concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigados a:

1. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e executar a totalidade do proxecto presentado xunto coa solicitude e que fundamentou a resolución de concesión, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incumprimento desta obriga producirá a perda do dereito ao cobramento da subvención, sen prexuízo do establecido no artigo 11.5 desta orde.

2. Proceder ao reintegro total ou parcial da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

3. Realizar o proceso de tramitación e adxudicación da contratación conforme as prescricións contidas na lexislación sobre contratación administrativa das entidades locais e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas, sen prexuízo do establecido no artigo 29.3 da Lei de subvencións. Será o concello contratante o responsable directo das consecuencias que dos incumprimentos puidesen derivar.

4. Destinar os bens ao fin concreto para o que se concede esta subvención durante un período mínimo de cinco anos, procedendo ao reintegro das cantidades percibidas no caso de incumprimento desta obriga. A axuda só será definitiva se non sofre antes de transcorridos cinco anos do seu remate unha modificación que afecte a natureza do investimento.

5. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

6. Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme a disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o exercicio 2006, e o artigo 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Nomeadamente, a aceptación da axuda supón a súa publicación nunha lista pública de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) n.º 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro.

7. O concello estará obrigado a cumprir as obrigas de información e publicidade comunitaria establecidas nos artigos 8 e 9 do Regulamento (CE) n.º 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, e no artigo 1, números 1 e 2, do Regulamento (CE) n.º 846/2009 da Comisión, do 1 de setembro de 2009.

De acordo co artigo 9 do Regulamento (CE) n.º 1828/2006 e o artigo 1.2.a) do Regulamento (CE) n.º 846/2009, todas as medidas de información e publicidade establecidas incluirán os seguintes elementos:

a) O emblema da Unión Europea.

b) Referencia ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).

c) Declaración do fondo: «Unha maneira de facer Europa».

d) Proporcionalidade entre emblemas.

Este plan pode consultarse na seguinte páxina web:

http://www.conselleriadefacenda.es/web/porta/area-de-planificacion-e-fondos

8. Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponde á Intervención Xeral da comunidade autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

9. Os beneficiarios deberán manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao abeiro desta orde, e deberán conservar a documentación xustificativa dos devanditos investimentos por un período de tres anos a partir do peche do programa operativo, de acordo co disposto nos artigos 60 e 90 do Regulamento (CE) n.º 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo de 2006.

Artigo 10. Contratación.

1. Os concellos poderán concertar con terceiros a execución total do proxecto que constitúe o obxecto da subvención. A tramitación e contratación das obras ou equipamentos será realizada polos concellos conforme a normativa de aplicación no ámbito local e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas e serán os concellos contratantes os responsables directos das consecuencias que dos incumprimentos puidesen derivar. En todo caso haberá que aterse ao establecido nos artigos 27 e 29.3 da Lei de subvencións de Galicia.

2. Nos supostos previstos no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación, salvo que, polas especiais características dos gastos subvencionables, non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas deberá achegarse na xustificación e, no suposto de non recaer a adxudicación na proposta económica máis vantaxosa, deberán achegar unha memoria en que se xustifique expresamente a elección do adxudicatario do contrato.

3. No proceso de licitación e de execución das actuacións levadas a cabo polo concello beneficiario deberá facerse constar que as actuacións contan co cofinanciamento da Unión Europea, Fondos Feder e da Xunta de Galicia (Consellería de Presidencia, Administracións Publicas e Xustiza/Dirección Xeral de Administración Local).

Artigo 11. Xustificación.

1. Os concellos beneficiarios terán de prazo para executar as actuacións subvencionadas e presentar a documentación xustificativa ata o 30 de setembro de 2012.

2. A documentación xustificativa que deberán achegar no prazo indicado no número anterior é a seguinte:

a) Factura e certificación de obra no modelo oficial que se publica como anexo V da orde, con relación valorada, e tramitada conforme o procedemento que rexe para a Administración local. Admitirase a presentación de fotocopias compulsadas das facturas.

b) Certificación relativa ao acordo de aprobación polo concello das facturas e certificacións de obra expedida polo/a seu/súa secretario/a.

c) Copia compulsada da resolución de adxudicación da obra ou equipamento, nos supostos previstos no artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, onde quede acreditado o cumprimento do establecido no devandito precepto legal.

d) Certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención, de acordo co previsto no artigo 28.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo VI da orde).

e) Xustificante do pagamento da totalidade das obras, mediante copia de transferencia bancaria. O documento acreditativo da transferencia bancaria deberá estar selado polo banco e asinado polo concello.

f) Certificación do secretario/a de ter cumprido o estipulado no Regulamento 1828/2006 da Comisión Europea modificado polo Regulamento (CE) n.º 846/2009 da Comisión, do 1 de setembro, sobre publicidade de fondos Feder, así como copia da documentación acreditativa das actuacións efectuadas para dar cumprimento á dita publicidade.

Para tal fin deberán achegar ademais:

1) Fotografías, en soporte dixital ou papel, do lugar ou lugares onde se teñan efectuado as actuacións, tomadas durante e con posterioridade á súa realización. A presentación das fotografías farase de xeito que permita identificar os lugares e o momento da execución a que correspondan.

2) Fotografías, en soporte dixital ou papel, do cartel das obras no cal se aprecie a publicidade do cofinanciamento das actuacións con fondos Feder (70% da subvención) e con fondos da comunidade autónoma (30% da subvención).

3) Certificación do/a secretario/a de que nos documentos que forman parte do expediente se fixo constar que as actuacións contan co financiamento da Unión Europea, fondos Feder, e da Comunidade Autónoma de Galicia (anexo VII da orde).

4) Fotografías, en soporte dixital ou papel, da placa coa publicidade sobre o financiamento das actuacións, colocada nun lugar visible no lugar das obras, que deberá permanecer durante, cando menos, cinco anos.

5) Información referida aos prezos da placa e do cartel de obra así como a data de colocación de cada un destes elementos.

g) Declaración complementaria referida á obtención doutras subvencións, axudas ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención (anexo IV desta orde).

3. A falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, sen prexuízo do previsto no artigo 45 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. A Dirección Xeral de Administración Local, de atopar conformes os xustificantes, proporá o libramento dos fondos, sempre que o beneficiario cumpra a obriga de executar o proxecto que fundamentou a concesión, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que isto non supoña unha realización deficiente da totalidade do proxecto, a contía da subvención reducirase proporcionalmente, manténdose constante a porcentaxe da axuda respecto ao custo total do investimento.

Artigo 12. Cantidades dispoñibles.

As cantidades que resultaren sobrantes por causa de renuncia expresa ou non presentación das xustificacións correspondentes por parte dos concellos beneficiarios, poderán dedicarse a subvencionar os concellos que presentaron, en prazo, solicitude de subvención ao abeiro desta orde.

Artigo 13. Modificación.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, o concello beneficiario da subvención deberá destinar os bens ao fin concreto para o que se concedeu a subvención durante, como mínimo, cinco anos posteriores ao seu outorgamento.

O incumprimento da obriga de destino referida, que se producirá, en todo caso, co alleamento ou gravame dos bens, será causa de reintegro, nos termos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, quedando os bens afectos ao pagamento do reintegro calquera que sexa o seu posuidor.

Artigo 14. Concorrencia de axudas e subvencións públicas.

1. O importe da subvención non poderá ser, en ningún caso, de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo elixible da actividade que vaia desenvolver o beneficiario.

2. As axudas que se concedan poden acumularse con outras axudas compatibles sempre que se respecten as intensidades de axuda máxima indicadas nas directrices ou nos regulamentos de exención por categorías aplicables.

3. Estas axudas son acumulables con outras procedentes do Feder, con excepción daquelas financiadas con cargo ao P.O. Galicia 2007-2013. Estas axudas non poderán acumularse con outras axudas procedentes doutros fondos ou instrumentos financeiros comunitarios, con excepción dos supostos previstos no artigo 34 do Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo de 2006.

Artigo 15. Incumprimentos.

No caso de incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en todo caso, nos supostos establecidos no artigo 33 da devandita lei, o concello comprométese a reintegrar as cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora que deba aquel, segundo o procedemento establecido no artigo 38 da mesma norma legal.

Artigo 16. Publicidade das subvencións concedidas.

As persoas beneficiarias e os importes das axudas concedidas serán publicados no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web oficial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza nos termos previstos no artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega; do mesmo xeito integraranse, na forma que se estableza regulamentariamente, no Rexistro Público de Subvencións, que será de acceso público.

O incumprimento da obriga do concello beneficiario da subvención de dar a axeitada publicidade do cofinanciamento das actuacións, en especial, do previsto no artigo 10 desta orde, e de acordo co previsto no artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en relación co artigo 33.d) da citada norma, será causa de reintegro por parte do concello das cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora que deba aquel, segundo o procedemento establecido no artigo 38 da mesma norma legal.

Disposición derradeira primeira.

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda.

En todo o non previsto nesta orde rexerá a normativa xeral en materia de subvencións contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ademais do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

É de aplicación a este réxime de axudas o Regulamento (CE) n.º 1080/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xullo de 2006, relativo ao Feder, e o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo de 2006, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Feder, ao FSE e ao Fondo de Cohesión. Así mesmo, é aplicable o Regulamento (CE) n.º 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, modificado polo Regulamento (CE) n.º 846/2009 da Comisión, do 1 de setembro de 2009, así como o previsto no marco temporal comunitario.

Disposición derradeira terceira.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2011.

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file