Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Xoves, 5 de xaneiro de 2012 Páx. 785

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 22 de decembro de 2011, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se fai público o esgotamento do crédito para as axudas periódicas de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero.

A Resolución do 14 de xaneiro de 2011, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se regulan as bases e se convocan axudas periódicas de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero, establece que se recoñecerán axudas até o esgotamento do crédito orzamentario, segundo o disposto no artigo 19.2.º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Na antedita convocatoria destas axudas, cuxa dotación orzamentaria se ampliou a través da Resolución do 30 de novembro de 2011, establécese que o crédito asignado para atender as solicitudes que se aproben, que se imputan á aplicación orzamentaria 04.40.313D.480.0, ascende a 1.270.000,00 euros para o exercicio 2011 e que se reservan 1.120.000,00 euros do ano 2012 para o financiamento das axudas que, pola súa duración, xeren dereitos económicos das beneficiarias durante o exercicio seguinte.

Unha vez resoltas as solicitudes presentadas ao abeiro da Resolución do 14 de xaneiro de 2011 ata o citado importe, constátase que o 16 de decembro de 2011 se esgotou o orzamento dispoñible para a concesión destas axudas.

En virtude do exposto anteriormente, e no uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo único.

Dáse a coñecer o esgotamento, o 16 de decembro de 2011, do crédito dispoñible para as axudas convocadas pola Resolución do 14 de xaneiro de 2011, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se regulan as bases e se convocan axudas periódicas de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2011.

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade