Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Xoves, 5 de xaneiro de 2012 Páx. 786

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 23 de decembro de 2011 sobre aprobación definitiva da modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Pino, no lugar do Pedrouzo.

O Concello do Pino solicita a aprobación definitiva da modificación puntual referida en virtude do artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

1. O Concello do Pino conta con Plan Xeral de Ordenación Municipal, aprobado definitivamente o 30.6.2003 ao abeiro da disposición transitoria terceira da LOUG.

2. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible decidiu o 1.10.2008 non someter esta proposta de modificación a avaliación ambiental estratéxica.

3. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu Informe previo á aprobación inicial da modificación en data 16.4.2009, ao abeiro do artigo 85.1 da LOUG.

4. Constan informes do arquitecto e o da secretaria municipais, de data 25.6.2010.

5. O Concello Pleno aprobou inicialmente a modificación puntual en sesión do 30.6.2010. Sometida a información pública polo prazo dun mes (Diario Oficial de Galicia, El Correo Gallego e La Voz de Galicia do 29.7.2010) non foron presentadas alegacións dentro de prazo, segundo o certificado da secretaría municipal.

6. Déuselle audiencia aos concellos limítrofes de Arzúa, Boimorto, Frades, Oroso, Santiago de Compostela, Boqueixón e Touro.

7. Constan as solicitudes de informe á Demarcación de Estradas do Estado en Galicia (Ministerio de Fomento) do 30.7.2010; e á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 20.7.2010. Con data 18.1.2011, a secretaria municipal certifica que non foron recibidos estes dous informes.

8. Consta un informe favorable de Augas de Galicia (Subdirección Xeral de Xestión do Dominio Público Hidráulico) emitido o 14.9.2010.

9. O proxecto foi aprobado provisionalmente polo Pleno municipal do 25.11.2010.

10. O concello remitiu o documento mediante escrito do 2.12.2010. O Servizo de Urbanismo da Coruña desta consellería fixo requirimento de integridade documental o 23.12.2010. O concello formalizouno parcialmente en data 21.1.2011.

11. Con data 4.2.2011 o Concello do Pino envía informe da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia (Ministerio de Fomento) con data 19.1.2011, desfavorable.

12. Con data 14.6.2011 o Concello do Pino achega informes favorables da Demarcación de estradas do Estado en Galicia (Ministerio de Fomento) con data 9.6.2011; e da Dirección Xeral de Patrimonio (Consellería de Cultura e Turismo) con data 30.5.2011.

13. O concello remitiu, mediante oficio do 29.11.2011, proxecto de modificación datado en setembro de 2011 con dilixencia da súa aprobación provisional polo Concello Pleno en sesión do 25.11.2011 tras os previos informes do arquitecto redactor do proxecto sobre a adecuación deste aos informes autonómicos solicitados, e do arquitecto municipal sobre a suficiencia das infraestruturas e dos servizos.

14. A Comisión Superior de Urbanismo, na súa sesión do 21 de decembro de 2011, informou favorablemente a proposta de modificación canto á reclasificación de solo rústico en urbanizable dos 12.612 m2 de zona verde (artigo 95.2 da LOUG) e á recualificación de zona verde dunha superficie de 1.249 m2 a equipamento (artigo 94.4 da LOUG).

II. Obxecto e descrición da modificación proposta.

A modificación proxectada ten por obxecto o cambio da clasificación dun ámbito de solo urbano con ordenanza de vivenda unifamiliar intensiva a solo urbanizable residencial, con ordenanza de bloque aberto de alturas B+1 e B+2, para desenvolverse como preferente ao abeiro do artigo 57.2 da LOUG, sen precisión de planeamento posterior.

Así mesmo, reclasifícase a maioría dos terreos do sistema xeral de zonas verdes V-9, de solo rústico a solo urbanizable, manténdose como sistema xeral de zonas verdes agás nunha parte que se cualifica como equipamento.

A inclusión do resto dos terreos do sistema xeral de zonas verdes V-9 que se mantén como solo rústico pasa a ter a categoría de rústico de protección de augas (3.977 m2).

A prolongación das vías paralelas á estrada N-547 prevista no plan xeral permite a súa conexión con esta estrada estatal no seu extremo norte.

Na zona da praia fluvial do río Tambre conséguese o incremento da superficie de sistema xeral de zonas verdes V-1.

III. Análise e consideracións.

Logo de analizar a documentación e expediente, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

1. Razóns de interese público (artigo 94.1 da LOUG).

O informe autonómico previo á aprobación inicial (artigo 85.1 da LOUG) emitido con data 16.4.2009 considera que o proxecto contén xustificación das razóns de interese público que motivan a oportunidade da modificación.

2. A edificabilidade pasa de 5.907 m2 a 9.660 m2. Ese incremento de 3.753 m2 compénsase coa obtención de novas zonas verdes e equipamentos (artigo 94.3 da LOUG).

3. O cambio de clasificación de solo rústico en urbanizable, admisible cando se xustifique a perda das razóns determinantes da súa inclusión no solo rústico (artigo 95.2 da LOUG) e a recualificación de zona verde a equipamento, acadaron o informe previo favorable da Comisión Superior de Urbanismo do 21.12.2011.

4. O contido e determinacións da modificación puntual son os establecidos nos artigos 64 e 65 da LOUG, e artigo 58 e seguintes do Regulamento de planeamento urbanístico, de conformidade co exixido no artigo 57.2 da LOUG.

Ao abeiro do establecido nos artigos 89, 93, 94 e 95 da LOUG, e no artigo 3 do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal e as súas modificacións, correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

IV. Resolución.

Visto canto antecede, de acordo co punto 7.a do artigo 85 da LOUG,

RESOLVO:

1.º Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual do PXOM do Concello do Pino (A Coruña) no lugar do Pedrouzo.

2.º De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do plan xeral aprobado definitivamente.

3.º Notifíquese esta orde ao concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2011.

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas