Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Luns, 26 de decembro de 2011 Páx. 38067

III. Outras disposicións

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 16 de decembro de 2011 pola que se convocan axudas para a realización de actividades de formación de adultos durante o ano 2012.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece a competencia plena para o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias e sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolven.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece no seu artigo 66.1 que a educación de persoas adultas ten a finalidade de ofrecer a todos os maiores de 18 anos a posibilidade de adquirir, actualizar, completar ou ampliar os seus coñecementos e aptitudes para o seu desenvolvemento persoal e profesional. Así mesmo, no seu artigo 66.2, establece que as administracións públicas poderán colaborar con outras administracións públicas con competencias na formación de adultos e, en especial, coas corporacións locais e os diversos axentes sociais.

A Lei 9/1992, do 24 de xullo, de educación e promoción de adultos, establece no seu artigo 5, entre outras actuacións e programas de acción, a de promover a colaboración das institucións culturais, profesionais, sindicais, empresariais e universitarias.

O Decreto 88/1999, do 11 de marzo, polo que se regula a ordenación xeral das ensinanzas de educación de persoas adultas e os requisitos mínimos dos centros, establece así mesmo que a Administración educativa promoverá a colaboración das referidas institucións co fin de potenciar aquelas accións conducentes a un mellor desenvolvemento persoal e profesional das persoas adultas e moi especialmente das máis desfavorecidas ou carentes de titulación básica, sobre todo daquelas que por razóns de traballo ou de residencia non poden continuar nos centros ordinarios.

O obxecto desta convocatoria é aprobar as bases e abrir o prazo de solicitudes para que as entidades da Administración local e as institucións privadas sen ánimo de lucro poidan presentar os seus proxectos para realizar actividades dirixidas á alfabetización en galego e castelán de inmigrantes e á obtención do título de graduado en educación secundaria.

Estas actividades terán como obxectivo elevar o nivel de formación básica e cualificación profesional da poboación adulta, e fomentar, pola súa vez, a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, a participación democrática, a solidariedade e a tolerancia, así como a educación para a saúde e o respecto cara ao ambiente.

Por todo isto, de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, polo Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan as especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, polos preceptos da lexislación estatal en materia de subvencións que teñan o carácter de básicos e pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e polas demais normas que sexan de aplicación, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro. Obxecto e ámbito de aplicación.

1. Esta orde ten por obxecto establecer a convocatoria de subvencións para a realización durante o ano 2012 de actividades de educación de persoas adultas, dirixidas a corporacións locais e ás institucións privadas sen ánimo de lucro legalmente constituídas, radicadas na Comunidade Autónoma de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva.

2. As actividades para as cales se poderá solicitar unha axuda son aquelas que teñen como obxectivo a preparación do alumnado maior de dezaoito anos para que poida obter o título de graduado en educación secundaria mediante a presentación ás probas extraordinarias que convoca anualmente a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa nos meses de xuño e setembro, ou mediante a matriculación do alumnado na modalidade a distancia da educación secundaria de persoas adultas. Tamén se poderá solicitar a subvención para realizar actividades que teñan como obxectivo a alfabetización de inmigrantes en lingua galega e castelá.

3. A actividade obxecto da subvención terá que realizarse ao longo do ano 2012 e finalizar antes do 1 de outubro dese ano. A duración da actividade, en ningún caso, debe ser inferior a seis meses e nela desenvolverase un mínimo de 240 horas lectivas (é dicir, horas de presenza da persoa docente ante o conxunto do alumnado); ademais, o organizador pode establecer as horas para titorías que considere conveniente.

4. Entenderase por actividade o conxunto de accións lectivas baixo un mesmo proxecto para un grupo de 20 alumnos como mínimo e 35 alumnos como máximo, e que teñan 18 ou máis anos. Cando o número de alumnos/as para o mesmo proxecto estea comprendido entre 40 e 70, deberán presentarse dúas solicitudes para dúas actividades diferentes, cada unha coa súa correspondente solicitude e documentación completa.

5. Para a concesión da axuda, será requisito indispensable contar no momento do inicio das actividades co número de alumnos que se indica no punto anterior. Non obstante, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa poderá autorizar que o número mínimo de alumnos no inicio da actividade non sexa inferior a 15, naqueles concellos cuxa poboación, segundo o último censo publicado polo Instituto Galego de Estatística, non supere os 5.000 habitantes empadroados e non teñan oferta educativa dirixida ás persoas adultas.

Se durante o desenvolvemento da actividade o número do alumnado asistente ás clases baixa ata menos do 40% da matrícula inicial, a entidade organizadora dará conta de modo inmediato á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa e, se esta situación se prolonga por máis de 30 días naturais, a dirección xeral decidirá sobre se a dita actividade pode continuar coa tramitación da súa solicitude ou, no caso de que xa tiver concedida unha subvención, se procede declarala, para efectos administrativos, como rematada. No momento da liquidación da cantidade que lle poida corresponder, o cálculo realizarase ata o día en que se produciu a citada baixa da matrícula.

Segundo. Beneficiarios.

1. Poderán acceder á condición de beneficiarios as corporacións locais que cumprisen a obriga de remitir ao Consello de Contas as contas xerais de 2010 e as institucións privadas sen ánimo de lucro legalmente constituídas da Comunidade Autónoma de Galicia que non incorran nalgún dos supostos previstos nos números 2 e 3, do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e sempre que os proxectos para os cales solicitan a subvención se vaian desenvolver na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Para ser beneficiarias destas subvencións deberán realizar accións formativas destinadas a preparar as persoas para a obtención do título de graduado en ESO para adultos, ou actividades de alfabetización cuxo fin sexa favorecer os seguintes grupos dentro do colectivo de inmigrantes:

a) Persoas adultas sen titulación básica ou con baixos niveis de cualificación profesional.

b) Mulleres pertencentes a grupos sociais desfavorecidos con necesidades de formación básica e profesional.

c) Aquelas persoas que, en función das súas circunstancias, estean en risco de exclusión social.

Terceiro. Contía e financiamento.

1. O importe total das axudas económicas efectuarase con cargo aos conceptos orzamentarios 09.04.422H.460.0 e 09.04.422H.481.0 da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, ata un total de 250.500,00 €, desagregado da seguinte forma: 200.000,00 € na aplicación 09.04.422H.460.0 e 50.500,00 € na aplicación 09.04.422H.481.0. O gasto que se proxecta está condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos do exercicio do ano 2012, en trámite parlamentario.

Esta orde tramítase ao abeiro da Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto.

2. A contía máxima da axuda por actividade non poderá ser maior de 6.000 euros e en ningún caso se concederá subvención para máis de dúas actividades a unha mesma entidade solicitante.

3. A contía determinarase en función dos proxectos presentados e dos criterios de valoración establecidos, así como da súa adecuación aos obxectivos desta orde.

4. O importe das axudas concedidas en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

Cuarto. Solicitudes, documentación, requisitos e prazo de presentación.

1. As solicitudes serán presentadas polo titular ou representante legal da entidade solicitante no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, edificio administrativo de San Caetano, s/n, ou nos lugares que determina o artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Se optan por presentar a solicitude nunha oficina de Correos, farano en sobre aberto para que a instancia sexa datada e selada polo funcionario de Correos antes de ser certificada. Cada actividade que organice o solicitante dará lugar á remisión separada de dúas solicitudes coa súa documentación completa que serán tramitadas como solicitudes independentes.

Así mesmo, poderán presentarse na sede electrónica da Xunta de Galicia no seguinte enderezo: https://sede.xunta.es

De conformidade co artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión de subvención polo interesado comportará a autorización á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para recadar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, se for necesario; igualmente levará implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos básicos dos beneficiarios e da súa publicación na páxina web da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, así como para figurar no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios. Este rexistro será de acceso público por procedementos informáticos nos termos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na Lei orgánica 15/1999, do 17 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

2. Xunto coa solicitude, debidamente asinada e selada, e de acordo co modelo establecido no anexo I e II, xuntarase a documentación que se indica a continuación:

a) Declaración responsable, detallada, de calquera solicitude de axuda ou subvención, presentada ou concedida, para este mesmo proxecto por calquera entidade ou organismo público ou privado, nacional ou internacional.

b) Declaración responsable de que o solicitante non incorre nos supostos previstos nos números 2 e 3, do artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

c) Certificación bancaria da conta corrente a nome da entidade local ou da institución privada solicitante, na cal desexe que se lle ingrese o importe da subvención. Non será necesario enviala se se mantén o mesmo número de conta corrente de convocatorias anteriores.

d) Un proxecto, por duplicado, para cada actividade en que, ademais do contido educativo previsto no artigo sete, deberá incluirse a seguinte información:

d.1) Denominación do proxecto e poboación a que vai dirixido, con matización da súa situación socioeconómica e educativa.

d.2) Descrición do proxecto que se vai desenvolver: filosofía xeral; en que medida contribúe ao desenvolvemento das competencias básicas, obxectivos, contidos, metodoloxía, actividades individuais e grupais, criterios de avaliación e conclusións obtidas da avaliación inicial.

d.3) Calendario da realización da actividade. Data de incio e remate. Días que, con motivo de vacacións, festas, etc., non sexan lectivos. Número de horas lectivas totais. Para tal efecto enviarase un calendario en que se sinalen os días lectivos e os que non o son. Establecerase unha distinción neta entre as horas lectivas e as horas de titorías. Calquera outro período de tempo que non sexa o dedicado ás clases lectivas ou ás titorías non se deberá incluír na programación porque non forma parte da actividade.

d.4) Sede do centro ou local en que se vai desenvolver a actividade con indicación do seu enderezo completo e dun número de teléfono de contacto.

d.5) Nome e apelidos e número de DNI dos docentes, que deberán posuír a titulación requirida pola normativa vixente para impartir as ensinanzas correspondentes.

d.6) Listaxe de alumnos/as por actividade, incluíndo os seguintes datos: número de DNI, NIE ou pasaporte, data de nacemento e estudos realizados.

e) As entidades locais deberán achegar un certificado do/a secretario/a da entidade acreditativo da presentación das contas do exercicio de 2010 no Consello de Contas de Galicia.

Os datos que figuran na solicitude, nos documentos e informacións que se acheguen, serán tidos en conta para a avaliación das peticións que se efectuará conforme os criterios establecidos no artigo sétimo desta orde. Non deberán remitirse fotocopias dos documentos persoais de identidade do alumnado, nin máis datos de carácter persoal que os exixidos nesta convocatoria. Non obstante, esa documentación figurará na aula para efectos da súa comprobación pola Inspección educativa.

Sen prexuízo do anterior, para a aceptación das solicitudes é requisito imprescindible, se a corporación local ou a institución desfrutou de axuda económica no exercicio anterior, que presentase, correctamente, a correspondente xustificación económica ante a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa salvo que renunciase á subvención con data límite do último día do prazo establecido para presentar a xustificación completa.

3. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo cardinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Quinto. Instrución e tramitación do procedemento.

1. Será competente para instruír o procedemento, así como para formular a correspondente proposta de resolución definitiva, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Os expedientes serán tramitados pola Subdirección Xeral de Aprendizaxe Permanente e Ensinanzas de Réxime Especial.

A unidade encargada da xestión dos expedientes comprobará que as solicitudes cumpren co establecido nesta orde e, se é o caso, requirirá os interesados para que, no prazo de dez días, emenden as faltas ou acheguen os documentos preceptivos con indicación de que, se non o fan así, se lles terá por desistidos da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Os expedientes, unha vez revisados e, se é o caso, completados, remitiranse ao consello asesor establecido no punto sexto desta orde, que terá a función de valorar e propoñer a concesión ou denegación das subvencións, seguindo os criterios obxectivos recollidos no artigo 7 desta orde.

A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, unha vez finalizada a valoración das solicitudes e feita a proposta provisional de concesión polo consello asesor, procederá a expoñer na páxina web www.edu.xunta.es/ a dita proposta, que incluirá a cantidade asignada a cada concello ou institución por actividade e concederalles o prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da publicación, para que formulen alegacións e presenten os documentos e xustificantes que consideren pertinentes.

3. Estudadas e valoradas as alegacións presentadas, o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa elevará a proposta de resolución definitiva ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, coa indicación da concesión ou da denegación das axudas solicitadas, e, de ser o caso, a exclusión daquelas entidades solicitantes que non reúnan algún dos requisitos da convocatoria.

De conformidade co artigo 13.4.º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Sexto. Consello asesor.

1. Baixo a presidencia do titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, ou persoa en quen delegue, constituirase un consello asesor encargado de valorar as solicitudes presentadas.

O dito consello estará integrado por:

– O subdirector xeral de Aprendizaxe Permanente e Ensinanzas de Réxime Especial.

– O xefe do Servizo de Xestión Económica e Educación de Adultos.

– Catro inspectores/as correspondentes aos servizos provinciais da Inspección Educativa.

– Dous funcionarios da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, un deles actuará como secretario con voz e sen voto.

2. O titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa poderá dispoñer a constitución dunha subcomisión técnica especializada só para os efectos de colaborar na valoración dos proxectos presentados.

3. Este consello estará incluído na categoría que corresponda para os efectos do previsto no Decreto 144/2008, do 26 de xuño –que modifica o Decreto 144/2001, do 7 de xuño–, concretado na Resolución do 20 de xuño de 2008 pola que se lle dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 19 de xuño de 2008, respecto da actualización do previsto no anexo IV do citado Decreto 144/2001.

Sétimo. Criterios de valoración.

O punto de partida da valoración dos proxectos é a avaliación inicial do alumnado que realicen os solicitantes porque esa información é a que establece o diagnóstico da situación social e educativa dos discentes. Isto constitúe o referente para a elección de contidos e obxectivos, actividades, metodoloxía e métodos de avaliación. Por esta razón, non poderán existir proxectos substancialmente idénticos dun mesmo solicitante.

1. Para a baremación e ordenación prioritaria dos proxectos de cada unha das actividades, teranse en conta os seguintes criterios que deberán ser coherentes coa avaliación inicial realizada ao alumnado:

a) Formulación detallada dos obxectivos e contidos, tendo en conta a Orde do 24 de xuño de 2008 (DOG do 23 de xullo), pola que se regula a educación básica para as persoas adultas, e o colectivo a que se dirixe: ata 30 puntos. Valorarase o grao de detalle e adecuación ao currículo citado e ás circunstancias dese colectivo.

b) Proposta detallada das actividades que se van realizar e temporalización destas: ata 40 puntos. Valorarase a coherencia das actividades cos obxectivos e contidos propostos.

c) Proposta metodolóxica e de criterios de avaliación: ata 30 puntos. Valorarase a coherencia deste punto cos obxectivos, contidos e actividades propostas nos anteriores.

d) Aqueles solicitantes que matriculen o seu alumnado nun centro público da Consellería de Educación que preste formación semipresencial, deberán sinalar que parte do seu proxecto vén determinada polo centro de referencia e cal é, dentro dese marco, o seu proxecto educativo aplicando os criterios sinalados anteriormente.

2. Tendo en conta que cada proxecto é unha actividade, aos proxectos que acaden unha puntuación de 85 ou máis puntos, concederáselles unha axuda de 6.000 €. Aos que acaden unha puntuación comprendida entre 70 e 84 puntos, 4.500 €. Os que acaden unha puntuación comprendida entre 50 e 69 puntos, 3.500 €.

Aqueles proxectos que non acaden unha puntuación mínima de 50 puntos quedan excluídos.

3. En función das puntuacións asignadas e dos importes correspondentes, o consello elaborará dúas listas priorizadas, unha para as corporacións locais e outra para as asociacións sen ánimo de lucro. Dadas as limitacións orzamentarias establecidas na orde, poden quedar sen subvención entidades que acadasen máis da puntuación mínima.

4. Unha vez concluído o trámite e confeccionada a relación definitiva, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesidonal e Innovación Educativa elaborará a proposta de adxudicación definitiva das subvencións e elevaraa á persoa titular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá o que proceda.

Oitavo. Resolución do procedemento.

1. Será competente para ditar a resolución que proceda o titular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. O prazo para ditar e notificar a resolución será de seis meses a partir do día seguinte ao da finalización do prazo de solicitude.

2. Contra esta resolución, que se notificará a través da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web www.edu.xunta.es, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben, directamente, o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3. As solicitudes entenderanse denegadas de non ditarse resolución expresa no prazo de seis meses contados desde a publicación da presente orde.

Noveno. Modificación da resolución de concesión das entidades locais.

De acordo co previsto no artigo 7 do Decreto 193/2011, a beneficiaria dunha subvención poderá solicitar a modificación do seu proxecto educativo sempre que se cumpran as seguintes condicións:

1. A solicitude deberá presentarse cunha antelación mínima dun mes á data de remate do prazo de realización da actividade.

2. Non pode afectar as obrigas establecidas nesta orde, os criterios de valoración tidos en conta no momento de concederlle a subvención ou supoñer unha minoración das obrigas asumidas no seu proxecto.

3. Non se concederá se concorren requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela, ou tendo a beneficiaria coñecemento anticipado desas circunstancias que, de coñecelas, influirían na aceptación ou na valoración da súa solicitude, non as comunicara inmediatamente.

4. Xunto coa solicitude deberá presentar:

a) Unha memoria xustificativa na cal se fará constar, de xeito razoado e, cando sexa posible, documentalmente, que non se desvirtúa o proxecto subvencionado, que non suporá unha actividade deficiente e que se cumpre co obxectivo da resolución da concesión.

b) Orzamento ou proxecto modificado.

c) Relación e identificación concreta dos cambios introducidos en cadro comparativo.

5. O prazo para resolver e notificar a resolución sobre a solicitude será de quince días hábiles desde a entrada da documentación completa na Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Será competente para resolvela a persoa titular da consellería convocante e contra esa resolución, definitiva en trámite administrativo, non caberá presentar ningún recurso.

De producirse silencio administrativo terá, neste caso, carácter negativo.

Décimo. Pago da subvención.

1. As subvencións concedidas irán destinadas a sufragar, exclusivamente, os gastos de persoal docente.

2. As axudas aboaranse unha vez rematada a actividade e logo da presentación da memoria de actividades, segundo o preceptuado no punto décimo primeiro desta orde, e da xustificación económica, de acordo co establecido no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, achegando a documentación seguinte:

a) Certificación ou declaración responsable redactada segundo o previsto no artigo 71 bis da Lei 30/1992, do 26 de novembro, conforme perciben ou non outras axudas e subvencións para a finalidade subvencionada.

b) Declaración responsable, redactada nas mesmas condicións que a anterior, acreditativa de que se cumpriron as actividades e se realizaron os investimentos para os cales se concedeu a axuda.

c) Para xustificar os gastos de docencia deberán enviarse copias compulsadas dos contratos visados pola oficina de emprego correspondentes ao persoal laboral contratado para impartir as actividades. Ao dito contrato xuntaranse as copias compulsadas das nóminas e dos TC da seguridade social facendo unha relación destas nas cales figuren os seguintes datos: mes, importe líquido da nómina, IRPF, importe da Seguridade Social con cargo ao traballador e con cargo á empresa, e importe total. Tamén se incluirán os xustificantes de pagamento das nóminas e dos TC. Para poder cumprir as exixencias da Seguridade Social, o TC de setembro terá como data límite de xustificación o 15 de novembro.

As entidades locais estarán exentas de presentar a documentación sinalada neste número 2 salvo que na tramitación do expediente xurdan dúbidas que aconsellen solicitala.

3. As corporacións locais deberán, de acordo co previsto nos artigos 8 e 10 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, xustificar os seus gastos mediante a presentación dunha conta xustificativa integrada polos seguintes documentos:

a) Unha certificación expedida pola secretaría da entidade local, co visto e prace do/a alcalde/sa ou presidente/a, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención en que se faga constar, de forma detallada:

1.º O cumprimento da finalidade da subvención.

2.º Unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen, se é o caso, a actividade subvencionada con indicación do importe e a súa procedencia.

3.º Unha certificación da intervención, ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control, na cal se faga constar a toma de razón en contabilidade, así como do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida a axuda e da aplicación dos fondos destinados para tal efecto. Incluirase tamén unha táboa na que se relacionen mes por mes o salario neto da persoa docente, o IRPF, o custo da Seguridade Social con cargo ao traballador e o custo da Seguridade Social con cargo á empresa. Tamén se fará mención expresa de se os gastos docentes son imputables, na súa totalidade ou nunha cantidade determinada, á actividade que se está xustificando.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión ou á extinción do dereito a percibir a subvención. Esta norma afecta por igual as entidades sen ánimo de lucro como os concellos.

Décimo primeiro. Obrigas dos beneficiarios.

As entidades que obteñan axudas no marco da presente convocatoria están obrigadas a:

a) Facer publicidade da actividade, unha vez que teñan coñecemento de que se lle concedeu a subvención por resolución definitiva, mediante carteis, bandos e anuncios en medios de comunicación ou publicación na súa páxina web. Para xustificar este requisito deberán remitir capturas de pantalla da páxina web do concello ou entidade sen ánimo de lucro, en que se recollan a epígrafe da actividade subvencionada e o logo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ou fotografías de carteis expostos nos lugares onde se realicen as actividades coas mesmas condicións indicadas anteriormente, ou ben, copias dos anuncios en medios de comunicación públicos nos cales se faga a indicación de «Cofinanciado pola Xunta de Galicia, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria». E remitirán esta documentación xuntamente coa memoria da actividade.

b) Gratuidade das actividades.

c) Xestión directa do proxecto subvencionado; non se admitirá a cesión ou subcontratación para o seu desenvolvemento porque a natureza destes proxectos e a experiencia na súa xestión así o aconsella.

d) Iniciar as actividades de acordo coa temporalización establecida independentemente da data de concesión da axuda.

e) Contratar o profesorado para impartir as ensinanzas obxecto da subvención. Non se admite que unha parte ou o total da actividade sexa desempeñada por profesores voluntarios. O contrato debe estar visado pola oficina pública de emprego. O profesorado contratado terá a titulación requirida pola normativa vixente para impartir as ensinanzas correspondentes. Se o docente é un contratado laboral, no seu contrato deberá figurar que todas ou parte das funcións sinaladas nel, están dirixidas á formación de adultos, e que cantidade percibirá por ese labor. No suposto de que a docencia a desenvolva un funcionario, o concello deberá certificar se lle dedica a xornada completa ou unha parte e, nese caso, que porcentaxe sobre o número de horas que o funcionario está obrigado a cumprir e o importe que se lle pague pola función docente.

f) Cumprir o establecido na presente orde e a normativa laboral que lle sexa de aplicación.

g) Establecer un rexistro de solicitudes do alumnado que quere facer o curso.

h) Establecer un rexistro de asistencia.

i) Comunicar o número real de participantes e as baixas e as altas que se produzan, no prazo máximo dunha semana desde que se realicen, tendo en conta o previsto no artigo 1.

j) Realizar unha ficha de avaliación inicial de cada alumno para adecuar os contidos ao seu nivel de coñecementos.

k) Abrir un rexistro de avaliación de cada alumno, conservando as probas escritas e os traballos realizados.

l) Comunicar ao interesado os resultados das avaliacións realizadas mediante un boletín de cualificacións.

m) Facilitar a programación de aula do profesor e criterios de avaliación empregados.

n) Facilitar canta información demande a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

o) Facilitar toda a información que sexa requirida pola Intervención General de la Comunidad Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

p) O incumprimento inxustificado destas obrigas poderá ter como consecuencia a perda do dereito á subvención. Cando sexa necesario determinar con exactitude o incumprimento, abrirase un expediente previo no cal se detallará o seu alcance e a súa valoración e daráselle audiencia ao interesado. Posteriormente, a resolución da persoa titular da Consellería de Educación y Ordenación Universitaria resolverá o procedemento.

q) Para o alumnado matriculado en centros da Consellería de Educación na modalidade a distancia, o boletín de cualificacións será o que proporcione o centro de referencia.

Décimo segundo. Prazo e forma de xustificación.

1. As entidades subvencionadas quedan obrigadas a presentar, con data límite do 10 de outubro de 2012 unha memoria detallada do desenvolvemento da actividade. O contido da memoria terá que ser coherente co proxecto presentado, salvo as modificacións que for necesario introducir e que terán que estar comunicadas segundo o previsto nesta convocatoria. En calquera caso, eses cambios estarán reflectidos na memoria xunto coa xustificación da súa necesidade. De non facelo así se aplicará o previsto na alínea p) do artigo anterior.

2. Para a elaboración da memoria seguirase o seguinte guión:

a) Actividade desenvolvida:

– N.º de alumnos iniciais.

– N.º de alumnos incorporados con posterioridade.

– N.º de alumnos que abandonaron a actividade.

– N.º de alumnos propostos para probas de graduado en educación secundaria.

– Relación de alumnos que obtiveron o título.

– No suposto de actividades de alfabetización, número de persoas que superaron os obxectivos propostos.

– Relación de alumnos que participaron na actividade con indicación do nome, apelidos y número de DNI, NIE ou pasaporte.

– Relación de profesores participantes na actividade, con indicación do seu DNI.

b) Poboación á cal se dirixiu a actividade, con matización da situación económica e educativa.

c) Descrición do desenvolvemento da actividade facendo fincapé nos obxectivos propostos e nos obxectivos acadados.

d) Temporalización (datas concretas de inicio e remate, horario semanal, duración total en horas da actividade).

e) Incidencias na planificación inicial xurdidas durante o seu desenvolvemento.

f) Resultados da avaliación.

3. A presentación fóra de prazo da memoria e/ou da documentación xustificativa así como o incumprimento das obrigas establecidas nesta convocatoria e que supoñan un quebrantamento das condicións inescusables previstas nesta orde para ter dereito á subvención dará lugar a unha resolución pola cal se declare a extinción do dereito a percibir á dita subvención.

Décimo terceiro. Seguimento das actividades.

A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa realizará o seguimento dos proxectos subvencionados a través dos servizos provinciais da Inspección Educativa. Para facer ese seguimento, a Inspección Educativa realizará as visitas que coide necesarias (sendo preceptivo realizar dúas como mínimo). Nas visitas comprobarase que o desenvolvemento das actividades se axusta á programación subvencionada e ás normas establecidas na convocatoria. Unha vez finalizado o seguimento, elaborarase un informe que servirá para a posterior avaliación de todas e cada unha das actividades.

Décimo cuarto. Causas de reintegro.

Procederá o reintegro, total ou parcial, da subvención percibida e dos xuros de demora xerados desde o momento do seu pagamento nos casos a que fai referencia o artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. O procedemento de reintegro farase de acordo co artigo 37 e seguintes desa mesma lei.

Décimo quinto. Adopción de medidas e actos.

Facúltase expresamente a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar os actos e medidas necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Décimo sexto. Recursos.

Contra a presente orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Justicia de Galicia.

Décimo sétimo. Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2011.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file