Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Luns, 26 de decembro de 2011 Páx. 38059

III. Outras disposicións

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 16 de decembro de 2011 pola que se autoriza a posta en marcha, con carácter experimental, dun proxecto para a incorporación de alumnado con necesidades educativas especiais ás ensinanzas elementais de música no Conservatorio Profesional de Música da Coruña.

Desde a promulgación da Constitución española, as diferentes leis orgánicas que regularon e ordenaron a educación no noso país dedicaron especial interese á calidade do sistema educativo, fomentando a investigación e a innovación educativa, a experimentación e a eficacia dos centros escolares mediante o reforzo da súa autonomía.

O coñecemento dos sistemas educativos do ámbito europeo e as avaliacións internacionais realizadas indícannos con claridade que o nivel de autonomía dos centros escolares incide directamente na calidade educativa. Esa autonomía, prevista no ámbito da nosa comunidade autónoma no título terceiro do Decreto 223/2010, do 30 de decembro, polo que se establece o Regulamento orgánico dos conservatorios elementais e profesionais de música e de danza da Comunidade Autónoma de Galicia, permite aos centros levar a cabo proxectos educativos contextualizados que estimulen o traballo en equipo e o desenvolvemento das propias potencialidades dos centros.

Igualmente, a lexislación educativa veu facilitando e mellorando a integración social e laboral do alumnado con necesidades educativas especiais. Estas persoas teñen dereito a beneficiarse, na medida do posible, dos mesmos servizos educativos e formativos que o resto de cidadáns, entre eles e neste caso, as ensinanzas reguladas de música.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece, no capítulo VI do título primeiro, que as características e a organización das ensinanzas elementais de música e danza serán as que as administracións educativas determinen no ámbito das súas competencias. En virtude desta disposición, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publicou o Decreto 198/2007, do 27 de setembro, que establece o currículo das ensinanzas elementais de música e regula o acceso a elas.

O devandito decreto, na súa disposición adicional quinta, expón que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria adoptará as medidas oportunas para a adaptación do currículo ás particularidades do alumnado con necesidades educativas especiais. En todo caso, esas adaptacións deberán respectar no esencial os obxectivos fixados no dito decreto.

Considerando que as opcións sociolaborais do alumnado con necesidades educativas especiais dependen aínda máis de aprendizaxes previas, que se insiren tanto no sistema de ensinanzas de réxime xeral como no de réxime especial, e que ambos os dous poden ser compatibilizados ao coincidir as idades do alumnado, procede considerar, con carácter experimental, a posta en marcha dun proxecto de incorporación de alumnado con necesidades educativas especiais aos estudos elementais de música, que pretende facilitar as ensinanzas especializadas de música a todo aquel alumnado con necesidades educativas especiais capaz de seguilas, respectando os obxectivos básicos do currículo de grao elemental, e facilitando o seu acceso mediante unha adaptación dos procedementos de admisión.

É neste contexto no cal o Conservatorio Profesional de Música da Coruña, no que se imparten as ensinanzas elementais e profesionais de música, solicitou un proxecto experimental para adaptar a proba de aptitude e o currículo das ensinanzas elementais de música para alumnado con necesidades educativas especiais, que estea capacitado para acadar os obxectivos do grao elemental de música.

Tendo en conta o carácter innovador deste proxecto educativo, xa que supón un avance na igualdade de oportunidades, ao achegar as ensinanzas de música ao colectivo de alumnado con necesidades educativas especiais, procede autorizar a súa implantación.

En consecuencia, e de acordo co establecido na disposición derradeira primeira do Decreto 198/2007, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación.

O obxecto da presente orde é autorizar a realización dun proxecto, con carácter experimental, para a incorporación de alumnado con necesidades educativas especiais aos estudos elementais de música no Conservatorio Profesional de Música da Coruña, a partir do curso académico 2012-2013.

Este proxecto terá o carácter de innovación educativa para os efectos de recoñecemento do profesorado participante nel polo número de horas dedicadas a esta función, de acordo coa lexislación vixente.

Artigo 2. Marco legal.

A experiencia educativa que se autoriza estará encadrada dentro das ensinanzas dispostas no Decreto 198/2007, do 27 de setembro, polo que establece o currículo das ensinanzas elementais de música e regula o acceso a estas ensinanzas, e rexerase pola normativa vixente en referencia ás ditas ensinanzas, agás naquelas particularidades descritas na presente orde.

Artigo 3. Destinatarios.

O presente proxecto vai dirixido ao alumnado con necesidades educativas especiais, escolarizado en centros ordinarios ou de educación especial, co correspondente ditame de escolarización, que se considere apto para seguir as ensinanzas musicais de grao elemental. O alumnado deberá ter a autonomía suficiente para desenvolverse no centro sen a axuda do profesorado ou persoal non docente.

Artigo 4. Requisitos.

Para poder cursar as ensinanzas obxecto de regulación nesta orde será requisito indispensable que os/as aspirantes superen unha proba específica de acceso na cal se avaliarán as aptitudes musicais dos/as aspirantes para iniciar os seus estudos nas especialidades instrumentais.

Os requisitos para poder participar nas probas de acceso reguladas nesta orde son:

a) Realizar a preinscrición na mencionada proba nas datas que oportunamente determine o Conservatorio Profesional de Música da Coruña.

b) Achegar á preinscrición a documentación que avale as condicións de discapacidade do/a alumno/a, que incluirá, entre outros, o informe técnico psicopedagóxico segundo o modelo que figura no anexo desta orde.

O informe mencionado na letra b) realizarao o/a psicopedagogo/a do centro escolar onde se ache escolarizado o/a alumno/a, ou o equipo de orientación específico da Coruña. Nese informe quedarán reflectidas, entre outros aspectos, as competencias curriculares que presenta o/a alumno/a, así como as adaptacións curriculares e/ou de acceso que cómpre realizar.

Artigo 5. Reserva de prazas.

O número de postos escolares da oferta xeral que se reserva para o alumnado con necesidades educativas especiais que supere a proba será o estipulado polo Conservatorio Profesional de Música da Coruña en función da dispoñibilidade de recursos tanto materiais como humanos e non será menor do 3% do total das prazas ofertadas polo centro.

Artigo 6. Probas de acceso.

Dadas as características do alumnado con necesidades educativas especiais, só poderá inscribirse no proxecto alumnado con idades comprendidas entre os 12 e 18 anos, e a súa participación deberá ser autorizada polos seus pais, nais ou titores/as legais.

O procedemento de admisión será o establecido con carácter xeral para o resto do alumnado no artigo 7 do Decreto 198/2007, do 27 de setembro, e na normativa que o desenvolve. En calquera caso, a proba de aptitude para o acceso ao grao elemental de música adaptarase ás circunstancias persoais que concorran en cada alumno/a que desexe acceder a estes estudos por esta vía.

Realizarase por primeira vez a adaptación da proba de aptitude ao inicio do curso escolar 2012-2013. As especialidades instrumentais que se oferten serán de entre as que o centro teña autorizadas.

De acordo co establecido na disposición adicional oitava do Decreto 198/2007, do 27 de setembro, polo que se establece a ordenación do grao elemental das ensinanzas de réxime especial de música, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá autorizar ao Conservatorio Profesional de Música da Coruña a realización dun curso ou cursiño preparatorio, previo á proba de acceso e coa duración que se determine, que non terá carácter oficial para os efectos de selección, promoción, permanencia e avaliación do alumnado.

Artigo 7. Organización académica.

O alumnado matriculado a través da reserva de prazas regulada nesta orde disporá dunha sesión semanal de clase individual de instrumento. Ademais, poderán dispoñer dunha hora de clase colectiva co resto do alumnado matriculado na especialidade, sempre que a dispoñibilidade de profesorado, tempos e espazos do centro o permita.

A organización dos períodos lectivos para as materias de linguaxe musical e de educación auditiva e vocal para o alumnado matriculado a través deste proxecto será de dúas sesións semanais para a materia de linguaxe musical e dunha para a de educación auditiva e vocal.

A duración das devanditas sesións para o alumnado con necesidades educativas especiais será a que o equipo de profesores/as determine en función das competencias curriculares de cada alumno/a.

A relación numérica máxima entre o profesorado e o alumnado participante no proxecto que se autoriza será:

a) Nas clases de ensinanza non instrumental: 1/5.

b) Nas clases de ensinanza instrumental individual: 1/1.

Artigo 8. Adaptación curricular.

O alumnado con necesidades educativas especiais matriculado no grao elemental de música será obxecto dun seguimento específico por parte do equipo de profesores/as do centro, baixo a supervisión do/a coordinador/a do proxecto e co asesoramento do servizo de inspección correspondente e do equipo de orientación específico da Coruña, cuxo obxectivo será:

a) Determinar as necesidades que presenta cada alumno/a para seguir estas ensinanzas, e precisar as actuacións e adaptacións curriculares e/ou metodolóxicas que contribúan a un óptimo desenvolvemento do proceso de ensino-aprendizaxe.

b) Detectar as necesidades referidas tanto a recursos humanos como a materiais de apoio específico, con indicación, de ser o caso, de propostas específicas para a formación do profesorado do centro implicado directamente no proxecto coa colaboración do CFR correspondente.

c) Determinar as melloras que requira o proxecto para a súa aplicación en cursos sucesivos.

As adaptacións curriculares serán autorizadas polo departamento correspondente a cada unha das materias e recollidas na memoria final do dito departamento. Estas adaptacións deberán respectar no esencial os obxectivos fixados no Decreto 198/2007, do 27 de setembro.

O equipo de profesores/as implicados/as no proxecto elaborará ao final do curso unha memoria de avaliación dos aspectos curriculares e didácticos desenvolvidos no proxecto, que formará parte da programación xeral do centro.

Artigo 9. Avaliación.

No proceso de avaliación do alumnado participante neste proxecto, aplicaranse os criterios xerais sobre avaliación dispostos no Decreto 198/2007, do 27 de setembro, e na normativa que o desenvolve, coas adaptacións curriculares que se teñan disposto en cada caso.

No dito proceso de avaliación, ademais do/a xefe/a de estudos e o profesorado que lle imparta docencia ao/á alumno/a, tal e como está disposto no artigo 12 do Decreto 198/2007, do 27 de setembro, estará presente o/a profesor/a coordinador/a do proxecto.

Artigo 10. Permanencia e mobilidade.

Os límites de permanencia en cada curso e no conxunto do grao, no caso de alumnado participante no proxecto, serán de dous anos académicos para cada curso, e de seis anos académicos para o conxunto do grao.

Con carácter excepcional, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá autorizar a ampliación nun ano da permanencia do alumnado no dito proxecto, en supostos de doenza que perturbe substancialmente o desenvolvemento dos estudos ou noutros supostos que merezan igual consideración.

O alumnado matriculado ao abeiro do disposto na presente orde non poderá solicitar traslado de expediente a outros conservatorios que non teñan autorizada a impartición das ensinanzas recollidas no presente proxecto.

Artigo 11. Comisión de seguimento do proxecto.

A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, a través dunha comisión constituída para o efecto, velará polo desenvolvemento do proxecto, realizará o plan de seguimento, a detección de necesidades e de recursos educativos, e responsabilizarase da difusión do material elaborado, para a súa posible utilización noutros conservatorios.

Será competencia desta comisión a realización dunha memoria final en que se faga unha avaliación conxunta dos resultados e particularidades do desenvolvemento do proxecto, a avaliación e aprobación da proposta anual de prazas ofertadas por esta vía, e a emisión de informes relativos á procedencia da prorrogación do proxecto.

A dita comisión, de carácter interdisciplinar, será convocada polo/a seu/súa presidente/a, dúas veces por curso, unha ao seu inicio e outra ao seu remate, e estará integrada por:

a) A persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente/a.

b) Un/Unha representante da Inspección Educativa.

c) Un/Unha técnico do equipo de orientación específica da Coruña.

d) O/A director/a do Conservatorio Profesional de Música da Coruña.

e) O/A profesor/a coordinador/a do proxecto.

f) Un/Unha asesor/a técnico docente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que actuará como secretario/a.

A comisión poderá invitar, con voz pero sen voto, determinadas persoas expertas procedentes do claustro do Conservatorio Profesional de Música da Coruña cando así o requira o tema de traballo, así como especialistas en desenvolvemento infantil e intervención psicopedagóxica en alumnos/as con necesidades educativas especiais.

Artigo 12. Duración do proxecto.

O proxecto terá unha duración de dous anos, prorrogables en períodos de dous anos logo de informe favorable da comisión de seguimento emitido con base na súa adecuación ás condicións e obxectivos indicados na súa posta en marcha, e na permanencia das circunstancias que xustificaron a súa implantación.

Disposición derradeira primeira.

Autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para ditar cantas normas se consideren oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2011.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I
Informe psicopedagóxico

NOME

APELIDOS

IDADE

CENTRO/LOCALIDADE

CÓDIGO

PROFESIONAIS QUE INTERVEÑEN

1. DATOS RELEVANTES DO DESENVOLVEMENTO XERAL

1.1. EVOLUTIVO - SAÚDE. Datos relevantes que poidan incidir nas súas aprendizaxes musicais.

1.2. ESCOLAR. Valoración global do nivel de competencia curricular nas áreas instrumentais.

1.3. CAPACIDADES COGNITIVAS. Habilidades cognitivas, manipulativas, hábitos, ritmo de traballo, estratexias de comprensión, xeneralización de aprendizaxes.

1.4. OUTROS FACTORES.

2. PRINCIPAIS MEDIDAS ADOPTADAS PARA A SÚA ATENCIÓN EDUCATIVA

2.1. ADAPTACIÓN DO ACCESO AO CURRÍCULO. Materiais, recursos, organización de espazos, sistemas de comunicación, recursos persoais.

2.2. ADAPTACIÓNS CURRICULARES. Non significativas: metodolóxicas, avaliación; significativas: ACI.

3. OUTRA INFORMACIÓN DE INTERESE PARA O CONSERVATORIO

En ___________________, o ____ de ____________ de 20__.

O/A psicopedagogo/a