Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Luns, 19 de decembro de 2011 Páx. 37174

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 15 de decembro de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos investimentos no exterior destinadas á comercialización de produtos vitivinícolas, e se convocan para o exercicio orzamentario 2012.

O Regulamento (CE) n.º 479/2008 do Consello, do 29 de abril de 2008, relativo á organización común do mercado vitivinícola, establece medidas de apoio específicas ao sector, articulables a través de programas nacionais de apoio. Entre as medidas admisibles, figura a incentivación dos investimentos sectoriais con certas condicións, entre elas, que non figuren incluídas nas medidas dos programas de desenvolvemento rural aprobados ao amparo do Regulamento (CE) 1698/2005.

Por outra parte, o Ministerio de Medio Ambiente, e Medio Rural e Mariño elaborou un programa nacional de apoio ao sector vitivinícola, comunicado á Comisión Europea no ano 2008, e que recibiu a aprobación da Comisión Europea, que inclúe medidas de apoio aos investimentos.

Conforme isto, o 18 de novembro de 2011 publicouse o Real decreto 1547/2011, polo que se regula a medida de investimentos recollida no Programa de apoio ao sector vitivinícola, que establece a normativa básica de xestión das axudas citadas, e se atribúe ás comunidades autónomas a instrución, resolución e pagamento das axudas. Estas axudas non teñen a condición de axudas de Estado, xa que os fondos que financian esta medida proceden exclusivamente da Unión Europea.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 de Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas aos investimentos no exterior destinadas á comercialización de produtos vitivinícolas, e convocar as do ano 2012.

2. As axudas establecidas estarán financiadas con fondos da Unión Europea, procedentes do Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga), de conformidade co establecido no artigo 3 do Regulamento (CE) n.º 1290/2005 do Consello, do 21 de xuño de 2005, sobre o financiamento da política agrícola comunitaria.

3. A concesión destas axudas realizarase mediante concorrencia competitiva.

Sección 1.ª Bases reguladoras das axudas aos investimentos no exterior destinadas
á comercialización de produtos vitivinícolas

Artigo 2. Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas os solicitantes que, conforme o establecido no artigo 4 do Real decreto 1547/2011, teñan o seu domicilio fiscal en Galicia e que cumpran ademais todos os requisitos seguintes:

1. Que se trate dunha microempresa o unha pequena ou mediana empresa (peme), segundo se definen na Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas. Tamén serán admisibles as empresas que non sendo peme, teñan menos de 750 empregados ou cuxo volume de negocio sexa inferior a 200 millóns de euros.

2. Que produzan e/ou comercialicen os produtos que se describen no anexo XI ter do Regulamento (CE) n.º 1234/2007 do Consello, do 22 de outubro de 2007, e que estes fosen producidos en territorio español. Non obstante, cando se trate de empresas cuxa actividade sexa unicamente a comercialización, polo menos un 80 por cento da súa facturación deberá proceder da comercialización dos produtos do anexo XI ter do Regulamento n.º 1234/2007.

3. Que teñan actividade no momento de presentar a solicitude.

4. Que non se trate dunha empresa en dificultade, segundo se define nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise.

5. Que demostre suficiente capacidade e medios para asegurar a adecuada execución do investimento.

6. Que non incorran nalgunha das prohibicións sinaladas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Investimentos subvencionables.

1. Serán admisibles as operacións relativas aos investimentos materiais e inmateriais que se describen no anexo 1 desta orde.

2. Consideraranse como gastos subvencionables os recollidos no artigo 17 do Regulamento (CE) 555/2008 da Comisión, do 27 de xuño de 2008, tales como a construción, adquisición ou mellora de bens inmobles, a compra ou aluguer con opción a compra de nova maquinaria e equipamento, etc. Para estes efectos serán de aplicación os artigos 2 ao 10, ambos incluídos, do Real decreto 1852/2009, do 4 de decembro, polo que se establecen os criterios para subvencionar os gastos no marco dos programas de desenvolvemento rural cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no que sexan de aplicación.

Artigo 4. Contía das axudas.

As axudas establecidas nesta orde poderán acadar ata o 50% do investimento subvencionable cando o beneficiario sexa unha peme, e ata o 25% do investimento subvencionable no caso de empresas non peme con menos de 750 empregados ou cuxo volume de negocio sexa inferior a 200 millóns de euros.

Artigo 5. Solicitudes.

1. As solicitudes de axuda presentaranse no modelo que figura como anexo A desta orde. O lugar de presentación será prioritariamente no Rexistro Xeral do edificio administrativo de San Caetano en Santiago de Compostela ou nos rexistros dos órganos dependentes da Consellería do Medio Rural, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4.º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo a redacción da Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. Tamén poderán presentarse na sede electrónica conforme o disposto no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades de ela dependentes.

2. As solicitudes de axuda deberán vir acompañadas do proxecto de investimento, que deberá incluír como mínimo toda a información sinalada no anexo 3 desta orde.

Artigo 6. Proxectos de investimento.

1. Os proxectos de investimento estarán claramente definidos especificando as operacións e detallando os conceptos de gasto que compoñen cada operación e os custos estimados de cada unha delas, o seu calendario previsto de execución e o país en que se desenvolven. O seu nivel de desenvolvemento debe ser suficiente como para que poida avaliarse a súa conformidade coa normativa e a súa viabilidade técnica económica.

2. Os proxectos de investimento poderán executarse nun o dous períodos contados desde a data de solicitude ata o 1 de xullo do ano 2012 ou de 2013, segundo corresponda, sen posibilidade de prórroga. En ningún caso o remate do proxecto de investimento será posterior ao 1 de xullo de 2013.

3. Os proxectos de investimento presentados deberán, en todo caso, cumprir o disposto nesta orde e a normativa relativa aos investimentos, así como a demais lexislación aplicable, e deberán especificar en particular os medios propios e/ou externos con que se contará para o desenvolvemento do proxecto.

Artigo 7. Tramitación das solicitudes.

1. O órgano responsable da instrución dos expedientes destas axudas será a Dirección Xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais.

2. As solicitudes recibidas serán examinadas para comprobar que cumpren os requisitos establecidos para a concesión de axuda, e serán avaliadas conforme os criterios establecidos no anexo 2 por un órgano colexiado, que estará presidido polo subdirector de Industrias e Calidade Agroalimentaria, e integrado por dous funcionarios desa mesma subdirección xeral con categoría non inferior á de xefe de sección. A Comunidade Autónoma elaborará unha lista provisional cos proxectos de investimento seleccionados priorizados, e remitiraa ao Ministerio de Medio Ambiente, e Medio Rural e Mariño. En caso de empate na puntuación, darase prioridade aos proxectos presentados por microempresas e pequenas e medianas empresas de comercialización conxunta.

3. Se o solicitante non presenta a documentación requirida no prazo máximo establecido ou se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, requirirase o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días. De non facelo así, terase por desistido da súa solicitude, resolución ditada nos termos previstos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. A partir das listas provisionais dos proxectos de investimento seleccionados polas comunidades autónomas, a Dirección Xeral de Industrias e Mercados Alimentarios elaborará a lista definitiva tendo en conta os criterios, de igual valor entre si, que a continuación se relacionan e someteraa á aprobación da Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural:

a) A oportunidade e calidade dos proxectos.

b) O interese nacional e comunitario dos proxectos.

c) A súa compatibilidade, coherencia e complementariedade coas medidas de promoción que se estean desenvolvendo no sector.

d) O incremento previsible da capacidade de comercialización.

e) As garantías de que os axentes económicos participantes son eficaces e dispoñen da solvencia necesaria.

f) A relación calidade/prezo dos proxectos.

g) A dispoñibilidade orzamentaria.

5. Unha vez aprobada pola Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural a lista definitiva dos proxectos de investimento seleccionados, o conselleiro do Medio Rural ditará as resolucións correspondentes e notificarao aos beneficiarios. O prazo máximo para a resolución e notificación do procedemento será de seis meses contados a partir do día seguinte ao do remate do prazo de presentación das solicitudes. Transcorrido este prazo, os interesados poderán entender desestimadas por silencio administrativo as súas solicitudes.

6. No caso de resolución positiva, os beneficiarios comunicarán nos quince días seguintes ao da notificación da resolución a súa aceptación nos termos establecidos, ou se é o caso a renuncia. A aceptación deberá ir acompañada dunha garantía de boa execución, de acordo coas condicións previstas no Regulamento (CEE) n.º 2220/85 da Comisión, do 22 de xullo de 1985, polo que se establecen as modalidades comúns de aplicación do réxime de garantías para os produtos agrícolas, por un importe do 15 por cento do montante do financiamento comunitario, co fin de asegurar a correcta execución do proxecto.

7. A resolución da subvención poñerá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor recurso potestativo de reposición ante o conselleiro do Medio Rural no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben ser impugnada directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses se a resolución for expresa.

8. A exixencia principal, de acordo co artigo 20 do Regulamento (CEE) n.º 2220/1985 da Comisión, do 22 de xullo, será alcanzar o obxectivo final do proxecto de investimento, cun cumprimento de polo menos o 75 por cento do orzamento total aprobado por resolución do órgano competente.

9. A Consellería do Medio Rural comunicará ao Ministerio de Medio Ambiente, e Medio Rural e Mariño antes do 1 de decembro, as aceptacións, renuncias ou desestimentos que se producisen dentro do procedemento, co efecto de poder dispoñer dos fondos que se liberen, de ser o caso.

10. Non se concederán nin pagarán subvencións a solicitantes ou beneficiarios que non estean ao día nas obrigas tributarias (Ministerio de Economía e Facenda) e fronte á Seguridade Social, ou que teñan débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma (Consellería de Facenda).

Para estes efectos, a presentación da solicitude de axuda comporta a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións acreditativas correspondentes da Axencia Estatal da Administración Tributaria, Tesouraría Xeral da Seguridade Social e Consellería de Facenda. Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, e nese caso deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

11. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas de ser o caso.

Artigo 8. Modificación dos proxectos de investimento.

1. O beneficiario poderá solicitar a modificación das operacións previstas no proxecto de investimento, sempre e cando non se altere o seu obxectivo final.

2. Calquera modificación deberá ser autorizada pola Consellería do Medio Rural. As modificacións no calendario de execución deberán ser comunicadas, así mesmo, á Consellería do Medio Rural.

3. En ningún caso se poderán introducir modificacións que supoñan un incremento dos orzamentos aprobados para os proxectos de investimento. Tampouco se poderán modificar os orzamentos á baixa por importes superiores ao 10 por cento do orzamento total aprobado por resolución se se realizan durante o último trimestre do período en que remate o proxecto.

4. A Consellería do Medio Rural comunicará as modificacións que se produciron ao Ministerio de Medio Ambiente, e Medio Rural e Mariño antes do 1 de xuño do exercicio Feaga correspondente.

Artigo 9. Anticipos.

1. Os proxectos de investimento financiaranse con cargo ao exercicio Feaga en que se rematen. Non obstante, poderanse conceder anticipos con cargo ao primeiro dos exercicios orzamentarios para o que se presentase a solicitude. Nese caso, o beneficiario deberá presentar unha solicitude de anticipo que poderá chegar ao 20 por cento do importe da contribución comunitaria total ao proxecto de investimento.

2. O pagamento dun anticipo supeditarase á constitución dunha garantía por un importe igual ao 110 por cento do devandito anticipo, de conformidade coas condicións previstas no Regulamento (CEE) n.º 2220/1985 da Comisión, do 22 de xullo de 1985, polo que se establecen as modalidades comúns de aplicación do réxime de garantías para os produtos agrícolas.

3. Deberase solicitar o anticipo como máis tarde nos 30 días seguintes á aceptación da resolución.

4. A Consellería do Medio Rural comunicará ao Ministerio de Medio Ambiente, e Medio Rural e Mariño antes do 1 de decembro a listaxe cos proxectos que solicitaron anticipo e a súa contía.

5. Para o pagamento do saldo da axuda descontarase, se é o caso, o anticipo percibido.

Artigo 10. Pagamentos.

1. O beneficiario terá dereito á axuda unha vez que se teña confirmado que se realizaron e comprobaron sobre o terreo todos os investimentos previstos na solicitude de apoio aprobada, agás nos casos de forza maior ou circunstancias excepcionais na acepción do artigo 31 do Regulamento (CE) n.º 73/2009 do Consello, do 19 de xaneiro de 2009, polo que se establecen disposicións comúns aplicables aos réximes de axuda directa aos agricultores no marco da política agrícola común e se instauran determinados réximes de axuda aos agricultores.

2. Se se comprobara nos controis que non se cumpriu o obxectivo final do proxecto de investimento ou que no se executou, como mínimo o 75 por cento do orzamento do investimento aprobado, en ambos os dous casos por causas diferentes ás de forza maior ou circunstancias excepcionais, que deberán estar adecuadamente xustificadas polo receptor da axuda e aceptadas pola autoridade competente, exixirase o reintegro das cantidades aboadas, e executarase a garantía de boa execución.

3. Todos os pagamentos se deben realizar a través dunha conta única dedicada en exclusiva a este fin.

4. Nos dez días seguintes ó remate do proxecto de investimento na súa totalidade, deberá comunicarse a súa execución á Dirección Xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais, para que poidan realizarse os controis oportunos.

Así mesmo, como máis tarde o 1 de agosto do ano en que remate o proxecto, o beneficiario solicitará o pagamento do saldo da axuda, para o cal presentará a documentación xustificativa ante o órgano competente da Comunidade Autónoma.

5. A Consellería do Medio Rural realizará os pagamentos nun prazo máximo de 60 días desde a recepción completa da solicitude de pagamento.

6. A solicitude de pagamento irá acompañada da seguinte documentación:

a) Memoria de execución valorada, incluíndo, se é o caso, a xustificación das causas excepcionais ou de forza maior.

b) Documentación probatoria da data de inicio das operacións, que deberá ser posterior á da solicitude.

c) Facturas e documentos probatorios do pagamento.

d) Extracto bancario da conta única na cal se realizaron os pagamentos.

e) Calquera outra que se indique expresamente na resolución de concesión.

7. O pagamento da axuda estará supeditado á presentación das contas xustificativas do investimento, verificadas por un auditor de contas ou sociedade de auditoría inscritos no Rexistro Oficial de Auditores de Contas ou, no seu defecto, á verificación por parte da Dirección Xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais das facturas e documentos mencionados anteriormente.

Artigo 11. Liberación de garantías.

1. A garantía de boa execución terá validez ata o momento do pagamento do saldo e liberarase cando se acorde a súa cancelación despois da comprobación administrativa e sobre o terreo da realización do proxecto de investimento e a execución de polo menos o 75 por cento do orzamento aceptado.

2. A garantía do anticipo liberarase cando a Consellería do Medio Rural recoñeza o dereito definitivo a percibir a axuda.

Artigo 12. Compatibilidade das axudas.

En ningún caso estas axudas poderán ser acumuladas ou complementadas con outras axudas nacionais ou da Comunidade Autónoma dedicadas á mesma finalidade.

Artigo 13. Controis.

Aplicarase o recollido no artigo 58 do Real decreto 244/2009, do 27 de febreiro, e en particular:

a) Os controis administrativos e sobre o terreo levaranse a cabo de conformidade co disposto no artigo 4.5 e os artigos 24, 25, 26, 27 e 28 ter do Regulamento (CE) n.º 65/2011 da Comisión, do 27 de xaneiro de 2011, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) n.º 1698/2005, do 20 de setembro de 2005, no que respecta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural, no que lles sexa de aplicación.

b) Comprobarase que as operacións incluídas no proxecto de investimento non perciben axudas en virtude do artigo 103 septdecies do Regulamento (CE) n.º 1234/2007 e do artigo 62 do Real decreto 244/2009, do 27 de febreiro.

c) Comprobarase o disposto no artigo 72 do Regulamento (CE) n.º 1698/2005, do 20 de setembro de 2005, sobre a durabilidade das operacións relativas a investimentos.

A Consellería do Medio Rural elaborará un informe anual do resultado dos proxectos de investimento e controis efectuados, que se enviará antes do 1 de novembro ao Ministerio de Medio Ambiente, e Medio Rural e Mariño.

Artigo 14. Pagamentos indebidos e sancións.

Será de aplicación o establecido no artigo 61 do Real decreto 244/2009, do 27 de febreiro, para a aplicación das medidas do programa de apoio ao sector vitivinícola.

Sección 2.ª Convocatoria das axudas para 2012

Artigo 15. Convocatoria.

Convócanse para o exercicio orzamentario 2012 as axudas reguladas por esta orde. As solicitudes, documentación, condicións e procedemento de xestión das axudas serán as establecidas con carácter xeral nos artigos anteriores.

Artigo 16. Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria comezará o día de entrada en vigor desta orde e rematará o día 26 de decembro de 2011.

Artigo 17. Financiamento das axudas.

1. O financiamento das axudas previstas nesta orde, procedente do Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) conforme o disposto no artigo 3 do Regulamento (CE) 1290/2005, farase con cargo á aplicación orzamentaria 13.04.713-D.770.0, código de proxecto 2011-00766, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, por importe de 50.000 € para o ano 2012 e de 10.000 € para o ano 2013.

Esta dotación poderá verse incrementada con fondos transferidos do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, de acordo co previsto no Real decreto 1547/2011, e con outros remanentes orzamentarios, sen prexuízo de posteriores variacións producidas como consecuencia de modificacións orzamentarias. En todo caso, as concesións limitaranse ás dispoñibilidades orzamentarias.

2. Esta orde tramítase conforme o establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e a súa eficacia queda condicionada a que exista crédito adecuado e suficiente no momento da súa resolución de concesión.

Disposición adicional primeira.

En todas aquelas cuestións non previstas nesta orde haberá que aterse ao disposto no Real decreto 1547/2011, polo que se regula a medida de investimentos recollida no programa de apoio ao sector vitivinícola, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, que a desenvolve, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que a desenvolve.

Disposición adicional segunda.

As axudas reguladas por esta orde rexeranse polas normas comunitarias aplicables e, concretamente, polo Regulamento (CE) n.º 479/2008 do Consello, do 29 de abril de 2008, polo que se establece a organización común do mercado vitivinícola.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa.

Autorizase a directora xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais para ditar as disposicións que considere oportunas para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2011.

Samuel Jesús Juárez Casado
Conselleiro do Medio Rural

ANEXO 1
Operacións admisibles

– Mellora da estrutura comercial.

1. Apertura e mellora de oficinas comerciais en países da UE, a excepción de España.

1.1. Construción/adquisición de locais para oficinas comerciais.

1.2. Acondicionamento de locais para oficinas comerciais.

1.3. Adquisición e instalación de equipamento para oficinas comerciais, mobiliario e informática.

– Desenvolvemento de canles de distribución.

2. Apertura e mellora de centros de distribución en destino (almacéns e centros loxísticos) en países da UE, a excepción de España.

2.1. Compra de terreos para edificación de almacéns.

2.2. Edificación/adquisición de edificios para almacéns.

2.3. Acondicionamento de edificios.

2.4. Adquisición e instalación de equipamento para almacéns e centros loxísticos (maquinaria, informática, material de oficina).

3. Apertura e mellora de locais comerciais (comercio retallista) en países da UE, a excepción de España.

3.1. Construción/adquisición de locais comerciais.

3.2. Acondicionamento de locais comerciais.

3.3. Adquisición de equipamento para locais comerciais.

ANEXO 2
Criterios de avaliación das solicitudes

1. Interese xeral do proxecto:

Repercusión do proxecto: 10 puntos.

1. Subtotal: 10 puntos.

2. Calidade e eficacia do proxecto:

a) Coherencia entre os obxectivos e as operacións: 10 puntos.

b) Relación calidade/prezo: 10 puntos.

2. Subtotal: 20 puntos.

3. Condicións do solicitante:

a) Tamaño e natureza da empresa: 10 puntos.

b) Implantación internacional e experiencia exportadora xeral: 10 puntos.

c) Estrutura e capacidade técnica para a execución do proxecto: 10 puntos.

d) Capacidade e solvencia económica do propoñente: 10 puntos.

3. Subtotal: 40 puntos.

4. Capacidade de resposta comercial:

a) Dispoñibilidade de distribución no mercado de destino: 5 puntos.

b) Porcentaxe de exportación sobre o total de vendas: 5 puntos.

c) Amplitude e diversificación da carteira de produtos: 10 puntos.

4. Subtotal: 20 puntos.

5. Interese para a Comunidade Autónoma:

a) Proxectos de comercialización de viños con D.O.P. ou I.X.P.: 10 puntos.

b) Proxectos de comercialización de outros viños, mostos e vinagres: 7 puntos.

5. Subtotal: 10 puntos.

Valoración total: 100 puntos.

* Notas aos criterios de valoración propostos:

1. Interese xeral do proxecto: será valorado polas entidades competentes:

a) Importancia do programa para a mellora da comercialización dos produtos que se describen no anexo XI ter do R(CE) 1234/2007 do Consello.

2. Calidade e eficacia do proxecto:

a) Coherencia técnica e económica entre os obxectivos e as operacións.

b) Relación calidade/prezo: valorarase de 0 a 10 puntos en función da repercusión estimada polo propoñente en termos de incremento previsible das súas vendas, aumento da competitividade e do rendemento global da empresa, en relación co custo total do proxecto proposto.

3. Condicións do solicitante:

a) Tamaño e natureza da empresa: darase prioridade aos proxectos presentados por microempresas e pequenas e medianas empresas de comercialización conxunta, que terán a máxima cualificación.

b) Implantación internacional e experiencia exportadora xeral: valorarase de 0 a 10 puntos os anos de experiencia exportadora do propoñente, en proporción directa (0 puntos para quen non teña nada de experiencia exportadora, 5 puntos para quen leve exportando 5 anos e 10 puntos para quen leve 10 anos ou máis).

c) Estrutura e capacidade técnica para a execución do proxecto: valorarase de 0 a 10 puntos en función dos recursos técnicos e humanos que aseguren unha execución eficaz do proxecto.

d) Capacidade e solvencia económica do propoñente: valorarase de 0 a 10 puntos en función dos recursos financeiros que aseguren unha execución eficaz do proxecto. Para iso, solicitaranse os documentos que se consideren adecuados para tal fin, por exemplo, as copias das declaracións financeiras e/ou dos informes anuais dos tres últimos anos.

4. Capacidade de resposta comercial:

a) Dispoñibilidade de distribución no mercado de destino.

b) Porcentaxe de exportación sobre o total de vendas: valorarase en función 1 a 2 da proporción (5 por cento de exportación = 10 por cento dos puntos = 0,5 puntos; 10 puntos para quen exporte 50 por cento ou máis).

c) Amplitude e diversificación da carteira de produtos: valoraranse dous aspectos complementarios:

i. Valoración de volume para posible resposta: máis puntos a maior volume de comercialización.

ii. Valoración de diversidade dos produtos descritos no anexo XI ter do R(CE) 1234/2007 do Consello: maior puntuación a maior diversidade e abano de produtos (por dar maior posibilidade de resposta comercial).

ANEXO 3
Formulario

1. Denominación.

2. Solicitante.

2.1. Nome, enderezo, enderezo de correo electrónico, teléfono, fax, persoa de contacto responsable do proxecto.

2.2. Características da organización ou empresa. Representatividade, importancia no sector.

2.3. Acreditación da capacidade financeira e experiencia exportadora.

Deberase, así mesmo, indicar a capacidade de resposta comercial da empresa, estimada segundo:

a) A dispoñibilidade da distribución no mercado de destino.

b) A porcentaxe de exportación sobre o total de vendas.

c) A amplitude e diversificación da carteira de produtos.

3. Execución dos proxectos.

3.1. Descrición da empresa: nome, enderezo, enderezo de correo electrónico, teléfono, fax e persoa de contacto. Se se seleccionaron varias empresas para a execución, indíquense as accións que desenvolverá cada unha delas.

3.2. Procedemento de selección.

3.3. Xustificación da competencia técnica e da capacidade para executar o proxecto Especificación das competencias técnicas (persoal e medios) e financeiras.

Especifíquense os medios propios ou externos con que se contarán para o desenvolvemento do proxecto.

Presentarase balance e contas de resultados dos tres últimos anos.

4. Características dos proxectos.

4.1. Obxectivo e interese do proxecto.

4.2. Produtos comercializados.

4.3. País ou países.

4.4. Prazo de execución.

5. Descrición das operacións de investimento.

5.1. Operacións.

5.1.1. Descrición de cada operación, especificando os diferentes conceptos de gasto que a compoñen.

5.1.2. Xustificación do orzamento previsto para cada operación (ofertas, facturas proforma,...).

Cando o importe do investimento supere a contía de 30.000 € no caso de obra civil e instalacións, ou de 12.000 € no caso de subministracións de bens de equipo ou prestación de servizos de empresas de consultoría, deberanse solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten. Non se considerarán subvencionables os conceptos incluídos na solicitude de axuda dos que non se acredite o cumprimento deste requisito.

A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía e debe xustificarse expresamente nunha memoria a elección, basada nos criterios sinalados, cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. No caso de non ser así, considerarase como importe máximo subvencionable para ese concepto o correspondente á proposta económica máis vantaxosa.

5.2. Orzamento.

Cadro recapitulativo.

A presentación do orzamento debe aterse á mesma estrutura e á mesma orde que a descrición das operacións. Véxase modelo adxunto.

6. Repercusión previsible.

Repercusión estimada polo propoñente en termos de incremento previsible das súas vendas, aumento da competitividade e do rendemento global da empresa, en relación co custo total do proxecto proposto.

Especifíquese e cuantifíquese a repercusión previsible en termos de resultados.

Especifíquese como se medirán os resultados ou repercusións.

7. Plan de financiamento.

Deberase describir a parte de recursos propios, e a parte financiada por entidades financeiras (se a houber).

Véxase o cadro modelo adxunto.

8. Outros datos pertinentes.

Anexos obrigatorios.

Anexo I. Compromiso do solicitante de garantir o seu financiamento para toda a duración do proxecto.

Anexo II. Declaración do solicitante de que o proxecto non recibe ningunha outra axuda económica da UE.

Anexo III. Ficha de identificación do proxecto (adxunta ao presente formulario).

Ficha.

I. Identificación do proxecto:

Comunidade Autónoma:

N.º e título do proxecto:

Organización ou empresa solicitante:

Produto(s) comercializado:

Orzamento total:

Proposta recibida o:

II. Descrición do proxecto:

Obxetivo(s) e xustificación:

1.

2.

Operacións por países, incluído o seu orzamento por concepto de gasto e calendario previsto de execución (indicando mes e ano de realización).

1.

2.

Repercusión previsible e método(s) de avaliación:

III. Orzamento:

Orzamento recapitulativo

Obxectivo

Operacións

Conceptos
de gastos

Total

1. Apertura e mellora de oficinas comerciais en países da UE a excepción de España.

 

1.1

 

1.2

 

 

 

1.3

 

 

2. Apertura e mellora de centros de distribución en destino (almacéns e centros loxísticos) en países da UE a excepción de España.

 

 

 

 

2.1

 

 

 

2.2

 

 

 

2.3

 

 

 

2.4

 

 

3. Apertura e mellora de locais comerciais (comercio retallista) en países da UE a excepción de España.

 

 

 

 

3.1

 

 

 

3.2

 

 

 

3.3

 

 

Total

 

 

 

Plan de financiamento: €

Cofinanciamento

Exercicio

Exercicio

%

UE……………………

 

 

 

Solicitante

Medios propios

 

 

 

Entidades financeiras

 

 

 

Total………………..

 

 

 

missing image file

ANEXO A