Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Mércores, 24 de decembro de 2003 Páx. 16.010

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 15 de decembro de 2003 pola que se amplían os prazos para a regularización de superficies de viñedo.

A Organización Común do Mercado Vitivinícola (OCM) creada mediante o Regulamento 1493/1999 do Consello, do 17 de maio, supón a continuidade dun marco restrictivo na plantación de superficies novas de viñedo como esixencia fundamental para o equilibrio dun mercado excedentario. Esta norma básica dispón que a uva obtida en superficies en que se teña plantado viña incumprindo a normativa comunitaria de aplicación antes do 1 de setembro de 1998, non poderá utilizarse para a producción de viño destinado á comercialización. Os productos procedentes da dita uva só poderán poñerse en circulación con destino ás destilerías, non podendo obterse alcohol dos ditos productos cun grao alcohólico volumétrico adquirido inferior ou igual ó 80% vol.

Non obstante, o Regulamento 1493/1999 do Consello e o Regulamento 1227/2000 da Comisión, de 31 de maio, polo que se fixan disposicións de aplicación no relativo ó potencial de producción, establecen a posibilidade de excepcións ó disposto no punto anterior mediante procesos de regularización daquelas superficies de viñedo.

O Regulamento 1841/2003 da Comisión, do 17 de outubro, que modifica o Regulamento 1227/2000, amplía os prazos para a regularización daquelas superficies, concretamente os prazos relativos para a adquisición de dereitos de replantación para acollerse á regularización de superficies irregulares (antes do 30 de abril de 2004) e á presentación de solicitudes de regularización (30 de abril de 2004). Pola súa banda, o Regulamento (CE) 1203/2003, da Comisión, do 4 de xullo, ampliou o prazo para a resolución das solicitudes de regularización ata o 31 de xullo de 2004.

En función do anterior, a presente orde recolle as ampliacións dos referidos prazos, que, na Comunidade Autónoma estaban contemplados na Orde do 19 de xuño de 2001 (DOG nº 130, do 5 de xullo), pola que se regulan diferentes aspectos do potencial de producción vitícola e se regula a asignación de dereitos para nova plantación de viñedo en zonas de denominación de orixe. Ademais, como queira que no impreso normalizado de solicitude (anexo VII), contemplábase a data final de presentación de solicitudes e a data de finalización do

prazo para dictar resolución, cómpre á súa vez, modifica-lo anexo correspondente.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, e no Decreto 50/2002, do 14 de febreiro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Ampliación de prazos para a regularización de superficies de viñedo establecidos na Orde do 19 de xuño de 2001, pola que se regulan diferentes aspectos do potencial de producción vitícola e se regula a asignación de dereitos para nova plantación de viñedo en zonas de denominación de orixe.

Os prazos establecidos no capítulo III da Orde do 19 de xuño de 2001 (DOG nº 130, do 5 de xullo), pola que se regulan diferentes aspectos do potencial de producción vitícola e se regula a asignación de dereitos para nova plantación de viñedo en zonas de denominación de orixe, relativos á regularización de superficies de viñedo serán os seguintes:

a) O prazo de achegamento da obtención dos dereitos de replantación a que se refire o artigo 12.1º b) da orde mencionada, amplíase ata o 30 de abril de 2004.

b) O prazo de presentación de solicitudes de regularización, establecido no artigo 13.2º da referida orde, amplíase ata o día 30 de abril de 2004.

c) A data límite para a resolución de tódalas solicitudes a que fai referencia o artigo 13.3º da antedita orde, amplíase ó día 31 de xullo de 2004.

Artigo 2º.-Modificación do impreso normalizado de solicitude.

O anexo VII da Orde do 19 de xuño de 2001, relativo á solicitude normalizada de regularización de superfices de viñedo, modifícase polo establecido nesta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.- Facúltase o director xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria para dicta-las instruccións precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2003.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria e

Desenvolvemento Rural

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL

E TURISMO