Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Mércores, 24 de decembro de 2003 Páx. 16.002

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 15 de decembro de 2003 pola que se convocan axudas para o sector artesanal galego, en réxime de concorrencia competitiva, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004, de acordo coas bases reguladoras establecidas na Orde do 11 de marzo de 2002 (Diario Oficial de Galicia número 55, do 18 de marzo).

Na orde da Consellería de Industria e Comercio do 11 de marzo de 2002, pola que se establecían as bases reguladoras de axudas e subvencións en materia de industria, enerxía, minería, tecnoloxía e desenvolvemento sectorial, comercio e consumo, publicada no DOG nº 55, do 18 de marzo (corrección de erros DOG nº 77, do 22 de abril), fixábanse os criterios básicos da súa política de fomento de acordo coa previsión efectuada no artigo 4 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Entre os programas de incentivos recollidos na citada orde figura no punto 9 do artigo 2.A o de apoio ó sector artesanal galego, desenvolvido no anexo IX desta, establecéndose que os beneficiarios do programa de axudas para o sector artesanal galego teñen carácter de Pemes; en consecuencia, os beneficiarios desta orde de axudas poderán recibir a máxima intensidade de subvención.

O contido desta orde axústase ó establecido polo Decreto 172/2001, do 12 de xullo, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 142, do 23 de xullo), que recolle o réxime de axudas rexionais autorizado pola Unión Europea (axuda estatal nº 489/2000).

Na súa virtude e en uso das facultades que me foron conferidas

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto a convocatoria de axudas que se conceden no exercicio de 2004, para o fomento e desenvolvemento do sector artesanal na Comunidade Autónoma de Galicia, a través do apoio tanto ás unidades productivas como ás asociacións de artesáns. A estratexia específica articularase en elementos básicos ou fundamentais como son a creación, mellora ou adecuación das unidades productivas, a mellora no deseño e calidade das produccións, a divulgación e promoción dos productos artesáns, o fomento da participación en feiras profesionais ou a formación técnica.

Poderán ser beneficiarios destas axudas os artesáns e obradoiros artesanais, sempre que estean establecidos na comunidade galega e inscritos no rexistro xeral de Artesanía de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 218/2001, do 7 de setembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de artesanía.

Así mesmo, poderán acceder a estas axudas as asociacións artesanais de carácter profesional e legalmente constituídas, con domicilio en Galicia e que conten entre os seus membros con máis de vinte artesáns inscritos no rexistro xeral de Artesanía de Galicia.

Artigo 2º.-Aplicacións orzamentarias.

Para a concesión das axudas, propias dos investimentos que se convocan, destinarase ó crédito global correspondente ás aplicacións orzamentarias que se mencionan:

AplicaciónDenominaciónAno 2004

08.03.711-C.770.0Apoio á artesanía400.000 A

08.03.711-V.770.0Apoio á artesanía. Plan Galicia350.000 A

As cantidades antes citadas poderanse incrementar en función das peticións presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de crédito.

O gasto que se proxecta tramitarase como expediente anticipado e está condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos do exercicio para o 2004, de acordo co disposto no artigo 3 punto 3º in fine da Orde do 27 de novembro de 2000 pola que se modifica a Orde do 11 de febreiro de 1998 sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto.

Artigo 3º.-Actuacións subvencionables.

1. Serán actuacións subvencionables as desenvolvidas por artesáns, obradoiros artesanais, asociacións artesanais e proxectos concertados (coa adhesión mínima de tres obradoiros), incluídas nos seguintes puntos:

a) Proxectos que se destinen a investimentos para a creación e posta en funcionamento de novas instalacións, así como a mellora, ampliación ou modernización das xa existentes, sempre que estes investimentos non sexan destinados a locais para usos comerciais. Dentro deste punto atenderanse:

-Obras de reforma, rehabilitación, acondicionamento de locais productivos e obras de nova construcción, que deberán cumprir cos requisitos esixidos legalmente en cada caso, destinadas a talleres ou ó desenvolvemento dunha actividade artesanal. Só serán obxecto de subvención as obras realizadas no interior dos talleres, quedando excluído calquera investimento realizado en zonas exteriores ou de acceso. O investimento mínimo para esta tipoloxía de axudas será de 1.800 euros. A contía máxima da subvención nestes conceptos será de 12.000 euros, sendo en calquera caso a porcentaxe máxima de axudas do 30% do investimento subvencionable. As solicitudes para acollerse a esta tipoloxía de axudas deberán presentarse antes de comeza-la execución dos proxectos de investimento.

b) Proxectos de innovación no proceso productivo. Dentro deste punto subvencionaranse:

-Adquisición en réxime de propiedade de maquinaria, ferramentas e equipo auxiliar propio do exercicio dunha actividade artesanal, que serán de fabricación externa cualificada.

-Equipos para procesos de informatización, cun máximo dunha unidade por entidade solicitante, propios das características da actividade artesanal e instalacións de deseño asistido por ordenador, non contemplándose neste punto as aplicacións informáticas de xestión. A contía máxima de subvención, no punto de equipos informáticos, será de 1.800 euros.

Para todos os investimentos realizados nesta tipoloxía de axudas, que deberán acadar unha cantidade mínima de 1.200 euros en conxunto, os equipos adquiridos deberán ser de primeiro uso.

c) Proxectos que se destinen a divulgar e promover productos artesanais: deseño de imaxes corporativas, logotipos, realización de catálogos ou outro tipo de soporte publicitario, en papel, magnéticos, ou CD/DVD, a edición de material impreso, audiovisual, sobre producción artesana, especificamente concibidos e dirixidos ó fomento da actividade e a potenciación dos productos artesanais. Serán subvencionables os gastos de deseño, creación e contratación de dominio para páxina web do taller ou asociación de artesáns. Tamén se considera neste punto o deseño de envases e embalaxes de productos artesáns, excepto a impresión e reimpresión destes, así como os gastos derivados do Rexistro de Patentes e Marcas. Non serán obxecto de subvención os gastos en publicidade en medios escritos, radio ou televisión, nin os investimentos en calquera tipo de formularios ou materiais de uso administrativo. A contía máxima de subvención neste punto será de 6.000 euros.

d) Participación como expositor con stand propio en feiras de carácter profesional, considerándose subvencionables os gastos que ocasionen os espacios que se contraten, alugueiro ou construcción do stand e transporte do material, montaxe e desmontaxe dos stands, seguros, enerxía eléctrica, vixilancia, contratación de azafatas, de intérpretes, así como publicidade e publicacións relacionadas con esta participación; o límite de subvención por estes conceptos será de 3.000 euros por entidade participante. Así mesmo, será obxecto de subvención a adquisición de elementos ou mobiliario básicos que formen parte do deseño dun expositor para a súa utilización exclusiva en feiras profesionais, cunha contía máxima de subvención de 3.000 euros por entidade solicitante.

e) Os gastos de inscrición en programas formativos de especialización profesional que teñan relación coa súa actividade, cun máximo de dous asistentes por obradoiro. As actividades de formación non poderán ter unha duración superior a 100 horas, sendo o número máximo de accións formativas por participante de dous, e a contía máxima de subvención non excederá de 600 euros por acción formativa, cantidades que non serán computables para os efectos do 55% que se fixa no artigo 4º desta orde.

f) Proxectos que teñan por finalidade:

-Mellorar, impulsar e potencia-las produccións das actividades artesanais tradicionais de: tecidos en baixo lizo, zoqueiro, toneleiro, selleiro, albardeiro, olería, forxa, follalatería, caldeirería, afiado, cestería e labores de palla.

-Mellora-la comercialización dos productos artesanais mediante o acceso ós novos mercados e o desenvolvemento de novos productos.

-Mellora-la calidade das produccións artesanais mediante a constatación das súas características técnicas.

-Achega-las actividades artesanais ás novas xeracións, mediante a introducción no seu contorno dos valores destas, dando a coñece-los procesos e actitudes que constitúen as características esenciais das actividades artesanais.

-Introduci-las produccións artesanais na sociedade da información como estratexia acorde cos novos hábitos comerciais.

g) Accións encamiñadas á incorporación do deseño ás novas liñas de producto, posibilitando que se estimule a actividade artesanal ós artesáns, como froito da colaboración con axentes externos profesionais que desenvolvan a dita actividade a título significativo.

O desenvolvemento de proxectos de deseño de productos vai propiciar que melloren as prestacións destes, a súa adecuación ós mercados, así como atende-la crecente preocupación ecolóxica, etc.

Neste punto terán a consideración de investimento subvencionable os custos externos derivados da realización de proxectos de deseño de producto, considerándose os honorarios dos consultores de deseño así como os custos relativos ós materiais necesarios para plasmar en prototipos os deseños froito da colaboración.

Excluiranse os custos non vinculados coas ideas de deseño obxecto de proxecto en desenvolvemento, así como os proxectos nos que non se acredite a existencia de colaboración cun equipo especializado de deseño, entendéndose por tal aquel que desenvolva a dita actividade a título principal.

2. A contratación en prácticas, por parte de obradoiros inscritos no rexistro xeral de Artesanía de Galicia, de traballadores desempregados inscritos no momento da contratación no Servicio Público de Emprego, que non tiveran relación laboral coa empresa a través dun contrato de igual modalidade.

Os contratos en prácticas deberán cumpri-las esixencias e formalidades que establece o artigo 11 do Estatuto dos traballadores e as normas regulamentarias de desenvolvemento. As axudas previstas neste punto serán de aplicación ós contratos en prácticas que se realicen desde o 1 de xaneiro ó 15 de outubro de 2004.

Para que os devanditos contratos poidan ser obxecto da subvención deberán concertarse a xornada completa, por unha duración inicial non inferior a doce meses e non poderán supoñe-la sucesión de traballadores en prácticas para ocupa-lo mesmo posto de traballo.

Exclúense deste punto, os contratos realizados co cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, do empresario ou dos que presenten cargos de dirección ou sexan membros dos órganos de administración das empresas que revistan a forma xurídica de sociedade, así como os que se produzan con estes últimos.

A contía que se vai percibir por este concepto poderá acada-la cantidade de 3.600 euros por traballador.

3. Alta na Seguridade Social de novos artesáns: consideraranse as novas altas na Seguridade Social daqueles

artesáns vencellados ós obradoiros artesáns inscritos no rexistro xeral de Artesanía de Galicia que inicien a súa actividade no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2004.

A contía que se vai percibir por este concepto será dun máximo de 120 euros por cada unha das mensualidades satisfeitas á Seguridade Social, que poderán abranguer desde xaneiro a decembro de 2004, ambos inclusive.

A percepción de calquera contía vencellada con este punto da convocatoria será incompatible coa vencellada ó punto 3.2 desta.

4. Terán carácter subvencionable as actuacións que desenvolvan asociacións profesionais artesanais ou proxectos concertados (coa adhesión mínima de 3 obradoiros) e que se destinen a:

-Desenvolver accións conxuntas de distribución, comercialización, promoción ou calquera outra fórmula de colaboración empresarial.

-Crear redes de comunicación e transferencia de información con outros lugares do Estado e coa Unión Europea.

-Mellora-la información sobre tendencias de mercado en relación co deseño, coa comercialización de productos artesanais e co desenvolvemento do sector.

Con carácter xeral, a reiteración de actuacións acometidas en exercicios anteriores poderá ser tida en conta no momento de concesión das axudas.

Artigo 4º.-Contía das axudas.

As axudas poderán acada-las cantidades e porcentaxes máximas indicadas en cada punto do artigo 3º de actuacións subvencionables e, con carácter xeral, ata o 55% do investimento subvencionable alí onde non estea establecido un límite porcentual de subvención, cun máximo de 24.000 euros por entidade.

Non se valorarán, para efectos de investimento, os gastos que se realicen en pagamento de impostos, IVE, taxas, contribucións, licencias, etcétera, nin outros de carácter tributario, fiscal ou sometido a aranceis e os investimentos realizados con fórmulas de arrendamento financeiro.

No caso de que os beneficiarios desta orde, establecidos no artigo 1º desta, realicen as actuacións nos municipios e núcleos de poboación declarados afectados polo accidente do buque Prestige, as axudas incrementaranse en 10 puntos porcentuais, podendo alcanza-lo 65% do investimento subvencionable.

Artigo 5º.-Ámbito temporal.

Esta orde poderán acollerse as actuacións establecidas no artigo 3º desta, sempre que se realicen no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2004 e a data de xustificación do investimento recollida no artigo 10º da convocatoria.

No caso das actuacións recollidas no artigo 3.1º a) as solicitudes deberán presentarse antes de comeza-la execución dos proxectos de investimento.

Artigo 6º.-Presentación de solicitudes e documentación.

As solicitudes, que se dirixirán ó conselleiro de Innovación, Industria e Comercio, presentaranse no rexistro

xeral das delegacións provinciais, no dos servicios centrais da Consellería de Innovación, Industria e Comercio, ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, entre as que se inclúen os rexistros dos concellos que teñan subscrito convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicado de rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

O prazo para a súa presentación será desde o día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 27 de febreiro do ano 2004, ámbolos dous incluídos.

As ditas solicitudes presentaranse conforme os modelos que se xuntan como anexos I, II e III, e acompañaranse da seguinte documentación, todo isto por triplicado exemplar (orixinal ou copia compulsada e dúas copias):

a) Memoria explicativa que conterá antecedentes da entidade solicitante, descrición das actividades profesionais realizadas, con mención expresa do proceso de producción artesán, volume de producción e facturación, descrición detallada dos investimentos por unidade de actuación e efectos esperados.

b) Orzamento desagregado do investimento e, nos casos en que proceda, presentarase copia do proxecto elaborado pola empresa ou particular que o realice; factura proforma ou contrato de maquinaria ou bens que se pretenden adquirir ou das actuacións que hai que realizar, elaborada pola empresa subministradora. En calquera dos casos, o proxecto, o contrato ou a factura proforma irán dirixidos ó solicitante da axuda e contarán coa sinatura e DNI ou CIF/NIF do autor do orzamento.

c) Carta de artesán e certificado de inscrición do obradoiro no rexistro xeral de Artesanía de Galicia, agás cando a axuda que se solicita se destine á creación dun obradoiro artesanal, en que se presentará a copia da carta de artesán. En calquera caso, estes documentos deberán acreditarse documentalmente no momento de presentación da solicitude.

d) Incluirase, segundo anexo III, declaración expresa de axudas, cumprimento de obrigas fiscais, de estar ó día nas obrigas coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma. Neste documento o solicitante manifestará se autoriza á Consellería de Innovación, Industria e Comercio a face-la comprobación telemática de tódalas súas obrigas tributarias e sociais.

e) Certificado de atoparse de alta no imposto de actividades económicas (IAE) que ampare a actividade artesanal e NIF/CIF do solicitante. No caso de obradoiros que se constitúan no ano 2004, este requisito deberase acreditar cando se presente a xustificación do investimento.

f) Documento público acreditativo do poder con que actúa o solicitante, de se-lo caso, e fotocopia do seu DNI.

g) As asociacións profesionais artesanais presentarán fotocopia compulsada do CIF, estatutos e certificación ou documento que acredite a súa constitución legal.

Así mesmo, certificación emitida polo secretario da asociación onde conste o número de asociados e documento que acredite a inscrición dun mínimo de vinte artesáns no rexistro xeral de Artesanía de Galicia.

h) Para a execución de proxectos concertados, a adhesión das empresas plasmarase mediante certificación destas, na que se recolla o seu compromiso na execución dos devanditos proxectos.

i) No caso de acollerse ás axudas á contratación, memoria na que se recolla unha definición precisa dos postos de traballo e o compromiso de contratación dos traballadores. Se os contratos se realizan ó longo do ano 2004, presentarase a memoria, alta na Seguridade Social, DNI de cada traballador contratado e documento acreditativo da súa inscrición como demandante de emprego.

j) Para a actuación recollida no punto 3.3º do artigo 3º desta orde, escrito que recolla a previsión ou data de alta na Seguridade Social dos artesáns vencellados cos talleres artesáns inscritos no rexistro xeral de Artesanía de Galicia que inicien a súa actividade no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2004.

k) De se-lo caso, documentación acreditativa da exención do imposto sobre o valor engadido (IVE) ou do imposto sobre actividades económicas (IAE).

Así mesmo, a Dirección Xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial poderá solicitar cantos informes técnicos estime oportunos para a valoración técnica dos proxectos.

Os anexos I, II e III desta orde poderanse obter, ben fotocopiándoos do Diario Oficial de Galicia no que se publique a convocatoria de axudas ou ben na páxina de Internet http://www.xunta.es/conselle/in.

Artigo 7º.-Resolución.

Co obxecto de dar cumprimento ó principio de concorrencia competitiva, conforme co disposto no artigo 3.1º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, os servicios técnicos da Consellería de Innovación, Industria e Comercio emitirán informe razoado de avaliación dos expedientes de solicitude presentados ó abeiro desta orde de axudas.

Á vista do devandito informe, o conselleiro de Innovación, Industria e Comercio ou o delegado provincial, conforme o establecido no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas e subvencións nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia, dictarán a resolución que proceda.

O prazo máximo para dictar e notificarlles ós interesados a resolución expresa será de seis meses contados desde o día seguinte ó da publicación desta orde. O vencemento do citado prazo, sen que se notifique a resolución expresa, lexitima o interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 8º.-Seguimento e obrigas do beneficiario.

A concesión da axuda levará consigo as seguintes obrigas:

Para o caso da creación dun obradoiro artesanal, darse de alta no imposto de actividades económicas (IAE)

que ampara a actividade correspondente, e solicitar con anterioridade ó 15 de setembro do 2004, inclusive, perante a Dirección Xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial, a inscrición na sección segunda do rexistro xeral de Artesanía de Galicia.

Facer consta-lo financiamento da Consellería de Innovación, Industria e Comercio, Dirección Xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial en tódalas actuacións que se financien con cargo a esta orde, así como en toda referencia que se faga de elas en calquera medio de difusión.

No caso de acollerse ás axudas á contratación, ó mantemento dos postos de traballo creados por un período dun ano. Os obradoiros que se beneficien destas axudas, co fin de garanti-lo mantemento dos postos de traballo creados, deberán presentar dentro do primeiro e último trimestre do ano 2005, unha relación da variación das altas e baixas do persoal adscrito.

No suposto de extinción da relación laboral do traballador polo que se concedese subvención, a cobertura do posto por un novo traballador, que deberá reuni-los mesmos requisitos có traballador substituído, terá que realizarse dentro do mes seguinte ó da baixa, feito que deberá ser comunicado pola empresa beneficiaria á Consellería de Innovación, Industria e Comercio, dentro dos 10 días seguintes á substitución. Esta nova contratación en ningún caso dará lugar a unha nova axuda. Esta obriga manterase durante un ano desde a data de realización do contrato obxecto de subvención e, en caso de incumprimento aterase ó disposto no artigo 8º das bases reguladoras.

Os beneficiarios destas axudas deberán conserva-los xustificantes orixinais e o resto da documentación relacionada coa axuda ou subvención outorgada durante un período de cinco anos desde a súa concesión.

Artigo 9º.-Modificación da resolución.

Para solicita-la modificación establecida no artigo 7.2º das bases reguladoras que rexen esta convocatoria os beneficiarios terán de prazo ata o día 30 de setembro de 2004.

A conformidade expresa da Consellería de Innovación, Industria e Comercio ás ditas modificacións requirirá informe favorable da Dirección Xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial, e só será outorgada cando non alteren significativamente o proxecto inicial.

Artigo 10º.-Xustificación do investimento.

Para o libramento da subvención, o beneficiario deberá presentar na respectiva delegación provincial ou nos servicios centrais da Consellería de Innovación, Industria e Comercio, ou a través dalgunha das formas consideradas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a documentación xustificativa da realización do investimento que fose obxecto de subvención, tendo de prazo ata o 5 de novembro de 2004, inclusive.

A xustificación para efectos de asistencia a programas formativos e feiras farase efectiva mediante a certificación expresa de participación no certame no período

prefixado, emitida pola institución ou entidade organizadora, así como da factura xustificativa da contratación do espacio da feira, tendo que presentar igualmente a documentación mencionada no parágrafo anterior.

Esta documentación xustificativa, sen prexuízo do establecido no artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que se presentará por triplicado exemplar (orixinal ou copia compulsada e dúas copias), constará dos seguintes documentos:

a) Memoria na que se describa a realización do investimento e na que deberán quedar descritos e identificados os bens adquiridos ou servicios prestados, e os datos e incidencias máis significativos habidos na súa execución.

b) Para todas aquelas actuacións intanxibles, tales como catálogos, soportes publicitarios, estudios ou proxectos, achegaranse ademais tres exemplares destes. Para as actuacións acollidas ós puntos 3.2 ou 3.3 do artigo 3º desta orde, deberá presentarse copia dos contratos e dos boletíns de cotización e relación nominal de traballadores da Tesourería da Seguridade Social.

c) Para aqueles proxectos acollidos ó punto 3.3 da orde de axudas, o beneficiario achegará os correspondentes recibos das cotas satisfeitas á Seguridade Social. Para o resto das mensualidades contempladas na resolución de concesión de axudas e correspondentes ó 2004, o beneficiario presentará compromiso de mantemento do período de cotización, debendo ademais presentar durante o primeiro trimestre do ano 2005, e perante a Consellería de Innovación, Industria e Comercio, a xustificación de pagamento das mensualidades non xustificadas.

d) Documentos acreditativos do investimento (facturas e documentos xustificativos do seu pagamento).

e) Documento de inscrición do obradoiro artesán no rexistro xeral de Artesanía de Galicia (fotocopia compulsada).

f) Declaración de axudas obtidas e solicitadas para o mesmo investimento en calquera outra administración, organismos ou entes públicos ou privados. No caso de ser beneficiario dalgunha axuda ou subvención para a mesma actuación, deberá achegarse a documentación necesaria para a súa valoración para os efectos da súa concorrencia coa axuda outorgada.

g) Certificación expedida pola entidade bancaria de titularidade da conta onde se debe realiza-lo pagamento, na que conste: código de banco, código de sucursal, díxitos de control e número de conta corrente.

h) Certificados acreditativos de estar ó corrente nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega e coa Seguridade Social. O beneficiario das axudas poderá acudir á AEAT, á Consellería de Economía e Facenda, ou ás delegacións da Seguridade Social para solicita-la expedición dos certificados correspondentes ou cubrir debidamente asinada a autorización que se achega no

anexo III para os efectos de que a Consellería de Innovación, Industria e Comercio poida solicitar esta información por vía informática ós ditos órganos recadadores.

i) Certificado de atoparse de alta no imposto de actividades económicas (IAE) que ampare a actividade artesanal e NIF/CIF do solicitante, segundo o disposto no artigo 6 e).

j) Calquera outro documento que se requira na resolución particular de concesión da axuda.

Artigo 11º.-Pagamento das axudas.

A percepción da axuda terá lugar unha vez que os servicios técnicos da Consellería de Innovación, Industria e Comercio certifiquen, se é o caso, trala inspección correspondente, que se realizou o investimento que foi obxecto de subvención e demais condicións impostas na resolución de concesión. Ademais, o beneficiario deberá presenta-la documentación adicional que lle sexa requirida polos servicios técnicos, co obxecto de determina-lo alcance do proxecto ou actuacións subvencionables.

Artigo 12º.-Incompatibilidades.

As axudas previstas nesta orde serán incompatibles con calquera outra das reguladas por esta consellería para o mesmo proxecto.

Polo demais, estas axudas serán compatibles con calquera outra das establecidas por calquera administración, institución ou ente público sempre e cando non se exceda, en termos de subvención neta equivalente, a porcentaxe do 55%, dado o carácter de Pemes que teñen as actividades artesanais.

Artigo 13º.-Normativa aplicable.

Con independencia do disposto nesta orde, haberá de aterse ó disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificada pola Lei 5/2000, do 28 de decembro, o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, o Decreto 172/2001, do 12 de xullo, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia, e a Orde do 11 de marzo de 2002 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas e subvencións en materia de industria, enerxía e minería, tecnoloxía e desenvolvemento sectorial, comercio e consumo (corrección de erros DOG nº 77, do 22 de abril).

Disposición única

Facúltase o director xeral de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación do disposto nesta orde.

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2003.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Innovación, Industria e Comercio

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E

DESENVOLVEMENTO RURAL