Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Mércores, 24 de decembro de 2003 Páx. 15.998

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 18 de decembro de 2003 pola que se aproban as bases que rexerán o concurso público de catro bolsas de colaboración en proxectos de investigación que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e se anuncia a súa convocatoria.

O artigo 1 do Decreto 213/1998, do 10 de xullo, en harmonía co artigo 27 do Estatuto de autonomía para Galicia, establece a competencia da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para a promoción e ensino da lingua galega e o fomento da investigación.

Dentro do plan de actividades da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para 2003 figura a convocatoria pública de bolsas de investigación para realizar proxectos concretos sobre lingüística, literatura, antropoloxía e historia galegas no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

O seu outorgamento enmárcase dentro das funcións atribuídas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no artigo 3 do Decreto 25/1993, do 11 de febreiro (DOG nº 34, do 19 de febreiro) de creación e posta en funcionamento do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, modificado polo Decreto 330/1997, do 13 de novembro (DOG nº 227, do 24 de novembro).

Na súa virtude, apróbanse as seguintes bases:

Primeira.-Obxecto.

O concurso ten por obxecto a adxudicación de catro bolsas de colaboración nos proxectos concretos de investigación que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e que se inclúen como anexos á presente orde, en que se detallan os requisitos específicos que deben reuni-los solicitantes.

Segunda.-Contía das bolsas.

O importe das bolsas incluirá:

-Unha asignación mensual de 758,89 euros, coa retención fiscal que corresponda, que será incompatible con calquera outra axuda ou actividade remunerada.

-Seguro de asistencia médica e seguro combinado de accidentes.

Para o gasto que se proxecta existe crédito adecuado e suficiente na partida orzamentaria 07.06.353E.480.2, por unha contía máxima total de 35.511,16 euros (33.391,16 euros, correspondente ó pagamento das mensualidades e de 2.120 euros para o pagamento da asistencia sanitaria) correspondente ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004. En todo caso, o gasto proxectado queda sometido á condición suspensiva da existencia de crédito axeitado e suficiente para tal fin nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004, e ó disposto na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.

O pagamento da bolsa realizarase mensualmente, logo do informe do director de investigación, sempre que os traballos se desenvolvan con normalidade e de acordo coas bases establecidas.

Terceira.-Duración.

A data de incorporación ó centro será dentro dos cinco días seguintes ó da notificación da adxudicación. As/os bolseiras/os que non se incorporen no prazo establecido perderán os dereitos inherentes á bolsa concedida, salvo causa xustificada de atraso apreciada polo coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro.

A concesión da bolsa será ata o día 31 de decembro de 2004, podendo prorrogarse anualmente ata un máximo total, incluídas as prórrogas, de tres anos, á vista do traballo realizado polo bolseiro/a, sempre que o proxecto a que estea vinculado requira do seu labor e así o permitan as dispoñibilidades orzamentarias. No suposto de prórroga a dotación económica poderá incrementarse de acordo co índice de prezos de consumo que se estableza para cada ano.

Cuarta.-Requisitos xerais.

a) Posuí-la nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea.

b) Estar en posesión do título de licenciado.

c) Acreditar coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento.

d) Non ter sido separado do servicio de ningunha Administración ou institución como consecuencia de expediente disciplinario.

e) Non poderán participar nesta convocatoria persoas que, reunindo estes requisitos, resultasen beneficiarios dunha bolsa ou contrato en concursos anteriores do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Quinta.-Solicitudes.

As solicitudes, no modelo que se xunta como anexo, irán dirixidas ó coordinador-científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e entre

garanse na sede deste (estrada Santiago de Compostela-Noia, km 3, A Barcia, 15896 Santiago de Compostela), ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Entregarase unha solicitude por cada proxecto ó que a persoa se queira presentar. Só será necesaria unha única documentación.

O prazo de presentación de solicitudes será de corenta días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación desta convocatoria no DOG, acompañadas da documentación seguinte:

-Certificación académica persoal completa.

-Currículum vitae, acompañado de cantos documentos poidan avalalo.

-Acreditación do coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento.

-Fotocopia do DNI ou pasaporte.

-Declaración xurada comprometéndose a renunciar, se fose seleccionado/a á percepción doutras remuneracións, bolsas ou axudas, e tamén de non ter sido separado/a do servicio de ningunha Administración nin institución pública como consecuencia de expediente disciplinario.

-Declaración xurada de non percibir outras axudas ó inicio e ó remate da bolsa.

-Declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para un mesmo proxecto perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

Tódolos documentos deberán ser orixinais ou copias cotexadas con eles.

Vistas tódalas solicitudes, daráselle un prazo de 10 días para emenda-la falta de documentación. Transcorridos estes días sen a devandita emenda arquiváronse os devanditos expedientes.

Sexta.-Comisión de valoración.

A selección dos candidatos será realizada por unha comisión presidida polo coordinador-científico do Centro Ramón Piñeiro para a investigación en Humanidades e composta por tres vocais propostos por aquel e nomeados polo director xeral de Política Lingüística. Actuará como secretario o secretario do centro. Esta comisión poderá solicitar informes previos sobre as solicitudes presentadas ós directores dos proxectos de investigación implicados.

O presidente da comisión elevará informe sobre os candidatos e candidatas seleccionados e suplentes, se é o caso, ó director xeral de Política Lingüística, quen transmitirá ese informe ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá. A resolución publicarase no DOG.

As solicitudes consideraranse desestimadas, de non quedar resolta a convocatoria no prazo de cinco meses desde a data da súa publicación no DOG.

Sétima.-Baremo para a selección dos/as bolseiros/as.

-Titulación do solicitante e expediente académico: ata un máximo de catro puntos.

-Currículum vitae do solicitante e experiencia investigadora en proxectos de investigación similares: ata un máximo de catro puntos.

-Ademais do exame da documentación presentada, a comisión poderá convoca-los solicitantes a unha entrevista persoal para valora-los seus coñecementos sobre o tema de investigación: ata un máximo de dous puntos.

A comisión non valorará aqueles méritos alegados polos solicitantes nas súas instancias que non estean acreditados documentalmente. Para a selección dos candidatos, a comisión terá en conta aqueles informes solicitados ós directores dos proxectos de investigación implicados.

En caso de empate terase en conta o expediente académico, en segundo lugar o currículum vitae e, complementariamente, a entrevista persoal co candidato/a.

Oitava.-Condicións de desfrute.

Estas bolsas son incompatibles coa realización dun traballo remunerado ou o desfrute doutro tipo de bolsas ou axudas.

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria poderá conceder, por unha vez a interrupción no desfrute da bolsa por petición razoada do interesado, logo do informe do seu director de proxecto. A interrupción non poderá ser nunca superior a 3 meses ó longo da duración da bolsa e as posibles renovacións, e non dará lugar, en ningún caso, á posibilidade de recupera-lo período interrompido. O interesado nesta interrupción temporal da bolsa non terá dereito a percibi-las mensualidades correspondentes ó período que dure a súa renuncia.

Se algún dos beneficiarios destas bolsas decidise renunciar a ela, fose seleccionado para outra bolsa, axuda ou proxecto ou se producise algunha circunstancia determinante de incompatibilidade co desfrute da bolsa, deberá comunicarllo ó Servicio do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, que procederá á suspensión da bolsa correspondente. Caso de que esta suspensión se producise no prazo dun ano a partir da data de publicación da resolución de nomeamento das bolsas convocadas nesta orde, a bolsa vacante poderá ser adxudicada ó candidato seguinte da lista de suplentes sempre que as necesidades do proxecto sigan sendo as mesmas. En tal caso, o período máximo de desfrute da bolsa non poderá excede-lo prazo de tres anos contados a partir da data do primerio nomeamento.

Novena.-Aceptación das bolsas.

Unha vez recibidas as notificacións de concesión das bolsas polos beneficiarios, estes, no prazo de cinco días naturais, comunicarán por escrito ó Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades a aceptación ou renuncia a elas. Se transcorridos eses cinco días non se fixese manifestación en ningún sentido, entenderase como renuncia á bolsa.

Décima.-Obrigas.

As/os bolseiras/os permanecerán no Centro Ramón Piñeiro, en horario habitual de presencia de mañá ou tarde. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa e, en todo caso, a obtención concorrente de bolsas ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais

ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

O incumprimento por parte da bolseira/o dalgunha das condicións recollidas nas presentes bases suporá a perda da bolsa concedida e, de se-lo caso, o reintegro das cantidades xa cobradas e poderáselle atribuír ó aspirante que ocupe o primeiro lugar na lista de suplentes, ou ó seguinte ou seguintes cando os chamados non puidesen presta-la súa colaboración por calquera motivo, tendo en conta as necesidades do proxecto.

A condición de bolseira/o non dará lugar a relación contractual ningunha nin laboral nin administrativa, coa Xunta de Galicia.

Unha vez finalizada a bolsa presentarase un informe da actividade realizada, co visto e prace do director do proxecto.

Décimo primeira.-A resolución, que esgotará a vía administrativa, poderá ser obxecto de recurso de reposición nun prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia, perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, segundo o disposto na Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro) de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben os interesados poderán presentar directamente recurso contencioso-administrativo, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da súa publicación, conforme se establece na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2003.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

Unha bolsa para colaborar no proxecto sobre terminoloxía científico-técnica.

Esta bolsa ten como finalidade colaborar nos proxectos terminolóxicos que se están realizando no Centro Ramón Piñeiro, dentro do Servicio de Terminoloxía Científico-Técnica (Termigal).

Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-las bolsas a que se refire a presente convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base quinta desta orde:

-Ser licenciada/o en filoloxía ou en traducción.

-Coñecementos doutras linguas, ademais do galego.

-Manexo de procesadores de texto e bases de datos a nivel de usuario.

-Valorarase positivamente a experiencia en traballos de lexicografía e terminoloxía, así como o nivel de mecanografía.

ANEXO II

Unha bolsa para colaborar no proxecto de síntese de voz en galego.

Esta bolsa ten como finalidade colaborar no proxecto de construcción dun conversor texto-voz en galego que se leva a cabo no Centro Ramón Piñeiro.

Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-la bolsa a que se refire a presente convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base quinta desta orde:

-Ser licenciada/o en enxeñería de telecomunicacións.

-Ter experiencia en traballos de fonética acústica.

-Coñecementos informáticos, en calidade de usuario.

-Valorarase positivamente o coñecememto de linguas extranxeiras.

ANEXO III

Unha bolsa para colaborar no proxecto de diccionarios de literatura.

Esta bolsa ten como finalidade colaborar na elaboración dos diccionarios de literatura que se están a realizar no Centro Ramón Piñeiro.

Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-la bolsa a que se refire a presente convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base quinta desta orde:

-Ser licenciada/o en filoloxía.

-Ter experiencia investigadora en temas literarios.

-Acreditar coñecemento instrumental de idiomas, preferentemente inglés ou alemán.

-Coñecementos de informática, en calidade de usuario.

-Sólida formación e experiencia investigadora en teoría e crítica literaria.

ANEXO IV

Unha bolsa para colaborar no proxecto de síntese de voz en galego.

Esta bolsa ten como finalidade colaborar no proxecto de construcción dun conversor texto-voz en galego que se está a realizar no Centro Ramón Piñeiro.

Requisitos específicos dos/as solicitantes:

Para solicita-la bolsa, que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base quinta desta orde:

-Ser licenciado/a en filoloxía.

-Coñecemento avanzado de lingua galega.

-Dominio a nivel de usuario de bases de datos e procesadores de texto.

Valorarase pero non resulta imprescindible:

a) O coñecemento doutras linguas, particularmente inglés.

b) A experiencia en traballos relacionados coa síntese e recoñecemento de voz, así como de etiquetación de bases de datos.