Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Venres, 19 de decembro de 2003 Páx. 15.767

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 10 de decembro de 2003 pola que se establecen as normas para a concesión de axudas a entidades colaboradoras de pesca fluvial para o fomento da riqueza piscícola.

O artigo 27.15º do Estatuto de autonomía de Galicia atribúelle a esta Comunidade Autónoma a competencia exclusiva en materia de pesca fluvial e lacustre. Con base nesta competencia, promulgouse a Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial, que ten como obxecto a regulación da conservación, o fomento e o ordenado aproveitamento das poboacións piscícolas.

De conformidade co disposto no Decreto 14/2002, do 24 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Medio Ambiente (modificado polo Decreto 23/2003, do 20 de xaneiro), compételle a esta consellería o desenvolvemento e a aplicación da Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial, e do seu regulamento.

No marco legal definido pola Lei 7/1992, atópase definida a figura das entidades colaboradoras. De conformidade co artigo 6 da citada lei, considéranse entidades colaboradoras as que realicen actividades ou investimentos en favor da riqueza piscícola das augas continentais galegas, así como na mellora da calidade do ambiente das devanditas augas e que teñan recoñecido tal carácter. O mesmo artigo 6 tamén establece que a condición de entidade colaboradora levará anexo o cumprimento das obrigas e mailo desfrute dos beneficios que para tal colaboración estableza a Consellería de Medio Ambiente.

A Lei 4/2000, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001 recolle, no seu artigo 41, o pagamento e as garantías das axudas e subvencións.

O outorgamento das subvencións previstas nesta orde realízase de conformidade coas previsións contidas no Regulamento CE nº 1257/1999, do consello, do 17 de maio de 1999, sobre axudas ó desenvolvemento rural a cargo do Fondo Europeo de Orientación e Garantía Agrícola, e no Decreto lexislativo 1/1999, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos principios de publicidade, concorrencia e obxectividade previstos nel.

En virtude do anterior e en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é regula-la concesión de axudas a entidades colaboradoras para a realización de actividades e investimentos para o fomento da riqueza piscícola durante o ano 2004.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarias as sociedades ou asociacións que teñan o nomeamento de entidade colaboradora, de conformidade co disposto na Lei 7/1992 e no Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais. Este nomeamento deberá estar en vigor tanto no momento de presenta-la solicitude de axuda como no momento do pagamento desta.

2. Para ter acceso ás axudas, os beneficiarios deberán cumpri-las condicións e normas recollidas no artigo 78.6º do Decreto lexislativo 1/1999, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, no Decreto 2225/1993, polo que se aproba o Regulamento para a concesión de axudas e subvencións públicas, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º.-Actuacións subvencionables.

Poderán acollerse a estas axudas as actuacións que teñan por finalidade a execución de actividades e investimentos materiais no ámbito do fomento da riqueza piscícola incluídos nalgunha das seguintes categorías:

a) Construcción de infraestructuras e outras obras: canles de desova, cría e/ou engorde, capturadeiros, pasarelas, refuxios, corrección de impactos (escalas, refuxios artificiais para peixes, protección de marxes, recuperación da vexetación de ribeira...), supresión de barreiras arquitectónicas ou naturais para discapacitados e calquera outra obra ou infraestructura directamente relacionada coa conservación, protección e fomento da riqueza piscícola.

b) Vixilancia e mantemento de tramos de pesca: gastos directamente relacionados coas tarefas de vixilancia e mantemento de tramos de pesca, nos que se incluirán, entre outros, nóminas e Seguridade Social dos vixilantes, transporte, equipamento e materiais necesarios para os labores de vixilancia.

c) Conservación e mellora de infraestructuras, entre as que se incluirán tódolos tipos de infraestructuras establecidos na letra a) deste mesmo artigo.

d) Redacción de plans de xestión de recursos piscícolas. Estes plans deberán te-las características que se establecen no Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais.

e) Creación, mantemento e conservación de accesos a tramos de pesca e adecuación de sendas e postos de pesca, incluíndo equipamento e materiais necesarios para estas tarefas.

f) Sinalización de tramos de pesca.

g) Limpeza e/ou recuperación de zonas de desova.

h) Actividades formativas e educativas: cursos, conferencias, coloquios, edición de material divulgativo.

i) Toma de datos sobre a práctica da pesca: enquisas, mostraxes.

Artigo 4º.-Requisitos dos investimentos.

Para ter acceso a estas axudas, os investimentos deberán cumpri-los seguintes requisitos:

a) Cumpri-lo disposto nos artigos 36 e 37 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais no referente ó tipo de actividades que as entidades colaboradoras deben desenvolver.

b) Ofrecer unha garantía suficiente de viabilidade técnica e económica.

c) Dispor das preceptivas concesións, autorizacións, permisos ou licencias para levar a cabo os investimentos previstos no caso de que a normativa de aplicación así o esixa.

Artigo 5º.-Investimentos non subvencionables.

En ningún caso se outorgarán axudas para:

a) Gastos de vixilancia que non estean directamente relacionados cun tramo fluvial.

b) Actividades sociais de carácter lúdico ou competitivo.

c) A construcción ou acondicionamento de locais, equipamentos, maquinaria, instalacións ou elementos auxiliares que non teñan relación directa coa protección, conservación e fomento da riqueza piscícola.

d) Os gastos do IVE.

Artigo 6º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Os beneficiarios, ó formaliza-la súa solicitude, sométense voluntariamente ó cumprimento das condicións que se establecen para a concesión e pagamento das subvencións, así como ó cumprimento dos requisitos estipulados na súa normativa de aplicación.

2. Os beneficiarios deberán facilitar toda a información que lles sexa requirida en relación a aquelas e someterse ás actuacións de comprobación que deba efectua-la entidade concedente, así como ós órganos de fiscalización e control da Comunidade Autónoma, da Administración xeral do Estado e da Unión Europea, conforme o previsto no artigo 78.6º i) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

3. Coa solicitude e coa petición de pagamento da axuda deberán presentar declaración xurada relativa a tódalas subvencións concedidas ou solicitadas para o mesmo proxecto e dar cumprimento a todo o establecido no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, tal como foi modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro.

Artigo 7º.-Incumprimento das obrigas.

1. Os beneficiarios destas subvencións deberán reintegrar, total ou parcialmente, a axuda pública recibida, cos xuros de demora, no caso de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, así como nos supostos de incumprimento da obriga de xustificación, de obtención da subvención sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión, e incumprimento da finalidade para a que

foi concedida, conforme o artigo 19 do Decreto 287/2000, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas na Comunidade Autónoma de Galicia, e no artigo 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

2. Ós beneficiarios seralles de aplicación, nos seus propios termos, o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións establecido no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, tal como foi redactado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, e no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento dos procedementos das administracións públicas para o exercicio da postestade sancionadora.

Artigo 8º.-Certificación de non inicio.

Será condición indispensable para a concesión das axudas que, con anterioridade ó inicio dos traballos e á realización das adquisicións correspondentes dos investimentos, os servicios competentes da Consellería de Medio Ambiente expedisen ou validasen certificación que acredite o non inicio dos investimentos. Nos casos de investimentos nos que as súas especiais características non posibiliten a certificación de non inicio, deberá quedar acreditado fidedignamente que o investimento foi realizado no ano 2004.

Artigo 9º.-Lugar e prazo de presentación de solicitudes.

1. As solicitudes dirixiranse ó conselleiro de Medio Ambiente segundo o modelo que figura no anexo I desta orde e poderanse presentar no rexistro da Consellería de Medio Ambiente, no de calquera das súas delegacións provinciais ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. Será requisito imprescindible que o solicitante reúna as condicións sinaladas no artigo 2º desta orde en data anterior á apertura do prazo de presentación de solicitudes.

3. A solicitude será asinada por un representante acreditado da entidade colaboradora

4. O prazo de presentación de solicitudes e documentación será de 40 días hábiles, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 10º.-Documentación.

1. Coa solicitude deberá presentarse, en orixinal e tres copias, a seguinte documentación:

a) A información requirida no anexo II desta orde e mailos anexos III, IV e V debidamente cubertos.

b) Acreditación da personalidade:

-Poder suficiente do representante para actuar en nome da entidade.

-Tarxeta de identificación fiscal.

-Copia cotexada do documento nacional de identidade do representante.

c) Copia cotexada das concesións, autorizacións, permisos ou licencias, segundo o caso, necesarias para levar a cabo os investimentos previstos ou xustificantes de ter iniciados os oportunos expedientes. Neste último caso, deberá remitírselle á Consellería de Medio Ambiente copia cotexada da resolución favorable do expediente antes do inicio da execución dos investimentos.

d) Declaración sobre calquera tipo de axuda solicitada, concedida ou que se pretenda solicitar a calquera outra Administración pública, destinada a subvencionar en todo ou en parte o proxecto do investimento para o que se solicita a axuda.

2. A Consellería de Medio Ambiente acreditará, de oficio, o cumprimento do disposto nos artigos 2º e 9º.2.

Artigo 11º.-Importe das axudas.

1. A contía das axudas está condicionada, en todo caso, á existencia de dispoñibilidades orzamentarias.

2. Para o total de investimentos enmarcados na letra h) do artigo 3º destinarase como máximo o 30% do orzamento dispoñible e para o total de investimentos enmarcados na letra i) do artigo 3º destinarase como máximo o 10% do orzamento dispoñible.

3. En ningún caso a axuda que se conceda superará o 70% do investimento total subvencionable.

4. Se por causa xustificada o investimento realizado é menor có que se considerou subvencionable, o pagamento será minorado na porcentaxe que corresponda.

5. A axuda non se modificará aínda que os investimentos efectivamente realizados sexan superiores ou dun custo maior ós tomados en consideración para a concesión daquela.

Artigo 12º.-Órganos de xestión e resolución.

A avaliación da documentación e dos proxectos presentados xunto coa solicitude será realizada por parte dos servicios correspondentes das delegacións provinciais da Consellería de Medio Ambiente.

Se a solicitude de subvención non reúne algún dos requisitos esixidos nesta orde, a delegación correspondente requirirá o interesado para que, no prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ó da recepción do requirimento, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, indicándolle que se non o fixese, se considerará desistido da súa petición, que se arquivará sen máis trámites, de acordo co disposto no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

As delegacións provinciais da Consellería de Medio Ambiente remitirán, no prazo máximo de dous meses, contados a partir da data límite de presentación das solicitudes, os expedientes xunto co seu informe á Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

O director xeral de Conservación da Natureza elevará a súa proposta de resolución ó conselleiro de Medio Ambiente, a quen lle corresponderá dicta-la resolución do procedemento.

Artigo 13º.-Criterios de selección.

A Consellería de Medio Ambiente denegará, á vista dos informes que presenten os servicios provinciais de Caza e Pesca Fluvial, as solicitudes que non se dirixan especificamente ós obxectivos establecidos nos artigos 4º e 5º desta orde. Así mesmo, poderanse excluír do cómputo global do investimento obxecto das axudas, aquelas partidas que non se correspondan co sinalado nesta orde.

As solicitudes que reúnan os requisitos establecidos nesta orde serán clasificadas en función das categorías establecidas no artigo 3º. O orzamento dispoñible será distribuído entre elas de conformidade cos criterios fixados nos números 2 e 3 do artigo 11º.

Artigo 14º.-Prazo de resolución.

O prazo máximo no que se debe notifica-la resolución será de cinco (5) meses, contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

O vencemento do prazo máximo indicado sen que se teña dictado e notificado a resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo, sen prexuízo da obriga de resolver expresamente, conforme o disposto no artigo 44 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999.

Na resolución que se dicte especificaranse os investimentos subvencionables, os prazos de execución e mailas condicións xerais e particulares da subvención.

Artigo 15º.-Recursos.

A resolución da subvención porá fin á vía administrativa e contra dela poderase interpor recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Medio Ambiente, no prazo dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte á recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben ser impugnada directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses se a resolución fose expresa ou seis meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, de acordo co disposto nos artigos 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999 e artigo 46 da Lei 26/1998, do 13 de xullo, da xurisdicción contencioso-administrativa.

Artigo 16º.-Aceptación da axuda.

Unha vez resolta favorablemente a solicitude de axuda, o beneficiario disporá dun prazo de dez (10) días naturais, contados a partir do seguinte ó da recepción da notificación, para lle remitir á Consellería de Medio Ambiente un escrito de aceptación da axuda e das condicións particulares que na resolución se establezan, entendéndose, en caso contrario, que o beneficiario renuncia á axuda.

Artigo 17º.-Modificación da resolución.

Toda alteración nas condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión, de acordo co disposto no artigo 78.8º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Se algún beneficiario renuncia á axuda ou a unha parte dela, poderanse modifica-la totalidade das resolucións dictadas para redistribuí-lo orzamento dispoñible entre aqueles beneficiarios que aceptaron a axuda. Neste proceso de modificación das resolucións respectaranse en todo caso os máximos establecidos no artigo 11º.

Artigo 18º.-Modificación do proxecto.

Calquera modificación que se pretenda realizar nos investimentos inicialmente previstos, tanto no referente ó orzamento como ás distintas partidas que o compoñen, requirirá a aceptación expresa por parte da Consellería de Medio Ambiente e deberá ser posta en coñecemento desta sempre con anterioridade á súa realización.

Artigo 19º.-Prazo de xustificación dos investimentos.

Con carácter xeral e salvo que a resolución de concesión da axuda dispoña o contrario, a xustificación do remate dos investimentos e do pagamento de conceptos correspondentes a eles, deberá realizarse antes do 1 de novembro de 2004.

Artigo 20º.-Xustificación dos investimentos.

1. Para percibi-lo importe da axuda o beneficiario deberá presentar, antes do vencemento do prazo de xustificación, nos lugares e formas sinalados no artigo 11º desta orde, orixinal e tres copias da seguinte documentación:

a) Solicitude segundo modelo que figura no anexo VI desta orde, xunto cos anexos VII, VIII e IX debidamente cubertos.

b) No caso de adquisición de maquinaria, instalacións, equipos, elementos auxiliares e outros activos fixos que deberán estar efectivamente instalados con anterioridade á xustificación: factura emitida polo provedor.

c) Cando o investimento consista na construcción de edificios e obras en xeral: certificación do facultativo que interveña na execución do proxecto, visada polo colexio profesional competente, na que se fará consta-lo valor das obras realizadas durante o período de que se trate e facturas acreditativas do seu pagamento. Se o proxecto non requiriu visado para obter autorización ou se a dirección de obra foi realizada pola Administración, requirirase unicamente unha certificación do técnico que dirixiu as obras e as facturas ou xustificantes acreditativas dos gastos determinados polo artigo 15.2º do Decreto 287/2000. No caso de traballos executados con medios propios da entidade colaboradora ou con achegas directas de asociados, tanto no referente a materias como

á man de obra, xuntarase unha declaración da entidade colaboradora na que se especificarán e valorarán economicamente os medios propios empregados e as achegas recibidas. Esta declaración requirirá informe favorable dos servicios técnicos da consellería.

d) En tódolos casos, para a acreditación dos pagamentos xuntaranse os extractos de contas, ordes de transferencia, talóns ou certificacións bancarias que xustifiquen a súa efectiva realización.

e) Declaración xurada, con achega documental, se é o caso, doutras subvencións concedidas ou solicitadas para o financiamento dos investimentos.

f) Certificado da entidade financeira na que se encontra a conta do beneficiario para o pagamento da axuda, acreditativo da súa titularidade, número de conta e códigos da entidade, sucursal e control.

g) Certificacións que acrediten que o beneficiario está ó día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, cando superen por beneficiario e axuda o importe de 1.500 euros, consonte prevé o artigo 42 g) da Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003.

2. As delegacións provinciais da Consellería de Medio Ambiente comprobarán a documentación e engadirán certificacións dos servicios correspondentes sobre o grao de finalización dos investimentos, así como da súa adecuación, tanto ó proxecto que serviu de base para o outorgamento da axuda, como ós xustificantes de gasto.

3. Unha vez completo o expediente, remitiráselle xunto coa proposta de pagamento á Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

Artigo 21º.-Pagamento.

Examinado o expediente, a Consellería de Medio Ambiente ordenará, se procede, o pagamento, segundo as disposicións orzamentarias que sexan de aplicación.

O pagamento corresponderase co investimento realizado, que excepcionalmente poderá ser parte do investimento aprobado sempre que se xustifique documentalmente o motivo de non ter realizado o total do investimento e que a parte executada constitúa unha unidade operativa independente. Neste caso, ou se o investimento tivese un custo inferior ó inicialmente previsto, aplicarase a correspondente minoración.

Artigo 22º.-Crédito orzamentario.

As axudas previstas nesta orde concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 15.02.342.A.780.2 do exercicio orzamentario 2004, dotada cun crédito inicial de cento vinte mil douscentos dous euros (120.202 A). Estas dotacións orzamentarias poderán incrementarse en función das dispoñibilidades orzamentarias, con cargo ás mesmas aplicacións.

Esta orde de axudas está cofinanciada con fondos Feoga-Orientación. Esta circunstancia deberá facerse constar sempre que se facilite algún tipo de información, en calquera soporte gráfico, sobre os investimentos subvencionados.

Artigo 23º.-Control dos investimentos.

A Consellería de Medio Ambiente poderá, en calquera momento, inspeccionar e controla-lo destino das axudas e o cumprimento dos fins para os que foron concedidas. En consecuencia, os servicios da Consellería de Medio Ambiente poderán facer visitas e inspeccións nos lugares onde se realizasen investimentos, e mesmo con carácter previo á concesión das axudas, para comproba-la súa adecuación á normativa vixente, así como solicitar en calquera momento da tramitación do procedemento canta documentación se considere necesaria para comproba-la adecuada execución do proxecto que fose obxecto das axudas.

Artigo 24º.-Compatibilidade.

As axudas previstas nesta orde serán compatibles con outras subvencións de calquera outra Administración pública para as mesmas finalidades, sempre e cando a suma das subvencións concedidas non supere o importe total dos investimentos.

Sen prexuízo do anterior, estas axudas son incompatibles con calquera outro réxime comunitario de axudas.

Así mesmo e consonte o previsto na letra d) da disposición adicional segunda do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, nas resolucións de axudas faranse constar expresamente as condicións de mante-lo investimento de que se trate ou o emprego ligado a este durante un período mínimo de cinco anos, así como a de non supera-las porcentaxes máximas de acumulación establecidas na normativa comunitaria europea.

Disposición adicional

Esta orde de axudas tramítase ó abeiro do establecido na Orde do 25 de outubro de 2001, pola que se modifica a Orde do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, estando condicionada a concesión das axudas á aprobación polo Parlamento de Galicia da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Conservación da Natureza para dicta-las resolucións necesarias para o desenvolvemento do disposto nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2003.

José Manuel Barreiro Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente