Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Martes, 16 de decembro de 2003 Páx. 15.422

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 2 de decembro de 2003 pola que se convocan para o ano 2004 axudas para o desenvolvemento de accións formativas complementarias para agricultores e as súas familias, que se van impartir por asociacións sen ánimo de lucro e vinculadas ó sector agrario da Comunidade Autónoma de Galicia.

A achega do sector agrario á actividade económica e á dinámica social en Galicia ten unha grande magnitude e importancia dentro da sociedade, polo que cómpre atende-las súas demandas en canto á mellora das condicións de traballo, sobre todo nunha época como a actual, de profundas transformacións na estructura da agricultura.

A Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural ten entre outros fins, o de promover e orientar, a través da formación e innovación, as accións dos agricultores e as súas familias para a mellor utilización dos seus recursos, actuando permanentemente sobre os membros das familias rurais para activar neles cambios de actitude, melloras no seu medio social, a introducción de produccións alternativas e a difusión de coñecementos e técnicas que contribúan ó logro deste obxectivo. Así mesmo, e dentro das medidas para o crecemento e o emprego da Xunta de Galicia, considérase conveniente promover accións encamiñadas á introducción de novas tecnoloxías para o fomento dunha economía sustentable, atendendo así, á demanda da mellora da calidade de vida no medio rural.

Para conseguir este fin, a Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural promove accións formativas directas, que é preciso completar con outras accións que permitan unha formación integral encamiñada a fortalece-la calidade da producción, a súa transformación e comercialización e a mellora-lo medio rural. Por isto, é necesario instituír axudas que faciliten, a través de asociacións sen ánimo de lucro e vinculadas ó sector agrario, o desenvolvemento de cursos complementarios á formación agraria dirixidos a aquelas persoas que se encontren no medio rural e desexen capacitarse e mellora-las técnicas e coñecementos que van aplicar no desenvolvemento da súa actividade, para mellora-la calidade de vida, contribuír ó mantemento dos ecosistemas e favorece-lo emprego.

Na súa virtude, de conformidade co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e efectua-la convocatoria para 2004 de subvencións destinadas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a financia-las accións formativas que as asociacións constituídas ou amparadas na Lei orgánica 1/2002, reguladora do dereito de asociación e que non tendo ánimo de lucro estean vinculadas ó sector agrario teñan entre os seus fins o desenvolvemento e a promoción do medio rural e programen accións formativas que estean incluídas no ámbito das competencias desta consellería e a súa temática non sexa coincidente coa súa propia programación.

Artigo 2º.-Accións formativas.

As accións formativas subvencionables que se van desenvolver ó abeiro desta orde serán as seguintes:

a) Cursos de actualización profesional e introducción de novos coñecementos e técnicas agrarias, dirixidas a agricultores, ás súas familias e membros das comunidades rurais, que teñan como base a explotación agraria e o seu contorno.

b) Cursos orientados ó fomento e estabilización do emprego, de actividades productivas e complementarias para a diversificación das produccións agrarias e encamiñados á consecución dunha economía sustentable nas familias rurais. Os cursos estarán dirixidos a agricultores, ás súas familias, asalariados agrarios e membros das comunidades rurais.

A duración mínima destes cursos será de 12 días e 40 horas lectivas.

A temática destes cursos non poderá ser coincidente coa oferta formativa realizada pola Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das subvencións previstas nesta orde as asociacións sen ánimo de lucro vinculadas ó sector agrario da Comunidade Autónoma de Galicia, que estean suxeitas e regulamentadas pola Lei orgánica 1/2002 reguladora do dereito de asociación, teñan entre os seus fins o desenvolvemento e a promoción do medio rural, e que cumprindo os requisitos esixidos nesta orde acrediten reuni-las condicións de solvencia técnica e eficacia para realiza-la actividade formativa solicitada.

Non poderán acollerse ás axudas recollidas nesta orde, as asociacións especificadas no punto 3º do artigo 1 da lei e as que estean regulamentadas por leis especiais ou sometidas a un réxime asociativo específico.

Cada asociación, federación, confederación ou unión de asociacións poderá solicitar un máximo de cinco cursos.

Artigo 4º.-Axudas.

As accións formativas recollidas no artigo 2 poderán ser obxecto dunha axuda máxima que permita compensa-los custos derivados da execución da actividade formativa previamente programada.

1. Contía das axudas.

As cantidades máximas estipuladas da axuda establécense para cada curso e en función do número de alumnos, que se cifran nun mínimo de 20 asistentes e un máximo de 30; así mesmo estipúlase a cantidade máxima subvencionable de 27,54 A/hora lectiva para o profesorado.

Non se financiará ningún curso aprobado, que se iniciara ou mantivera con menos de 20 alumnos.

Gastos de profesorado, máximo subvencionable 1.101,60 A.

Gastos de coordinación, máximo subvencionable 58 A.

Gastos xerais: máximo subvencionable por alumno que asistira, polo menos, ó 70% das horas lectivas; 30,60 A (cun máximo de 918 A).

Estas subvencións teñen a consideración de máximas, e no caso de que o número de solicitudes aprobadas non permitise acadar estes importes económicos, procederase a ratea-la cantidade dispoñible entre as solicitudes aprobadas.

2. Os custos correspondentes a cada tipo de curso desagregaranse en:

* Grupo A: referidos ós custos de profesorado e coordinación.

* Grupo B: referidos ó resto dos custos aboables do curso.

3. Estas axudas son incompatibles con calquera outra que poida ser solicitada ou concedida por outro organismo público ou privado, destinada a accións formativas de actividades agrarias.

Artigo 5º.-Custos susceptibles de axuda.

* Serán obxecto de axuda os custos correspondentes ó grupo A seguintes:

a) Gastos de profesorado, que serán calculados para cada profesor en función das horas lectivas impartidas de acordo coa cantidade estipulada e dispoñible, na que incluirá a elaboración de medios e materiais didácticos.

b) Gastos das actividades de coordinación, que serán realizadas por persoa física distinta da encargada de imparti-la acción formativa, de acordo coas cantidades estipuladas e dispoñibles para cada curso.

Cando unha asociación solicite máis dun curso, os custos de coordinación do resto dos cursos reduciranse nun 25%.

* Serán obxecto de axuda os custos correspondentes ó grupo B seguintes:

a) Gastos de seguros de accidentes dos alumnos e, se é o caso, importe da póliza de responsabilidade civil para facer fronte ós riscos que para os bens ou persoas poidan derivar da realización das actividades do curso.

b) Gastos de medios e material didáctico, como textos e materiais dun só uso para os alumnos, así como os materiais de traballo funxible utilizados durante as actividades do curso.

c) Gastos de enerxía eléctrica, combustible, mantemento das instalacións e equipamentos formativos.

d) Outros gastos xerais que teñan a súa orixe no desenvolvemento do curso, que comprenderán os seguintes:

-Gastos de transporte motivados pola realización de viaxes didácticas previstas no programa de actividade formativa; no caso de que a visita didáctica orixinase gasto de entradas, o custo destas poderá incluírse. Este epígrafe non poderá supera-lo 40 por cento dos gastos xerais.

- Gasto de limpeza do lugar ou lugares da realización das actividades formativas: aulas, talleres e elementos comúns.

-Gasto de publicidade da actividade formativa.

-Gastos de alugamentos de instalacións e de maquinaria.

Non serán xustificables os gastos de manutención nin de transporte pola asistencia ó curso.

Así mesmo, non será posible xustificar ningún gasto pola asistencia ó curso.

Artigo 6º.-Obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiarios das axudas deberán cumpri-las seguintes obrigas:

A) 1. Facer constar en tódolos documentos e publicidade da actividade formativa os anagramas da Xunta de Galicia e da Comunidade Europea, facendo referencia a que a axuda está cofinanciada polo Fondo Social Europeo (FSE). Así mesmo, no desenvolvemento da acción formativa, indicaráselles ás refe

rencia os participantes, que a axuda está cofinanciada polo Fondo Social Europeo (FSE).

2. Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas ou polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

3. Levar un control de presencia, nas horas lectivas, dos inscritos ó curso mediante unha listaxe na que asinen os asistentes a cada xornada.

B) Antes do inicio da acción formativa:

Co fin de planifica-la supervisión de cada curso, remitiráselle ó Centro de Formación, Investigación e Tecnoloxía Agraria de Galicia, cun mínimo de dez días de antelación do inicio da actividade formativa, contados dende a entrada no rexistro do Centro de Formación, Investigación e Tecnoloxía Agraria de Galicia, a seguinte documentación:

1. As datas exactas do seu inicio e remate, así como horario previsto no seu desenvolvemento.

2. A planificación temporal e horaria do programa da acción formativa e daquelas actividades complementarias que se vaian realizar nesta.

3. O enderezo completo do lugar no que se impartirá, indicando se é propio ou alugado.

4. Relación de profesorado que vai imparti-lo curso, currículum vitae que acredite a súa formación e experiencia.

5. Datos persoais e enderezo da persoa responsable da coordinación.

6. Relación definitiva dos alumnos inscritos, dos seus datos persoais, enderezo, número de teléfono, segundo o modelo que se acompaña no anexo IV.

C) Ó longo da realización da actividade formativa:

1. Someterse ás actuacións de supervisión e control que en calquera momento poidan acorda-los servicios competentes do Centro de Formación, Investigación e Tecnoloxía Agraria de Galicia, tanto no relativo ó desenvolvemento da acción formativa como á súa xestión e tramitación administrativa.

2. Comunicar calquera circunstancia ou eventualidade que poida afecta-lo desenvolvemento da actividade formativa.

D) Ó finaliza-la actividade formativa:

Remitirlle ó Centro de Formación, Investigación e Tecnoloxía Agraria de Galicia:

-Xustificantes do gasto orixinado polo curso impartido.

-Unha nova declaración de non ter solicitadas nin obtidas outras axudas para o mesmo curso, nin para outras accións formativas agrarias, ás distintas administracións públicas ou privadas.

-Relación dos alumnos, que asistisen a máis do 70% das horas lectivas, cos seus datos persoais, enderezo, número de teléfono e sinatura segundo anexo V.

Artigo 7º.-Incumprimento de obrigas e reintegro.

Será motivo de perda da axuda o incumprimento das obrigas sinaladas no artigo anterior, o que dará lugar ó reintegro total ou parcial da subvención percibida.

Artigo 8º.-Modificación da resolución da concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 9º.-Seguimento e control das actividades formativas.

O Centro de Formación, Investigación e Tecnoloxía Agraria de Galicia, a través do persoal dos servicios competentes, verificará o cumprimento do disposto nesta orde, mediante visitas de supervisión ós cursos que sexan aprobados.

Cando nun caso se detecte a existencia de irregularidades ou deficiencias que non puidesen ser emendadas no prazo concedido polo Centro de Formación, Investigación e Tecnoloxía Agraria de Galicia, ou que estas incidan negativamente na súa calidade docente, procederase á súa cancelación coa obriga de reintegro da axuda concedida, nos termos e coas condicións establecidas no artigo 78 da Lei de réxime financeiro e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 10º.-Xustificación e pagamento:

Xustificación:

Con carácter xeral a xustificación da axuda farase efectiva da maneira seguinte:

A certificación e xustificación de cada un dos cursos aprobados realizarase dentro dos 15 días seguintes á súa finalización, de acordo coas seguintes normas:

* Gastos do grupo A:

a) Relación de recibos ou facturas orixinais correspondentes ó profesorado, xunto coa certificación das horas impartidas. Ó confecciona-lo recibo terase en conta a retención do IRPF, segundo modelo adxunto no anexo III.

b) Recibo ou factura correspondente ós gastos de coordinación coa certificación correspondente. Terase igualmente en conta a retención do IRPF segundo modelo que se xunta no anexo III.

* Gastos do grupo B:

Facturas orixinais xustificativas, acompañadas dunha relación destas na que figure o nome do provedor, número de factura e número de conta de ingreso así como a certificación correspondente de que os gastos relacionados foron os reais do curso.

As certificacións ás que se fai referencia serán emitidas polo responsable da asociación beneficiaria da axuda da actividade formativa.

Pagamento:

O pagamento das axudas realizarase dunha soa vez, e unha vez que a xustificación presentada sexa aprobada polo organismo xestor destas.

Artigo 11º.-Remate das accións formativas.

O remate e xustificación das accións formativas producirase, necesariamente, antes do 31 de outubro de 2004.

Artigo 12º.-Dereitos e deberes dos alumnos.

A) A formación que reciban os alumnos participantes nas accións formativas será gratuíta.

B) Os alumnos terán a obriga de asistir e seguir con aproveitamento os cursos, así como facilita-la documentación que lles sexa solicitada pola asociación que imparte o curso.

Artigo 13º.-Especialidades formativas.

a) As especialidades formativas que se impartirán con carácter prioritario dentro da programación serán aquelas referidas ós seguintes epígrafes:

1. Temas referentes á diversificación de cultivos e actividades productivas agrarias, recuperación de cultivos tradicionais e actividades complementarias relacionadas.

2. Temas referentes ó fomento e mantemento do emprego complementario e intimamente relacionado coa actividade agraria.

3. Temas relacionados coa formación dos mozos e a súa participación na empresa agroalimentaria.

4. Temas que afecten a mellora das explotacións agro-gandeiras e forestais.

5. Temas relacionados coa innovación tecnolóxica agraria.

6. Temas relacionados e tendentes a fomenta-lo asociacionismo e o cooperativismo agrario.

7. Temas de mantemento e mellora do medio natural.

8. A empresa agraria como actividade económica.

9. As boas prácticas agrarias.

10. Temas de seguridade e hixiene no traballo.

11. Temas relacionados coa comercialización e transformación de productos agrarios.

12. Outros temas de interese agrario.

A temática do curso indicarase no epígrafe correspondente do anexo II da solicitude de cada curso, segundo o número dos epígrafes anteriores.

b) Comprenderán as especificacións técnico-docentes e o contido formativo axeitado, de acordo co seu nivel e grao de dificultade.

Capítulo III

Da convocatoria pública

Artigo 14º.-Solicitudes de cursos, prazo e resolución.

1. As asociacións, que reunindo os requisitos, desexen realizar accións formativas das recollidas nesta orde, deberán formaliza-la correspondente solicitude no modelo normalizado que se publica como anexo I, e que estará á disposición dos interesados nas oficinas agrarias comarcais. A dita solicitude será subscrita polo titular ou representante

legal destas e xuntaráselle a seguinte documentación:

-Documentación xustificativa de ser asociación suxeita e regulamentada pola Lei orgánica 1/2002 que regula o dereito de asociación, e de te-lo carácter de asociación sen ánimo de lucro e os seus fins.

-Documentación acreditativa da representatividade suficiente para asina-la solicitude.

-Fotocopia do DNI do representante.

-Certificado de solvencia técnica na que se fagan consta-las actividades formativas realizadas nos dous últimos anos, e titulación académica do profesorado.

-Ficha de cada curso solicitado, segundo o modelo que figura no anexo II desta orde, debidamente cuberta.

-Declaración de non ter solicitado nin obtido outras axudas para o mesmo curso nin para outras actividades formativas agrarias, ás distintas administracións públicas ou privadas.

-Memoria e programa completo da actividade, de cada curso solicitado, coa indicación das accións que se van desenvolver e os obxectivos que se pretenden acadar.

-Relación detallada de dotacións, equipamentos e medios materiais que se utilicen no seu desenvolvemento e unha descrición dos locais no que se vaia desenvolve-lo curso.

-Certificación da entidade bancaria, que acredite a existencia da conta a nome da asociación ou entidade solicitante.

2. As solicitudes presentaranse preferentemente no rexistro da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, en calquera das súas dependencias provinciais e locais ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e irán dirixidas ó conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

3. O prazo para a presentación das solicitudes será de 40 días hábiles, contados dende o seguinte ó da publicación desta orde.

4. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria, ou a documentación presentada conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase ó solicitante para que no prazo de 10 días hábiles proceda a emenda-la deficiencia detectada, mediante a presentación da documentación requirida; se non o fixese, considerarase que desiste da súa solicitude, logo de resolución nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. O procedemento a seguir para a resolución das solicitudes é o seguinte:

a) As solicitudes presentadas coa documentación correspondente remitiranse no seu prazo ó Centro

de Formación, Investigación e Tecnoloxía Agraria de Galicia.

b) Para a análise e valoración das solicitudes constituirase unha comisión de valoración, que será a encargada de realiza-lo informe, proposta de resolución e posterior elevación ante o órgano competente.

c) A comisión de valoración estará composta por:

* Presidente: o director do Centro de Formación, Investigación e Tecnoloxía Agraria de Galicia.

* Vocais:

-O xefe de servicio de Formación Agraria.

-O xefe de servicio de Transferencia de Tecnoloxía Agraria.

-Un director dun Centro de Formación e Experimentación Agraria, nomeado polo secretario xeral da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

* Secretario: o xefe de sección de Programas e Seguimento.

O secretario xeral da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural poderá designar, en caso de necesidade, por imposibilidade de asistencia ás sesións de valoración das persoas nomeadas, ás persoas que os substitúan.

d) A comisión de valoración, no momento de puntua-las solicitudes, terá en conta unicamente os datos achegados nestas, segundo os seguintes criterios:

* Cando a temática do curso estea relacionada cos epígrafes 5 ou 6 do artigo 13º; 10 puntos por cada un.

* Cando a temática do curso estea relacionada cos epígrafes 2, 3, 7 ou 9 do artigo 13º; 9 puntos por cada un.

* Cando a temática do curso estea relacionada cos epígrafes 4 ou 10 do artigo 13º; 8 puntos por cada un.

* Cando a temática do curso estea relacionada cos epígrafes 1 ou 11 do artigo 13º; 5 puntos por cada un.

* Cando a temática do curso estea relacionada cos epígrafes 8 ou 12 do artigo 13; 4º puntos por cada un.

* Cando o curso inclúa a realización dun proxecto piloto e/ou se desenvolvan demostracións: 10 puntos.

* Que os destinatarios do curso teñan a súa explotación e o curso se imparta en zona de montaña: 5 puntos.

* Que os destinatarios do curso teñan a súa explotación e o curso se imparta en zona desfavorecida: 3 puntos.

* Que o curso supere as 40 horas: 2 puntos por cada dez horas, ata un máximo de 4 puntos.

* Que o tema do curso facilite o asentamento da poboación no medio rural, mediante diversificación productiva: ata 3 puntos.

* Nos casos de coñecerse a participación de alumnos inscritos, que presenten algunha minusvalidez (que deberá acreditarse), ata 3 puntos por cada participante valorados segundo o seu grao de minusvalidez.

e) A resolución de aprobación ou denegación das solicitudes, logo do informe da comisión de valoración, e por proposta do secretario xeral da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, correspóndelle ó conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, e seralles notificada ós solicitantes.

f) As solicitudes poderán entenderse denegadas de non dictarse resolución expresa no prazo de catro meses contados dende o día seguinte ó da publicación desta orde no DOG.

g) A concesión ou denegación da axuda seralle notificada directamente ós interesados, a través do Centro de Formación, Investigación e Tecnoloxía Agraria de Galicia. As resolucións dictadas poñen fin á vía administrativa, e contra elas poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición perante o órgano que dictou o acto, no prazo dun mes desde a súa notificación, de acordo co disposto no artigo 117, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, ou directamente, recurso contencioso-administrativo perante o órgano xurisdiccional competente, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ó da súa notificación, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Artigo 15º

As axudas económicas recollidas no artigo 4º desta orde faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 09.01.322S.480.1 do proxecto de Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2004 e por un importe de 135.000 euros, quedando a concesión da axuda supeditada á aprobación definitiva dos citados orzamentos, de conformidade coa orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 y as súas posteriores modificacións, pola que se regula a tramitación anticipada de expediente de gasto.

En todo caso, a concesión das axudas estará sometida á condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución.

Disposición derradeira

Facúltase o secretario xeral da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural para dictar cantas normas complementarias se consideren de interese para a correcta interpretación e aplicación das que aquí se sinalan. Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2003.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria e

Desenvolvemento Rural

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL

E TURISMO