Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Luns, 15 de decembro de 2003 Páx. 15.371

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

RESOLUCIÓN do 27 de novembro de 2003, da Dirección Xeral de Obras Públicas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental con data do 16 de xullo de 2003 relativa ó estudio informativo do corredor CRG.2.2, treito: Lugo (Nadela)-Sarria sur. (Clave LU/01/66.0).

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, así como lo dispuesto na Lei 6/2001, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, faise pública a resolución da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 16 de xuño do 2003, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do estudio informativo do corredor CRG.2.2, treito: Lugo (Nadela)-Sarria sur. Clave: LU/01/66.0, promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas, e que se transcribe como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2003.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Director xeral de Obras Públicas

ANEXO

Declaración de impacto ambiental, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, con data do 16 de xullo de 2003, relativa ó estudio informativo do corredor CRG.2.2. Treito: Lugo (Nadela)-Sarria sur. Clave: LU/01/66.0, nos concellos de Lugo, O Corgo, Láncara, O Páramo e Sarria (Lugo), promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas, Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, da Xunta de Galicia. (Clave 2002/1090).

A Ley 6/2001, do 8 de maio, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, establece que os proxectos, públicos ou privados, consistentes na realización das obras, instalacións ou calquera outra actividade comprendida no seu anexo I, deberán someterse a unha avaliación de impacto ambiental.

Dado que entre os proxectos considerados no antedito anexo I se atopa a construcción de autoestradas e autovías, vías rápidas e estradas convencionais de novo trazado, procédese a formula-la declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto de referencia.

O presente proxecto deseña un novo trazado para unha vía de alta capacidade no treito: Nadela-Sarria, co fin de alcanzar dous obxectivos:

a) Constituírse nunha alternativa á estrada C-546 que foi unha das primeiras da rede autonómica en ser acondicionada e mellorada, pero que hoxe se está convertendo nun eixo de desenvolvemento comercial e económico de xeito que, nestes momentos, é a estrada de máis intensidade de tráfico na provincia de Lugo.

b) Mellora-la accesibilidade de toda a zona sur da provincia de Lugo á autovía do Noroeste e polo tanto diminuí-los tempos de percorrido, colaborando

así decisivamente a un obxectivo más amplo como é o da vertebración e cohesión territorial desta.

Con data do 12 de novembro de 2002 (DOG nº 218) publícase a resolución da Subdirección Xeral de Estradas da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, pola que se somete a información pública o estudio de impacto ambiental do proxecto de referencia.

Con data do 6 de xuño de 2003 recíbese no rexistro da Consellería de Medio Ambiente o expediente ambiental do proxecto, remitido pola Dirección Xeral de Obras Públicas, que contén os certificados de exposición ó público e os informes de Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural (actualmente: Dirección Xeral de Conservación da Natureza), Dirección Xeral de Saúde Pública, Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, Deputación Provincial de Lugo e dos concellos do Corgo e O Páramo.

Unha vez formalizada a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 14/2002, do 24 de xaneiro, modificado polo Decreto 333/2002, do 22 de novembro, formula a declaración de impacto ambiental (DIA) do estudio informativo do corredor CRG.2.2. Treito: Lugo (Nadela)-Sarria sur redactado en setembro de 2002, nos concellos de Lugo, O Corgo, Láncara, O Páramo e Sarria (Lugo), promovido pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda da Xunta de Galicia.

No anexo I achégase un resumo do estudio informativo e das medidas protectoras e correctoras propostas no estudio de impacto ambiental.

No anexo II resúmese o contido dos informes recibidos dos distintos organismos consultados. O resultado destas consultas tívose en conta, no que procede, no condicionado da presente DIA.

O anexo lll inclúe un resumo das alegacións recibidas como resultado do trámite de información pública. No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, estas foron tidas en conta, no que procede, nos puntos 1.2 e 8 do condicionado da DIA.

O órgano substantivo para este proxecto é a Dirección Xeral de Obras Públicas e o órgano ambiental é a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Declaración de impacto ambiental

Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se atopa a presentada pola Dirección Xeral de Obras Públicas:

-Estudio informativo do corredor CRG.2.2. Treito: Lugo (Nadela)-Sarria sur. Clave: LU/01/66.0, nos concellos de Lugo, O Corgo, Láncara, O Páramo e Sarria (Lugo),

-Estudio de impacto ambiental do corredor CRG.2.2. Treito: Lugo (Nadela)-Sarria sur. Clave: LU/01/66.0, nos concellos de Lugo, O Corgo, Láncara, O Páramo e Sarria (Lugo),

-Addenda á prospección arqueolóxica extensiva de abril de 2003,

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre e cando se cumpran as condicións que se establecen na presente DIA, ademais das incluídas no estudio de impacto ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradicción entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

A) Ámbito da declaración.

A presente declaración refírese ó proceso de execución e explotación do proxecto desenvolvido no estudio informativo do corredor CRG.2.2. Treito: Lugo (Nadela)-Sarria sur. Clave: LU/01/66.0, nos concellos de Lugo, O Corgo, Láncara, O Páramo e Sarria (Lugo), na configuración correspondente á alternativa-B; e definida nos planos da planta xeral de trazado. Alternativa B. Alternativa proposta. Plano nº 6. Follas 1 a 5, perfís lonxitudinais. Alternativa proposta. Alternativa B. Plano nº 7.1. Follas 1 a 9, planta de trazado. Vial de conexión coa C-535. Alternativa proposta. Plano nº 6. Folla 10 e perfís lonxitudinais. Alternativa proposta. Vial de conexión coa C-535. Plano nº 7.2. Follas 1 a 2.

O ámbito desta declaración é o estudio informativo citado e as modificacións xurdidas ó ter en conta os seguintes puntos:

-Analiza-lo nó de Nadela en coordinación co Ministerio de Fomento para deseña-la solución óptima desde tódolos puntos de vista.

-Estudia-lo posible cambio de emprazamento do enlace situado no p.k. 7+750 do estudio informativo, desprazándoo en dirección a Lugo, analizando a posibilidade de situalo no punto onde o solicita o Concello do Corgo.

-Estudiar en detalle os pasos a distinto nivel solicitados polo Concello do Corgo no cruzamento do corredor coas pistas de Sabarei de Abaixo-Lapío, Sabarei de Abaixo-igrexa parroquial de Sabarei e de Laxes a Ponte de Neira.

-Adoptar como trazado definitivo a alternativa C no treito comprendido entre os p.k. 11+500 e 16+000 da citada alternativa C en substitución da alternativa B (de p.k. 10+500 a p.k. 15+000), de acordo coa alegación presentada polo Concello do Páramo.

B) Condicionado.

1. Protección da atmosfera.

1.1. Sobre as emisións de po e gases.

A maquinaria utilizada no proceso constructivo deberá cumprir coa normativa vixente en materia de emisións que lle resulte de aplicación. Así mesmo, contará coa pertinente documentación acreditativa.

Durante a fase de obras, nos períodos de seca procederase á humectación das zonas onde se estean a realizar movementos de terras, co fin de evita-lo levantamento excesivo de po, tal e como se indica no estudio ambiental. Por este motivo, os camións

irán equipados con lonas ou toldos durante o transporte de materiais.

Queda prohibida a queima de restos ou calquera tipo de material procedente da obra.

1.2. Sobre a contaminación acústica.

Adoptaranse as medidas correctoras necesarias para garantir que os niveis de presión sonora orixinados na fase de obra e funcionamento, non supoñan unha alteración substancial da presión sonora soportada actualmente no ámbito territorial de emprazamento da nova infraestructura.

Para iso, atenderase en todo caso o establecido na Lei 7/1997, de protección contra a contaminación acústica, e no Decreto 150/1999, Regulamento de protección contra a contaminación acústica. Así mesmo e se as houbese, considerarase o establecido nas ordenanzas municipais dos concellos de Lugo, O Corgo, Láncara, O Páramo e Sarria (Lugo) ou, por defecto, considerarase o establecido no Decreto 320/2002, polo que se aproba o Regulamento que establece as ordenanzas tipo sobre protección contra a contaminación acústica.

En consecuencia, deberán desenvolverse en fases ulteriores de desenvolvemento do proxecto, os estudios de detalle necesarios para valora-la afección sonora prevista e propoñe-las medidas correctoras axeitadas. O dito estudio de detalle deberá ser presentado ante o órgano ambiental de acordo co indicado no punto 9.2.

Así mesmo elaborarase un plan de seguimento de ruídos, tanto para a fase de obra como para a explotación, que se implementará no Programa de Seguimento e Vixilancia Ambiental segundo aprobado na presentación da documentación solicitada no punto 9.12.

2. Protección das augas e leitos.

Calquera actuación ou afección nas zonas de servidume ou policía dos cursos de auga, así como calquera captación ou vertedura, precisará da autorización da Confederación Hidrográfica do Norte.

Neste ámbito, evitarase a colocación de estructuras de paso sobre a rede hidrográfica superficial tipo marco ou tubo co obxecto de impedir calquera alteración do leito fluvial e a limitación de desprazamentos da fauna piscícola en épocas de estío.

Presentarase detalle destas estructuras conforme se indica no punto 9.6.

As drenaxes transversais do viario realizaranse de xeito que non se modifique o actual réxime hídrico da zona. Para tal fin deberase presentar un estudio da localización de tódolos dispositivos de drenaxe necesarios, tanto transversais como lonxitudinais. No estudio incluirase un plan do control de seu funcionamento, de acordo co requirido no punto 9.6 desta DIA.

A achega das augas das drenaxes transversais e lonxitudinais á rede hidrográfica farase gradualmente, instalando sistemas protectores e/ou de disipación de enerxía á súa saída, co fin de evitar erosións, deposición de sólidos ou asolagamentos na traxectoria de incorporación das augas ós cursos naturais.

Non se acumularán terras, entullos, material de obra nin calquera outro tipo de materiais ou substancias nas zonas de servidume dos cursos fluviais, nin interferindo na rede natural de drenaxe, para evita-la súa incorporación ás augas no caso de chuvias ou escorrega superficial. Non está permitido a lavada de maquinaria e materiais nos cursos de auga.

Queda prohibida a vertedura de calquera material ou substancia ás augas continentais, en especial, cementos e hidrocarburos.

En fase de obra, disporanse sistemas que impidan ou controlen a chegada, a través de procesos de escorrega superficial, de materiais procedentes dos movementos de terras e escavacións ás augas continentais, tal e como se require no punto 9.5.

As augas continentais afectadas polas obras cumprirán, en todo momento, o preceptuado no artigo 80 sobre calidade mínima esixible ás augas continentais do Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos sistemas acuáticos continentais.

Co fin de controlar que a calidade das augas non resulta afectada, tanto na fase de obras como durante os tres (3) primeiros anos de funcionamento, levarase a cabo un plan de control da calidade das augas, englobado na documentación presentada segundo o indicado no punto 9.11.

Tódalas augas procedentes da zona de instalacións auxiliares ás obras serán derivadas e someteranse a un sistema de decantación ou desbaste de sólidos previo á súa restitución ó medio fluvial.

Evitarase a deterioración así como calquera influencia negativa sobre os hábitats fluviais, protexendo a vexetación das ribeiras. Así, prohíbese a colocación de piares das pontes dentro dos leitos e sinálase que os estribos estarán afastados polo menos 5 metros do leito.

Presentarase detalle destas estructuras conforme se indica no punto 9.7.

Non estando prevista no estudio ambiental presentado a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, este necesariamente será provisto desde planta ou plantas localizadas fóra da obra, que conten coas debidas autorizacións.

3. Protección dos solos.

Realizarase un control topográfico preciso dos límites das zonas de obra e da localización de tódalas infraestructuras e instalacións proxectadas, co fin de delimita-las distintas zonas de obra, mediante o seu balizado, que deberá manterse en perfecto estado durante o transcurso das obras, sendo retirado cando estas finalicen. Está prohibido ocupar terreos fóra dos previstos.

Esta delimitación deberá quedar especialmente clara na localización do dominio público hidráulico.

Na selección das zonas destinadas ó emprazamento das instalacións auxiliares, primará o uso dos espacios ocupados pola traza fronte a calquera outro, evitando, en todo caso, a súa localización sobre ou no contorno de zonas vulnerables: dominio público

hidráulico, rede fluvial, bosques climácicos, bens patrimoniais e núcleos de poboación, de maneira que estas se sitúen en espacios carentes de valores ambientais relevantes. Achegarase plano a escala axeitada segundo consta no punto 9.3.

No caso da definición de vías auxiliares, primará o uso da propia traza fronte ó de viarios locais preexistentes e, de ámbolos dous, fronte á apertura de novas vías. Estes deberán ser definidos e reflectidos en planos a escala 1/5.000 tal e como se require no punto 9.4.

Calquera material procedente de canteira que se precise para o desenvolvemento das obras, deberá proceder de canteiras autorizadas. No caso de que se precise da apertura de canteiras no curso das obras, deberase contar previamente coas autorizacións precisas en función da lexislación vixente. Deberá acreditarse a súa procedencia, indicando localización, extensión, volume e condicións de restauración do préstamo que se vai efectuar.

Ó remata-las obras, tódalas instalacións auxiliares deberán ser desmanteladas e, no caso de que estas non se atopen situadas sobre a propia traza, restaurados os espacios ocupados por elas ó seu estado preoperacional. O mesmo é aplicable para o caso de viarios de obra que non vaian ser utilizados posteriormente ó remate daquelas.

Previamente ás operacións de movemento de terras retirarase a capa de terra vexetal da zona que será almacenada para o seu posterior estendido nos noiros xerados na obra e resto de zonas definidas no correspondente proxecto de restauración e acondicionamento paisaxístico. O dito programa deberá ser presentado ante o órgano ambiental de acordo co indicado no punto 9.9.

A terra vexetal que se vai recuperar será almacenada de acordo co indicado no punto 9.3 do EsIA. No caso de que o período de almacenamento sexa prolongado, realizaranse labores de mantemento consistentes en regas e removeduras periódicas, achegas de fertilizantes minerais e sementeiras de herbáceas (gramíneas e leguminosas) con achegas de mulch suficiente para manter entre un 5% e un 6% de materia orgánica.

4. Xestión de residuos.

Tódolos residuos que se xeren como consecuencia da instalación, explotación e desmantelamento da nova vía deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura.

Os residuos almacenaranse en contedores ata a súa entrega a xestor autorizado, situados na zona de instalacións de obra, atendendo os criterios de almacenamento establecidos na lexislación vixente e sinalizando claramente a súa presencia.

Os labores de limpeza, mantemento e reparación da maquinaria durante a fase de construcción realizaranse en talleres autorizados, eliminando así o risco de derrames accidentais de substancias contaminantes. Cando isto non sexa posible polas características da maquinaria (mobilidade restrinxida), estas tarefas realizaranse na zona destinada a ins

talacións de obra, protexendo o solo con materiais impermeables e dispoñendo os medios necesarios para a recollida de posibles verteduras.

Ó finaliza-las obras, e antes do inicio da fase de explotación, deberán terse retirado e xestionado a totalidade dos residuos de obra.

5. Protección da fauna e vexetación.

5.1. Sobre a fauna.

Farase un estudio específico co obxecto de valora-las afeccións ou impactos da alternativa seleccionada sobre a fauna; prestando especial atención ás especies de caza maior e co obxecto complementario de valora-la posibilidade da creación de pasos de fauna específicos e realiza-las propostas correspondentes. Neste estudio terase en conta o efecto barreira que ocasiona a C-546, debido á sinerxia de impactos derivados do efecto barreira que se producirá pola presencia das dúas vías.

O dito estudio deberá ser presentado ante o órgano ambiental de acordo co indicado no punto 9.8.

No anterior estudio localizaranse os pasos de fauna necesarios para garanti-la permeabilidade da obra neste sentido. Estes pasos poderán ser específicos para a fauna ou ben poderán ser ampliacións e adecuacións de obras de drenaxe transversal.

As obras de drenaxe adaptadas como pasos de fauna deberán ser de tipo pórtico evitando os pasos tipo marco ou tubo, xa que estes xeran unha elevada velocidade e unha lámina de auga con moi baixa cota. Así mesmo, este tipo de pasos provoca unha maior afección ó leito do río.

En caso de que tecnicamente non sexa posible o anterior, deberán xustificarse as infraestructuras que se van instalar, garantindo que co seu deseño non se xeren no punto de paso láminas de auga de pouca profundidade e excesiva velocidade e que se minimiza a lonxitude do paso o máximo posible. A totalidade do sistema de drenaxe debe ser considerado como paso bidireccional de fauna, e por tanto, desprovisto de estructuras de caída vertical que impidan o retorno. Así mesmo, o deseño de tódolos elementos de drenaxe deberá prever que tódalas especies que caian neles poidan saír.

Nos pasos de fauna realizarase un resalte trapezoidal do terreo de 0,3 m nunha largura de 1 m e con pendente cara á zona de drenaxe para permiti-lo paso dos animais terrestres.

Realizaranse plantacións nas bocas dos pasos para facilita-la súa integración no contorno, crear un efecto pantalla e minimiza-las reticencias da fauna para atravesalos. Do mesmo xeito, estas plantacións servirán de localizadores dos pasos durante a fase de explotación.

Para minimiza-lo risco de atropelos, a nova vía quedará perfectamente valada en todo o seu perímetro mediante un peche de malla metálica tipo cinexético cunha altura non menor de 1,50 m de xeito que imposibilite o paso de calquera especie. A luz de malla na parte máis próxima ó chan será o suficientemente pequena para impedi-lo paso de fauna de pequeno tamaño.

O valado irá enterrado no terreo nunha profundidade suficiente para impedi-lo acceso de animais escavadores.

Colocaranse portelas de escape simples ou dobres nos puntos máis adecuados para tal fin como poden ser zonas próximas a obras de drenaxe ou zonas onde a traza, tras xerar desmontes ou terrapléns de importancia, aproxime a súa rasante co terreo.

Incorporarase ó Programa de Seguimento e Vixilancia Ambiental o seguimento da eficacia das estructuras de drenaxe transversal como puntos de paso para a fauna e, se procede, segundo os resultados do estudio indicado no punto 9.8, dos pasos específicos para fauna cunha implementación que se derive das conclusións do estudio que se vai realizar en atención ó estipulado anteriormente.

5.2. Sobre a vexetación.

Para calquera aproveitamento, utilización ou modificación da vexetación de ribeira haberá que aterse ó disposto na Resolución do 27 de maio de 2002 (e posteriores correccións de erros), da Consellería de Medio Ambiente, relativa á tramitación e resolución dos expedientes de autorización para sementeiras, plantación e corta de árbores en terreos de dominio público hidráulico, e para o aproveitamento e utilización da vexetación arbórea ou arbustiva das ribeiras dos ríos.

6. Protección da paisaxe.

Procederase a redactar un proxecto de restauración e acondicionamento paisaxístico dos espacios alterados polas obras en base ás liñas xerais expostas no EsIA, no informe da Dirección Xeral de Conservación da Natureza e incluíndo tamén os medios precisos para darlle cumprimento a esta declaración de impacto ambiental.

No dito proxecto consideraranse tódolos espacios ocupados por instalacións ou actividades auxiliares ás obras.

Naquelas zonas afectadas polos movementos de terras, escavacións e, en xeral, sobre todas aquelas superficies que, a consecuencia da realización das obras, queden desprovistas de vexetación, procederase á aplicación dos procedementos de restauración á maior brevidade posible, co obxecto de evitar a aparición de fenómenos erosivos. En caso de ser necesarias, adoptaranse as correspondentes medidas correctoras para evita-la erosión, como pode ser o estendido de mantas de fibra de coco.

7. Protección do patrimonio.

Estudiarase a tipoloxía do viaducto que cruza no p.k. 25+000 o Camiño de Santiago (Camiño Francés), tendo en conta os seguintes aspectos:

-O deseño do viaducto acadará a necesaria calidade estética que require intervir nun espacio paisaxístico protexido desde a perspectiva do patrimonio cultural.

-O número de apoios cruzando o val será o mínimo posible, distanciándoos ó máximo do camiño.

-A estructura (piares e taboleiro) resolverase xeometricamente de maneira que se minimice o impacto visual, mediante a elección de formas e seccións

debidamente estudiadas que respondan a este criterio.

-Evitaranse os recheos e terrapléns nos extremos do viaducto, sendo preferible amplia-lo van que vai modifica-la topografía actual do val polo que discorre o camiño.

-A intervención virá acompañada dunha posible actuación paisaxística nas marxes do camiño, como pode se-la plantación arbórea ó longo do treito no que o impacto visual da infraestructura sexa máis patente.

Cara á avaliación detallada do impacto da traza proposta sobre o patrimonio cultural, na fase de elaboración do proxecto de trazado deberase realizar unha prospección arqueolóxica intensiva do ámbito das obras, onde se terán en conta as medidas correctoras que se deriven do indicado no parágrafo anterior e na memoria presentada para os xacementos localizados. Ademais, avaliaranse as posibles incidencias noutros xacementos que poidan aparecer no transcurso da prospección intensiva.

O proxecto de trazado deberá ser presentado perante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e conterá un plan global de medidas correctoras que se van realizar nas distintas fases de execución das obras, valorado economicamente, que se incluirá no orzamento final da obra. Este plan global deberá incluí-lo control e seguimento arqueolóxico das fases de replanteo, execución de obra e de restitución dos terreos.

Terase en conta que con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas previstas en cada unha das fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección.

Tódalas actuacións arqueolóxicas deberán ser realizadas por técnicos arqueólogos, de acordo cun proxecto presentado e autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, tal e como estipula a normativa vixente na materia.

8. Protección dos servicios existentes.

Manterase a permeabilidade territorial da zona, conservando os servicios e servidumes de paso que actualmente existen. Se durante as obras cómpre corta-lo paso dalgunha vía, deberanse indicar rutas alternativas que presten o mesmo servicio.

Conservaranse as conduccións existentes de abastecemento de auga, tanto públicas como privadas, que conten coa pertinente autorización. En caso de imposibilidade técnica, realizaranse as necesarias operacións para mante-lo servicio.

9. Documentación adicional.

Previamente ó inicio do proceso constructivo, o promotor remitiralle ó órgano ambiental para a súa avaliación e, se procede, imposición de novas medidas de corrección ou outras adicionais que do dito proceso puidesen derivarse, dous (2) exemplares da seguinte documentación:

9.1. Memoria xustificativa que analice os posibles impactos que poidan xera-las modificacións realizadas respecto do trazado orixinal a consecuencia

dos estudios que se van realizar para salvagarda de determinados xacementos arqueolóxicos, así como para asumi-lo cambio de trazado derivado da alegación dos concellos do Corgo e O Páramo e da coordinación co Ministerio de Fomento.

9.2. Estudio de detalle para valora-la afección sonora prevista polo funcionamento da nova infraestructura e, se procede, proposta das medidas correctoras axeitadas.

9.3. Plano a 1:5.000 onde se sinale o emprazamento das instalacións auxiliares ou zonas de acopio das obras segundo se prevexa. Irá acompañado dunha memoria onde consten os equipamentos destinados a previ-la xeración de impactos adicionais de cada unha das instalacións previstas, así como unha definición suficiente das súas funcións. Inclúense aquí tanto instalacións auxiliares como lugares destinados á realización de acopios.

9.4. Definición, incluíndo soporte cartográfico a escala 1:5.000, da localización dos accesos de obra, incluíndo a xustificación da apertura de novos accesos en caso de que se precisen. Irá acompañado dunha memoria onde consten os impactos adicionais de cada un dos accesos previstos, así como unha definición suficiente das medidas correctoras que se van adoptar.

9.5. Definición dos sistemas destinados a previ-la contaminación das augas a consecuencia dos procesos de escorrega superficial en fase de movementos de terras.

9.6. Detalle da configuración e características das obras de drenaxe transversal en atención ó sinalado nas condicións 2 e 5.1.

9.7. Detalle da configuración e características das estructuras ou pontes de paso sobre a rede fluvial en atención ó sinalado na condición 2.

9.8. Estudio específico co obxecto de valora-las afeccións ou impactos da alternativa seleccionada sobre a fauna; tal e como establece o punto 5.1; incluíndo, se procede, a definición e localización en planos, dos pasos de fauna cunha implementación que se derivará do dito estudio.

9.9. Proxecto de restauración e acondicionamento paisaxístico conforme o sinalado nas condicións 3 e 6.

9.10. Informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural sobre a memoria técnica da prospección arqueolóxica intensiva que se vai realizar conforme establece a condición 7.

9.11. Programa de vixilancia e seguimento ambiental adaptado ós condicionantes da presente declaración e conforme o sinalado na condición 10.

9.12. Notificación do responsable ambiental tal e como se require no punto 11.5 da DIA.

Unha vez avaliada a antedita documentación, remitiráselle ó promotor o seu resultado, non podendo proceder ó inicio das obras ata que non conte co informe favorable desta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Unha vez informado por esta dirección xeral o cumprimento do indicado nos puntos anteriores, o promotor comunicaralle a esta dirección xeral a data de inicio das obras, remitindo, como mínimo 48 horas antes do seu comezo, un cronograma de obras actualizado, contendo tódalas actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, as datas de inicio, fin e a duración prevista.

10. Programa de seguimento e vixilancia ambiental.

Redactarase un novo programa de seguimento e vixilancia ambiental para o seguimento e control dos impactos e da eficacia das medidas correctoras establecidas no estudio de impacto ambiental e nas condicións da presente declaración.

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras consideradas no estudio ambiental e no condicionado desta declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudio ou no condicionado da DIA e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Tódalas as medicións e analíticas deberán ser realizadas por entidade homologada ou acreditada e os resultados deberán vir asinados por un técnico da dita entidade. Así mesmo, tal e como se estipula no punto 9.12 desta declaración, deberá nomearse un responsable do cumprimento do programa de vixilancia e seguimento ambiental.

Tendo en conta o anterior, o promotor remitiralle, a esta dirección xeral, coas periodicidades que se indican, dous (2) exemplares de:

10.1. Trimestralmente, durante a fase de obras:

10.1.1. Cronograma actualizado das obras, xunto cun plano no que se reflicta a zona de actuación prevista para o seguinte trimestre.

10.1.2. Resultados das medicións do nivel de ruído, en plena actividade, indicando persoal de obra e maquinaria en funcionamento durante a realización da medición. As medicións serán efectuadas por entidade homologada e os informes presentaranse asinados por técnico desa entidade.

10.1.3. Resultados do control do funcionamento da rede de drenaxe, da calidade das augas e das súas condicións de incorporación á rede natural.

10.1.4. Memoria onde se describa o desenvolvemento dos traballos dende a emisión do último informe de obras, controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia (indicando datas das visitas), medidas protectoras e correctoras levadas a cabo e resultado destas (control de eficacia), incidencias ou imprevistos acontecidos e solucións adoptadas, destino dos sobrantes de terras, residuos de obra e biomasa vexetal, en relación a tódolos aspectos incluídos no estudio ambiental e no condicionado desta declaración.

10.2. Ó final das obras, comunicarase a data prevista para a posta en marcha da explotación. No prazo máximo de dous (2) meses dende o remate dos traballos, presentarase un informe fin de obras, co seguinte contido mínimo:

10.2.1. Memoria onde se describa o desenvolvemento dos traballos desde a emisión do último informe de obras, controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia (indicando datas das visitas), medidas protectoras e correctoras levadas a cabo e resultado destas (control de eficacia), incidencias ou imprevistos acontecidos e solucións adoptadas, destino dos sobrantes de terras, residuos de obra e biomasa vexetal e descrición detallada do estado final da área afectada, en relación a tódolos aspectos incluídos no estudio ambiental e no condicionado desta declaración.

10.2.2. Reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos máis salientables da actuación, así como das zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización.

10.2.3. Documentación acreditativa da entrega a xestor autorizado dos residuos xerados.

10.2.4. Documentación acreditativa de ter notificada a pequena producción de residuos perigosos para a fase de explotación, segundo o Decreto 298/2000, do 7 de decembro, polo que se regula a autorización e notificación de productor e xestor de residuos de Galicia.

10.3. Seguimento ambiental anual, contado desde o inicio da explotación, durante os tres primeiros anos desta. Este informe incluirá, como mínimo, os seguintes contidos:

10.3.1. Resultados das medicións do nivel de ruído na fase de funcionamento da vía. Os resultados da primeira medición realizada serán remitidos no momento no que sexan obtidos.

10.3.2. Resultados do control do funcionamento dos dispositivos de drenaxe, mantemento do réxime hídrico, calidade das augas e condicións de incorporación das augas á rede natural de drenaxe, de acordo co indicado no punto 2 da DIA.

10.3.3. Resultados do plan de seguimento de fauna, conforme o indicado no punto 5.1 desta DIA.

10.3.4. Informe, acompañado de reportaxe fotográfica detallada, no que se describan os resultados da aplicación do plan de restauración, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado das vías, noiros, drenaxes, foxos e aquelas zonas nas que se aplicasen medidas de protección contra a erosión. Detalle dos controis ambientais efectuados (indicando datas das visitas) para verifica-la eficacia e evolución das medidas protectoras e correctoras adoptadas, avaliando o seu resultado. Descrición das posibles incidencias en relación a tódolos aspectos incluídos ou derivados da DIA. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización

11. Condicións adicionais.

11.1. A Dirección Xeral de Obras Públicas comunicaralle a esta dirección xeral a data de comezo de execución das obras.

11.2. Se unha vez emitida esta DIA se manifestase algún outro tipo de efecto, severo ou crítico sobre o ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos e se corrixan. Do mesmo xeito, poderase proceder no caso de incumprimento total ou parcial das condicións expostas nesta declaración.

11.3. Así mesmo, o incumprimento total ou parcial por parte do promotor das condicións impostas nesta DIA, poderán ser causa suficiente para proceder á solicitude de peche cautelar e adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

11.4. As condicións sinaladas nesta declaración de imposto ambiental son de obrigado cumprimento para o promotor. Nembargantes, este poderá solicitarlle ó órgano ambiental a revisión das medidas sinaladas co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles casos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes respecto do cumprimento dos obxectivos do proxecto, sempre e cando as novas medidas propostas, permitan acada-los obxectivos e metas que se fixan nesta declaración de impacto ambiental.

Nesta circunstancia, o promotor solicitarao, nun prazo máximo dun (1) mes de lle ser notificada a presente declaración á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas, comunicándolle o acordo adoptado ó promotor, que non poderá comeza-los traballos antes de contar cunha resolución desta dirección xeral para o efecto.

11.5. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, o promotor deberá designar un responsable deste, notificando o seu nomeamento ó órgano ambiental.

11.6. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberá elaborarse tendo en conta a variable ambiental e ser notificado previamente a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e decidirá sobre a súa aceptación, comunicando así mesmo se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

11.7. O órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá dictar en calquera momento e para os sós efectos ambientais, condicionados adicionais ós que constan na presente DIA en función dos resultados que se acaden tanto no desenvolvemento das obras como durante a explotación, ou ante unha manifestación de calquera tipo de impacto non considerado ata o momento.

11.8. Deberán efectuarse os trámites oportunos para a publicación da DIA no Diario Oficial de Galicia, conforme o disposto no artigo 5.7º Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2003. José Luis Díez Yáñez. Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

ANEXO I

Descrición do proxecto e medidas correctoras

1. Obxecto do estudio.

O presente estudio informativo deseña un novo trazado para unha vía de alta capacidade no treito: Nadela-Sarria, co fin de acadar dous obxectivos:

a) Constituírse nunha alternativa á estrada C-546 que foi unha das primeiras da rede autonómica en ser acondicionada e mellorada, pero que hoxe se está convertendo nun eixo de desenvolvemento comercial e económico de maneira que, nestes momentos, é a estrada autonómica de máis intensidade de tráfico na provincia de Lugo (9.500 vehículos/día de media no ano 2001) e que fixo que baixase o nivel de servicio desta.

b) Mellora-la accesibilidade de toda a zona sur da provincia de Lugo á autovía do Noroeste A-6 e polo tanto diminuí-los tempos de percorrido, colaborando así decisivamente a un obxectivo máis amplo como é o da vertebración e cohesión territorial desta.

2. Descrición e estudio de alternativas.

Estudiouse unha vía de alta capacidade como unha solución de equilibrio entre a disposición do entramado urbano e rural, que aconsella afastarse dos núcleos de poboación de Nadela, A Pobra e Sarria e a súa ampliación prevista nos planeamentos municipais, evitando a incidencia sobre os numerosos recursos arqueolóxicos ó mesmo tempo que, dentro dos parámetros técnicos esixidos, se procurou reducir a valores mínimos a influencia do corredor sobre os vales dos ríos Chamoso, Neira e río Pequeno de Sarria e os montes dos Castros, Porqueira e Santa Cristina e nos solos de especial aproveitamento agrícola ou forestal, estudiándose un trazado adaptado ós bordos das ladeiras, contornando os asentamentos de poboación e prestando especial atención á súa incidencia sobre a paisaxe.

Estúdianse tres alternativas, das que se escolle a alternativa denominada alternativa B.

2.1. Descrición da alternativa escollida.

A alternativa B discorre ó longo dun corredor polo oeste da estrada C-546, cun desenvolvemento total de 26,3 km e un trazado practicamente paralelo á citada estrada, agás no treito final da circunvalación de Sarria, no que debe afastarse do núcleo urbano para bordealo polo oeste.

A orixe da alternativa B sitúase nunha glorieta sobre a N-VI, á altura de Nadela, para conexión coa autovía do Noroeste A-6. A partir da glorieta de orixe, a alternativa B discorre pola meseta de Santa Comba cun trazado practicamente paralelo

polo oeste da C-546, a unha distancia comprendida entre os 250 m e 900 m. Nun segundo treito, desde A Pobra de San Xiao ata Sarria, o trazado da alternativa B afástase da estrada C-546.

Finalmente, a traza da alternativa B circunvala polo oeste o núcleo urbano de Sarria e acada o seu remate no enlace de Sarria sur, para conectar cunha glorieta sobre a estrada C-546, a uns 400 m da intersección de Filloi, en dirección a Monforte, no límite sur do núcleo urbano de Sarria. O enlace de Sarria sur realizarase en dúas fases, en previsión da prolongación da vía de alta capacidade en dirección a Monforte.

Vial de conexión da C-546 coa C-535.

No enlace de Sarria norte da alternativa B, proxéctase un novo vial, con características de corredor, para conexión da autovía e da C-546 coa estrada C-535 de Sarria-Becerreá, con función de circunvalación de Sarria norte.

Ó longo da alternativa B proxéctanse 7 enlaces, para articular funcionalmente a vía de alta capacidade coa rede de estradas existente e as principais poboacións polas que discorre o novo trazado.

2.2. Características técnicas.

As seccións tipo previstas para a vía de alta capacidade no treito: Nadela-Sarria, son as seguintes:

Beiravías exteriores: 2 x 2,50 m.

Calzadas: 2 x 7 m.

Beiravías interiores: 2 x 1,50 m.

Mediana: 5 m (incluíndo beiravías interiores).

Trátase duna vía de velocidade de proxecto AV-120 con raios mínimos de 700 metros a excepción do treito inicial e final onde as características xeométricas se reducen a unha AV-100 con raios de 500 m.

3. Resumo de medidas correctoras.

Planéanse as seguintes tipoloxías de medidas correctoras no EsIA realizado respecto do estudio informativo:

-Control dos movementos da maquinaria en zona de obras co obxecto de evitar afeccións innecesarias sobre terreos, predios e, en especial, leitos e ribeiras fluviais non afectadas polas obras.

-Control dos lugares de emprazamento de zonas de toma de préstamos e xeración de vertedoiros de sobrantes de terras, en atención a evitar afeccións innecesarias sobre espacios ambientalmente sensibles.

-Control das emisións acústicas asociadas ó proceso constructivo para evitar ou minimizar este tipo de afeccións sobre a poboación circundante.

-Adecuación temporal das operacións de carácter ruidoso con incidencia sobre a fauna a aquela época do ano non coincidente co período de reproducción e cría.

-Control dos lugares de emprazamento das instalacións auxiliares ás obras (oficinas, parques de maquinaria) no sentido de situalos sobre a propia traza e evitar así afeccións innecesarias sobre

terreos, predios e, en especial, leitos e ribeiras fluviais non afectadas polas obras.

-Execución de balsas de decantación co obxecto de previr contaminacións nas augas en fase de explotación da infraestructura, favorecendo así un posible proceso de recollida e tratamento das ditas augas de maneira previa á súa conexión coa rede de drenaxe natural.

-Control dos accesos temporais á zona de obras e viarios de obra, no sentido de utiliza-la propia traza e utilizar tamén vieiros preexistentes.

-Desenvolvemento dun proceso de prospección arqueolóxica intensiva en fase de proxecto constructivo e desenvolvemento dun procedemento de control e seguimento arqueolóxico das operacións de movementos de terras en fase de obras.

-Dependendo dos resultados que no seu día se obteñan do proceso de prospección arqueolóxica intensiva, poderían desenvolverse intervencións puntuais sobre os elementos do patrimonio correspondentes.

-Instalación de barreiras de retención de sedimentos co obxecto de evita-la contaminación físico-química das augas superficiais en fase de obra e durante as operacións de movementos de terras a consecuencia de posibles arrastres de terras e finos por procesos de escorrega superficial.

-Realización de regas das superficies obxecto de movementos de terras para evita-la mobilización de po e finos e evita-la contaminación atmosférica e molestias á poboación que da súa mobilización se derivarían.

-Xestión de terras vexetais, que inclúe a súa retirada de maneira previa ó inicio dos movementos de terras, o seu acopio temporal e a súa reutilización mediante o estendido sobre as superficies que posteriormente serán obxecto de sementeiras, hidrosementeiras e plantacións, é dicir, medidas de integración das actuacións proxectadas.

-Deseño e execución de plantacións específicas e singulares en zonas de ribeiras fluviais e valgadas afectadas polas obras, co obxecto de restituí-lo carácter da cuberta vexetal asociada á rede hidrográfica superficial e, en consecuencia, favorecer tamén a rexeneración nos ditos treitos dos seus ecosistemas asociados.

-Execución dun proxecto de restauración e integración paisaxística dos espacios afectados polas obras, consistente no desenvolvemento de sementeiras, hidrosementeiras e plantacións en todas aquelas superficies núas a consecuencia da execución das obras: noiros, terrapléns, illas, etc.

-Execución dun cerramento de marxe da nova infraestructura co obxecto de evita-lo acceso da fauna á vía e evitar ou minimizar así o risco de atropelo.

-Restitución de tódolos servicios e servidumes afectados polo desenvolvemento do proxecto e execución das obras.

-Instalación de catro pantallas acústicas executadas a base de material vexetal co obxecto de minimiza-la incidencia acústica derivada do tráfico cir

culante naquelas zonas onde se estima unha incidencia deste sobre a poboación circundante que superaría os límites legalmente establecidos.

ANEXO II

Resultado das consultas efectuadas

A Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural (hoxe Dirección Xeral de Conservación da Natureza), emite informe no que conclúe:

Indica que o proxecto non afecta a ningún espacio natural protexido, se ben se observa que se prevé o cruzamento de varios ríos e regatos; ademais de catro montes xestionados pola Consellería de Medio Ambiente e un total de sete aproveitamentos cinexéticos.

Así mesmo, observa a previsión dunha serie de medidas protectoras e correctoras co obxecto de realiza-las obras coas mínimas afeccións ambientais. Malia isto e co obxecto de previr outras posibles afeccións ó medio natural, desenvólvense unha serie de consideracións:

-Os vertedoiros permanentes e temporais de terras procedentes das escavacións situaranse en zonas de mínima afección ecolóxica, paisaxística e de pouco interese ambiental.

-Evitarase o depósito de residuos ou productos sólidos en zonas onde as escorregas superficiais poidan xerar arrastres e alteracións da calidade das augas; de aí que respecto disto se sinale que a calidade das augas continentais deberá cumprir en todo momento co preceptuado no artigo 80 do Decreto 130/1997, do 30 de maio.

-Tódalas augas procedentes da zona de instalacións auxiliares ás obras serán derivadas e someteranse a un sistema de decantación.

-Establecerase un programa de xestión de terras vexetais que permita a súa retirada, amoreamento, mantemento, conservación e reutilización no marco do proceso de restauración e integración visual dos espacios afectados polas obras.

-Procederase á humidificación e rega de materiais pulverulentos.

-Evitarase a deterioración, así como calquera influencia negativa sobre os hábitats fluviais, protexendo a vexetación das ribeiras. Así, prohíbese a colocación de piares das pontes dentro dos leitos e sinálase que os estribos estarán afastados polo menos 5 metros do leito.

-Evitarase a colocación de estructuras de paso sobre a rede hidrográfica superficial de pasos tipo marco ou tubo co obxecto de impedir calquera alteración do leito fluvial e a limitación de desprazamentos da fauna piscícola en épocas de estío.

-Evitarase modifica-las zonas de fluxo de augas de escorrega, evitando o cambio de cunca ou microcunca das augas de escorrega.

-As superficies correspondentes ós treitos abandonados afectados polas obras, así como aquelas zonas que se pretenda repoboar, repoboaranse con especies autóctonas da zona; incluíndose un pro

grama de seguimento respecto da evolución e eficacia das plantacións realizadas.

-Estabilizaranse os noiros co obxecto de evitar que os fenómenos erosivos provoquen desprendementos.

-Tomaranse as medidas de seguridade necesarias para evitar derramos accidentais de aceites, lubricantes, combustibles, etc.

-Integración estética ó medio das obras, diminuíndo o impacto visual e paisaxístico.

-No caso de efectuar cortas de vexetación, estas cinguiranse ó estrictamente necesario e de acordo coas autorizacións pertinentes.

-Delimitarase correctamente o terreo que vai ocupa-lo proxecto, co fin de reducir afeccións innecesarias sobre terreos lindantes e os valores ambientais neles residentes. Esta medida de corrección é imprescindible e de carácter preventivo.

-Estudiarase a afección derivada do proxecto sobre a fauna en xeral, prestando especial atención ás especies de caza maior e co obxecto complementario de valora-la posibilidade da creación de pasos de fauna.

-A roza non se realizará nunha época coincidente coa de cría da fauna da zona.

-No caso de producirse calquera afección ó medio natural durante a duración do proxecto, tomaranse inmediatamente as medidas precisas para reduci-lo dano ocasionado, comunicándoo canto antes ó Servicio Provincial de Espacios Naturais e Biodiversidade, quen decidirá sobre a conveniencia da solución que se vai adoptar.

Por último, engade que tódalas medidas correctoras, protectoras e compensatorias deberán quedar definidas a nivel executable, serán incluídas nos correspondentes planos e cronogramas de obra, así como deben estar orzamentadas e integrarse nas dotacións orzamentarias de proxecto.

A Dirección Xeral de Saúde Pública emite informe favorable sen detrimento das competencias doutros organismos.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite informe no que conclúe:

Sinala que no que respecta ó patrimonio arquitectónico e etnográfico, non parecen detectarse impactos, se ben indican que a alternativa elixida cruza no p.k. 25+000 o Camiño de Santiago (Camiño Francés), aspecto que non foi considerado no EsIA, polo que se informa desfavorablemente no que respecta a esta cuestión mentres non se estudie con detalle esta intersección e se propoñan outras alternativas máis axeitadas de cara á salvagarda dos valores paisaxísticos e ambientais da ruta xacobea, que neste treito atravesa un lugar protexido.

Posteriormente e trala achega de información complementaria a este respecto, emite un segundo informe no que se especifica:

-O deseño do viaducto acadará a necesaria calidade estética que require intervir nun espacio paisaxístico protexido desde a perspectiva do patrimonio cultural.

-O número de apoios cruzando o val será o mínimo posible, distanciándoos ó máximo do camiño.

-A estructura (piares e taboleiro) resolverase xeometricamente de xeito que se minimice o impacto visual, mediante a elección de formas e seccións debidamente estudiadas que respondan a este criterio.

-Evitarán os recheos e terrapléns nos extremos do viaducto, sendo preferible amplia-lo van que vai modifica-la topografía actual do val polo que discorre o camiño.

-A intervención virá acompañada dunha posible actuación paisaxística nas marxes do camiño, como pode se-la plantación arbórea ó longo do treito no que o impacto visual da infraestructura sexa máis patente.

No que respecta ó patrimonio arqueolóxico, sinala que pola zona en que discorre o trazado existen xacementos arqueolóxicos inventariados, polo que se estima necesario que se proceda ó estudio de propostas alternativas, incluíndo as modificacións de trazado precisas, para evita-la afección sobre os elementos do patrimonio arqueolóxico afectados directamente ou na súa área de protección.

Para iso, en fase de proxecto de trazado ou constructivo, deberase realizar unha prospección arqueolóxica intensiva da alternativa seleccionada, que debe conter un plan global de medidas correctoras que se vai realizar en cada fase da obra, valorado economicamente e integrado nas partidas orzamentarias de proxecto; incluíndo, así mesmo, o planeamento dun proceso de seguimento e control arqueolóxico en fase de replanteo, execución de obra e restitución dos terreos. Os resultados desta prospección intensiva terán que ser recollidos no proxecto de trazado e/ou constructivo.

Terase en conta que a Dirección Xeral de Patrimonio, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de corrección.

Tódalas actuacións arqueolóxicas previstas deberán ser realizadas por un equipo de técnicos arqueólogos, con experiencia demostrada na actividade de que se trate.

A Demarcación de Estradas do Estado emite informe no que conclúe:

a) Expón que no estudio informativo non se tivo en conta o proxecto de trazado e construcción de acondicionamento N-VI. Circunvalación de Lugo. Treito: Nadela-Tolda de Castilla, que inclúe a modificación da actual glorieta do enlace da autovía A-6 en Nadela, e do trazado da N-VI na zona de Nadela, onde se considera unha variante.

Informa que o novo trazado do corredor Nadela-Sarria debería partir da glorieta prevista no mencionado proxecto de trazado, con clave 47-LU-3380, sen incrementa-lo número de accesos a esta, é dicir, conectando o corredor polo actual trazado da estrada C-546 ou polo actual trazado da N-VI.

b) Desde a demarcación de estradas do Estado en Galicia estanse a desenvolve-los estudios infor

mativos claves: EI-1-E-125 autovía Lugo-Ourense e EI-1-E-117 autovía Lugo-Santiago de Compostela que poden afecta-lo trazado do enlace de Nadela e ó anteriormente exposto.

Solicita a coordinación das administracións central e autonómica para deseña-lo futuro nó e as vías adxacentes en Nadela, dada a súa importancia como nó viario.

A Deputación Provincial de Lugo emite informe no que conclúe:

Informa favorablemente, sinalando as vías da súa propiedade cruzadas polo corredor. Solicita:

-16-11. Cinto comarcal (treito Maceda-A Veiga). Pide que se mellore a capacidade da estrada da deputación a sección 7/10 (7 m de calzada + beiravías de 1,5 m) nos 600 m desde a intersección da 16-11 coa C-546 nas inmediacións de Maceda e o enlace proposto. Propón a mellora da súa capacidade portante.

-C.P. 57-01 Sarria-Céltigos. Solicita que se amplíe tanto a sección (a 7/10) como a capacidade portante dun treito de 5 km entre a C-546 e Céltigos.

-C.P. 57-13 Sarria-Piñeira. Vese afectada por un enlace tipo trompeta no p.k. 26+300 e interceptado por un ramal de enlace a 100 m da glorieta final. Solicita que se estudie no proxecto de trazado a posible conexión directa coa glorieta.

O Concello do Corgo, emite informe no que conclúe:

O proxecto secciona ou corta varias estradas e pistas municipais, polo que solicita:

-Enlace que comunique a estrada C-546 e a CN-VI coa estrada provincial de Lugo ó Páramo.

-Paso en pista Sabarei de Abaixo-Lapío.

-Paso para comunicar Sabarei de Abaixo coa igrexa parroquial de Sabarei.

-Paso que comunique a estrada de Laxe á Ponte de Neira.

O Concello do Páramo emite informe no que conclúe:

Certifica a exposición ó público e propón a alternativa C dentro do termo municipal do Páramo fronte á alternativa B seleccionada, baseándose nunha menor afección ó territorio, xa que non afecta a terreos de tanto valor agrícola-gandeiro e ten unha menor repercusión en canto ás posibilidades futuras de desenvolvemento económico da zona.

O Concello de Láncara emite informe no que conclúe:

Certifica a exposición ó público e non formula ningunha alegación ó estudio informativo.

O Concello de Lugo emite informe no que conclúe:

Certifica a exposición ó público e non formula ningunha alegación ó estudio informativo.

O Concello de Sarria emite informe no que conclúe:

Certifica a exposición ó público e non formula ningunha alegación ó estudio informativo.

ANEXO III

Resumo de alegacións

José Permuy Albuín e Manuel López Pardo realizan as seguintes alegacións:

-A cartografía utilizada non se corresponde co estado actual dos terreos.

-Declaran ser titulares dos predios incluídos dentro dun núcleo rural tradicional que quedarían divididos en dúas partes pola alternativa elixida e illadas do dito núcleo, e interceptados os servicios de saneamento, abastecemento e rede de enerxía quedando a parcela sen ningunha utilidade urbanística, o que require a formación dun plan especial que reordene o núcleo.

Solicitan que se trace o corredor pola alternativa D ata o p.k. 1+000, onde se uniría á alternativa A, e de non ser posible, se realice integramente pola alternativa A.

María Pérez Teijeiro, María Teresa Reija López, José Mª Fernández Díaz, Alfonso Parga Martínez, José Espada López, Jesús Pousada Seoane, Guillermo Reija Rodríguez, Mercedes Fernández Vila, Raúl Asorey Rial e Manuel López López realizan as seguintes alegacións:

-A cartografía utilizada non se corresponde co estado actual dos terreos.

-Declaran ser titulares de predios incluídos dentro dun núcleo rural tradicional que quedarían divididos en dúas partes pola alternativa elixida e illadas do dito núcleo, e interceptados os servicios de saneamento, abastecemento e rede de enerxía quedando a parcela sen ningunha utilidade urbanística, o que require a formación dun plan especial que reordene o núcleo.

Achegan documentación gráfica e descritiva expedida pola Xerencia Territorial do Catastro de Lugo.

Solicitan que se trace o corredor pola alternativa D ata o p.k. 1+000, onde se uniría á alternativa A, e de non ser posible, se realice integramente pola alternativa A.

María Elena Permuy Abuín e Julio Varela Castro realizan as seguintes alegacións:

-A cartografía utilizada non se corresponde co estado actual dos terreos.

-Declaran ser titulares de predios incluídos dentro dun núcleo rural tradicional que quedarían divididas en dúas partes pola alternativa elixida e illadas do dito núcleo, e interceptados os servicios de saneamento, abastecemento e rede de enerxía quedando a parcela sen ningunha utilidade urbanística, o que require a formación dun plan especial que reordene o núcleo.

-A contaminación acústica excedería o establecido na ordenanza municipal.

Achegan documentación gráfica e descritiva expedida pola Xerencia Territorial do Catastro de Lugo.

Solicitan que se trace o corredor pola alternativa D, e de non ser posible, se realice integramente pola alternativa A.

María Perejón de Ron, Julián J. García Berrios, Ramón Núñez Aldegunde, Manuel Núñez Aldegunde, Óscar Díaz Díaz e Mª Teresa del Valle Chousa alegan que a alternativa elixida e posiblemente tamén a C, cruzan a conducción de auga da súa vivenda, procedente dun pozo.

Solicitan que se garanta a conservación do servicio que abastece a súa vivenda.

As comisións veciñais de San Xoán de Pena e de Santa Comba realizan as seguintes alegacións:

-A cartografía utilizada non se corresponde co estado actual de os terreos, polo tanto, non se considera o emprazamento de diversas vivendas.

-A alternativa B, no treito comprendido entre a glorieta de Nadela e o viaducto sobre o río Chamoso, afecta varias vivendas, que quedarían rozando o trazado.

-Sinalan que o corredor divide en dous o lugar de ponte da Silva, núcleo onde se encontran servicios coma o ambulatorio, farmacia, gasolineira, bancos e comercio en xeral, o que dificultaría o acceso ós ditos servicios por parte da poboación illada polo trazado.

-A catalogación do lugar de Ponte da Silva como núcleo rural tradicional quedaría dividido en dúas partes pola alternativa elixida, e interceptados os servicios de saneamento, abastecemento, rede de enerxía e gas cidade, polo que se require a formación dun plan especial que reordene o núcleo. En igual situación encóntrase o núcleo de Santa Comba de Arriba.

-A contaminación acústica excedería o establecido na ordenanza municipal,

-A seguridade e fluidez do tráfico vese cuestionada xa que se ven obrigados a pasar pola glorieta de Nadela. Propoñen a construcción dunha rotonda unha vez pasado o cruzamento da Casilla a Recemil.

Achegan licencia para a ampliación de servicios ós predios e vivendas das Varadas e Barredos no núcleo de San Xoán de Pena e relación de sinaturas de 279 veciños.

Solicitan que se trace o corredor pola alternativa D ata o p.k. 1+000, onde se uniría á alternativa A, e de non ser posible, se realice integramente pola alternativa A.

Javier Neira Vieito e José López González alegan que a alternativa elixida e posiblemente tamén a C, cruzan a conducción de auga da súa vivenda e explotación gandeira, procedente dun pozo.

Solicitan que se garanta a conservación do servicio que abastece a súa propiedade.

Gonzalo Pereira Rodríguez alega que a alternativa elixida e posiblemente tamén a C, cruzan a conducción de auga da súa explotación gandeira, procedente dun pozo.

Solicita que se garanta a conservación do servicio que abastece a súa propiedade.

Miguel Álvarez Álvarez, presidente da Asociación de Veciños de Camposolaxes realiza as seguintes alegacións:

-Varias conduccións de auga potable do barrio de Laxes que deben respectarse en caso de seren afectadas polas obras.

-No caso de que se adopte como definitiva a alternativa B, piden que se poñan barreiras antison en 200 m do núcleo de Laxes.

-A alternativa C é especialmente agresiva co contorno do río Neira, onde se encontra o Muíño da Paz.

-Solicitan o mantemento das condicións de tráfico nas vías actuais durante as obras de construcción.

As comisións veciñais de San Fiz de Paradela e Sabarei realizan as seguintes alegacións:

-Exprópiase unha casa, aféctanse gravemente outras catro e unha explotación gandeira e varias leiras de regadío.

-O futuro desdobramento da vía influirá negativamente no uso do solo.

-Aumenta a conflictividade social ó afectar directamente as propiedades.

-O estudio informativo non prevé a contaminación acústica que inevitablemente se producirá no contorno.

Baseándose en todo iso solicitan que se elixa a alternativa A, ó se-la menos prexudicial ás parroquias que subscriben a alegación.

Achegan relación de sinaturas de 99 firmas de veciños.

Juan Carlos Toirán Villaralega que o trazado proposto afecta a maioría dos predios que posúe así como a unha explotación gandeira familiar.

Solicita que se modifique o trazado co fin de evita-las afeccións.

José Fernández Pérez realiza as seguintes alegacións:

-O trazado afecta varios predios de súa propiedade, en especial o predio Reboredo zona de importantes acuíferos.

-A construcción da vía levaría á desaparición da única carballeira da zona.

Achega concesión da Confederación Hidrográfica do Norte para o aproveitamento dos ditos mananciais.

Solicita que se teñan en contan as súas alegacións e se rexeite a alternativa B na súa actual configuración, nas inmediacións do enlace de Maceda.