Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Xoves, 11 de decembro de 2003 Páx. 15.197

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 429/2003, do 5 de decembro, polo que se acorda o sometemento a arbitraxe dos conflictos que poidan derivarse dos contratos de préstamo co Banco de Desenvolvemento do Consello de Europa.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten prevista a formalización dunha operación de préstamo co Banco de Desenvolvemento do Consello de Europa (en diante CEB) para financiar diferentes investimentos incluídos no plan de dinamización económica de Galicia.

O CEB é o principal instrumento da política de solidariedade levada a cabo polo Consello de Europa. O método que utiliza para a realización dos seus proxectos, prioritariamente de axuda ós refuxiados e os inmigrantes así como de axuda ás rexións sacudidas por catástrofes naturais e ecolóxicas, é a concesión de préstamos nas condicións financeiras máis favorables. No regulamento de préstamos do CEB esíxese que na resolución de conflictos respecto ós préstamos concedidos polo banco, as partes se sometan a arbitraxe.

A Lei 36/1988, do 5 de decembro, de arbitraxe, permite que as persoas naturais ou xurídicas poidan someter, logo de convenio, á decisión dun ou varios árbitros as cuestións litixiosas xurdidas ou que poidan xurdir, en materias da súa libre disposición conforme dereito.

A Administración autonómica de Galicia, suxeita para a adopción de decisións ós procedementos legalmente previstos, debe adaptarse neste caso ó disposto no artigo 22.1º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, que esixe a forma de decreto acordado pola Xunta de Galicia para someter a arbitraxe as contendas que se susciten sobre os dereitos da facenda da Comunidade Autónoma.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día cinco de decembro de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Acórdase o sometemento a arbitraxe de dereito, nos termos establecidos na Lei 36/1988, do 5 de decembro, co compromiso expreso de cumpri-la decisión que se adopte, de cantas cuestións relativas ós dereitos da facenda da Comunidade Autónoma de Galicia poidan suscitarse en relación cos contratos de préstamo co Banco de Desenvolvemento do Consello de Europa.

2. O procedemento arbitral será o recollido no capítulo 4º do Regulamento de préstamos do Banco de

Desenvolvemento do Consello de Europa, documento ó que se remiten os contratos de préstamo da mencionada entidade.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de decembro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda