Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Xoves, 11 de decembro de 2003 Páx. 15.196

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 26 de novembro de 2003 pola que se clasifica como de benéfico docente a Fundación para el Desarrollo de las Tecnologías de la Información y de la Comunicación (TIC).

Visto o expediente de clasificación da Fundación para el Desarrollo de las Tecnologías de la Información y de la Comunicación (TIC), con domicilio en Lugo.

Supostos de feito.

1. A fundación formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Lugo o día catro de novembro de dous mil tres, ante o notario Emilio Navarro Moreno, con número de protocolo mil cincocentos cincuenta e tres, por Francisco Cacharro Pardo, que intervén en nome e representación da Deputación Provincial de Lugo.

3. O obxecto da fundación, segundo establece o artigo 2 dos seus estatutos, é fomentar, promover e levar a cabo actividades dirixidas ó fomento da educación, a investigación e o desenvolvemento das tecnoloxías da información e da comunicación, así como o impulso e consolidación da denominada sociedade do coñecemento social e da información, de maneira que se contribúa a mellora-la formación relativa a estas tecnoloxías na provincia de Lugo.

4. O padroado da fundación estará integrado segundo se establece no artigo 11 dos estatutos.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías eleva ó conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública proposta de clasificación como benéfico docente da Fundación para el Desarrollo de las Tecnologías de la Información y de la Comunicación (TIC), dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1 e 2 do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como benéfico docente e a súa adscrición á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2.c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, corresponde a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas al finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 25 de novembro de 2003.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como benéfico docente a Fundación para el Desarrollo de las Tecnologías de la Información y de la Comunicación (TIC) adscribíndoa á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2003.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública