Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Venres, 05 de decembro de 2003 Páx. 14.956

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 1 de decembro de 2003 pola que se establecen as condicións da emisión de bonos da Comunidade Autónoma de Galicia polo importe de 125 millóns de euros.

Con base no artigo 28 da Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, o Consello da Xunta de Galicia, por Decreto 145/2003, do 31 de xaneiro, autorizou a realización das operacións financeiras recollidas na indicada lei mediante a emisión de débeda pública ou a concertación de créditos, facultando, así mesmo, o conselleiro de Economía e Facenda para que estableza as condicións das ditas operacións e dicte as disposicións necesarias para tal efecto.

Mediante acordo do Consello de Ministros do 13 de xuño de 2003, obtívose a autorización establecida no artigo 14.3º da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Emitir débeda pública da Comunidade Autónoma de Galicia por un importe de 125 millóns de euros. Esta emisión realízase baixo a forma de bonos da Xunta de Galicia, representada mediante anotacións en conta, ó abeiro dos artigos 55 e seguintes da Lei 24/1988, do 28 de xullo, do mercado de valores coas modificacións introducidas pola Lei 44/2002,

do 22 de novembro, de medidas de reforma do sistema financeiro e da Lei 41/1999, do 12 de novembro, sobre sistemas de pagamentos e de liquidación de valores.

A emisión de débeda pública que autoriza esta orde terá as características que se detallan a continuación:

-Importe: 125 millóns de euros.

-Data da emisión: 11 de decembro de 2003.

-Data de desembolso: 11 de decembro de 2003.

-Prezo da emisión: á par, libre de gastos para o subscritor.

-Nominal das obrigacións: 1.000 euros.

-Subscrición: realizarana directamente as entidades financeiras aseguradoras da emisión, actuando no nome propio ou por conta de terceiras persoas, o día 10 de decembro de 2003.

-Cupón: os cupóns serán semestrais e vencerán os días 11 de xuño e 11 de decembro de cada ano. A Xunta de Galicia pagará no seu vencemento os cupóns polo seu importe líquido. Se o posuidor é un investidor non residente que non opere en España mediante establecemento permanente, procederase á devolución de oficio das retencións practicadas, segundo o procedemento establecido na resolución da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro desta consellería, do 22-10-1993 (DOG do 8 de novembro). Así mesmo, procederase á devolución de oficio das retencións practicadas ós investidores suxeitos pasivos do imposto de sociedades, así como ós investidores non residentes que operen en España a través de establecemento permanente, segundo o procedemento establecido na resolución da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro do 3-7-2001 (DOG do 9 de xullo).

-Cotizacións: solicitarase a inscrición desta débeda pública no mercado de débeda pública de anotacións Iberclear na forma prevista nos artigos 55 e seguintes da Lei 24/1988, do 28 de xullo, de mercado de valores, e nos demais preceptos legais aplicables na materia.

-Fiscalidade: de conformidade co previsto no artigo 14.5º da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas, esta emisión goza dos mesmos beneficios e condicións que a débeda pública do Estado.

-Amortización: dunha soa vez á par, ós tres (3) anos da data da emisión.

-Tipo de xuro: o tipo de xuro será variable, fixarase semestralmente, con referencia ó euribor das 11.00 horas a prazo de 6 meses, publicado por Reuters na páxina Euribor01 (ou outra que a substitúa) do segundo día hábil anterior a data de cada período de xuro, restándolle á devandita referencia 0,04%.

-Liquidez: as entidades aseguradoras garanten durante a vida da emisión a liquidez das obrigacións.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2003.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda