Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Venres, 05 de decembro de 2003 Páx. 14.957

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 421/2003, do 13 de novembro, polo que se aproban os estatutos da Universidade de Vigo.

O artigo 6.2º da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro de universidades, establece o procedemento de elaboración e aprobación dos estatutos das universidades, determinando que serán elaborados por aquelas e, logo do seu control de legalidade, aprobados polo Consello de Goberno da Comunidade Autónoma.

A Universidade de Vigo presentou ante a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria o proxecto de novos estatutos, aprobado polo seu Claustro Universitario na sesión do día 1 de outubro de 2003, para a correspondente aprobación e publicación por parte desta Comunidade Autónoma.

Na súa virtude, de acordo co disposto no citado artigo 6.2º da Lei orgánica 6/2001, cumpridos os trámites establecidos, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e logo de acordo do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de novembro de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Apróbanse os estatutos da Universidade de Vigo coa redacción que figura no anexo deste decreto, e ordénase a súa publicación.

Artigo 2º.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de novembro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO

Título preliminar

Artigo 1º

1. A Universidade de Vigo é unha institución de dereito público á que lle corresponde, no ámbito das súas competencias, o servicio público da educación superior. Está dotada de personalidade xurídica e patrimonio propios e goza de autonomía aca

démica, económica e de goberno, de acordo coa Constitución e coa Lei orgánica de universidades.

2. Os presentes estatutos constitúen a norma institucional básica do réxime de autogoberno da Universidade de Vigo.

3. A Universidade de Vigo inspirarase nos principios de igualdade, solidariedade, democracia e liberdade. É deber de todos os integrantes da comunidade universitaria e, en particular, dos seus órganos de goberno, darlles plena efectividade a estes principios e impedir calquera tipo de discriminación e o incumprimento do expresado nestes estatutos.

Artigo 2º

1. A Universidade de Vigo, como organización pública que é, está ó servicio da sociedade.

2. Son fins prioritarios da Universidade de Vigo:

a) A consecución das máximas cotas de calidade de docencia e investigación.

b) A impartición de formación axeitada, presencial ou non, para facilita-la aprendizaxe dos estudiantes, a preparación para o exercicio de actividades profesionais ou artísticas e a obtención dos títulos académicos correspondentes.

c) O fomento da procura de novos coñecementos, a creación artística e o desenvolvemento científico e tecnolóxico e a avaliación dos resultados destes, tanto no que atinxe á investigación básica coma á aplicada.

d) Difusión do coñecemento e da cultura a través da extensión universitaria e da formación ó longo de toda a vida.

e) Facilidade, estimulación e acollida das actividades intelectuais e críticas en todos os campos da cultura e do coñecemento.

f) Afondamento na cooperación universitaria no ámbito internacional, e integración no espacio europeo de educación superior.

3. A Universidade de Vigo procurará que os fins e as tarefas universitarias queden á marxe das determinacións e da vontade de calquera entidade social, política, económica, relixiosa ou ideolóxica.

Artigo 3º

A Universidade de Vigo, vinculada á realidade histórica, social e económica de Galicia, dedicará especial atención ó estudio e desenvolvemento da súa cultura e do seu medio natural, e proxectarase dun xeito activo sobre os problemas galegos mediante programas específicos de docencia, investigación e desenvolvemento e difusión, establecidos a partir de necesidades concretas. Con estes obxectivos procurará a cooperación coas outras universidades galegas. A Universidade de Vigo asume tamén o compromiso de detectar, diagnosticar e contribuír á solución dos problemas existentes nas sociedades contemporáneas, e de promover políticas activas de igualdade e promoción social.

Artigo 4º

1. O galego é a lingua propia da Universidade de Vigo e, polo tanto, é a lingua de uso normal nas súas actividades. O galego, como lingua propia, é a lingua oficial da universidade, como tamén o é o castelán, oficial en todo o Estado.

2. A Universidade de Vigo promoverá, de acordo coas súas competencias, liñas de actuación que contribúan ó uso pleno da lingua galega en todas as súas actividades docentes, investigadoras, administrativas e de servicios.

Artigo 5º

1. A Universidade de Vigo fundamentará a súa actuación nos principios de liberdade de cátedra, de investigación e de estudio, así como nos de interdisciplinariedade, pluralismo ideolóxico e participación.

2. A liberdade de cátedra maniféstase no dereito dos docentes a expoñeren libremente as súas ideas, opinións e conviccións científicas e artísticas no exercicio da súa actividade docente. Esa liberdade de cátedra terá como límites os establecidos na Constitución e nas leis e os derivados da organización das ensinanzas da universidade, así como o dereito que todo estudiante posúe a ser informado, con rigor científico, sobre aquelas teses ou teorías que o profesor ten declarado non compartir.

3. A liberdade de investigación implica a elección das liñas ou proxectos e empregar libremente os principios metodolóxicos, elixir os obxectivos que considere axeitados e divulgar os resultados obtidos no labor investigador. Os proxectos de investigación e desenvolvemento deberán cumprir en todos os seus extremos co disposto na lexislación vixente sobre o medio natural e a protección dos animais utilizados para experimentación e outros fins científicos.

4. A liberdade de estudio abrangue, ademais do dereito de elección de centro e ensinanzas nos termos establecidos polo ordenamento xurídico, o de se servir dos medios científicos da universidade para unha participación activa no proceso da propia formación e, para maior abastanza, da libre manifestación de opinións científicas ou artísticas. A Universidade de Vigo, para desenvolver axeitadamente a misión social que lle corresponde, facilitaralle o acceso ós estudios universitarios a todo aquel que posúa aptitudes; para tal fin, promoverá unha política eficaz de créditos ó estudio en colaboración con entidades públicas e privadas, así como dentro do ámbito das súas atribucións e na medida das súas dispoñibilidades, a exención total ou parcial do pagamento das taxas académicas ou o seu fraccionamento.

5. O principio de interdisciplinariedade garante a dimensión universal da ciencia, da técnica e da cultura, mediante a relación continuada de investigadores e docentes dos diversos ámbitos, a prol dunha producción científica globalizada e non unicamente sectorial, e dunha docencia que permita alcanzar unha visión de conxunto do saber humano.

6. A Universidade de Vigo ten como unha das súas misións fundamentais erixirse en promotora da creación e difusión do pensamento crítico e do fomento da cultura entre a comunidade universitaria e a sociedade no seu conxunto, para a consecución dunha formación integral da persoa no proceso de educación permanente. Entre os seus obxectivos establécese a cooperación para o desenvolvemento, a transformación social e cultural, a creación e difusión de hábitos e formas culturais críticas, participativas e solidarias, así como unha formación permanente, aberta e plural. Para iso, deberase propiciar a existencia de espacios, estructuras e o desenvolvemento de todas aquelas accións que faciliten e promovan a consecución dos devanditos obxectivos.

7. O principio de pluralismo ideolóxico garante, en todas as actividades da Universidade de Vigo, o respecto ás diferentes crenzas e ideoloxías. Ningún acto académico de natureza relixiosa ou ideolóxica terá carácter oficial.

8. A estructura de goberno e xestión da universidade responderá ós principios de eficiencia, eficacia e transparencia.

Artigo 6º

A Universidade de Vigo, para o cumprimento dos seus fins e en virtude da súa autonomía, ten as seguintes competencias:

a) Elaboración e proposta da reforma dos seus estatutos.

b) Elaboración e aprobación de normas que desenvolvan os seus estatutos ou outras disposicións que lle sexan de aplicación.

c) Elección, nomeamento e revogación dos seus órganos de goberno, representación e administración e aprobación dos procedementos para facelo.

d) Elaboración, aprobación e xestión dos seus orzamentos e administración dos seus bens.

e) Fixación e modificación dos seus cadros de persoal.

f) Selección, formación e promoción do persoal docente e investigador e de administración e servicios, así como a determinación das condicións nas que teñen que desenvolver as súas actividades.

g) Elaboración e aprobación dos seus plans de estudio e investigación e de ensinanzas específicas de formación ó longo de toda a vida.

h) Creación e xestión dos fondos para axuda ó estudio, á investigación, ó espallamento da cultura e á cobertura de prestacións sociais.

i) Organización de actividades de extensión universitaria, culturais, sociais e deportivas.

j) Mantemento e potenciación dos servicios asistenciais para complementar o desenvolvemento persoal de tódolos membros da comunidade universitaria, nos termos que se establezan nestes estatutos.

k) Creación de estructuras específicas que actúen como apoio do estudio, da docencia e da investigación.

l) Fixación das condicións de admisión, réxime de permanencia e verificación dos coñecementos dos estudiantes.

m) Expedición, en nome de El-Rei, de títulos ou diplomas académicos e profesionais de carácter oficial, así como o establecemento e expedición de títulos e diplomas propios.

n) Establecemento de relacións académicas, culturais ou científicas con institucións españolas ou estranxeiras e fomento dos correspondentes intercambios.

ñ) Calquera outra competencia que teña vinculación coas finalidades e funcións establecidas no artigo 2 destes estatutos e que non estea atribuída expresamente pola lexislación vixente ó Estado ou á Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 7º

A Universidade de Vigo, a través dos seus órganos de goberno e de xestión, establecerá o control adecuado e a avaliación periódica das súas actividades e do cumprimento das obrigas de todos os seus membros, así como a procura dos seus fins e obxectivos.

TÍTULO I

Da estructura da Universidade de Vigo

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 8º

1. A Universidade de Vigo está estructurada en tres campus: Ourense, Pontevedra e Vigo. Para realizar as súas funcións nos diversos campus, a universidade organizarase dun xeito funcionalmente desconcentrado. A rectoría ten a súa sede no campus de Vigo, nas Lagoas-Marcosende.

2. A Universidade de Vigo poderá, nos termos fixados nas leis e acordos internacionais, promover e crear institucións universitarias noutras comunidades autónomas e no estranxeiro.

Artigo 9º

A Universidade de Vigo está integrada:

a) Por departamentos, facultades, escolas técnicas ou politécnicas superiores, escolas universitarias ou escolas universitarias politécnicas e institutos universitarios de investigación.

b) Por aqueloutros centros ou estructuras que organicen ensinanzas en modalidade non presencial ou desenvolvan actividades que non conduzan á obtención de títulos incluídos no catálogo de títulos universitarios oficiais.

Capítulo II

Dos centros

Sección primeira

Das facultades, escolas técnicas e politécnicas

superiores, escolas universitarias e escolas universitarias politécnicas

Artigo 10º

As facultades, escolas técnicas e politécnicas superiores, escolas universitarias e escolas universitarias politécnicas son os centros encargados da xestión administrativa e da organización universitarias, conducentes á obtención de títulos académicos, así como da difusión da cultura, para o que deben contar cos medios e coa organización axeitados.

Artigo 11

1. A creación, modificación e supresión dos centros por iniciativa da universidade ós que se refire o artigo anterior serán acordadas polo órgano competente da Xunta de Galicia, por proposta do Consello Social, tralo informe do Consello de Goberno e o informe do Consello Galego de Universidades.

2. A instancia do Consello Social, do Claustro, dun ou de varios centros ou departamentos ou por decisión propia, o Consello de Goberno iniciará o expediente de creación, modificación ou supresión dunha facultade, escola técnica superior, escola universitaria ou calquera outro centro que se poida crear, consonte o regulamento de centros aprobado no claustro. En todo caso, o expediente deberá ser exposto para información da comunidade universitaria durante, polo menos, un mes.

3. Asignada unha nova titulación á Universidade de Vigo, o Consello de Goberno decidirá o centro ó que esa titulación será adscrita e, se é o caso, iniciará o expediente de creación dun centro se o considerase preciso.

Artigo 12º

As facultades e escolas técnicas e politécnicas superiores organizan estudios de primeiro e segundo ciclo. As escolas universitarias e escolas universitarias politécnicas organizan estudios de primeiro ciclo conducentes á obtención do título de diplomado, arquitecto técnico ou enxeñeiro técnico, segundo corresponda.

Artigo 13º

Son funcións dos centros ós que fai referencia a rúbrica desta sección:

a) A custodia das actas de cualificación e os expedientes dos estudiantes.

b) A expedición das certificacións académicas solicitadas polos estudiantes ó centro.

c) A elaboración de propostas dos seus plans de estudios e a formulación ós departamentos de suxestións en materia da súa aplicación e desenvolvemento.

d) A organización da docencia e a súa coordinación, supervisión e control, así como a realización dos encargos de docencia ós departamentos, de conformidade cos plans de estudios e aquelas ensinanzas que dean dereito a títulos propios.

e) A organización das relacións entre departamentos e con outros centros, co fin de garantir a coordinación das ensinanzas e a racionalización da xestión académica e administrativa.

f) A aplicación das directrices da Universidade de Vigo sobre a normalización lingüística.

g) O fomento, apoio e achega de medios materiais existentes no centro para realizar actividades de formación e complementarias do persoal vinculado a el.

h) A realización das actividades de colaboración da Universidade de Vigo con organismos públicos ou privados en todo o que afecte ó centro.

i) A administración dos servicios e mais os equipamentos asignados ó centro.

j) A realización da xestión administrativa necesaria para que as anteriores funcións poidan levarse a cabo.

k) A participación nos procesos de avaliación da calidade e promoción activa da mellora da calidade da súa oferta académica.

l) A proposición ó órgano competente da implantación de novas titulacións.

m) Calquera outra que lle poidan atribuír os presentes estatutos e demais disposicións vixentes.

Sección segunda

Doutros centros

Artigo 14º

1. A Universidade de Vigo, por acordo do Consello Social a instancia do Consello de Goberno, poderá instituír centros de carácter público dedicados á docencia, á investigación ou á creación artística. En ningún caso as actividades destes centros poden conducir á obtención de títulos incluídos no catálogo de títulos universitarios oficiais.

2. A estes centros seralles de aplicación, para todos os efectos, o disposto nos presentes estatutos e na lexislación vixente.

Artigo 15º

Son centros adscritos á Universidade de Vigo aqueles que, dependendo de institucións públicas ou privadas, fosen debidamente autorizados e subscriban o correspondente convenio de colaboración, no marco do disposto na normativa que en cada caso lles sexa de aplicación. Para a celebración do convenio de colaboración e funcionamento dos centros adscritos observarase o disposto no regulamento de centros aprobado no claustro.

Capítulo III

Dos departamentos

Artigo 16º

1. Os departamentos son os órganos encargados de coordinar e impartir as ensinanzas das áreas de coñecemento nos centros, e de promover entre os seus membros o estudio, a creación e a investigación universitaria.

2. A creación, modificación e supresión de departamentos e, se é o caso, de seccións departamentais farase consonte o establecido nas normas básicas que aprobe o Goberno e no regulamento de departamentos aprobado no claustro.

Artigo 17º

Son funcións dos departamentos as seguintes:

a) Organización e desenvolvemento, nos distintos ciclos dos estudios universitarios, das ensinanzas propias da área ou áreas de coñecemento da súa competencia, de acordo coa programación e suxestións que realicen o centro ou centros nos que aquelas se dispensen.

b) Elaboración dos programas das materias adscritas a cada área ou áreas de coñecemento, de acordo cos contidos e directrices dos plans de estudio.

c) Impulso de actividades e iniciativas docentes e investigadoras do seu persoal académico.

d) Fomento e promoción de proxectos, convenios e contratos de investigación e desenvolvemento.

e) Organización e desenvolvemento de programas de doutoramento e daquelas ensinanzas que dean lugar a títulos propios.

f) Fomento e promoción da realización de traballos de carácter científico, técnico ou artístico, así como desenvolvemento de cursos de especialización, reciclaxe, extensión universitaria e actualización científica.

g) Impulso da formación e da renovación pedagóxica, científica, técnica ou artística do persoal docente e investigador da universidade.

h) Participación nos procesos de avaliación da calidade institucional e promoción activa da mellora da calidade das súas actividades docentes e investigadoras.

i) Xestión e administración da súa asignación orzamentaria.

k) Programación e asignación dos seus medios e recursos, así como coidado, mantemento e renovación dos seus bens, equipamentos e instalacións.

l) Todas aquelas funcións que os presentes estatutos e outras disposicións vixentes lles poidan atribuír.

Artigo 18º

Co fin de obter o máximo rendemento dos recursos docentes e investigadores, poderán constituírse departamentos interuniversitarios mediante conve

nios da Universidade de Vigo e outras universidades. Nestes casos, o regulamento de réxime interno do departamento deberá figurar no convenio, que debe tramitarse consonte o establecido no regulamento de departamentos aprobado no claustro.

Capítulo IV

Dos institutos universitarios

Artigo 19º

Os institutos universitarios son centros fundamentalmente destinados á investigación científica ou técnica ou á creación artística, que tamén poden realizar tarefas docentes en ensinanzas especializadas ou cursos de doutoramento e posgrao relacionados cos seus programas de investigación, e proporcionar asesoramento técnico no ámbito da súa competencia. As actividades docentes e investigadoras dos institutos non poderán coincidir nos distintos ámbitos de competencia coas desenvolvidas por algún departamento ou área de coñecemento.

Artigo 20º

Os institutos universitarios poderán ser:

a) Propios da Universidade de Vigo.

b) De carácter interuniversitario, que son aqueles que realizan actividades comúns a varias universidades.

c) Mixtos, que son aqueles creados en colaboración con entidades ou institucións públicas ou privadas, mediante convenio onde se establecerá a súa estructura orgánica de dependencia das entidades colaboradoras, así como un regulamento de réxime interno, que deberá ser aprobado por estas.

d) Adscritos, que son os dependentes doutras entidades públicas ou privadas que establezan un convenio coa Universidade de Vigo. Este convenio terá en conta o réxime previsto para o suposto de extinción do instituto, así como a instrumentación da súa coordinación ou tutela pola Universidade de Vigo.

Artigo 21º

1. Para a creación, modificación e supresión dos institutos universitarios de investigación observarase o disposto no número 1 do artigo 11º.

2. A instancia do Consello Social do Claustro, dun ou de varios centros ou departamentos ou grupos de investigación, ou por decisión propia, o Consello de Goberno iniciará o expediente de creación, modificación ou supresión dun instituto, consonte o regulamento de institutos universitarios de investigación aprobado polo claustro. En todo caso, o expediente deberá ser exposto para información da comunidade universitaria durante, polo menos, un mes.

TÍTULO II

Dos órganos da Universidade de Vigo

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 22º

O réxime de goberno da Universidade de Vigo fundaméntase no principio de representación de tódolos

sectores da comunidade universitaria nos seus órganos colexiados, así como no de designación por elección das persoas que van ocupar os cargos académicos, agás as excepcións establecidas explicitamente nestes estatutos.

Artigo 23º

O goberno, a participación social, a representación e a administración da Universidade de Vigo articularanse, polo menos, a través dos seguintes órganos:

a) Colexiados: Consello Social, Claustro Universitario, Consello de Goberno, Xunta Consultiva, xuntas de facultade, xuntas de escolas técnicas superiores, xuntas de escolas universitarias e xuntas de escolas de especialización profesional, consellos de departamentos e de institutos universitarios, consellos de campus, xuntas de titulación e xuntas ou consellos doutros centros calquera que se puidesen crear.

b) Unipersoais: rector, vicerrectores, secretario xeral, xerente, decanos e vicedecanos de facultades, directores e subdirectores de escolas técnicas superiores, de escolas universitarias, de escolas de especialización profesional, de departamentos e de institutos universitarios, e secretarios de facultades, de escolas técnicas superiores, de escolas universitarias e de escolas de especialización profesional, de departamentos e de institutos.

Artigo 24º

1. As resolucións do rector e os acordos do claustro, do Consello de Goberno e do Consello Social esgotan a vía administrativa e son impugnables ante os tribunais de xustiza.

2. As decisións dos restantes órganos colexiados e unipersoais da universidade son susceptibles de recurso ante o Consello de Goberno, ou diante do rector, respectivamente, esgotando a vía administrativa. A interposición do recurso poderá suspender a execución do acto ou disposición impugnados cando, do contrario, poidan producirse danos de imposible ou difícil reparación, sempre que o interese público non se vexa prexudicado pola falta de execución inmediata.

Capítulo II

Dos órganos colexiados

Sección primeira

Disposicións xerais

Artigo 25º

Os órganos colexiados elaborarán e aprobarán a proposta do seu regulamento de réxime interno, no que, ademais do previsto nestes estatutos e nos regulamentos que os desenvolvan, deberán constar como mínimo:

a) A normativa de elección dos membros do órgano.

b) O réxime de votación e a normativa para a elección e revogación dos cargos unipersoais.

c) O réxime de quórum e de maiorías para a toma de acordos.

Artigo 26º

Tralo acordo do propio órgano, poderán ser invitados ás súas reunións, con voz pero sen voto, todos aqueles membros da comunidade universitaria que estean interesados en asuntos específicos e que poidan resultar afectados por eles. En todo caso, as sesións dos órganos colexiados estarán abertas ós membros da comunidade universitaria no seu ámbito.

Artigo 27º

Os membros dos órganos colexiados, agás os que o sexan por razón do seu cargo ou por designación de acordo co disposto nestes estatutos, deben ser elixidos por sufraxio universal, libre, igual, directo e secreto. Non se admitirá a delegación de voto, o voto anticipado nin o voto por correo.

Artigo 28º

Perderase a condición de membro dun órgano colexiado por finalización legal do mandato, por petición propia ou por perda das condicións necesarias para ser elixido.

Sección segunda

Do Consello Social

Artigo 29º

1. O Consello Social é o órgano de participación da sociedade na Universidade de Vigo. Correspóndelle fomentar iniciativas sociais e promover a actuación dos poderes públicos para estimular investimentos que favorezan as actividades da Universidade de Vigo e que adecuen a capacidade docente e investigadora desta á demanda social.

2. A súa composición axustarase ó disposto na lexislación vixente. Son membros do consello ademais do rector, o secretario xeral e o xerente, cando menos un profesor, un estudiante e un membro do persoal de administración e servicios elixidos polo Consello de Goberno de entre os seus membros.

Artigo 30º

Son funcións do Consello Social as seguintes:

a) Elaboración e aprobación do seu regulamento de funcionamento.

b) Contribución á calidade da universidade e á elevación do seu nivel; promoción da colaboración da sociedade no financiamento da universidade.

c) Aprobación, a proposta do Consello de Goberno, do orzamento e da programación económica plurianual da universidade.

d) Aprobación das contas anuais da universidade e as das entidades dela dependentes.

e) Proposta ó órgano legalmente previsto, seguindo os procedementos indicados nos regulamentos correspondentes aprobados polo claustro, da creación ou supresión de centros, departamentos e institutos universitarios de investigación, e a implan

tación ou supresión de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e de validez en toda España.

f) Establecemento de normas que regulen o progreso e permanencia na universidade dos estudiantes de acordo coas características dos respectivos estudios.

g) Fixación das taxas académicas dos estudios cursados na universidade, no marco da disposición legal vixente.

h) Acordo, a proposta do Consello de Goberno, e dentro dos límites que para este fin fixe a Xunta de Galicia, da asignación con carácter individual de conceptos retributivos adicionais, en atención á existencia de méritos relevantes ou esixencias relativas á docencia, á investigación ou á xestión, de acordo coa lexislación vixente.

i) Supervisión das actividades de carácter económico da universidade e o rendemento dos seus servicios.

j) Aprobación, para un mellor cumprimento dos fins da universidade, da creación de empresas, fundacións ou outras persoas xurídicas, de acordo coa lexislación aplicable.

k) Aprobación dos actos de disposición dos bens inmobles e dos mobles de extraordinario valor, de conformidade coas normas que a este respecto determinou a Comunidade Autónoma na Lei 1/2003 dos consellos sociais do Sistema Universitario de Galicia.

l) Coñecemento e, se é o caso, prestación do seu acordo, da proposta do rector para o nomeamento do xerente da universidade.

m) Emitir informe sobre o cadro de persoal e a relación de postos de traballo do persoal docente e investigador e do persoal de administración e servicios da universidade.

n) Emitir informe, con carácter previo á súa formalización, sobre os convenios colectivos do persoal docente e investigador contratado e do persoal de administración e servicio en réxime laboral da universidade.

ñ) Todas aquelas funcións que lle atribúan a lexislación vixente e os presentes estatutos.

Sección terceira

Do Claustro Universitario

Artigo 31º

O claustro da universidade é o máximo órgano de representación e control da comunidade universitaria.

Artigo 32º

O Claustro da Universidade de Vigo estará composto por douscentos cincuenta e catro (254) membros:

O rector, que o presidirá, o secretario xeral e o xerente.

128 representantes do profesorado numerario doutor (51%)

23 representantes do restante persoal docente e investigador (9%)

75 representantes dos estudiantes (30%)

25 representantes do persoal de administración e servicios (10%)

Artigo 33º

Os membros do claustro serán elixidos por catro anos, excepto os estudiantes, que o serán por dous.

Artigo 34º

O claustro reunirase con carácter ordinario, polo menos, dúas veces ó ano. Reunirase con carácter extraordinario, de acordo co que dispoña o seu regulamento de réxime interno.

Artigo 35º

Son funcións do Claustro universitario as seguintes:

a) Elaboración, aprobación e modificación de seu regulamento de réxime interno.

b) A proposta de modificación total ou parcial dos estatutos, así como a aprobación dos regulamentos que os desenvolvan.

c) Convocatoria con carácter extraordinario de eleccións a rector nos termos fixados nestes estatutos.

d) Establecemento das liñas xerais de planificación plurianual da universidade para o seu traslado ó Consello de Goberno.

e) Debate no primeiro trimestre de cada curso académico do informe anual do rector.

f) Información das solicitudes de novas titulacións.

g) Formulación de propostas e recomendacións xerais, e servir de vieiro de expresión da comunidade universitaria.

h) Servir de ámbito para a formulación de interpelacións ó rector e ós membros do seu equipo, así como ó resto dos membros do Consello de Goberno.

i) Elección e, se é o caso, revogación do defensor universitario, así como debate da memoria que este presente no nome do Tribunal de Garantías.

j) Elección dos demais membros do Tribunal de Garantías, e aprobación do regulamento deste órgano.

k) No marco da normativa que resulte de aplicación, aprobación das normas relativas ó réxime disciplinar dos membros da comunidade universitaria.

l) Elección ou revogación de tódolos membros elixidos no seu seo do Consello de Goberno.

m) Demanda de informes ou solicitude de comparecencia diante do claustro dos representantes de calquera dos órganos académicos ou institucionais da universidade.

n) Elaboración e aprobación de todos os regulamentos xerais que desenvolvan os presentes estatutos.

ñ) Elección da Comisión de Reclamacións prevista na lexislación vixente para os concursos de acceso ós corpos docentes universitarios.

o) Calquera outra función que se lle recoñeza na lei e nestes estatutos.

Artigo 36º

1. Un tercio do claustro poderá propor a convocatoria de eleccións a rector. A presentación da proposta provocará a convocatoria do Claustro Universitario no prazo máximo de dez días.

2. A proposta será discutida en sesión plenaria, na que intervirá en primeiro lugar un representante dos propoñentes explicando os motivos da proposta. Intervirá a seguir o rector, tralo que se abrirá unha quenda de palabras para tódolos membros do claustro, que se pechará cunha segunda intervención do representante dos propoñentes e do rector.

3. Despois do debate, a proposta será votada, e entenderase aprobada se obtén o voto favorable de dous tercios da totalidade dos compoñentes do claustro. A aprobación da proposta suporá a inmediata convocatoria de eleccións a rector e a Claustro Universitario no prazo de trinta días, e deberán ser celebradas as devanditas eleccións na mesma data.

4. Se a proposta non prosperase, ningún dos seus asinantes poderá subscribir unha nova petición deste tipo ata que pase un ano.

5. Durante a tramitación, debate e votación destas propostas, o claustro será presidido polo membro da mesa que determine o regulamento.

Sección cuarta

Do Consello de Goberno

Artigo 37º

1. O Consello de Goberno é o órgano de goberno da universidade.

2. A composición do Consello de Goberno será a seguinte:

a) O rector, que o preside.

b) O secretario xeral e o xerente.

c) 15 membros designados polo rector, con representación de tódolos sectores da comunidade universitaria.

d) 20 membros elixidos polo claustro, dos que dez serán membros do persoal docente e investigador, oito deles funcionarios doutores dos corpos universitarios, oito estudiantes e dous membros do persoal de administración e servicios.

e) 15 membros elixidos polo claustro entre decanos de facultade, directores de centro, directores de departamento e directores de institutos universitarios de investigación.

f) Tres membros do Consello Social non pertencentes á comunidade universitaria.

Artigo 38º

Os membros do Consello de Goberno serán elixidos por catro anos, excepto os estudiantes, que o serán por dous.

Artigo 39º

Correspóndenlle ó Consello de Goberno as seguintes funcións:

a) Aprobación do seu regulamento de réxime interno.

b) Establecemento das liñas estratéxicas e programáticas da universidade e aprobación da ordenación xeral da actividade académica e investigadora, así como das directrices e procedementos para aplicalas.

c) Asistencia ó rector en tódolos asuntos da súa competencia.

d) Aprobación dos regulamentos de réxime interno dos distintos centros, departamentos e institutos, unificando criterios e normas, de acordo co aprobado polo claustro.

e) Determinación das condicións de validacións de títulos e aprobación da creación de títulos e diplomas propios.

f) Aprobación da creación, modificación e supresión de departamentos, de acordo cos regulamentos correspondentes aprobados polo claustro, dando conta a este.

g) Tramitación e informe ó Consello Social sobre a creación ou supresión de centros ou institutos universitarios de investigación.

h) Decisión, unha vez asignada unha nova titulación á Universidade de Vigo, do centro ó que se adscribirá esa titulación e, se é o caso, iniciación dun expediente de creación dun novo centro, se o considerase preciso.

i) Aprobación dos proxectos de orzamento e de programación plurianual, das contas anuais da universidade para o seu trámite ó Consello Social e das transferencias de créditos entre os diversos conceptos dos capítulos de operacións correntes e de capital.

j) Promoción da creación ou participación na constitución de empresas, fundacións ou outras persoas xurídicas, de acordo coa lexislación aplicable.

k) Autorización da celebración de convenios de cooperación científica con outras universidades e institucións.

l) Convocatoria de eleccións para a renovación total ou parcial do Claustro Universitario.

m) Acordo de creación de novos servicios, así como da súa modificación ou supresión, e informar o claustro e o Consello Social sobre estes acordos.

n) Aprobación, nos casos que corresponda, das normas de desenvolvemento destes estatutos.

ñ) Aprobación das propostas de plans de estudios para elevalas ós órganos competentes.

o) Aprobación dos regulamentos non expresamente asignados nos presentes estatutos ó claustro e ó Consello Social.

p) Proposición ó claustro das normas relativas ó réxime disciplinar dos membros da comunidade universitaria.

q) Concesión das distincións honoríficas da universidade nas circunstancias e condicións que regulamentariamente se determinen.

r) Determinación da capacidade dos centros e os sistemas de acceso a estes e proposición ó Consello Social das normas que regulen a permanencia na universidade dos estudiantes que non superen as probas correspondentes nos períodos establecidos.

s) Aprobación dos cadros de persoal docente e investigador e de administración e servicios.

t) Acordo, respectando as previsións legais, da provisión de prazas vacantes por concurso de acceso entre habilitados e profesorado do corpo correspondente ou de superior categoría.

u) Autorización, de acordo coa lei, da contratación de profesorado non funcionario nos termos previstos nestes estatutos.

v) Acordo do nomeamento de profesores eméritos e de profesores visitantes.

w) Acordo das propostas de incorporación do profesorado, de acordo co disposto nos presentes estatutos.

aa) Elaboración da normativa de nomeamento e actuación das comisións de contratación de profesorado. A devandita normativa incluirá, polo menos, un calendario que prevexa a programación docente, os prazos para levar a cabo os encargos de docencia e a saída a concurso de prazas de persoal docente, para permitir a normalidade académica ó comezo de cada curso.

ab) Promoción da constante mellora da calidade da universidade.

ac) Elección entre os seus membros daqueles que deban formar parte do Consello Social.

ad) Elección dos membros da Xunta Consultiva e das demais comisións para as que está prevista a designación dos seus membros no Consello de Goberno, nestes estatutos ou nos regulamentos que os desenvolven.

ae) Calquera outra función ou competencia que lle sexa atribuída ou recoñecida pola lei, por acordo do claustro, por decisión do rector, ou por estes estatutos e polas disposicións que os desenvolvan.

Sección quinta

Dos consellos de campus

Artigo 40º

Nos campus existirán consellos de campus, que serán órganos colexiados de representación e de coordinación do campus, coa seguinte composición:

a) O presidente, que será o rector da universidade.

b) Un vicerrector.

c) Tódolos decanos ou directores dos centros do campus.

d) 5 profesores, elixidos por e entre os claustrais do mesmo sector e campus, dos que polo menos 1 non sexa funcionario. Garantirase que haxa, polo menos, 1 representante de cada ámbito científico presente no campus, no caso de que haxa candidatos.

e) 5 estudiantes, elixidos por e entre claustrais do mesmo sector e campus, entre os que haberá, polo menos, 1 por cada ámbito científico presente no campus, no caso de que haxa candidatos.

f) Os 2 membros do persoal de administración e servicios do campus máis votados nas eleccións ao claustro no campus correspondente.

Tódolos membros do consello do campus, bardante o presidente, serán elixidos por un período de catro anos, agás os estudiantes, que serán elixidos por dous anos. O secretario será nomeado polo presidente de entre os membros do consello con dedicación a tempo completo.

Artigo 41º

Son funcións do consello de campus:

a) Proposición ó órgano competente de implantación de novas titulacións no seu ámbito territorial.

b) Promoción da consecución de edificios e terreos para desenvolver o labor docente e investigador.

c) Promoción da descentralización dos servicios.

d) Participación na elaboración das políticas académicas específicas do campus.

e) Atender á creación e ó correcto funcionamento dos servicios xerais do campus, así como verificar a calidade dos servicios que sexan competencia doutras institucións públicas.

f) Fomento das relacións institucionais con organismos locais e provinciais, así como da proxección da universidade no seu contorno.

g) Tódalas competencias que lle sexan delegadas polo Consello de Goberno.

h) Nomeamento de comisións que considere convenientes para exercer mellor as súas funcións.

i) Todas as demais competencias que estes estatutos e os regulamentos desta universidade lle confiran.

Sección sexta

Das xuntas de centros

Artigo 42º

1. A Xunta de Centro é o órgano colexiado de representación e decisión do centro. Está composta polo decano ou director, que a preside, e polo seguinte conxunto de membros:

a) O equipo decanal ou directivo.

b) Todo o profesorado funcionario, que constituirá o 51% da Xunta de Centro.

c) Unha representación do persoal docente e investigador non funcionario, que corresponderá ó 9% da Xunta de Centro. En calquera caso, polo menos o 80% corresponderá ó persoal docente e investigador con dedicación a tempo completo.

d) Unha representación dos estudiantes, que constituirá o 30% da xunta.

e) Unha representación do persoal de administración e servicios, que constituirá o 10% da xunta.

2. Os membros electos da Xunta de Centro serán renovados cada dous anos.

Artigo 43º

Son funcións da Xunta de Centro:

a) Elaboración, aprobación e modificación da proposta do seu regulamento de réxime interno.

b) Elección e revogación do decano ou director.

c) Aprobación da distribución da asignación orzamentaria do centro.

d) Establecemento dos obxectivos educativos das titulacións ó seu cargo e elaboración e aprobación das propostas dos correspondentes plans de estudio, agás nos casos previstos no artigo seguinte.

e) Coidado do bo funcionamento de tódolos órganos e servicios do centro.

f) Resolución de conflictos que se poidan producir no seo do centro.

g) Promoción e ordenamento da realización de proxectos de fin de carreira, teses de licenciatura e de ensinanzas e actividades complementarias esixidas para a obtención de títulos.

h) Proposición e aplicación das normas de selección de estudiantes e a valoración do seu rendemento e aproveitamento.

i) Preparación e coordinación, de modo eficaz e adecuado, do horario das distintas materias, cursos monográficos, cursos de especialización, probas parciais e finais, distribución de aulas e servicios e ensinanzas complementarias, así como habilitación de medidas de control do cumprimento das obrigas docentes.

j) Coordinación con outros centros para facilita-la elección por parte dos estudiantes das materias de libre configuración do seu currículo.

k) Aprobación anual dos programas de cada materia presentados polos departamentos respectivos.

l) Distribución dos espacios que lle sexan asignados.

m) Calquera outra atribuída nos presentes estatutos.

Sección sétima

Das xuntas de titulación

Artigo 44º

1. As xuntas de titulación son os órganos encargados de elaborar, aprobar e modificar para cada titulación as propostas do plan de estudios. Terán, ademais, tódalas competencias que regulamentariamente se lle atribúan.

2. As xuntas de titulación terán unha composición análoga en proporcións á Xunta de Centro, agás en titulacións novas, que observarán o que regulamentariamente se determine.

Sección oitava

Dos consellos de departamento

Artigo 45º

O Consello de Departamento é o órgano colexiado de representación e decisión do departamento. Estará integrado por:

a) Tódolos doutores membros do departamento.

b) Todo o resto do persoal docente e investigador a tempo completo.

c) Un 20% do persoal docente e investigador a tempo parcial non doutor, que en ningún caso superará o 10% do total do órgano.

d) Unha representación dos estudiantes, que constituirá o 25% do total dos membros do Consello de Departamento, sendo a metade estudiantes do terceiro ciclo. En todo caso, de haber candidatos, cubriranse tódolos postos garantindo unha representación de, polo menos, un alumno de cada un dos centros onde imparte docencia o departamento.

e) Unha representación do persoal investigador en formación, que constituirá como máximo o 2% do Consello de Departamento.

f) Unha representación do persoal de administración e servicios que constituirá o 9% do total dos membros do Consello de Departamento.

Os membros electos do Consello de Departamento serán renovados cada dous anos.

Artigo 46º

Son competencias do Consello de Departamento as que seguen:

a) Elaboración, aprobación e modificación da proposta do seu regulamento de réxime interno.

b) Elección e revogación do director.

c) Elección, se é o caso, dos representantes do departamento en todos aqueles órganos en que estea representado.

d) Aprobación, se procede, das propostas de creación de seccións departamentais.

e) Presentación da petición á Universidade de Vigo do seu persoal docente e investigador, así como dos recursos económicos e materiais necesarios para a execución do seu plan de actividades docentes e investigadoras.

f) Aprobación da distribución do orzamento anual do departamento e da súa execución.

g) Revisión da avaliación dos estudiantes, se é o caso.

h) Intervención nos procedementos de selección do persoal académico, segundo dispoñan estes estatutos e os regulamentos que os desenvolven.

i) Elaboración e aprobación das propostas de programas das materias das que teñan encargo de docencia e daqueles cursos que dean dereito a títulos propios.

j) Calquera outra atribuída nos presentes estatutos.

Sección novena

Dos consellos de institutos universitarios de investigación

Artigo 47º

A composición do Consello de Instituto será:

a) Tódolos membros do persoal docente e investigador vinculados ó instituto.

b) Unha representación electa do persoal titulado superior non docente das entidades patrocinadoras, se as houber, que se especificará no convenio.

c) Unha representación do persoal investigador en formación, que será como máximo do 20%.

d) Unha representación do persoal de administración e servicios que será como máximo do 9%.

e) Unha representación dos estudiantes de terceiro ciclo e posgrao, se os houber, que será como máximo dun 10%.

Artigo 48º

Son funcións do Consello de Instituto as seguintes:

a) Coñecemento e, se é o caso, aprobación do orzamento anual do instituto.

b) Proposición da estructura do instituto.

c) Coñecemento e, se é o caso, aprobación dos proxectos de investigación e docencia do instituto.

d) Responsabilización dos procedementos de avaliación do alumnado.

e) Elección e revogación do director do instituto.

f) Asesoramento ó director do instituto.

g) Proposta de nomeamento, por un período de tempo limitado, dos investigadores, colaboradores ou bolseiros que lle axuden a cumprir os seus fins en plans concretos de investigación.

h) Todas aquelas que lle atribúan a lexislación vixente e os presentes estatutos.

Sección décima

Da Xunta Consultiva

Artigo 49º

1. A Xunta Consultiva é o órgano de asesoramento do rector e do Consello de Goberno en materia académica e no relativo ó deseño e avaliación de plans estratéxicos de mellora da calidade institucional.

2. A Xunta Consultiva, presidida polo rector ou vicerrector en quen delegue, estará constituída polo secretario xeral e 10 membros designados polo Consello de Goberno por un período de catro anos, conforme criterios previamente establecidos por este, entre profesores e investigadores de recoñecido prestixio que representen de forma equilibrada os distintos campos do saber.

3. Son funcións da Xunta Consultiva as seguintes:

a) Asesoramento ó rector e ó Consello de Goberno no deseño e desenvolvemento das políticas de docencia e investigación da universidade.

b) Elaboración de propostas de mellora a partir dos resultados dos procesos de avaliación da docencia e a investigación.

c) Información sobre os programas de fomento da calidade da docencia e a investigación que se establezan na universidade, e sobre as medidas propostas para a incorporación ó espacio europeo de educación superior.

d) Información das propostas de profesorado emérito.

e) Emisión de cantos informes lle soliciten o rector ou o Consello de Goberno.

f) Elevación ó rector e ó Consello de Goberno de propostas sobre temas da súa competencia.

g) Aqueloutras previstas nos presentes estatutos, nos regulamentos da universidade ou na lexislación vixente.

4. O Consello de Goberno aprobará un regulamento de réxime interno da Xunta Consultiva, por proposta desta.

Capítulo III

Dos órganos unipersoais de Goberno

Sección primeira

Disposicións xerais

Artigo 50º

Os membros da comunidade universitaria que exerzan cargos unipersoais de goberno estarán suxei

tos ó réxime de dedicación a tempo completo na Universidade de Vigo.

Artigo 51º

En ningún caso pode exercerse simultaneamente a titularidade de máis dun dos devanditos órganos, nin a de calquera dos órganos unipersoais de goberno doutra universidade ou do Consello Superior de Investigacións Científicas e dos seus centros respectivos.

Artigo 52º

Os titulares dos órganos unipersoais, agás os que o sexan por designación ou por procedemento expresamente regrados doutro xeito, deben ser elixidos por sufraxio universal, libre, igual, directo e secreto. Para a elección de titulares de órganos unipersoais non se admitirá a delegación do voto nin o voto por correo. No caso de ser candidato único, ten que conseguir maior número de votos a favor que en contra.

Artigo 53º

A creación de órganos unipersoais distintos dos previstos nestes estatutos deberá ser aprobada polo Consello de Goberno.

Artigo 54º

Para resolver os problemas e dúbidas que se poidan presentar en calquera elección, existirá unha comisión electoral da universidade composta polo rector e por doce membros máis elixidos polo claustro.

Artigo 55º

Tódolos órganos unipersoais elixidos, a excepción do rector, serano por un período de tempo de tres anos con posibilidade dunha soa reelección. Transcorridos tres anos, calquera persoa poderá volverse a presentar para o mesmo cargo.

Artigo 56º

Perderase a condición de titular dun órgano unipersoal por finalización do seu mandato, por petición propia, por perda das condicións necesarias para ser elixido ou polos procedementos de revogación establecidos nos presentes estatutos e nos regulamentos que os desenvolvan.

Sección segunda

Do rector

Artigo 57º

O rector é a máxima autoridade da Universidade de Vigo, e ten atribuída a súa representación. Exerce a dirección, o goberno e a xestión da universidade, desenvolve as liñas de actuación aprobadas polos órganos colexiados correspondentes e executa os seus acordos.

Artigo 58º

O rector é elixido pola comunidade universitaria mediante elección directa e sufraxio universal libre e secreto, por un período de catro anos e con posi

bilidade dunha soa reelección, entre os catedráticos de universidade en activo que presten os seus servicios na Universidade de Vigo. O voto será ponderado por sectores, e corresponderalle ó profesorado funcionario doutor o 51%, ó resto do persoal docente e investigador o 9%, ós estudiantes o 30% e ó persoal de administración e servicios o 10%. A ponderación farase sobre o total de votos a candidaturas validamente emitidos.

O rector será nomeado polo órgano competente da Xunta de Galicia. En caso de vacante, ausencia ou enfermidade, o rector será substituído polo vicerrector que designe con anterioridade ou, se é o caso, polo vicerrector máis antigo no cargo dentro da universidade.

Artigo 59º

Correspóndenlle ó rector as seguintes funcións:

a) Representación da universidade.

b) Presidencia e convocatoria do Claustro Universitario e do Consello de Goberno, así como a execución de tódolos seus acordos e dos do Consello Social.

c) Dirección e impulso, coordinación e supervisión da actividade e funcionamento da universidade e de tódolos seus órganos de goberno e administración.

d) A sinatura de todo tipo de convenios en nome da universidade.

e) Designación, nomeamento e destitución dos vicerrectores, do secretario xeral, do xerente e, en xeral, de tódolos cargos de libre designación.

f) Contratación, adscrición e nomeamento do persoal ó servicio da universidade.

g) Ordenación dos pagamentos.

h) Expedición de títulos, diplomas e certificacións da universidade.

i) Nomeamento de tódolos cargos e persoal da universidade.

j) Exercicio da xefatura de todo o persoal da universidade.

k) Toma das decisións en que é legalmente competente sobre situacións administrativas e réxime disciplinario.

l) Decisión da interposición de recursos administrativos e do exercicio de accións xudiciais, dando conta deles ó Consello de Goberno.

m) Representación xudicial e administrativa á universidade en toda clase de actos ou negocios xurídicos, aínda que poderá outorgar mandatos para exercer esta representación.

n) Resolución mediante alzada dos recursos contra as resolucións dos órganos unipersoais de goberno da universidade que non esgoten a vía administrativa.

ñ) As competencias que poidan atribuírlle as leis ou os presentes estatutos e aquelas que, correspondendo á universidade, non lles fosen expresamente recoñecidas a outros órganos nos estatutos ou regulamentos que os desenvolven.

Artigo 60º

O rector da universidade poderá encomendarlles servicios específicos ós membros da comunidade universitaria, expedindo para tal efecto a oportuna credencial. Así mesmo, o rector da universidade poderá solicitar dos membros da comunidade universitaria, e tocante a asuntos específicos, a realización de estudios, confección de proxectos, e a función de asesoramento, en xeral, individualmente ou constituíndo equipos de consulta.

Artigo 61º

O rector presentará no primeiro trimestre de cada curso académico un informe anual sobre a súa xestión e sobre as liñas programáticas para o curso que será debatido no claustro.

Sección terceira

Dos vicerrectores

Artigo 62º

O rector nomeará, entre o profesorado doutor que preste servicio na universidade, vicerrectores para auxilialo no exercicio das súas funcións.

Corresponderanlles ós vicerrectores as competencias e funcións que lles asigne o rector. Unha vez elixido o rector e nomeado o equipo de goberno, todo cambio neste deberá serlle comunicado ó claustro.

Sección cuarta

Do secretario xeral

Artigo 63º

1. Correspóndelle ó secretario xeral levantar acta dos acordos adoptados polos órganos colexiados dos que forme parte, así como dar fe do resto de actuacións que coñeza en razón do seu cargo. Así mesmo, auxiliará o rector nas tarefas de organización, protocolo e réxime académico. Será nomeado polo rector entre funcionarios do grupo A que presten servicios na universidade.

2. O secretario xeral serao tamén do Consello de Goberno e da Xunta Consultiva.

Artigo 64º

Correspóndenlle ó secretario xeral as seguintes funcións:

a) Recepción, compilación, depósito, custodia e certificación dos seguintes documentos:

-As actas dos órganos colexiados da universidade nos que actúe como tal.

-As actas de cualificación de exames.

-Os arquivos xerais.

-As resolucións e instruccións xerais da rectoría.

-As actas de toma de posesión do persoal da universidade.

-O selo oficial.

b) Organización de actos solemnes da universidade, onde debe velar polo cumprimento do protocolo.

c) Garantía da publicidade dos acordos do Consello de Goberno, do Claustro Universitario e das resolucións do rector, coidando singularmente das referidas ós regulamentos de desenvolvemento dos estatutos e demais normas xerais.

d) Calquera outra función ou competencia que lle sexa atribuída ou recoñecida pola lei ou por estes estatutos e as disposicións que os desenvolvan.

Sección quinta

Dos órganos unipersoais de goberno dos centros

Artigo 65º

1. O decano ou director ten atribuída a representación do centro e exerce as funcións de dirección e xestión ordinaria deste.

2. O decano ou director será elixido pola Xunta de Centro entre o profesorado doutor pertencente ós corpos docentes universitarios adscritos ó respectivo centro. No caso de non haber ningún candidato que acade o apoio maioritario da Xunta de Centro, nas escolas universitarias e nas escolas universitarias politécnicas, o director poderá ser elixido entre o funcionariado dos corpos docentes universitarios non doutores ou profesorado contratado doutor.

Artigo 66º

O decano ou director do centro, asistido polo seu equipo de goberno, é o responsable da dirección e xestión do centro, e ten as seguintes funcións:

a) Exercicio da representación do centro.

b) Convocatoria e presidencia da Xunta de Centro e da xunta ou xuntas de titulación, se é o caso.

c) Execución dos acordos da Xunta de Centro.

d) Supervisión do funcionamento dos servicios do centro.

e) Dirección da xestión ordinaria do centro.

f) Proposición, oída a Xunta de Centro, de apertura de informe previo por parte do rector, a calquera membro do centro.

g) Ter conta do cumprimento dos horarios docentes e de titorías.

h) Todas aquelas que lles atribúan a lexislación vixente e os presentes estatutos.

Artigo 67º

O decano ou director designará, de entre todos os membros do centro, os vicedecanos ou subdirectores, que serán nomeados polo rector.

Os vicedecanos e subdirectores actuarán coas competencias e funcións que lles delegue o decano ou director, así como todas aquelas que lles atribúa o regulamento de réxime interno do centro.

Artigo 68º

O decano ou director designará un secretario de entre o persoal do centro, que será nomeado polo rector. Correspóndelle ó secretario dar fe dos acordos adoptados polos órganos de goberno do centro, así como a custodia dos libros de actas deste.

Sección sexta

Dos órganos unipersoais de goberno dos departamentos

Artigo 69º

1. O director de departamento ten atribuída a representación do departamento e exerce as funcións de dirección e xestión ordinaria deste.

2. Será elixido polo Consello de Departamento entre funcionarios doutores dos corpos docentes universitarios, segundo o establecido no regulamento de departamentos aprobado polo claustro. No caso de non haber ningún candidato que acade o apoio maioritario do Consello de Departamento, nos departamentos constituídos sobre as áreas de coñecemento ás que se refire o número 3 dos artigos 58 e 59 da Lei orgánica de universidades, poderán ser elixidos directores funcionarios dos corpos docentes universitarios non doutores ou profesores contratados doutores.

Artigo 70º

Son funcións do director de departamento:

a) Presidencia dos órganos colexiados do departamento, que convocará para as súas reunións ordinarias e extraordinarias de acordo co establecido no seu regulamento.

b) Exercicio da representación do departamento.

c) Execución dos acordos do Consello de Departamento, así como velar polo seu cumprimento.

d) Dirección e coordinación da actividade do departamento en tódalas ordes da súa competencia.

e) Execución das previsións orzamentarias.

f) Negociación con entidades públicas e privadas e de acordo co Consello de Departamento dos traballos e cursos que lle afecten ó departamento como tal.

g) Proposición, oído o Consello de Departamento, de apertura de informe previo por parte do rector a calquera membro do departamento.

h) Todas aquelas que lle atribúa a lexislación vixente e os presentes estatutos, e as que especificamente lle encomende ou delegue o Consello de Departamento.

Artigo 71º

O secretario e, se é o caso, os subdirectores do departamento, serán nomeados polo rector a proposta do director do departamento de entre calquera dos membros do Consello de Departamento, e actuarán coas competencias e funcións que lles delegue o director.

Artigo 72º

Son funcións do secretario de departamento:

a) Levantamento de acta das sesións dos órganos colexiados do departamento.

b) Expedición das certificacións que lle sexan requiridas.

c) Coidado do arquivo e da documentación do departamento.

Sección sétima

Dos órganos unipersoais de goberno dos institutos universitarios de investigación

Artigo 73º

Os directores de institutos universitarios de investigación teñen atribuída a representación e exercen as funcións de dirección e xestión ordinaria destes. Serán elixidos entre doutores polo consello do instituto, segundo o establecido no regulamento correspondente aprobado polo claustro.

Artigo 74º

Son funcións do director do instituto universitario as seguintes:

a) Exercicio da representación daquel.

b) Convocatoria e presidencia do consello.

c) Execución dos acordos adoptados polo consello, así como velar polo seu cumprimento.

d) Organización e coordinación, de conformidade co consello, dos medios persoais e materiais dos que dispoña.

Sección oitava

Do xerente

Artigo 75º

Ó xerente correspóndelle a xestión dos servicios económicos e administrativos da universidade. Son, en consecuencia, funcións do xerente as que seguen:

a) Xestión da facenda e patrimonio da universidade.

b) Xestión dos gastos e ingresos.

c) Dirección do persoal de administración e servicios.

d) Elaboración da proposta de anteproxectos dos orzamentos e plans económicos da universidade.

e) Dictado de instruccións e ordes de servicio tendentes á eficacia da xestión administrativa e coordinación das diversas unidades da administración universitaria.

f) Elaboración do cadro de persoal de administración e servicios.

g) Calquera outra función que lle sexa asignada polos órganos de goberno da universidade, a normativa vixente e os presentes estatutos.

Artigo 76º

O xerente será proposto e nomeado polo rector de acordo co Consello Social, oído o Consello de Goberno e informados os representantes do persoal de administración e servicios. O xerente terá consideración de alto cargo, dedicación a tempo completo e a súa función será incompatible con calquera outra actividade profesional pública ou privada.

Capítulo IV

Das comisións

Artigo 77º

Os órganos colexiados poderán crear comisións delegadas co obxecto de realizar tarefas de estudio, asesoramento e propoñer solucións a temas ou problemas concretos obxecto de consideración polo órgano colexiado. Así mesmo, poderanse crear outras comisións para realizar tarefas similares ás anteriores con relación a temas específicos non vinculados directamente ás competencias do órgano colexiado. No acordo de creación deberán especificar, polo menos, a finalidade e a composición da comisión.

Artigo 78º

1. Créase a Comisión de Reclamacións da Universidade de Vigo, composta polo rector, que a preside, e seis catedráticos da Universidade de Vigo de diversas áreas de coñecemento, elixidos polo claustro, entre quen acredite ampla experiencia docente e investigadora.

2. Esta comisión valorará as reclamacións presentadas contra as propostas efectuadas polas comisións dos concursos de acceso, ratificando ou non a proposta obxecto de reclamación no prazo máximo de tres meses.

Artigo 79º

Os regulamentos das xuntas de centro, dos consellos de departamento e de institutos universitarios de investigación poderán prever a creación dunha comisión permanente, presidida polo decano ou director, con representación de tódolos sectores, que terá capacidade decisoria nas competencias que lle sexan delegadas.

TÍTULO III

Da comunidade universitaria

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 80º

Son membros da comunidade universitaria o persoal docente e investigador, os estudiantes e o persoal de administración e servicios.

Artigo 81º

1. Os membros da comunidade universitaria teñen dereito a beneficiarse de cantas prestacións asistenciais prevexa a lexislación vixente e ofreza a universidade, así como a ter garantido o acceso ó ensino e ós servicios en condicións de igualdade.

2. En particular, tódolos membros da comunidade universitaria teñen dereito a:

a) Participaren a través dos seus órganos de representación no goberno e na xestión da universidade.

b) Estableceren agrupacións ou asociacións e realizaren, se é o caso, actividades de tipo sindical para a mellor defensa dos seus intereses académicos, profesionais ou laborais, nos termos previstos na lexislación vixente.

c) Gozaren dos dereitos democráticos e de todos aqueles que recoñece a Constitución.

d) Promoveren, organizaren e participaren nas iniciativas universitarias de extensión cultural e de todas aquelas que contribúan decididamente a vincular a Universidade de Vigo co seu contorno e a resolve-los problemas que ten.

e) Recibiren información adecuada e actual dos seus dereitos e deberes, dos servicios e axudas postos á súa disposición por parte da universidade e de tódalas cuestións que afecten a comunidade universitaria.

f) Gozaren das prestacións asistenciais creadas, fomentadas ou xestionadas pola Universidade de Vigo, segundo as súas dispoñibilidades económicas e nos termos que se establezan.

g) Utilizaren as instalacións e servicios universitarios de acordo co que establezan as normas da universidade.

h) Beneficiárense das distintas axudas ou subvencións que a universidade ou outras institucións establezan ó seu favor.

i) Participaren e colaboraren en calquera actividade da vida universitaria de acordo coa súa formación específica e capacidade.

j) Teren garantidas as axeitadas condicións de saúde laboral, en especial mediante a eliminación dos riscos laborais, en cumprimento da normativa vixente.

k) Gozaren dunha xestión áxil e eficaz dos seus intereses lexítimos por parte da administración universitaria.

Artigo 82º

Tódolos membros da comunidade universitaria teñen o deber de:

a) Cumpriren as súas obrigas académicas e laborais.

b) Cooperaren cos demais membros da comunidade universitaria na mellora dos servicios e na consecución dos fins da universidade.

c) Respectaren o patrimonio da universidade, contribuíren ó seu digno mantemento e faceren un uso correcto dos medios postos á súa disposición.

d) Asumiren as responsabilidades que comporta o cargo que ocupan, someténdose ó control democrático, obxectivo e equitativo do seu labor.

e) Cumpriren a lexislación vixente, os presentes estatutos e os regulamentos que posteriormente os desenvolvan e os acordos dos órganos que lles afecten.

f) Contribuíren á mellora das finalidades e do funcionamento da Universidade de Vigo como un servicio público.

g) Potenciaren a vinculación e o prestixio da universidade na sociedade.

h) Participaren na toma de decisións sobre os asuntos da vida universitaria, a través dos correspondentes órganos da Universidade de Vigo.

Capítulo II

Do persoal docente e investigador

Sección primeira

Disposicións xerais

Artigo 83º

1. O persoal docente e investigador da Universidade de Vigo está constituído por:

a) Funcionariado docente dos corpos nacionais de catedráticos e de profesores titulares de universidade e escola universitaria.

b) Persoal docente contratado en réxime laboral: axudantes, profesores axudantes doutores, profesores colaboradores, profesores contratados doutores, profesores asociados, profesores visitantes, profesores eméritos e as demais categorías que se establezan con carácter xeral.

c) Persoal investigador contratado: doutores seleccionados mediante convocatoria pública.

d) A Universidade de Vigo poderá contratar por obra ou servicio determinado persoal docente, investigador, técnico ou outro persoal.

2. A contratación do persoal docente e investigador, a excepción dos profesores eméritos e visitantes, farase mediante concursos públicos, que se anunciarán oportunamente. Os concursos de contratación resolveranse respectando os principios de igualdade, mérito e capacidade. Considerarase mérito preferente estar habilitado para participar nos concursos ós que se refire o artigo 63 da Lei orgánica de universidades.

3. A Universidade de Vigo poderá cubrir con carácter interino as prazas que correspondan ós corpos docentes universitarios, así como as prazas de persoal contratado fixo ou temporal en tanto se produce a súa cobertura definitiva polo procedemento legalmente establecido. Por circunstancias sobrevidas, de carácter extraordinario ou suspensión temporal

da actividade dun profesor, poderase acordar a incorporación por trámite de urxencia de persoal interino de substitución, conforme o procedemento que se estableza ó respecto no regulamento do profesorado.

4. Os funcionarios dos corpos docentes ós que alude a letra a) do número anterior serán seleccionados por iniciativa da Universidade de Vigo mediante concurso de acceso e terán a condición de funcionarios adscritos a ela para os efectos da súa relación de servicio. As comisións de selección serán aprobadas polo Consello de Goberno a proposta dos departamentos e estarán compostas por 5 membros pertencentes ós corpos de funcionarios docentes da área de coñecemento dentro ou fóra da universidade ou, no seu defecto, de áreas afíns, todos eles cos méritos investigadores recollidos na lexislación vixente e de categoría igual ou superior á praza obxecto do concurso.

5. O persoal docente contratado será seleccionado por iniciativa da Universidade de Vigo. As comisións de selección serán aprobadas polo Consello de Goberno a proposta dos departamentos e estarán compostas por 5 membros da área de coñecemento ou, no seu defecto, de áreas afíns e de categoría igual ou superior á praza obxecto do concurso.

Artigo 84º

O profesorado da Universidade de Vigo ten plena capacidade docente. Os doutores da Universidade de Vigo teñen plena capacidade investigadora. A Universidade de Vigo ten a obriga de lles facilitar medios e recursos ós seus membros que non sexan doutores para conseguir a plena capacidade investigadora.

Artigo 85º

O Claustro Universitario aprobará un regulamento do profesorado. Nel, sen prexuízo da normativa reguladora da función pública que resulta aplicable e tendo en conta a normativa laboral, contemplaranse, polo menos, as obrigas docentes e investigadoras, o réxime de dedicación, as situacións administrativas, os permisos e licencias, as exencións, o réxime do persoal vinculado por contratos de colaboración, o réxime de incompatibilidades, as disposicións reguladoras da selección do persoal docente e investigador, os criterios aplicables para a designación dos membros das comisións de selección e demais contidos que deban incluírse, por así prevelo o resto de normas destes estatutos.

Sección segunda

Dos dereitos e deberes do persoal docente e investigador

Artigo 86º

Son dereitos do persoal docente e investigador da Universidade de Vigo, ademais dos que lles recoñecen as leis e os presentes estatutos, os seguintes:

a) A liberdade académica que se manifesta nas liberdades de cátedra e investigación.

b) A formación permanente, coa finalidade de garantir unha mellora da súa capacidade docente e investigadora.

c) A participación nas iniciativas de control de calidade da docencia e investigación da Universidade de Vigo.

d) A disposición dunhas condicións laborais, salariais e de traballo dignas, dos recursos económicos, materiais e humanos necesarios que lles permitan ofrecer unha formación científica, profesional, cultural, técnica, investigadora e crítica de calidade.

Artigo 87º

Son deberes do persoal docente e investigador da Universidade de Vigo, ademais dos previstos nas normas xerais e noutras disposicións deste estatuto, os seguintes:

a) A actualización e renovación dos seus coñecementos científicos, así como a súa metodoloxía pedagóxica.

b) O cumprimento das tarefas docentes e investigadoras que lles correspondan, con suxeición ós procedementos de avaliación e control da súa actividade académica.

c) A asunción das responsabilidades que comporten os cargos para os que sexan elixidos ou designados.

d) O cumprimento das normas contidas nestes estatutos e nas disposicións que os desenvolvan.

Sección terceira

Dos cadros de profesorado e da carreira popular

Artigo 88º

1. A Universidade de Vigo levará a cabo a elaboración e actualización, en cada novo curso académico, dos cadros de profesorado por áreas de coñecemento e por campus, segundo a docencia que as áreas teñan asignadas nas titulacións impartidas na universidade, e nos programas de doutoramento, así como as exencións ou reduccións que lle poidan corresponder ó seu profesorado. Na cuantificación da docencia que se imparte en cada titulación, procurarase que os grupos docentes de teoría e práctica teñan un tamaño que facilite a aprendizaxe dos estudiantes.

2. O Consello de Goberno establecerá anualmente no estado de gastos do orzamento a relación de postos de traballo do seu profesorado, na que se relacionarán, debidamente clasificadas, todas as prazas de profesorado, incluíndo o persoal docente e investigador contratado.

3. Para facilitar o acceso ó ano sabático do profesorado con dedicación a tempo completo, o orzamento anual da universidade fará previsión dos fondos que permitan financiar o gozo deste dereito, sempre que se cumpran os requisitos establecidos no regulamento do profesorado.

4. O regulamento do profesorado deberá estipular as condicións para posibilita-la promoción dentro dos corpos de profesorado universitario, fixando as condicións para facilita-la carreira académica ó profesorado a tempo completo da universidade. Así mesmo, establecerá mecanismos para convocar programas de promoción, transformación e contratación de persoal docente e investigador a tempo completo, nos que se terán en conta méritos docentes, investigadores e de xestión.

Sección cuarta

Do persoal docente e investigador contratado

Artigo 89º

A universidade poderá contratar a tempo completo, pola duración prevista legalmente, axudantes e profesores axudantes doutores nos termos previstos no regulamento do profesorado.

A actividade dos axudantes estará orientada a completa-la súa formación científica e incluirá a colaboración nas tarefas docentes dos departamentos ós que pertenzan, sempre que esta colaboración non supoña unha carga que diminúa ou impida o desenvolvemento dos labores de investigación e formación.

Os profesores axudantes doutores poderán ter asignada docencia teórica de primeiro, segundo e terceiro ciclo. Para a súa contratación, deberán ser avaliados positivamente polo órgano de avaliación externa correspondente.

Artigo 90º

Nas áreas de coñecemento que o goberno estableza, a Universidade de Vigo poderá contratar profesores colaboradores en réxime de dedicación a tempo completo ou a tempo parcial entre titulados universitarios avaliados positivamente. A selección farase mediante concurso-oposición. A súa dedicación á docencia non impedirá que poidan desenvolver tarefas de investigación.

Artigo 91º

A Universidade de Vigo poderá contratar profesorado contratado doutor, a tempo parcial ou a tempo completo e poderá, neste último caso, selo con carácter fixo, entre doutores que acrediten polo menos tres anos de actividade docente e investigadora, ou prioritariamente investigadora, posdoutoral, avaliada positivamente polo órgano de avaliación externa correspondente. A selección farase mediante concurso de acceso nos termos que estableza o Regulamento do profesorado. Terán os mesmos dereitos e obrigas có profesorado pertencente ós corpos docentes universitarios, agás os que a lexislación vixente reserva a estes últimos.

Artigo 92º

A Universidade de Vigo poderá contratar profesores asociados entre especialistas de recoñecida competencia que acrediten desenvolver a súa actividade profesional fóra da universidade. A súa contratación terá carácter temporal e dedicación a tempo

parcial, de acordo cos requisitos establecidos na lexislación respecto ó réxime laboral e da Seguridade Social e na restante normativa que sexa de aplicación.

Artigo 93º

A Universidade de Vigo poderá contratar con carácter temporal profesores visitantes entre profesores ou investigadores de recoñecido prestixio doutras universidades e centros de investigación, para desenvolveren actividades docentes e investigadoras. A contratación será acordada polo Consello de Goberno por proposta dun departamento, acompañada dun informe sobre a actividade e méritos do profesor.

Artigo 94º

1. A Universidade de Vigo poderá contratar en réxime laboral profesores eméritos entre aqueles funcionarios xubilados dos corpos docentes universitarios que prestasen destacados servicios docentes e investigadores á universidade.

2. A contratación de profesor emérito será acordada polo Consello de Goberno por proposta dun departamento, tralo informe da Xunta Consultiva.

3. Os profesores eméritos estarán vinculados á universidade por medio dunha relación contractual temporal, revisable polo menos cada dous anos e susceptible de abranguer un período máximo global de dez anos.

Artigo 95º

1. A Universidade de Vigo poderá contratar para obra ou servicio determinado persoal docente, investigador ou técnico ou outro persoal, para o desenvolvemento de proxectos concretos de investigación científica ou técnica.

2. O Consello de Goberno establecerá o procedemento para a contratación do persoal citado no número anterior.

Artigo 96º

A Universidade de Vigo poderá contratar temporalmente en réxime laboral lectores nos departamentos correspondentes ás áreas de coñecemento das linguas modernas e estranxeiras. As condicións contractuais serán fixadas no regulamento do profesorado.

Sección quinta

Control e avaliación docente e investigadora

Artigo 97º

1. A Universidade de Vigo realizará anualmente a avaliación obxectiva da súa actividade docente e investigadora. Esta avaliación incluirá:

a) Informe de cada centro sobre o desenvolvemento da actividade docente nas titulacións que lle afectan.

b) Informe de cada departamento sobre o desenvolvemento da súa actividade docente e investigadora.

c) Valoración obxectiva dos estudiantes sobre a docencia recibida, especificada por materia e profesor, realizada con garantías técnicas suficientes.

2. No caso de avaliacións manifestamente negativas, a Universidade de Vigo procederá de seu á apertura dun informe previo por parte do rector, de acordo co establecido ó respecto polo Consello de Goberno e co previsto nos presentes estatutos e no seu correspondente regulamento.

Capítulo III

Dos estudiantes

Sección primeira

Do acceso e permanencia na Universidade de Vigo

Artigo 98º

Terá dereito á ensinanza universitaria na Universidade de Vigo quen cumpra os requisitos previstos nas disposicións vixentes e supere os procedementos de admisión que legalmente poidan establecerse. O Consello de Goberno, por proposta dos centros, decidirá o número máximo de prazas de novo acceso en cada titulación.

Artigo 99º

O Consello Social, trala audiencia dos representantes dos estudiantes no claustro, por proposta do Consello de Goberno e tralo informe do Consello de Coordinación Universitaria, establecerá as normas que regulen a permanencia dos estudiantes na universidade, tendo en conta as características dos respectivos estudios.

Sección segunda

Dereitos e deberes dos estudiantes

Artigo 100º

1. Os estudiantes da Universidade de Vigo terán os seguintes dereitos:

a) Recibiren unha formación integral e unha ensinanza de calidade efectiva, tanto teórica como práctica, nos termos establecidos nos plans de estudios.

b) Recibiren orientación educativa e profesional a través do persoal dos servicios da Universidade de Vigo.

c) Seren avaliados obxectivamente no seu rendemento académico segundo criterios de avaliación previamente establecidos e coñecidos.

d) Beneficiárense das distintas axudas e bolsas que a universidade ou outras institucións establezan ó seu favor, coa finalidade de que ninguén quede excluído do estudio por razóns económicas.

e) Recibiren unha especial consideración por se atoparen en situacións excepcionais, como as de embarazo, discapacidade, enfermidade ou lesión, entre outras.

f) Disporen de instalacións e medios materiais e económicos para desenvolveren normalmente os seus estudios e demais actividades propias da súa for

mación, así como para o exercicio de tódolos dereitos recoñecidos nestes estatutos.

g) Recibiren a garantía de máxima protección do dereito á educación aqueles estudiantes con discapacidades físicas, psíquicas ou sensoriais.

h) Seren protexidos pola Seguridade Social nos termos e condicións que se establezan nas disposicións legais vixentes.

2. Con independencia da súa asistencia ou non ás clases, os estudiantes gozarán de tódolos dereitos establecidos no punto anterior.

Artigo 101º

1. Ademais das garantías recollidas no regulamento de exames, o calendario, horario e lugar de exames oficiais, tanto teóricos como prácticos, deberán ser feitos públicos antes de comezar o período de matriculación e deben, na medida do posible, manter coherencia entre cursos sucesivos.

2. O alumnado terá dereito á revisión do seu exame, tanto teórico coma práctico, coñecendo os criterios de avaliación concretos e específicos antes de que as cualificacións sexan definitivas.

3. As cualificacións provisionais obtidas polos estudiantes deberán ser expostas antes de que transcorra un período máximo de 30 días despois da realización do exame e, en calquera caso, 7 días antes de que realice outro exame da materia.

Artigo 102º

1. Ademais da súa función avaliadora da formación acadada polo alumno, as probas de avaliación tenderán a cumprir unha función docente e de crítica e mellora da súa capacidade de expresión, polo que deberá garantirse a maior obxectividade posible na realización das devanditas probas; en todo caso, de tratarse de probas escritas, o alumnado terá pleno acceso ó estudio do seu exercicio corrixido.

2. No caso de que o estudiante estivese desconforme coa puntuación conferida, pode solicitar a revisión das probas a través do centro, segundo o procedemento que estableza o regulamento de exames, que en todo caso, garantirá a axilidade na tramitación e as posibilidades de impugna-los acordos ou resolucións que se dicten.

3. A universidade investigará de oficio, segundo as normas e procedementos que estableza o regulamento de exames, a reiteración de resultados manifestamente negativos na cualificación dunha materia.

Artigo 103º

Son deberes dos estudiantes da Universidade de Vigo, ademais dos previstos nas normas xerais e noutras disposicións deste estatuto, os seguintes:

a) A realización do traballo de estudio e iniciación á investigación propios da súa condición de universitarios.

b) A participación en todo o que afecte a vida universitaria.

c) A cooperación co resto da comunidade universitaria na mellora dos servicios desta, así como na consecución dos fins propios da institución.

Sección terceira

Organizacións e actividades dos estudiantes

Artigo 104º

1. Os estudiantes poderán crear asociacións e organizacións específicas. A universidade deberá facilitar medios e espacios habilitados para o desenvolvemento dos seus fins.

2. No seo dos centros da Universidade de Vigo, os estudiantes poderán crear delegacións de alumnado. De haber representantes dos estudiantes do centro nos órganos de goberno da universidade, formarán parte das delegacións. A universidade deberá facilitar medios e espacios habilitados para o desenvolvemento dos seus fins.

3. Tódolos órganos da Universidade de Vigo potenciarán a creación de organizacións, asociacións e delegacións estudiantís e velarán para que poidan desenvolver as súas actividades.

4. O regulamento de estudiantes contemplará a definición, composición e funcións das delegacións de alumnado que, no seo da universidade, poidan ser creadas.

Sección cuarta

Prestacións asistenciais e axudas ó estudio

Artigo 105º

1. A Universidade de Vigo fará programas complementarios de axudas ós estudiantes para cubrir necesidades non atendidas ou insuficientemente atendidas polas administracións públicas. A Comisión de Bolsas da universidade será a encargada da distribución das axudas para transporte, residencia, comedor, libros, investigación ou calquera outro tipo de axudas, para os seus estudiantes máis desfavorecidos. O criterio de distribución das axudas da universidade será preferentemente económico e fixado polo Consello de Goberno.

2. A Universidade de Vigo poderá ofrecerlles ós seus estudiantes bolsas de colaboración nos servicios de asistencia á comunidade universitaria.

Artigo 106º

Co obxecto de procurar unha formación integral dos estudiantes, a Universidade de Vigo potenciará as relacións con outras universidades e institucións e axudará as asociacións deportivas, culturais, artísticas ou recreativas recoñecidas que desenvolvan a súa actividade no seo da universidade.

Capítulo IV

Do persoal de administración e servicios

Artigo 107º

A universidade está organizada administrativamente en servicios, seccións e negociados, tanto nos

servicios centrais como nos centros e departamentos, e a súa xestión será desconcentrada en unidades estructurais para cumprir mellor os seus obxectivos. Para tales efectos, considérase que os servicios centrais poden actuar en diferentes campus.

Artigo 108º

O persoal de administración e servicios constitúe o sector da comunidade universitaria ó que lle corresponden as funcións de xestión, actividades técnicas e administrativas, apoio, asistencia e asesoramento.

Artigo 109º

1. O persoal de administración e servicios da Universidade de Vigo estará composto por funcionarios da propia universidade ou dos corpos doutras administracións e por persoal contratado en réxime laboral que preste servicios na universidade.

2. O persoal funcionario de administración e servicios rexerase pola Lei orgánica de universidades e polas disposicións que a desenvolven, pola lexislación xeral de funcionarios, polas disposicións de desenvolvemento desta que elabore a Comunidade Autónoma e polos presentes estatutos.

3. O persoal laboral de administración e servicios rexerase pola Lei orgánica de universidades e polas disposicións que a desenvolven, polos presentes estatutos e pola lexislación laboral e o convenio colectivo aplicables.

Artigo 110º

1. As escalas de persoal funcionario propio da Universidade de Vigo clasificaranse de acordo cos grupos de titulación esixidos na lexislación xeral da función pública e figurarán explicitamente no regulamento do persoal de administración e servicios aprobado polo claustro. A Universidade de Vigo poderá crear ou modifica-las escalas que estime convenientes para o mellor desenvolvemento da administración e os servicios, nas condicións que estableza o devandito regulamento.

2. Os grupos e categorías profesionais do persoal laboral de administración e servicios da universidade fixaranse segundo o previsto no convenio colectivo.

Artigo 111º

A Universidade de Vigo poderá formalizar contratos interinos para a substitución do persoal funcionario ou laboral nos casos legalmente previstos. Estes tipos de contratacións respectarán, en todo caso, os principios de igualdade, capacidade, publicidade e mérito.

Artigo 112º

O persoal de administración e servicios estará baixo a dependencia orgánica da xerencia da uni

versidade e dependerá funcionalmente dos servicios ou centros de traballo ós que estea adscrito.

Artigo 113º

Son dereitos do persoal de administración e servicios, ademais dos que recoñecen as leis e os presentes estatutos:

a) A gratuidade nas ensinanzas curriculares impartidas na universidade e a posibilidade de obter axudas de matrícula nas ensinanzas extracurriculares, en particular cando supoñan perfeccionamento profesional para os interesados.

b) A disposición dos medios adecuados para contribuír ó bo funcionamento dos servicios públicos e á mellora da xestión.

c) A participación nas actividades de perfeccionamento e reciclaxe profesional.

Artigo 114º

Son deberes do persoal de administración e servicios da Universidade de Vigo, ademais dos previstos nas normas xerais e noutras disposicións deste estatuto, os seguintes:

a) A participación nos cursos de perfeccionamento e actividades similares que lle corresponden como membro da comunidade universitaria.

b) O desempeño das súas tarefas conforme os principios de legalidade, axilidade e eficacia, contribuíndo ós fins e mellora do funcionamento da universidade como servicio público.

c) A asunción das responsabilidades que lle corresponden polo exercicio do seu posto diante dos órganos de goberno e administración da universidade, así como das que comportan os cargos para os que foron elixidos ou designados.

Artigo 115º

A universidade garantirá a formación permanente do persoal de administración e servicios que permita a súa adecuación técnica, promoción e especialización. Para iso constituirase unha comisión de formación e perfeccionamento na que estean representados a xerencia e os representantes do persoal de administración e servicios. Esa comisión establecerá a programación anual de actividades.

Artigo 116º

A Universidade de Vigo revisará a relación de postos de traballo do persoal de administración e servicios cando as circunstancias así o aconsellen e, en todo caso, cada dous anos. A proposta da relación de postos de traballo será aprobada polo Consello de Goberno, trala negociación do xerente cos órganos de representación do persoal de administración e servicios, logo dun informe do Consello Social.

Artigo 117º

1. A universidade seleccionará o seu propio persoal de administración e servicios cumprindo os principios constitucionais de igualdade, publicidade, capacidade e méritos. A selección levarase a cabo

de acordo coa súa oferta de emprego, mediante convocatoria pública e a través dos sistemas de concurso, oposición e concurso-oposición.

2. As probas de selección do persoal laboral de administración e servicios rexeranse polo establecido no convenio colectivo.

Artigo 118º

1. Na medida en que a lexislación xeral ou autonómica de funcionarios lle atribúa á Universidade de Vigo as potestades de selección de persoal, as vacantes adscritas a funcionarios proveranse de acordo coa lexislación vixente e a universidade convocará anualmente a concurso, entre funcionarios do persoal de administración e servicios, as reservadas á promoción interna.

2. Tódalas prazas vacantes da relación de postos de traballo sairán a concurso de méritos anualmente.

Artigo 119º

1. O regulamento do persoal de administración e servicios, que será aprobado polo claustro, contemplará cando menos a situación administrativa, selección, promoción, provisión, oferta de emprego público, formación e perfeccionamento, seguridade e hixiene no traballo, asistencia e acción social, tempos de traballo, xornada e horario, participación nos contratos de colaboración e os dereitos e deberes do persoal de administración e servicios.

2. Tódalas normas dos procedementos de selección de persoal de administración e servicios serán desenvolvidas no regulamento do persoal de administración e servicios.

Capítulo V

Das incompatibilidades e do réxime disciplinario

Sección primeira

Das incompatibilidades

Artigo 120º

O réxime de incompatibilidades do persoal da comunidade universitaria rexerase polo establecido na lexislación vixente e nos regulamentos correspondentes que aprobe o claustro.

Artigo 121º

Ningún membro da comunidade universitaria poderá formar parte de dúas circunscricións electorais nunha mesma elección, agás os estudiantes na elección dos seus representantes a Consello de Departamento.

Artigo 122º

A condición de membro do Tribunal de Garantías é incompatible coa de cargo unipersoal.

Sección segunda

Do réxime disciplinario

Artigo 123º

A adopción das decisións relativas ao réxime disciplinario dos membros da comunidade universitaria

correspóndelle ó rector, agás a separación do servicio no caso de persoal funcionario docente e investigador e do persoal funcionario de administración e servicios, que será acordado polo órgano competente segundo a lexislación vixente, e a prohibición de continuar os estudios no caso de estudiantes, que requirirá o acordo do Consello de Goberno.

Artigo 124º

A Universidade de Vigo contará cun regulamento aprobado polo claustro en que se recollan, no marco da normativa que resulte de aplicación, as normas relativas ó réxime disciplinar dos membros da comunidade universitaria.

TÍTULO IV

Do estudio e a investigación

na Universidade de Vigo

Capítulo I

Do estudio e a docencia

Sección primeira

Disposicións xerais

Artigo 125º

A Universidade de Vigo ofrecerá, nas modalidades presencial ou non, estudios dirixidos á obtención de títulos de carácter oficial e validez en todo o territorio español, que conducirán ós títulos de diplomado, de arquitecto técnico ou enxeñeiro técnico, de licenciado, de arquitecto ou de enxeñeiro e doutor.

Artigo 126º

A Universidade de Vigo poderá outorgar tamén títulos e diplomas para aqueles estudios, calquera que sexa a súa modalidade, que estableza en uso da súa autonomía. O Consello de Goberno fixará as normas xerais que regulen a organización e aprobación destes estudios, así como o procedemento para a expedición dos certificados ou diplomas.

Sección segunda

Dos estudios de primeiro e segundo ciclos

Artigo 127º

Os plans de estudios tenderán a potenciar a compatibilidade entre titulacións afíns, especialmente no caso das que se corresponden cos primeiros e segundos ciclos da mesma ou semellante denominación.

Artigo 128º

1. A avaliación do alumnado correspóndelle ó profesorado responsable da docencia da materia, agás nos casos en que sexa preciso un tribunal. En cada centro, a Xunta de Centro supervisará o rendemento dos docentes e calquera incidencia que poida producirse ó longo do curso, para o cal poderá solicitar dos departamentos os informes pertinentes.

2. No período de elaboración do plan de organización docente polos departamentos, estes entregarán na secretaría dos centros onde teñan docencia os programas das materias que impartan, facendo referencia á bibliografía necesaria para seguir as ensinanzas, á forma en que se vai desenvolver a docencia e avaliación do alumnado, ó número de exames ou probas parciais, ó número de horas teóricas e prácticas e ó profesorado que a vai impartir, así como a calquera información que se considere necesaria. Os centros proverán do preciso para que os estudiantes teñan acceso ós programas antes do período de matriculación de cada curso.

Artigo 129º

1. Co fin de acomodarse á estructura dos novos plans de estudios coa necesaria flexibilidade, para a impartición dos créditos dun xeito cuadrimestral ou anual, a Universidade de Vigo arbitrará progresivamente os medios, a medida que o servicio o permita, para que as convocatorias de matrícula e exame se correspondan co comezo e o final da impartición das materias.

2. Os estudiantes teñen dereito a dúas convocatorias por ano académico, e considerarase como convocatoria ordinaria a que se fai ó remate da impartición da disciplina. Existirá, ademais, outra convocatoria extraordinaria, nun período que debe establecer o Regulamento de estudiantes e que debe mediar, en todo caso, un mes coas anteriores. Esta convocatoria só será considerada no caso do alumnado que xa cursase a disciplina con anterioridade.

3. Os exames da convocatoria de fin de carreira celebraranse nun período distinto dos fixados para as convocatorias mencionadas no punto anterior.

Artigo 130º

Para tódolos efectos, o alumnado que estea realizando o proxecto de fin de carreira nas condicións que estableza o regulamento que para tal fin elabore o Consello de Goberno será considerado como alumnado de primeiro ou, se é o caso, de segundo ciclo.

Sección terceira

Dos estudios de terceiro ciclo

Artigo 131º

Existirá unha Comisión de Doutoramento encargada de velar pola boa marcha dos estudios de terceiro ciclo. A Comisión de Doutoramento será elixida polo Consello de Goberno en representación dos distintos ámbitos científicos, tecnolóxicos e artísticos, coa composición e funcións determinadas no seu regulamento. Elixirán de entre os seus membros o presidente e o secretario.

Artigo 132º

1. Tódalas as persoas que estean matriculadas nun programa de doutoramento ou realizando a tese de doutoramento, con dedicación mínima de 15 horas semanais, recibirán a consideración de estudiantes de terceiro ciclo.

2. O alumnado do terceiro ciclo estará adscrito ó centro onde realice habitualmente o seu traballo de investigación, para o que os respectivos centros poñerán á súa disposición as instalacións e medios materiais dos que dispoñan.

3. Para os efectos de representatividade nos órganos colexiados, tamén terán a consideración de alumnado de terceiro ciclo os estudiantes licenciados que estean realizando a tese de licenciatura cunha dedicación mínima de 15 horas semanais, e estea inscrita segundo o regulamento que se arbitre para tal efecto.

Sección cuarta

Das validacións

Artigo 133º

Constituiranse na Universidade de Vigo comisións de validacións que informarán sobre as solicitudes de validación parcial de estudios e resolveranas segundo o que marque a legalidade vixente.

Sección quinta

Dos premios e honores académicos

Artigo 134º

O Consello de Goberno, a proposta dos centros, pode outorgar anualmente premios extraordinarios de diplomado, arquitecto técnico e enxeñeiro técnico e premios extraordinarios de licenciado, arquitecto e enxeñeiro. O Consello de Goberno aprobará o regulamento que determine as condicións e o procedemento que deben seguir as propostas dos centros.

O Consello de Goberno, a proposta da Comisión de Doutoramento, pode outorgar anualmente premios extraordinarios de doutoramento entre os doutores que conseguiron no curso académico anterior a máxima cualificación posible.

Artigo 135º

O Consello de Goberno pode nomear doutor honoris causa aquelas persoas que, en atención ós seus méritos, considere merecedoras de tal nomeamento, de acordo cos procedementos establecidos polo claustro.

Capítulo II

Da investigación

Artigo 136º

A Universidade de Vigo promoverá como un dos obxectivos esenciais da súa actividade a formación de investigadores e o fomento e coordinación da investigación científica, técnica, humanística e artística. A investigación configúrase como fundamento da docencia e como medio para o desenvolvemento científico e cultural da sociedade.

Artigo 137º

Constitúe dereito e obriga de todo o profesorado da Universidade de Vigo a realización, de forma continuada, de actividades de estudio e investigación científica ou humanística, de aplicación tec

nolóxica ou de creación artística para a obtención, desenvolvemento e actualización dos coñecementos necesarios para a docencia na área correspondente.

Artigo 138º

Sen mingua da liberdade individual de investigación, esta levarase a cabo en grupos de investigación, departamentos, centros de investigación e institutos universitarios de investigación. A Universidade de Vigo asegurará o desenvolvemento das actividades investigadoras e adoptará, para o efecto, as medidas organizativas e orzamentarias que o garantan.

Artigo 139º

O claustro elaborará un Regulamento de investigación, desenvolvemento e transferencia de acordo coa lexislación vixente. Este regulamento recollerá os procedementos de autorización dos traballos e de celebración dos contratos con persoas, universidades ou entidades públicas ou privadas, así como os criterios para fixar o destino dos bens e recursos que con eles se obteñan.

Artigo 140º

Tendo en conta os seus programas de investigación, os grupos de investigación, os departamentos, centros de investigación e os institutos universitarios de investigación poderán contratar temporalmente investigadores en formación que colaboren no seu desenvolvemento con cargo ós fondos específicos de investigación ou óos procedentes de financiamento externo, segundo o establecido no artigo 95 destes estatutos.

Artigo 141º

A universidade aprobará un Regulamento de investigadores en formación e perfeccionamento no que se definan as condicións para a súa vinculación á Universidade de Vigo, así como os seus dereitos e deberes. Ademais garantirá a existencia dun rexistro xeral de investigadores en formación e perfeccionamento; a inclusión neste rexistro implicará a protección mediante un seguro de accidentes.

TÍTULO V

Das garantías xurídicas

Capítulo I

Garantías xurídicas dos representantes

Artigo 142º

O representante de calquera sector da comunidade universitaria, ademais dos dereitos recoñecidos polas leis e os presentes estatutos, ten os seguintes:

a) Dereito a obter toda a información e documentación que estime conveniente para o mellor exercicio das súas funcións, nos termos legalmente establecidos.

b) Dereito a facer uso do material e servicios da Universidade de Vigo para o cumprimento das súas funcións, así como dispoñer de locais de reunión debidamente equipados, nos termos que se estableza.

c) Dereito a recibir resposta por escrito e personalizada das propostas, peticións e recursos presentados ante calquera órgano universitario.

d) No caso do alumnado, dereito á dispensa de asistencia ás clases teóricas e prácticas e a se poder examinar noutra data, para facilitar a súa asistencia ás sesións ordinarias ou extraordinarias dos órganos colexiados.

e) Dereito para os representantes do alumnado a recibir no seu domicilio, fóra do período de clases, con suficiente antelación, as convocatorias e documentación necesaria do órgano representativo onde exerzan a súa función.

Capítulo II

Do Tribunal de Garantías

Artigo 143º

O Tribunal de Garantías é o comisionado do Claustro Universitario para a defensa dos dereitos dos membros da comunidade universitaria. Para estes efectos, poderá supervisar a actividade de administración universitaria, dándolle conta ó claustro. Exercerá as funcións que se lle encomenden nestes estatutos e nas disposicións de desenvolvemento.

Artigo 144º

O Tribunal de Garantías está facultado para admitir calquera queixa ou reclamación que lle sexa presentada, na que estea a ser denunciado o incumprimento da legalidade ou calquera dano ós intereses lexítimos do denunciante nas relacións coa Universidade de Vigo, aínda que non haxa infracción estricta da legalidade.

Artigo 145º

1. O Tribunal de Garantías elixido no claustro entre tódolos membros da comunidade universitaria componse de nove membros:

a) O defensor universitario que o preside, elixido polo conxunto dos claustrais.

b) Dous membros elixidos polos representantes do profesorado funcionario doutor.

c) Dous membros elixidos polos representantes do resto do persoal docente e investigador.

d) Dous membros elixidos polos representantes do alumnado.

e) Dous membros elixidos polos representantes do persoal de administración e servicios.

2. Tódolos membros serán elixidos por unha maioría de 2/3 dos presentes do sector correspondente, no caso do defensor universitario a maioría de 2/3 precisarase entre os claustrais asistentes á sesión.

3. Os compoñentes do Tribunal de Garantías non estarán suxeitos a mandato imperativo ningún.

4. Un regulamento aprobado polo claustro fixará o funcionamento do tribunal, os seus medios materiais e a duración do mandato, que non poderá exceder de catro anos. As decisións do Tribunal de Garan

tías serán adoptadas por maioría dos votos dos asistentes ás reunións, e o voto de calidade do presidente resolverá os empates.

5. O defensor universitario dará conta anualmente, nun informe que presentará ante o Claustro Universitario, da xestión realizada polo Tribunal de Garantías.

Artigo 146º

Os membros do Tribunal de Garantías cesarán por algunha das causas seguintes:

a) A petición propia.

b) Por expiración do prazo do seu nomeamento.

c) Por causa legal procedente.

d) Por perda das condicións necesarias para ser elixido.

e) Por revogación de tódolos membros do Tribunal de Garantías, cando así o acorde o claustro por maioría absoluta.

Artigo 147º

O Tribunal de Garantías, no desenvolvemento das súas funcións, poderá:

a) Esixir, de oficio ou a pedimento da parte interesada, toda información que considere oportuna para o cumprimento dos seus fins.

b) Elevar informes ó claustro e, se é o caso, propostas de repercusión dos danos estimados.

c) Xestionar diante dos órganos competentes a corrección dos defectos observados no seu funcionamento.

d) Requirir do órgano universitario competente a satisfacción do oportuno interese lexítimo.

e) Propoñerlle ó claustro un voto de censura contra o titular dun órgano unipersoal que, a pesar dos requirimentos, non modifique a súa conducta contraria a dereito.

TÍTULO VI

Dos servicios da universidade

Artigo 148º

A Universidade de Vigo creará e manterá os servicios xerais necesarios para realizar adecuadamente as súas funcións básicas. Un servicio será considerado de carácter xeral cando o seu nivel de coordinación ou de actuación supere o ámbito dun departamento, instituto universitario de investigación, centro e campus. O carácter xeral dun servicio non presupón a súa centralización física, asegurando, en todo caso, que a dirección, coordinación e xestión dos aspectos básicos do servicio sexan efectuadas por instancias centrais. Estes servicios, que non deberán ter carácter lucrativo, crearanse por acordo do Consello de Goberno despois de oír o informe económico da xerencia. Cada servicio deberá ter o cadro de persoal necesario e coa cualificación adecuada para que sexa xestionado e administrado con eficacia.

Artigo 149º

Para cada un dos servicios xerais existirá unha comisión con estructura fixada polo Consello de Goberno e na que estarán integrados o director deste, así como unha representación tanto dos usuarios, polo menos un en cada campus, como do persoal de administración e servicios adscrito ó servicio. As comisións son órganos consultivos do Consello de Goberno e do rector para todo o que contribúa ó cumprimento dos fins e mellora da calidade do servicio correspondente. Cada comisión elaborará un regulamento do servicio que será aprobado polo Consello de Goberno.

TÍTULO VII

Réxime económico e financeiro

Artigo 150º

A Universidade de Vigo goza de autonomía financeira nos termos establecidos na lexislación vixente. Para tal efecto, deberá dispor de recursos suficientes para o desempeño das súas funcións.

Capítulo I

Patrimonio e recursos financeiros

Artigo 151º

Constitúen o patrimonio da Universidade de Vigo os bens mobles e inmobles, títulos, capitais, ou calquera outros bens, dereitos e accións que lle poidan corresponder.

Artigo 152º

Os actos de disposición dos bens de dominio público inmobles e dos mobles de extraordinario valor serán acordados pola universidade, de conformidade coas normas establecidas na Lei 1/2003 dos consellos sociais do Sistema Universitario de Galicia.

Artigo 153º

Para o cumprimento dos seus fins, a Universidade de Vigo contará cos recursos financeiros que a lexislación lle atribúe, incluíndo transferencias, taxas, rendementos, remanentes de tesourería e calquera outro ingreso.

Capítulo II

A programación plurianual

Artigo 154º

No marco do que estableza a Comunidade Autónoma, a Universidade de Vigo poderá elaborar programacións plurianuais que poden conducir á aprobación, pola propia Comunidade Autónoma, de convenios e contratos-programa que incluirán os seus obxectivos, o financiamento e a avaliación do cumprimento dos obxectivos. A proposta de programación plurianual será elaborada polo Consello de Goberno e aprobada polo Consello Social.

Capítulo III

O orzamento

Artigo 155º

O orzamento anual da Universidade de Vigo será público, único e equilibrado, e consistirá na relación

detallada de tódolos ingresos e gastos que deba realizar a universidade durante un ano natural. A estructura do orzamento da universidade, o seu sistema contable e os documentos que comprenden as súas contas anuais adaptaranse ás normas que con carácter xeral se establecen para o sector público, e, para os efectos de normalización contable, aos plans de contabilidade que a Xunta de Galicia puidese establecer para as universidades da súa competencia.

Artigo 156º

1. Sen prexuízo da aplicación da normativa estatal ou autonómica procedente, a execución do gasto da universidade, así como as modificacións no orzamento da universidade, tramitaranse de acordo co establecido no regulamento de réxime económico e contratación aprobado polo claustro.

2. O orzamento de ingresos conterá o detalle das diferentes fontes de ingresos. Ós ingresos previstos seralles sumada a previsión do remanente corrente neto do ano anterior. Non terá carácter de remanente neto a parte dos créditos para investimentos ou para proxectos de investigación non dispostos a fin do ano, que constitúen saldos á disposición dos centros de gasto ós que van ser asignados, consonte os criterios establecidos no Regulamento de réxime económico e contratación.

3. O orzamento de gastos expresarase por clase ou natureza do gasto e polo destino ó que correspondan dentro da organización da universidade e na atención ós diversos programas. A estructura de presentación dos gastos axeitarase ós criterios xerais de orzamentos públicos, adaptándose á organización interna da Universidade de Vigo.

Artigo 157º

Se o un de xaneiro de cada ano non estivese aprobado o novo orzamento da universidade, prorrogarase automaticamente o orzamento do ano anterior.

Capítulo IV

A xestión dos gastos

Artigo 158º

A disposición de gastos e ordenación de pagamentos corresponderalle ó rector. Os directores de departamento ou instituto universitario de investigación, decanos ou directores de centros e outros responsables de centros de gasto poderán dispoñer dunha cantidade de xestión autónoma, en concepto de adianto, que xustificarán segundo o establecido no regulamento de réxime económico e contratación e nas normas de execución que para cada orzamento anual se dicten.

Artigo 159º

Unha vez que o Consello Social aprobe o orzamento, os recursos para gastos asignaranse ós centros, departamentos, institutos universitarios de

investigación e outros centros de gasto, a través do Consello de Goberno.

Artigo 160º

A Universidade de Vigo organizará as súas contas segundo principios dunha contabilidade orzamentaria, patrimonial e analítica e asegurará mediante o Servicio de Control Interno a fiscalización dos seus ingresos e gastos.

Artigo 161º

No prazo establecido pola Xunta de Galicia ou, no seu defecto, pola lexislación xeral, o Consello Social enviaralle ó Consello de Goberno da Xunta de Galicia a liquidación do orzamento e o resto dos documentos que constitúan as contas anuais da universidade e das entidades dela dependentes.

Capítulo V

Contratación

Artigo 162º

Os contratos que se celebren con persoas naturais ou xurídicas axustaranse ó disposto nas normas xerais de contratación das administracións públicas e ó Regulamento de réxime económico e contratación da Universidade de Vigo.

Artigo 163º

Correspóndelle ó rector exercitar as competencias que a lexislación en materia de contratación administrativa lle atribúe ó órgano de contratación, sen prexuízo das delegacións que por razón de eficacia poida realizar.

Artigo 164º

A mesa de contratación estará formada, como mínimo, polo rector e o xerente, ou persoa en quen deleguen, e por un membro da asesoría xurídica, que actuará como secretario. Con periodicidade anual, o Consello de Goberno e mais o Consello Social serán informados do resultado da contratación.

TÍTULO VIII

Da reforma dos estatutos

Artigo 165º

A reforma dos presentes estatutos requirirá o acordo do claustro e deberá observarse o procedemento de convocatoria e publicidade previsto con tal fin no Regulamento de réxime interno dese órgano representativo.

Artigo 166º

1. Poderán propoñer a reforma dos presentes estatutos:

a) O Consello de Goberno.

b) Un 25%, polo menos, dos claustrais.

2. As propostas de reforma dirixidas ó presidente do claustro deberán acompañarse dun texto articulado e da argumentación en que se fundamenten.

3. A aprobación polo claustro das propostas de reforma dos estatutos requirirá, en primeira votación, o voto favorable da maioría absoluta do claustro, ou dos dous tercios de claustrais presentes en segunda, sempre que o número destes sexa igual ou superior á metade dos membros do claustro.

4. Rexeitada unha proposta de modificación, esta non poderá reiterarse ata pasados dous anos.

5. Non poderá presentarse ningunha modificación dos estatutos ata pasado un ano da súa entrada en vigor.

Artigo 167º

As modificacións aprobadas serán elevadas á entidade correspondente da Comunidade Autónoma para a súa aprobación e, se é o caso, a publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-Os ámbitos científicos ós que se refiren os presentes estatutos son catro:

1. Matemáticas, ciencias experimentais e ciencias da saúde.

2. Ciencias xurídico-sociais.

3. Humanidades e creación artística.

4. Tecnoloxía.

Corresponderalle ó Consello de Goberno adscribi-las diferentes áreas de coñecemento a cada un destes ámbitos.

Segunda.-Para un mellor servicio á comunidade universitaria, as unidades de xestión dos servicios administrativos e económicos, así como os servicios de apoio á investigación e a docencia, situaranse nos distintos campus. Os servicios centrais comúns para toda a Universidade de Vigo prestaranse na rectoría, no campus das Lagoas-Marcosende.

Terceira.-Nos centros onde a porcentaxe de persoal docente e investigador funcionario sexa inferior ó 50% do profesorado a tempo completo, e mentres persistan esas condicións, existirá un Consello de Centro que asumirá as funcións asignadas á Xunta de Centro, agás as reservadas especificamente a esta última na lexislación vixente, e que estará composta por:

a) Todo o profesorado a tempo completo.

b) O 20% do profesorado a tempo parcial, que alcanzará como máximo o 10% do total da xunta de titulación.

c) Unha representación do alumnado igual á da Xunta de Centro.

d) Unha representación do persoal de administración e servicios igual á da Xunta de Centro.

Disposicións transitorias

Primeira.-A partir da entrada en vigor destes estatutos e sempre que as disposicións legais o permitan,

o claustro elaborará ou actualizará polo menos os regulamentos de réxime interno do claustro, profesorado, exames, estudiantes, persoal de administración e servicios, departamentos, centros, institutos universitarios de investigación, réxime económico e contratación, réxime disciplinar, Tribunal de Garantías, investigación, desenvolvemento e transferencia. Ata a entrada en vigor destes novos regulamentos, seguirán en vigor os actuais no que non contradigan a lexislación vixente e os presentes estatutos, e o Consello de Goberno realizará as adaptacións oportunas de xeito provisional cando sexa necesario.

Segunda.

1. De conformidade co apartado 3 da disposición transitoria segunda da Lei orgánica de universidades, o rector e o claustro, elixidos conforme o número 2 da devandita disposición transitoria, continuarán ata a finalización dos seus mandatos. Transcorrido o anterior prazo, procederase á elección do claustro e do rector.

2. No prazo máximo de tres meses, logo da entrada en vigor dos presentes estatutos, celebraranse no claustro eleccións para renovar os postos do Consello de Goberno previstos na letra d) do artigo 37.

O Consello de Goberno provisional, cos membros anteriormente mencionados renovados, continuará no exercicio das súas funcións, xa como Consello de Goberno, ata que se celebren as eleccións previstas no número 1 anterior.

3. As xuntas de centro e de titulación e os consellos de departamento e de institutos universitarios de investigación adaptaranse na súa composición ó disposto nos presentes estatutos, cando teñan que proceder á renovación dalgún dos sectores pola regulamentación anterior.

4. Os decanos e directores de centro, os directores de departamento e os directores de instituto universitario de investigación continuarán no desempeño dos seus cargos polo tempo que lles quede de mandato.

Terceira.-No caso de que os presentes estatutos fosen rexeitados no control previsto na Lei orgánica de universidades, a Mesa do Claustro informará a tódolos claustrais do articulado rexeitado e procederá, se así o acordase o claustro, a adapta-lo contido deste mediante o seu debate e votación directa nunha única sesión.

Cuarta.-A universidade requirirá da Xunta de Galicia o establecemento de criterios de avaliación dos méritos docentes, investigadores e de xestión que permitan a asignación, coa máxima retroactividade posible, das correspondentes retribucións do seu persoal docente e investigador.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas tódalas disposicións dictadas polos órganos desta universidade, calquera que sexa o seu rango, que se opoñan ó disposto nos presentes estatutos.

Disposición derradeira

Estes estatutos entrarán en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.