Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Luns, 01 de decembro de 2003 Páx. 14.741

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 11 de novembro de 2003 pola que se lle outorga a aprobación definitiva ó VI proxecto de modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Vila de Cruces.

O Concello de Vila de Cruces conta con normas subsidiarias de planeamento municipal, aprobadas definitivamente pola C.P.U. con data do 12-2-1993.

A documentación remitida consta de expediente administrativo e proxecto técnico da modificación.

1. O proxecto inclúe dúas propostas relativas a:

1.1. Recualificación como equipamento administrativo público de 8.741 m de actual equipamento docente, sobrante de parcela do IES do Camballón, que previamente fora obxecto da 2ª modificación puntual aprobada definitivamente o 6-2-1996.

1.2. Reclasificación como solo urbanizable industrial para incorporación ó SAU-2 do Camballón, de 27.563 m, de solo estremeiro con dito polígono e co solo urbano de Vila de Cruces, actual solo rústico común.

O obxecto da modificación é dar cumprimento ó artigo 94 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, respecto dos fundamentos das modificacións do planeamento urbanístico.

De conformidade co sinalado no artigo 93.4º da Lei 9/2002, as modificacións de calquera dos elementos dos plans, proxectos, normas e ordenanzas suxeitaranse ás mesmas disposicións enunciadas para a súa tramitación e aprobación.

Terminada a fase de elaboración da modificación puntual, e inmediatamente antes da súa aprobación inicial, o concello remitiu o expediente a informe preceptivo desta consellería, que foi emitido con data do 13 de marzo de 2003, de conformidade co disposto no artigo 85.1º da Lei 9/2002.

O Pleno do Concello, o 8-4-2003 acordou a aprobación inicial, publicada en prensa e no DOG do 8-5-2003, co resultado da fase de información pública que consta no expediente tramitado e aprobado provisionalmente polo Pleno do Concello o 8-9-2003.

De conformidade co disposto no artigo 89.1º da Lei 9/2002, a competencia para a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ó conselleiro competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio.

En consecuencia, de conformidade co establecido na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e co informe xurídico e técnico do Servicio de Inspección Territorial de Pontevedra, desta mesma data, e por proposta da Dirección Xeral de Urbanismo DISPOÑO:

Artigo 1º

Aprobar definitivamente ó VI proxecto de modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Vila de Cruces.

Artigo 2º

De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publica-la normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente no BOP.

Disposición derradeira

Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2003.

Alberto Núñez Feijoo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas

e Vivenda