Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Luns, 01 de decembro de 2003 Páx. 14.742

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 26 de novembro de 2003 pola que se dictan normas que determinan os servicios mínimos durante a folga que afecta o profesorado interino do ensino público dependente da Comunidade Autónoma galega, convocada para o día 2 de decembro de 2003.

O exercicio do dereito de folga queda condicionado ó mantemento dos servicios esenciais definidos no

artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG do 20 de xuño), entre os que se atopa a educación.

O artigo 3 do devandito decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servicios esenciais afectados, para que, mediante orde e ante cada situación de folga, determinen o mínimo de actividade necesaria para asegura-lo mantemento de tales servicios e o persoal preciso para prestalos.

A organización sindical do Sindicato de Traballadores do Ensino (STEG) comunicou a convocatoria dunha folga que afecta a todo o profesorado interino do ensino público non universitario pertencente á Comunidade Autónoma galega, educación infantil, educación primaria, educación especial, ensino secundario, formación profesional, escolas oficiais de idiomas, artes plásticas e deseño, música e artes escénicas, e que se desenvolverá entre as 00.00 horas e as 24.00 horas do vindeiro 2 de decembro de 2003.

A necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servicios esenciais obriga a Administración autonómica, de acordo coa normativa vixente, a fixar uns servicios mínimos indispensables para o funcionamento dos servicios esenciais que se concretan e xustifican na presente orde.

O servicio esencial da educación non pode ser reducido exclusivamente á actividade docente, xa que, xunto a esta actividade docente, se realizan outras funcións como son a vixilancia e o coidado dos nenos e nenas, menores de idade, que acoden ós centros docentes públicos. Con carácter xeral, o artigo 39 da Constitución depara unha protección especial ós menores; dun xeito máis específico, o artigo 15 do Real decreto 732/1995 (do 5 de maio, publicado no BOE do 2 de xuño), polo que se establecen os dereitos e deberes dos alumnos e as normas de convivencia nos centros, dispón no seu artigo 15 que tódolos alumnos teñen dereito a que a súa actividade académica se desenvolva nas debidas condicións de seguridade. Polo tanto, a custodia dos menores de idade que se atopen nun centro docente público, o cumprimento dos principios constitucionais mencionados e dos dereitos citados é responsabilidade ineludible desta Administración educativa e parte indivisible do dereito esencial á educación.

O dereito á seguridade e o correlativo deber de protección dos menores, dada a súa entidade, debe exercerse continuamente. Como servicio mínimo para garantilos establécese a necesaria presencia no centro docente público non universitario do director ou, de se-lo caso, doutro membro do equipo directivo, xa que o director desempeña a representación do centro e garante o cumprimento das leis e demais disposicións vixentes, como sinalan, respectivamente, as alíneas d) e a) do artigo 79 da Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro (da calidade da

educación, publicada no BOE do 24 de decembro), e polo tanto está capacitado e facultado para resolver calquera incidencia respecto da seguridade dos menores de idade. Así mesmo, consonte a normativa citada, o director tamén está facultado e capacitado para resolver calquera incidencia que se poida producir respecto do conxunto dos bens que integran un centro docente.

Do mesmo xeito, este deber de protección esténdese ata as funcións orgánicas básicas dos menores de idade, como é o comer, e que determina que se establezan servicios mínimos para que se poida presta-lo servicio de comedor nas escolas-fogar, sendo este servicio parte indivisible e ineludible do servicio esencial de educación naqueles centros onde se preste, especialmente nas escolas-fogar que funcionan como internados e que non poden ser paralizados nas súas actividades básicas, como é alimenta-los menores. A determinación dos ditos servicios mínimos por porcentaxes considérase como criterio máis apropiado para a fixación do persoal que debe prestalos, dada a diversidade existente na dimensión e tamaño dos diferentes centros docentes que hai na nosa comunidade. En calquera caso, nunca poderá baixar de dúas persoas por canto resulta o número de persoal imprescindible para a prestación do servicio de comedor coas mínimas garantías.

En consecuencia, de acordo coa normativa citada, de conformidade co comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Terán a consideración de servicios mínimos para o persoal docente dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria os que se relacionan seguidamente:

-O/A director/a ou membro do equipo directivo de cada centro docente non universitario.

-O 25% do persoal docente encargado de comedores das escolas-fogar, garantindo un mínimo de dúas persoas.

Artigo 2º

A designación nominal do persoal que deberá cubri-los distintos servicios relacionados no artigo anterior será feita pola dirección do centro respectivo, procedéndose á súa publicación no taboleiro de anuncios dos centros afectados.

Artigo 3º

O incumprimento da obriga de atende-los servicios mínimos fixados nesta orde será sancionado de conformidade coa normativa vixente.

Artigo 4º

O disposto na presente orde non suporá ningunha limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ó persoal na dita situación.

Artigo 5º

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observa-las normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos docentes.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2003.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria