Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Venres, 28 de novembro de 2003 Páx. 14.697

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

RESOLUCIÓN do 3 de novembro de 2003, da Dirección Xeral de Urbanismo, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto sectorial do parque empresarial de Mondoñedo (Lugo).

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 27 de agosto de 2003, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto sectorial de parque empresarial de Mondoñedo (Lugo), que se transcribe como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2003.

Martín Fernández Prado

Director xeral de Urbanismo

Declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental en data 27 de agosto de 2003, relativa ó proxecto sectorial, parque empresarial de Mondoñedo, no Concello de Mondoñedo (Lugo), promovido polo IGVS e Xestur Lugo. Clave: 2002/0970.

O Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, establece a obrigatoriedade de someter a unha avaliación de impacto ambiental os proxectos declarados como de incidencia supramunicipal.

En aplicación da referida normativa, procédese a formula-la declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto sectorial, parque empresarial Mondoñedo.

O proxecto ten como obxecto regula-la implantación territorial dun parque empresarial en Mondoñedo, cunha superficie de actuación de 7 ha.

Examinada a documentación, en data 27 de decembro de 2002, solicítaselle ó promotor documentación complementaria, presentándose axeitadamente na Consellería de Medio Ambiente en data 15 de abril de 2003.

En cumprimento do establecido no artigo 5º, punto 2 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, con data 21 de maio de 2003 publícase no DOG (nº 97) a Resolución do 14 de maio de 2003, da Dirección Xeral de Urbanismo, pola que se somete a información pública o estudio de impacto ambiental do proxecto sectorial do parque empresarial de Mondoñedo, non tendo constancia da presentación de alegacións durante o período de exposición pública.

Con datas 7 de xaneiro e 9 de xullo de 2003 recíbense na Consellería de Medio Ambiente, a través da Dirección Xeral de Urbanismo, os informes da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e de Augas de Galicia, respectivamente. En data 18 de agosto de 2003, recíbese o informe da Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

Realizada a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 14/2002, do 24 de xaneiro, modificado polo Decreto 333/2002, do 22 de novembro, formula a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto sectorial, parque empresarial Mondoñedo, promovido polo IGVS e Xestur Lugo.

O órgano ambiental para este proxecto é a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, e o órgano substantivo a Dirección Xeral de Urbanismo.

No anexo I resúmese o proxecto e as medidas correctoras e protectoras propostas no estudio ambiental.

No anexo II resúmese o contido dos informes recibidos. O resultado destes tívose en conta, no que procede, no condicionado desta DIA.

Declaracion de impacto ambiental

Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se atopan os documentos titulados:

-Proxecto sectorial, parque empresarial Mondoñedo. Lugo. Febreiro 2002.

-Memoria da prospección arqueolóxica superficial intensiva do parque empresarial de Mondoñedo.-Proxecto restauración paisaxística, parque empresarial de Mondoñedo. Lugo. Xaneiro 2003.-Parque empresarial de Mondoñedo. Lugo. Abril 2003.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen nesta DIA, ademais das incluídas no estudio ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradicción entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido nesta declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

1. Ámbito da declaración:

Esta declaración refírese exclusivamente ó proxecto desenvolvido no documento titulado proxecto sectorial, parque empresarial Mondoñedo. Lugo. Febreiro 2002, localizado no concello de Mondoñedo, na zona definida nos planos titulados Situación e Zonificación, incluídos no antedito proxecto.

O ámbito desta DIA comprenderá tanto a fase de obras como a fase de explotación do parque, de xeito que o condicionado que segue vinculará a construcción deste e o funcionamento das instalacións ou empresas que no futuro se desenvolvan nela.

2. Protección da atmosfera.

2.1. Sobre as emisións de po e gases.

2.1.1. A maquinaria empregada no proceso constructivo cumprirá coa normativa de emisións que lle resulte de aplicación, debendo dispor de documentación acreditativa ó respecto.

2.1.2. Queda prohibida a queima de restos ou de calquera tipo de material, sen a autorización correspondente.

2.1.3. Tal como se indica no estudio, e co fin de evita-las posibles alteracións da calidade do aire por emisión de po á atmosfera durante a fase de execución, debido á acción da maquinaria e os movementos de terra, levaranse a cabo as medidas correctoras expostas na documentación achegada, en concreto a rega de camiños e zonas de obra e o recubrimento cun toldo impermeable das moreas de terra e dos camións que transporten material. Así mesmo, procederase ó lavado de rodas dos camións á saída da zona de obras.

2.2. Sobre o ruído.

2.2.1. Debido a que a fase na que se emite esta DIA é a de proxecto sectorial, non se conta con datos suficientes para impoñer condicións de cara a minimiza-la contaminación acústica. Será no momento da realización de proxectos posteriores cando se deberá realizar un estudio acústico de detalle no que se terán en conta as zonas habitadas próximas.

3. Protección dos solos.

3.1. De forma previa ó comezo efectivo das obras, procederase a delimita-lo terreo afectado por estas, de xeito que se minimice a afección do proxecto sobre o territorio. Igualmente, definiranse os vieiros que se vaian a utilizar no marco do proceso constructivo, debendo estar xustificado o emprego de zonas diferentes ás trazas dos vieiros definitivos. Estes deberán ser definidos e reflictidos en planos a escala 1:2.000 tal e como se require no punto 10.2.

3.2. Retirarase e amorearase a terra vexetal procedente dos labores de escavación e movementos de terras, tal e como se indica no estudio de impacto ambiental, co obxecto de empregala posteriormente no proceso de restauración paisaxística dos espacios afectados polas obras. Estas zonas decidiranse previamente ó inicio das obras, elixíndoas de xeito que ademais de estar autorizadas, pola súa situación, morfoloxía e características garantan a non afección a cursos de auga, tanto directa como indirectamente. Esta terra vexetal mentres permaneza almacenada non poderá ser mesturada con ningún tipo de entullo. Localizaranse nos planos requiridos no punto 10.3

3.3. Os amoreamentos deberanse facer de xeito que se impida a súa deterioración por compactación (polo paso de maquinaria) ou por erosión hídrica.

3.4. Naquelas zonas afectadas por movementos de terra, escavacións e, en xeral, todas aquelas operacións de obra que supoñan a aparición de superficies denudadas, procederase á súa revexetación unha vez se acaden as superficies definitivas, co obxecto de evita-la aparición de fenómenos erosivos.

3.5. Previamente á realización de tarefas de mantemento e reparación da maquinaria de obra non apta para circular por estrada, deberán dispoñerse na zona os medios necesarios para evita-la chegada de verteduras accidentais ó solo, facilitando a súa recollida. No caso da maquinaria apta para esta circulación, estas tarefas deberán realizarse en talleres autorizados.

3.6. Delimitarase, así mesmo, un espacio destinado a acollida das instalacións auxiliares á obra (parque de maquinaria, zona de almacenamento de materiais, etcétera). Deberá localizarse en espacios carentes de valores ambientais relevantes, e estar dotada dos equipamentos necesarios para asegurar un funcionamento ambientalmente seguro das ditas instalacións. Esta zona ou zonas reflictiranse no plano requirido no punto 10.3.

4. Sobre os residuos.

4.1. Tódolos residuos xerados xestionaranse conforme a lexislación vixente de aplicación, en función da súa natureza, primando a súa reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura.

4.2. O almacenamento temporal de residuos, á espera da súa entrega a xestor autorizado, so se poderá realizar dentro da na zona definida no plano titulado Zonificación, incluído no documento proxecto

sectorial, parque empresarial Mondoñedo. Lugo. Febreiro 2002, en lugares previamente seleccionados, dotándoos os medios necesarios para garanti-la non afeccion ó medio por verteduras accidentais, debéndose informa-lo persoal de obra sobre a situación destas zonas.

5. Protección das augas.

5.1. Tendo en conta que segundo o proxecto se prevee un recheo de terras que afecta á zona de policía do río Valiñadares, para esta actuación será preceptiva a autorización administrativa outorgada por Augas de Galicia.

5.2. A vertedura directa ou indirecta de augas e productos residuais susceptibles de contamina-las augas continentais ou calquera outro elemento do dominio público hidráulico deberá contar coa previa autorización administrativa outorgada por Augas de Galicia.

5.3. Durante a fase de obras, diporase dun sistema de recollida, conducción e decantación das augas pluviais ou das procedentes da rega da zona de obras, caídas no interior da parcela. Este sistema de drenaxe reflictirase no plano solicitado no punto 10.4 desta DIA.

5.4. O deseño dos dispositivos de drenaxe da rede viaria realizarase de xeito que se evite a formación de asolagamentos ou deposicións nos puntos de incorporación á rede natural.

5.5. Non estando definida no estudio presentado a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, áridos ou aglomerado asfáltico, estes, necesariamente, serán provistos desde planta ou plantas fóra da obra, e que conten coas debidas autorizacións, salvo que se solicite revisión da declaración coa inclusión da planta ou plantas.

6. Proteccion da vexetación.

6.1. Respectarase sistematicamente todo tipo de vexetación existente que non estea afectada directamente pola execución da obra.

6.2. Para a realización de cortas das especies arbóreas debe terse en conta o disposto no Regulamento de montes, tendo que face-la correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso.

6.3. Para calquera aproveitamento, utilización ou modificación da vexetación de ribeira do río Valiñadares seguirase o disposto na Resolución do 27 de maio de 2002 (e posteriores correccións de erros), da Consellería de Medio Ambiente, relativa á tramitación e resolución dos expedientes de autorización para sementeiras, plantacións e corta de árbores en terreos de dominio público hidráulico, e para o aproveitamento e utilización da vexetación arbórea ou arbustiva das ribeiras dos ríos.

6.4. Os restos vexetais que se produzan deberán ser xestionados axeitadamente, prevalecendo sempre a súa valorización. No caso de depositalos no terreo,

deberán ser triturados e espallados homoxeneamente, para permitir unha rápida incorporación ó solo.

7. Protección da fauna.

7.1. As voaduras realizaranse fóra dos períodos de cría da fauna presente na zona.

7.2. Non se poderá empregar arame de espiño no peche das parcelas.

8. Protección do patrimonio.

8.1. Á vista do informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural non se establecerá ningún condicionado ó respecto. Non obstante, e tal como se indica na «Memoria. Prospección arqueolóxica superficial intensiva. Parque empresarial de Mondoñedo. Lugo», previamente á fase de obras, deberá consultarse á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural sobre a necesidade ou non de realizar un control arqueolóxico dos movementos de terra que conleve a futura construcción.

9. Protección da paisaxe e restauración.

9.1. Como cubrimento da superficie da zona verde do parque estenderase a terra vexetal de acordo co indicado na documentación presentada.

9.2. Procederase á hidrosementeira coa mestura de herbáceas e arbustivas indicada no proxecto sobre o noiro de terraplén. Así mesmo, no resto da zona verde cómpre realizar tamén sementeira ou hidrosementeira, coa mesma mestura de sementes.

9.3. Realizarase a plantación de Salix babilonica e Alnus glutinosa, na zona delimitada na documentación achegada.

9.4. Procederase á rega regular, á fertilización mineral de reforzo anual e á resementeira das superficies nas que aparezan calvas ata que se asegure a viabilidade da revexetación. De aparecer marras, estas deberán ser repostas.

9.5. Tódalas árbores e sementes que se van empregar reunirán as condicións suficientes de pureza, potencia xerminativa e ausencia de pragas e enfermidades que garantan o éxito da revexetación.

10. Documentación adicional.

Previamente ó comezo da fase de obras, o promotor presentará perante esta dirección xeral, a través do órgano substantivo, para a súa valoración e, se procede, imposición de medidas protectoras e/ou correctoras adicionais que se deriven, dous (2) exemplares da seguinte documentación:

10.1. No referente ó control das emisións acústicas:

10.1.1. Co obxecto de cumpri-lo estipulado no punto 8 do artigo 4º da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, deberá presentarse un estudio do impacto acústico axustado ó proxecto definitivo.

10.1.2. Proposta de plan de seguimento dos ruídos producidos tanto na fase de obras como na de explotación no contorno do parque, reflictindo os puntos

de mostraxe nun plano (referenciado en coordenadas UTM).

Tanto o estudio de impacto acústico como o plan de seguimento realizarase baseándose no establecido no Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica.

10.1.3. Medicións do nivel de ruído, realizadas por unha entidade homologada por esta dirección xeral, nos puntos que se definirán na proposta de plan de seguimento solicitada no punto 10.1.2, de xeito que sirvan como brancos.

10.2. Memoria onde se defina a localización dos vieiros de obra, xustificando, se é o caso, a necesidade de apertura de novos vieiros diferentes das trazas definitivas, e incluíndo planos a escala 1:2.000 e referenciados en coordenadas UTM onde conste a súa localización e características, conforme establece no punto 3.1 desta DIA.

10.3. Memoria xustificativa da localización e equipamentos das instalacións auxiliares necesarios para a execución das obras proxectadas, así como das zonas de depósito de sobrantes e amoreamentos de terra vexetal. Xuntaranse planos a escala 1:2.000 e referenciado en coordenadas UTM onde conste, alomenos, a localización das ditas zonas e os equipamentos con que se dotan, ademais dos elementos patrimoniais e zonas que hai que protexer, se é o caso, tendo en conta o indicado nos puntos 3.2, 3.6 e 8 da DIA.

Estas zonas deben situarse dentro do ámbito do parque empresarial, en caso contrario xustificarase a localización proposta.

10.4. Descrición do sistema de conducción e depuración das augas pluviais ou procedentes da rega da zona de obras, durante a fase de construcción, previamente á vertedura destas ó medio natural. Así mesmo, este sistema de drenaxe reflictirase nun plano a escala 1:2.000 e referenciado en coordenadas UTM.

10.5. No que respecta ó control da calidade das augas do río Valiñadares:

10.5.1. Desenvolvemento da proposta de seguimiento da calidade das augas deste río incluída na documentación achegada, tanto para fase de obras como para a de explotación, indicando a periodicidade de realización dos controis e reflictindo os puntos de mostraxe nun plano (referenciado en coordenadas UTM).

10.5.2. Resultados das análises das mostras tomadas no río Valiñadares, no puntos definidos no plan de seguimento solicitado no parágrafo anterior, de xeito que sirvan como brancos. As tomas de mostras e análises serán realizadas por un laboratorio homologado ou acreditado.

10.6. Desenvolvemento do programa de vixilancia ambiental incluído no estudio ambiental, de xeito que se especifiquen, ademais dos controis que hai

que realizar, a periodicidade de cada un destes controis e os indicadores e limiares que determinarán a existencia dunha afección, para tódalas fases do proxecto.

10.7. No caso de que se produza algunha variación significativa con respecto ó planificado no proxecto sectorial, parque empresarial Mondoñedo. Lugo. Febreiro 2002, presentarase un documento describindo claramente os cambios e avaliando a súa repercusión ambiental. Así mesmo, reflictiranse nun plano a escala 1:2.000, no que se observen as diferencias con respecto ó planificado.

10.8. Documentación acreditativa de ter notificado a pequena producción de residuos perigosos para a fase de obras, segundo o Decreto 298/2000, polo que se regula a autorización e notificación de productor e xestor de residuos de Galicia.

O órgano substantivo remitirá a esta dirección xeral dous (2) exemplares desta documentación, para a súa valoración e, se procede, imposición de medidas protectoras e/ou correctoras adicionais que se deriven. O promotor non poderá comeza-las obras ata que non conte co informe favorable desta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental sobre a documentación requirida.

11. Programa de vixilancia ambiental.

Realizarase o programa de vixilancia e seguimento ambiental ó que se refire o estudio de impacto ambiental, adaptándoo ós novos condicionantes xurdidos desta declaración, incorporándose ás correspondentes partidas orzamentarias e remitíndoo ó órgano ambiental para a súa avaliación previa ó comezo das obras. Este programa abranguerá a fase de obras e explotación, detallando os controis que se van efectuar, os indicadores empregados, e os limiares de alerta.

Tódalas medicións e analíticas deberán ser realizadas por entidade homologada ou acreditada, e os resultados deberán vir asinados por un técnico da dita entidade. Así mesmo, e tal e como se estipula no punto 12.7 desta declaración, deberá nomearse un responsable do cumprimento do programa de vixilancia e seguimento ambiental.

O seguimento durante a fase de explotación será coordinado, de xeito que o parque sexa tratado como un todo. Deste xeito, as empresas ou industrias que se implanten nela, aínda que non se deban someter a un trámite de avaliación ambiental, deberán cumprir unhas condicións que garantan que o efecto global estea dentro dos limiares especificados no programa de vixilancia.

Tendo en conta o anterior, o promotor remitiralle a esta dirección xeral, a través do órgano substantivo, dous (2) exemplares de:

11.1. Durante a fase de obras: trimestralmente memoria do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia e seguimento ambiental solicitado no punto 10.6, xunto co cronograma actua

lizado das obras, no que se inclúa o desenvolvemento dos traballos de restauración. Indicaranse e xustificaranse, se é o caso, as variacións producidas con respecto ó proxectado.

11.2. Antes da finalización das obras: memoria-resumo da aplicación do programa de vixilancia e seguimento ambiental solicitado no punto 10.6, que reflicta o cumprimento de tódalas medidas correctoras contempladas no estudio así como as impostas na DIA, e en concreto:

-Informe, xunto con reportaxe fotográfica na que se reflicta o estado do parque e dos traballos de restauración levados a cabo, indicando, se é o caso, as variacións producidas con respecto ó proxectado.

-Estado da restauración, especialmente nas zonas onde se leven a cabo plantacións e sementeiras.

11.3. Despois da recepción das obras e anualmente durante tres (3) anos:

-Memoria-resumo do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia e seguimento ambiental solicitado no punto 10.6, no que se inclúan as incidencias producidas e as medidas adoptadas para a súa resolución.

-Memoria na que se describa o xeito no que se está a coordina-lo programa de vixilancia e seguimento ambiental no total do ámbito do parque.

-Condicións que deben cumpri-las empresas e industrias instaladas no polígono no que respecta á protección do medio ambiente.

No caso de xerarse algún informe especial, remitirase coa maior brevidade posible a esta dirección xeral.

12. Condicións adicionais.

12.1. Para efectos de seguimento desta DIA, o órgano substantivo comunicaralle ó órgano ambiental a data de notificación da DIA ó promotor.

12.2. As condicións sinaladas nesta declaración de impacto ambiental (DIA) son de obrigado cumprimento para o promotor. Non obstante, este poderalle solicitar ó órgano ambiental, a través do órgano substantivo, a revisión das medidas indicadas, co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación, ou implicasen modificacións importantes na actividade, e sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican nesta declaración.

Nesta circunstancia, o promotor realizaralle a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Esta solicitude remitirase no prazo máximo dun (1) mes despois de serlle notificada nesta DIA. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental procederá á súa avaliación, comunicando o acordo

adoptado ó promotor, quen non poderá comeza-las obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral para o efecto.

12.3. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberá elaborarse tendo en conta a variable ambiental, e ser notificado previamente a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e decidirá sobre a súa aceptación, comunicando, así mesmo, se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

12.4. Se unha vez emitida esta declaración se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e ata que estes sexan corrixidos.

12.5. O órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá establecer, en calquera momento e só para os efectos ambientais, condicionados adicionais a esta declaración, en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da explotación, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non contemplado actualmente.

12.6. O incumprimento total ou parcial, por parte do promotor, das condicións impostas nesta DIA, poderá ser causa suficiente para proceder á solicitude de peche cautelar e adopta-las medidas oportunas en cumprimento da lexislación vixente.

12.7. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, o promotor deberá designar un responsable do control deste, notificándolle o seu nomeamento ó órgano ambiental.

12.8. A declaración de impacto ambiental farase pública mediante a súa inserción no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2003.

P.D. (Resolución 1-7-2003)

Ángel García Arias

Subdirector xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

ANEXO I

Resumo do proxecto

O obxecto do proxecto sectorial é a descrición das seguintes actuacións que se van levar a cabo no parque empresarial de Mondoñedo:

-Rede viaria e peonil.

-Rede de abastecemento de auga, rega e hidrantes contra incendios.

-Rede de sumidoiros de augas residuais.

-Rede de augas pluviais.

-Rede de enerxía eléctrica.

-Rede de luz pública.

-Rede de telefonía.

Os terreos do parque están situados na marxe dereita, dirección Lugo, da estrada N-634, á altura do enlace coa estrada LU-160. Atópase conectado ó núcleo urbano de Mondoñedo, mediante a antiga N-634.

A zona onde se pretende implanta-lo parque ocupa unha superficie de 70.000 m, divididos nas seguintes zonas:

-Parcelas de uso industrial e comercial: 39.772 m.

-Sistema de espacios libres de dominio e uso público: 8.331 m.

-Servicios de interese público e social:

-Parque deportivo: 1.400 m.

-Equipamento comercial: 1.000 m.

-Equipamento social: 700 m.

-Aparcadoiros: 8.472 m.

-Rede viaria e espacios libres asociados á rede viaria: 10.325 m.

O proxecto baséase na descrición das seguintes actuacións:

Resumo das medidas protectoras e correctoras

Calidade do aire.

a) Fase de execución:

-Rega de camiños de acceso ou calquera outra superficie afectada polas obras mediante camión-guindastre en cantidades axeitadas para evitar escorregas.

-As superficies onde se produzan acumulacións de terra, recubriranse cun toldo impermeable e estarán debidamente ancoradas ó solo para evita-lo seu desprendemento.

-Os camións que transporten terra, irán recubertos cun toldo impermeable debidamente suxeito durante todo o seu percorrido.

-Procederase ó valado perimetral dun perímetro de protección para evita-la propagación de partículas sólidas á atmosfera.

-Utilización de maquinaria de construcción axeitada, supervisándose o seu correcto funcionamento e posta a punto.

-Sinalización axeitada que permita manter un tráfico fluído e constante.

-Control e seguimento de verteduras durante os traballos.

b) Fase de funcionamento:

-Sinalización axeitada e moderación das velocidades, regulación do tráfico.

-Control das emisións de contaminantes atmosféricos, incluída a emisión de olores que produzan molestias ou incomodidade para a veciñanza.

Emisións acústicas.

a) Fase de execución:

-Establecer límites de horario, velocidad e frecuencia de tráfico de obra.

-En voaduras minimiza-la carga de explosivo por unidad de microrretardo, voaduras controladas, reallizaranse fóra do horario de descanso e non coincidirán co período de anidación e cría de avifauna.

-No que respecta á maquinaria de construcción: manterase en perfecto estado de conservación, coidarase o estado dos motores, utilizaranse dispositivos silenciadores e antivibratorios.

b) Fase de funcionamento:

-Sinalización axeitada e moderación de velocidades, regulación do tráfico.

-Medidas de niveis sonoros.

-Uso de pantallas acústicas.

-Utilización de pavimentos silenciosos e designar límites de velocidade dentro do sector.

-Regulación de usos e horarios de actividades.

Xeoloxía e morfoloxía.

a) Fase de execución:

- Axeitado deseño dos noiros, co fin de evitar esvaramentos. Outras medidas adicionais son a instalación de mallas ou plantacións.

-Especial coidado cos movementos de terra e tránsito de maquinaria pesada, así como na elección das zonas de acúmulo e extracción de materiais, para evita-la perda de puntos de interese xeolóxico.

-Captación de augas de escorrega de vías e demais zonas pavimentadas.

b) Fase de funcionamento:

-Verificación das características edificatorias na licencia de obra.

Solo.

a) Fase de execución:

-Retirarase o perfil superficial do solo, seguidamente cargarase, transportarase e almacenarase en moreas cunha altura non superior a 1,5 m, para o seu posterior uso.

-Evita-la erosión mediante un axeitado deseño de noiros.

-Plantación de zonas verdes.

Augas superficiais e subterráneas.

a) Fase de execución:

-Protección contra a erosión hídrica respectando, sempre que sexa posible, o sistema natural das augas de drenaxe.

-Protección da calidade das augas. Nas épocas de chuvia as moreas de terra cubriranse cun toldo impermeable debidamente ancorado ó solo.

-Realiza-la limpeza de motores de maquinaria en lugares acondicionados para impedir verteduras de aceites e graxas e a súa infiltración no terreo.

-Captación das augas de escorrega de vías e demais zonas pavimentadas.

-Plantación de zonas verdes e noiros.

-Execución dunha rede separativa de rede de sumidoiros.

-Limpeza da rede de saneamento.

b) Fase de funcionamento:

-Cumprimento das disposicións básicas incluídas na normativa vixente aplicable para que na vertedura, conducción, tratamento e control das augas residuais, estea garantida en todo momento a saúde humana, a protección do ambiente e a preservación dos resursos naturais.

Vexetación.

a) Fase de construcción:

-Conservación da vexetación.

-Creación de zonas verdes utilizando, na medida do posible, un axardinamento baseado en especies vexetais que se dean de forma natural no contorno, evitando deste modo a introducción de especies exóticas.

-Execución de zonas peonís e sendeiros para protexe-la zona verde.

b) Fase de funcionamiento:

-Mantemento de xardíns.

-Depósitos de vertedura de basuras, papeleiras.

Fauna.

a) Fase de construcción:

-Evitar durante as épocas de reproducción os ruídos e vibracións.

-Colocación de peches por todo o perímetro.

-Mante-la diversidade dos leitos.

b) Fase de funcionamento:

-Iluminación ecolóxica. Emprego de focos de pisada ou de poste, estes últimos estarán orientados cara ó solo co fin de non causar cegamentos.

-Control de vertedoiros incontrolados para evita-la proliferación de roedores e raposos.

Paisaxe.

a) Fase de construcción:

-Realización de movementos de terra adaptados á topografía.

-Limpeza inmediata de residuos e eliminación total de entullos.

-Creación de zonas verdes.

b) Fase de funcionamento:

-Pantallas visuais de tipo vexetal ou mixtas naqueles puntos que o requiran.

-Mantemento de xardíns, vías e espacios públicos.

Medio socioeconómico.

a) Fase de planificación e proxecto:

-Proceso informativo completo e veraz. Rigorosidade na exposición pública dos documentos. Presencia de medios humanos e técnicos suficientes no concello para explica-los cambios á poboación.

-Tramitación correcta do expediente de expropiación.

-Estudios previos de implantación. Realización de tódolos documentos precisos para a transformación do solo.

b) Fase de construcción:

-Fomento da capacidade contratadora de empresas e man de obra local.

-Asfaltado de vías de obra e rega continua mediante camión-cuba.

-Reposición e acondicionamento de tódalas infraestructuras que se viran afectadas pola obra, así como o peche de pistas e camiños abertos durante a dita fase.

c) Fase de funcionamento:

-Política axeitada de fomento do emprego local.

-Axudas á implantación e/ou traslado de industrias.

-Asegura-las condicións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.

Residuos.

a) Fase de construcción:

- Acumulación de materiais de obra en puntos seleccionados con anterioridade.

-Control e seguimento de verteduras durante os traballos.

-Os residuos serán trasladados posteriormente a vertedoiros controlados e autorizados pola administración logo de pagamento de taxa de vertedura.

b) Fase de funcionamento:

-Tratamento de residuos de acordo á normativa vixente na materia.

Así mesmo, de xeito xeral, establécense as seguintes medidas durante a fase de planificación e proxecto:

-Establecemento de limitacións nas ordenanzas do proxecto sectorial relativas as emisións gasosas, parámetros de vertedura de augas residuais na rede de sumidoiros, ruído, condicións de uso.

-Verificación do cumprimento das limitacións establecidas nas licencias de actividades.

-Tramitación de estudios de impacto, efectos ou incidencia ambiental relativos ás industrias se o requiren.

-Control e seguimento das medidas correctoras de cada industria.

-Establecemento de sancións se son precisas.

ANEXO II

Resumo dos informes

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, no seu informe, conclúe:

-Emitir informe favorable sobre o proxecto sectorial do parque empresarial de Mondoñedo (Lugo) e a memoria da prospección arqueolóxica superficial intensiva do parque empresarial de Mondoñedo (Lugo).

-As conclusións da devandita memoria incluiranse na correspondente declaración ambiental.

Augas de Galicia, informa:

Unha vez examinados os documentos que constan no expediente e posterior visita complementaria á zona onde pretende situarse o parque empresarial, constatan que a execución desta obra está nun principio condicionada ás actuacións que sobre a N-634 o Ministerio de Fomento pretende realizar a través dos seus programas de TCA (Tramos de Concentración de Accidentes). Consistentes na construcción dun paso elevado con ramais de acceso a unha glorieta deprimida, partindo dela accederíase ó referido parque empresarial.

O río Valiñadares, sitúase no oeste da zona de actuación, afástase desta a medida que o río avanza cara ó norte.

A actuación require realizar un recheo de terras, que afecta á zona de policía en dirección norte-sur, sendo as distancias que separan o pé do noiro dos bordes máis próximos do leito do río Valiñadares de cincuenta e oitenta metros respectivamente. Aínda ben, parece improbable que a esas distancias existan incidencias no río por arrastre de materiais procedentes do terraplén, nin constituír un perigo de contaminación.

Como consecuencia do dito recheo (terraplén), producirase unha alteración do releve natural do terreo nas contías seguintes:

-Na zona de servidume de 5 m: 0,00 m.

-Na zona de policía:

*A 50 m: 0,00 m.

*A 100 m: 3 m (aproximadamente).

De acordo co proxecto de restauración paisaxística, tanto os noiros de demontes como os de terraplén serán restaurados mediante plantacións arbóreas das especies Alnus spp. (alisos) e Salix spp. (salgueiros) nun total de douscentas unidades.

O vial previsto proxéctase con pendente do 3% cara ás zonas próximas ó río, non facéndose na documentación achegada mención ningunha ó sistema de evacuación e depuración de augas residuais, nin a posible necesidade de imposición de servidume forzosa do acueducto.

Como consecuencia de todo o anteriormente exposto enténdese que a actuación solicitada pode ser obxecto de autorización, sempre e cando, sexa complementada con toda a información correspondente ás redes de evacuación de augas pluviais, fecais e industriais do parque empresarial en concordancia co exposto no artigo 92 da Lei de augas (capítulo II do título V) e 246 do regulamento.

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza, no seu informe sinala:

Á vista da documentación presentada, e do informe emitido polo Servicio Provincial de Espacios Naturais e Biodiversidade de Lugo, infórmase:

Polas características e usos actuais do solo (prados e terras de cultivo), así como a súa localización (a continuación doutras naves industriais), non son de prever efectos de importancia no medio natural. A calidade paisaxística tampouco se verá afectada pola creación do parque. A zona non se atopa dentro da Rede Natura 2000, nin afecta a ningún hábitat de interese comunitario.

Expoñen, polo tanto, a necesidade de considera-las medidas que recollen na documentación presentada, co obxecto de facer unha correcta integración ambiental do proxecto. En todo caso non se poderá efectuar ningunha actividade que non veña recollida na documentación presentada, ou ben non sexa proposta na declaración ambiental.