Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Venres, 28 de novembro de 2003 Páx. 14.686

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 25 de novembro de 2003 pola que se convocan oito bolsas de colaboración en tarefas de estudio e análise sobre materias relacionadas co dereito autonómico galego.

O artigo 3.1º g) da Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, considera entre os fins da escola a investigación, a documentación, o estudio e a realización de traballos de divulgación no eido da Administración pública, promovendo a súa máxima difusión.

En execución do Plan de actividades da escola para o ano 2004 e de conformidade coa referida disposición, convócanse oito bolsas de colaboración en tarefas de estudio e análise sobre materias relacionadas co dereito autonómico galego, segundo as seguintes

Bases:

Primeira.-Obxecto.

A Escola Galega de Administración Pública convoca oito bolsas de colaboración en tarefas de estudio e aná

lise sobre materias relacionadas co dereito autonómico galego.

Segunda.-Duración e dotación económica.

As tarefas relativas a estas bolsas iniciaranse a partir da incorporación dos bolseiros e rematarán o 31 de decembro de 2004. Poderán ser prorrogadas, en función do aproveitamento do adxudicatario, sempre que exista crédito adecuado e suficiente por un ano ou, se é o caso, ata que se resolva a convocatoria do ano 2005.

A dotación económica de cada bolsa será de 935 euros mensuais brutos coa retención fiscal que lle corresponda.

O importe citado será pagado pola Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, logo da certificación emitida polo director xeral da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, acreditativa das tarefas executadas.

O financiamento estará condicionado á existencia de crédito axeitado e suficiente na aplicación orzamentaria 04.02.121 B.480.0 dos orzamentos xerais da Comu

nidade Autónoma de Galicia para o 2004. O expediente económico tramítase de acordo co previsto na Orde do 11 de febreiro de 1998 que regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto.

Antes de proceder ó último pagamento, os beneficiarios deberán efectuar unha declaración xurada ou responsable conforme non desfrutaron doutra bolsa que a adxudicada en virtude da presente convocatoria.

Terceira.-Natureza xurídica da relación.

A condición de bolseiro non xerará unha relación laboral ou administrativa coa Xunta de Galicia nin a súa inclusión na Seguridade Social. Será incompatible co desfrute doutras bolsas.

Cuarta.-Requisitos dos participantes.

Poderán optar ás bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ser licenciado en dereito.

b) Acreditar formación e/ou experiencia en materias relacionadas co obxecto da convocatoria.

c) Acreditar formación e/ou coñecementos da lingua galega.

Quinta.-Solicitudes.

As persoas interesadas presentarán no rexistro da Escola Galega de Administración Pública, dentro dos quince días naturais seguintes ó da publicación desta convocatoria, a seguinte documentación:

a) Unha instancia de admisión para participar nas probas de selección, segundo o modelo anexo.

b) Unha fotocopia do DNI.

c) Certificación académica na que se detallen as cualificacións obtidas na licenciatura.

d) Currículum vitae.

e) Memoria descritiva, en cinco folios como mínimo e dez como máximo, sobre compilación e actualización da normativa administrativa.

f) Declaración xurada ou responsable comprometéndose a renunciar se fose seleccionado para outra bolsa.

Sexta.-Tribunal.

Presidente: o xefe do Gabinete de Asesoramento e Apoio á Actualización Normativa.

Vocais: o secretario da EGAP e un letrado da Asesoría Xurídica.

Secretario: un funcionario dependente da Asesoría Xurídica.

O tribunal está clasificado na categoría superior para os efectos previstos no artigo 26 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servicio ó persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Sétima.-Criterios para a selección dos bolseiros.

A selección realizarase mediante a valoración dos méritos acreditados conforme o seguinte baremo:

a) Expediente académico: ata catro puntos.

b) Currículum vitae: ata dous puntos.

c) Coñecementos da lingua galega: ata dous puntos.

d) Memoria: ata cinco puntos.

O tribunal non valorará aqueles méritos dos candidatos que non estean acreditados documentalmente.

O tribunal poderá realizar unha entrevista cos aspirantes. Á vista da valoración dos méritos dos candidatos, o tribunal determinará a puntuación mínima para acceder á entrevista. A entrevista versará sobre os seus méritos curriculares e a memoria e terá unha duración máxima de quince minutos. A puntuación máxima pola entrevista non superará o 25% da que corresponda pola aplicación do baremo.

Finalmente o tribunal fará pública no taboleiro de anuncios da escola a relación de candidatos por orde de puntuación.

Oitava.-Réxime de colaboración.

Os aspirantes seleccionados incorporaranse, logo da aceptación da bolsa, no prazo dos tres días naturais seguintes ó da notificación do outorgamento.

Os bolseiros prestarán a súa colaboración, baixo as indicacións do xefe do Gabinete da Asesoría Xurídica a que se asignen, en horario de mañá e/ou tarde, de luns a venres no local que se estableza. Os traballos realizados quedarán en propiedade da Xunta de Galicia.

Os bolseiros presentarán ó remate das bolsas un informe sobre os traballos realizados.

Así mesmo, deberán asistir ás actividades que a Asesoría Xurídica estime convenientes para a súa formación. Os gastos ocasionados con motivo destas actividades serán pagados pola Asesoría Xurídica, logo de que o director xeral da Asesoría Xurídica certifique os gastos producidos; os gastos de desprazamento, aloxamento e manutención non poderán supera-la contía establecida para o grupo II do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre as indemnizacións por razón do servicio ó persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

No caso de que un adxudicatario por calquera motivo non poida presta-la súa colaboración será substituído polo candidato seguinte por orde de puntuación. En caso de renuncia á bolsa, non se entenderá que existe incumprimento das condicións establecidas para á súa concesión, sempre e cando o órgano xestor certifique o correcto desempeño por parte do bolseiro das tarefas inherentes á bolsa, garantindo a continuidade destas coa substitución por outro bolseiro. Cando a data da renuncia non coincida co derradeiro día de cada mes, aboarase a parte proporcional correspondente ó desfrute da bolsa.

Novena.-Anulación da bolsa.

No caso de incumprimento das tarefas de colaboración, a escola poderá, por proposta do director xeral da Asesoría Xurídica e logo de escoita-la persoa afectada, anula-la bolsa.

A solicitude das bolsas implica o coñecemento e aceptación das presentes bases.

Décima.-Resolución e recursos.

A resolución administrativa relativa á concesión ou denegación da bolsa será notificada ós interesados no prazo de seis meses, contados a partir da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia. Esgotado este prazo sen resolución expresa, deberá

entenderse desestimada a petición por silencio administrativo.

As resolucións que se dicten esgotarán a vía administrativa e poderá intepoñerse, chegado o caso, recurso potestativo de reposición perante o director da Escola Galega de Administración Pública no prazo dun mes contado a partir do día seguinte á súa notificación, se fora expresa, ou no prazo de tres meses contado desde o día seguinte ó que se producira o acto presunto, se non o fora. Tamén se poderá optar por interpor directamente recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de

dous meses contados desde o día seguinte á súa notificación, se o acto fora expreso, e, se non o fora, o prazo para interpolo será de seis meses contado desde o día seguinte ó que se produza o acto presunto, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro que estimen oportuno.

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2003.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública