Dentro do Plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o 2003 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse, en colaboración coa Revista de Derecho Urbanístico y Medio Ambiente, unhas Xornadas sobre a reforma da Lei de expropiación forzosa, convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:
1. Obxectivos.
Preténdese dar a coñece-las innovacións que incorpora o futuro ordenamento ó procedemento expropiatorio e analiza-las necesidades de reforma da vixente Lei de expropiación forzosa ó fío dos novos contidos normativos propostos.
2. Contido.
Trataranse estes temas:
-Innovacións no procedemento expropiatorio.
-Réxime das novas xuntas de valoración de expropiacións.
-Réxime do pagamento do prezo xusto: momento, modalidades e réxime fiscal.
-Normas de valoración do prezo xusto. En especial, problemática da valoración da expropiación de sistemas xerais.
-Modalidades de procedementos especiais de expropiación.
3. Destinatarios.
Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.
4. Desenvolvemento.
-Horario: mañá e tarde.
-Lugar e datas: as xornadas convocadas desenvolveranse no salón de actos do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Lugo (Ronda da Muralla, s/n, da citada cidade), os días 9 e 10 de decembro de 2003.
5. Inscrición.
-Prazo: remata o venres, día 5 de decembro de 2003.
-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.
-Número de prazas: limitado á capacidade do local.
-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.
Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando por teléfono, o día 5 de decembro, de 8.30 a 14.30 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.
6. Modificacións.
A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como o de cancelalas, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.
7. Certificación de asistencia.
Entregaráselles, ó remate destas xornadas, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a elas, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase, neste documento, a natureza da actividade e as datas da súa realización.
Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2003.
Domingo Bello Janeiro
Director da Escola Galega de Administración Pública