Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Luns, 24 de novembro de 2003 Páx. 14.462

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 5 de novembro de 2003 pola que se declara a alienabilidade dun predio da Comunidade Autónoma de Galicia pertencente ó fondo de terras da zona de concentración parcelaria de Santo André de Tallo e San Xián de Langueirón, concello de Ponteceso.

O artigo 31.3º da Lei 12/2001, do 10 de setembro, de modificación da concentración parcelaria para Galicia, sinala que a consellería competente en materia de agricultura está autorizada a exerce-las funcións dominicais sobre o fondo de terras segundo o establecido na lexislación patrimonial, sen prexuízo do informe previo da Consellería de Economía e Facenda para os efectos de disposición sobre bens inmobles.

Con data do 10 de xaneiro de 2002, o Concello de Ponteceso solicitou a cesión gratuíta en propiedade do predio nº 591 na zona de concentración parcelaria que pertence á Comunidade Autónoma de Galicia en virtude da acta complementaria de reorganización da propiedade da zona de concentración parcelaria de Santo André de Tallo e San Xián de Langueirón de data 5 de maio de 1998, pola que pasaron á titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia as terras sobrantes da antedita zona de concentración, entre a que se encontra o predio nº 591.

Unha vez obtida a inscrición no correspondente rexistro da propiedade do citado ben inmoble, procede declara-la súa alienabilidade de conformidade co disposto no artigo 24 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia e no artigo 60 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o seu regulamento, co obxecto de posibilita-lo tráfico deste ben patrimonial.

En virtude do anteriormente exposto e tendo en conta a memoria xustificativa da Secretaría Xeral da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural e despois do informe favorable da Consellería de Economía e Facenda,

DISPOÑO:

Artigo único.-Declárase a alienabilidade dos bens inmobles que se describen:

-Predio nº 591 da zona de concentración de Santo André de Tallo e San Xián de Langueirón, municipio de Ponteceso, terreo dedicado a labradío no sitio de Piñeiros que ten unha superficie de 1.870 m,

que estrema: norte: terreo excluído e camiño; sur: Rosalía Varela Baneira (592) e Sara Varela Naneira (593); leste: Benigno Lorenzo Cotelo (589); oeste: camiño, terreo excluído e José Garrido Fernández (589). Inscrito no Rexistro da Propiedade de Carballo no tomo 1.083, libro 142, folio 5, predio nº 13.729.

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2003.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural