Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Martes, 18 de novembro de 2003 Páx. 14.223

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 11 de novembro de 2003, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se abre prazo de presentación de solicitudes para a elaboración de diversas listas reguladas polo Decreto 217/2003, do 11 de abril, polo que se regula o nomeamento do persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia.

De conformidade co Decreto 217/2003, do 11 de abril (DOG nº 75, do 16 de abril) polo que se establece o sistema de cobertura temporal dos postos de traballo vacantes da Administración a través dun sistema de lista única permanentemente aberta, esta dirección xeral acorda realiza-la convocatoria para a elaboración das devanditas listas, de conformidade coas seguintes

Bases:

Base 1ª.-Obxecto.

O obxecto desta convocatoria é a elaboración de listas con aquelas persoas interesadas na cobertura, con carácter temporal, mediante o nomeamento de persoal interino, de postos de traballo das escalas da Administración xeral e especial da Xunta de Galicia que se especifican na base 2ª. A dita cobertura considérase de urxente necesidade mentres non sexan ocupados de forma regulamentaria.

As listas correspondentes ás escalas obxecto desta convocatoria e que foron elaboradas de acordo cos decretos 89/1997, do 10 de abril, e 70/2000, do 31 de marzo, continuarán en vigor ata a publicación das novas listas definitivas resultantes desta convocatoria.

Base 2ª.-Listas.

Confeccionaranse listas para os corpos e escalas que a continuación se sinalan:

-Corpo superior da Administración da Xunta de Galicia (grupo A):

Escala superior de estatísticos.

-Corpo de xestión de Administración da Xunta de Galicia (grupo B):

Escala técnica de estatísticos.

Escala técnica de inspección turística.

-Corpo facultativo superior da Xunta de Galicia (grupo A):

Escala de enxeñeiros agrónomos.

Escala de enxeñeiros de montes.

-Corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia (grupo B):

Escala de enxeñeiros técnicos agrícolas.

Escala de enxeñeiros técnicos forestais.

-Corpo de auxiliares técnicos da Xunta de Galicia (grupo D):

Escala de axentes forestais.

O ámbito territorial será o autonómico para tódalas listas anteriormente mencionadas.

Incluiranse nestas listas os solicitantes que reúnan as condicións para poder inscribirse nelas de acordo co establecido no artigo 8.1º do Decreto 217/2003, do 11 de abril, e a orde de prelación dos solicitantes virá dada pola puntuación obtida de acordo co baremo ó que se refire o artigo 8.2º do mencionado decreto.

Base 3ª.-Solicitudes.

3.1. As solicitudes que presenten os interesados para a súa inclusión na correspondente lista dirixiranse á directora xeral da Función Pública da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e axustaranse ó modelo que se publica como anexo I desta convocatoria.

3.2. O prazo para a presentación das solicitudes será desde o día seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de xaneiro de 2004 e poderanse presentar no rexistro xeral da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, nas súas delegacións provinciais, oficinas comarcais da Xunta de Galicia, así como nos lugares previstos no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3.3. Desde o día seguinte ó da publicación no DOG do anuncio de exposición das listas definitivas desta convocatoria quedará permanentemente aberto o prazo para a presentación de novas solicitudes segundo o establecido nos artigos 3 e 8.4º do Decreto 217/2003, do 11 de abril.

Base 4ª.-Requisitos e méritos.

4.1. Os solicitantes deberán reuni-los requisitos de titulación e méritos que se sinalan nesta resolución referidos como límite máximo ó día 31 de decembro de 2003. As solicitudes presentadas a partir do ano 2005 deberán reuni-los requisitos de titulación e méritos referidos ó día 31 de decembro do ano inmediatamente anterior á dita solicitude.

En consecuencia, para as listas dos corpos e escalas convocadas por esta resolución quedará excepcionado durante o ano 2004, o prazo anual de actualización de méritos durante o mes de xaneiro establecido no artigo 8.5º do Decreto 217/2003, do 11 de abril.

-Corpo superior da Administración da Xunta de Galicia (grupo A):

Escala superior de estatísticos. Titulación: licenciado en socioloxía, informática, matemáticas, económicas, ciencias empresariais e enxeñería.

-Corpo de xestión de Administración da Xunta de Galicia (grupo B):

Escala técnica de estatísticos. Titulación: diplomado en estatística, socioloxía, informática, matemáticas, económicas, ciencias empresariais e enxeñería técnica.

Escala técnica de inspección turística. Titulación: diplomado universitario, enxeñeiro técnico, arquitecto técnico ou equivalente.

-Corpo facultativo superior da Xunta de Galicia (grupo A):

Escala de enxeñeiros agrónomos. Titulación: enxeñería agrónoma; licenciado en ciencia e tecnoloxía dos alimentos.

Escala de enxeñeiros de montes. Titulación: enxeñería de montes.

-Corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia (grupo B):

Escala de enxeñeiros técnicos agrícolas. Titulación: enxeñería técnica agrícola.

Escala de enxeñeiros técnicos forestais. Titulación: enxeñería técnica forestal.

-Corpo de auxiliares técnicos da Xunta de Galicia (grupo D):

Escala de axentes forestais. Titulación: capataz forestal, técnico en traballos forestais e de conservación do medio natural ou FP 1, rama agraria, especialidade forestal.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro deberá estarse en posesión do documento que acredite fidedignamente a súa homologación.

4.2. Igualmente, os solicitantes deberán posuír para os grupos A e B o diploma ou certificado que acredite o grao de perfeccionamento do idioma galego e para o grupo D o grao de iniciación do idioma galego. Só se lles concederá validez ós cursos ou titulacións homologados pola Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

4.3. No corpo de xestión da Administración da Xunta de Galicia (grupo B), escala técnica de inspección turística, os solicitantes deberán posuí-lo permiso de conducción de vehículos da clase B.

4.4. No corpo de auxiliares técnicos da Xunta de Galicia (grupo D), escala de axentes forestais, os solicitantes deberán posuí-lo permiso de conducción de vehículos da clase A e B e permiso de uso de armas de fogo ou ben, no suposto de que non dispoña de licencia, acreditación da documentación requirida no artigo 97.1º do Real decreto 137/1993, do 29 de xaneiro.

4.5. Así mesmo, terán que acreditar no momento en que acepten o posto de traballo que se lles oferte:

-Ser español, ou nacional dun Estado membro da Unión Europea, ou nacional daqueles estados nos que en virtude de tratados internacionais celebrados pola Comunidade Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores.

Tamén poderá participa-lo cónxuxe, descendentes e descendentes do cónxuxe, dos españois e dos nacionais de países membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito, menores de vinteún anos ou maiores da dita idade, que vivan ás súas expensas.

Este último beneficio será igualmente de aplicación a familiares de nacionais doutros estados cando así se prevexa nos tratados internacionais celebrados pola Comunidade Europea e ratificados por España.

No corpo de auxiliares técnicos da Xunta de Galicia (grupo D), escala de axentes forestais, os solicitantes deberán ser españois.

-Ter cumpridos os 18 anos e non ter acadada a idade de xubilación.

-Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

Os solicitantes do corpo de auxiliares técnicos da Xunta de Galicia (grupo D), escala de axentes forestais, deberán acreditar que non padecen incapacidades relativas á agudeza visual e auditiva que non estean debidamente corrixidas, incapacidades do aparello locomotor, do aparello cardiovascular e do aparello respiratorio, incapacidades relativas ó sistema nervioso central e calquera outro proceso patolóxico, que, a xuízo médico, limite ou incapacite para o exercicio ordinario das funcións da escala.

-Non estar separado do servicio de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin inhabilitado por sentencia firme para o exercicio de funcións públicas.

No suposto que non acrediten estes requisitos os solicitantes decaerán en tódolos seus dereitos e quedarán excluídos da lista.

Base 5ª.-Documentación.

Xunto coa solicitude deberá presentarse fotocopia do DNI e copia cotexada do título académico requirido nesta convocatoria e o xustificante de ter aboada a taxa por dereitos de inscrición segundo o anexo III. Estarán exentos do pagamento da taxa por dereitos de inscrición, os que posúan unha discapacidade igual ou superior ó 33%, circunstancia que deberá ser acreditada documentalmente xunto coa instancia.

Para facer efectivo o ingreso da taxa deberá cubrirse o anexo III. Os modelos correspondentes a este anexo facilitaranse nas dependencias da Administración da Xunta de Galicia debendo cubrirse cos códigos que figuran nel. En relación ás solicitudes rexeitadas definitivamente, os interesados poderán solicitar, se é o caso, a devolución de taxas.

Así mesmo os solicitantes do corpo de Xestión da Administración da Xunta de Galicia (grupo B), escala técnica de inspección turística deben presentar xunto coa solicitude copia cotexada do permiso de conducción de vehículos da clase B e os solicitantes do corpo de auxiliares técnicos da Xunta de Galicia (grupo D), escala de axentes forestais, copia cotexada do permiso de conducción de vehículos das clase A e B e permiso de uso de armas de fogo ou ben, no suposto de que non se dispoña de licencia, acreditación da documentación requirida no artigo 97.1º do Real decreto 137/1993, do 29 de xaneiro.

O diploma ou certificado polo que se acredite o grao de coñecemento do idioma galego, poderase presentar xunto coa solicitude ou no momento do chamamento, segundo o establecido no artigo 8.1º do Decreto 217/2003.

Os méritos que invoquen os interesados e que, de acordo co baremo previsto no artigo 8.2º do mencionado decreto desexen que se lles teñan en conta, así como o cumprimento dos requisitos esixidos para o corpo e escala que se solicita, acreditaranse debidamente mediante documentos orixinais ou fotocopias destes que

se presentarán cotexadas fidedignamente, debendo numerarse de acordo co modelo do anexo II, significándose que non se valorarán aqueles méritos que a comisión considere que non estivesen suficientemente acreditados.

Tódalas copias cotexadas que se presenten deberán cumpri-los requisitos establecidos no Real decreto 772/1999, do 7 de maio, segundo o cal o selo ou acreditación das compulsas expresará a data na que se practicou, así como a identificación do órgano e da persoa que expiden a copia cotexada.

Os méritos ós que se refire a alínea c) do artigo 8.2º do referido decreto, servicios prestados na Xunta de Galicia ou noutras administracións públicas no mesmo corpo e escala, acreditaranse mediante certificación xustificativa que deberá ser emitida polos órganos de xestión de persoal competentes.

No suposto de alegar méritos pola alínea a) do artigo 8.2º (ter superada algunha das probas do último proceso selectivo da Xunta de Galicia), non será necesario que o interesado os xustifique.

Base 6ª.-Elaboración das listas.

6.1. A comisión permanente central de selección para a cobertura temporal de postos de traballo reservados a funcionarios, á que se refire o artigo 4 do Decreto 217/2003, será a encargada de elabora-las listas correspondentes. A petición da comisión permanente, e cando o número de aspirantes así o faga aconsellable, poderá nomear subcomisións colaboradoras, e a súa función será participar na aplicación do baremo ós méritos alegados polos interesados.

6.2. Unha vez elaboradas as listas provisionais e definitivas, a Dirección Xeral da Función Pública publicará no DOG o anuncio da exposición destas nos taboleiros de anuncios do Servicio de Información e Atención ó Cidadán da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, nos das súas delegacións provinciais e nas oficinas comarcais da Xunta de Galicia. Así mesmo, os ditos datos poderán consultarse na páxina oficial da Internet da Xunta de Galicia (www.xunta.es).

Base 7ª.-Recursos.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderán os interesados interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición ante o conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da publicación desta resolución no DOG, ou directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados desde a mesma data ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, conforme o artigo 14.2º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2003.

Belén Prado Sanjurjo

Directora xeral da Función Pública