Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Luns, 17 de novembro de 2003 Páx. 14.159

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

DECRETO 408/2003, do 13 de novembro, polo que se acorda a intervención administrativa da confraría de pescadores Virxe do Rosario de Vilaxoán.

A Lei 9/1993, do 8 de xullo, de confrarías de pescadores de Galicia establece no seu artigo 1.2º que as confrarías de pescadores quedan suxeitas á tutela da administración pública galega, que será exercida a través da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

En desenvolvemento desa norma, dictouse o Decreto 261/2002, do 30 de xullo, polo que se aproban as normas reguladoras das confrarías de pescadores e as súas federacións, que establece no capítulo V unha serie de obrigas para as confrarías respecto do seu réxime orzamentario, económico e contable, e regula no artigo 64 a intervención administrativa.

Ante as denuncias de irregularidades na xestión económica da confraría de pescadores de Vilaxoán, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos encargou a realización dun informe sobre a situación económico-financeira dese confraría.

No dito informe conclúese que a confraría de pescadores de Vilaxoán non cumpre coa normativa do capítulo V do Decreto 261/2002, do 30 de xullo, polo que se aproban as normas reguladoras das confrarías de pescadores e as súas federacións, e que a situación económico-financeira da confraría a 31-12-2001 presentaba signos moi preocupantes de solvencia económica e financeira, que a corto prazo poderían impedi-la continuidade da confraría, debido basicamente á falta de liquidez que presentaba o seu estado financeiro. Situación que se estima que non mellorou ó longo dos exercicios 2002 e 2003, pero que non puido ser constatada ó carecer dunha información contable axeitada, ante a non levanza da contabilidade por parte da confraría.

Constatado o incumprimento de diversas obrigas esixidas no citado decreto, a confraría de pescadores

de Vilaxoán foi requirida sobre a obrigatoriedade do cumprimento da lexislación vixente en materia contable, sen que eses requirimentos foran atendidos.

Polo tanto, coa situación económico-financeira de que se dispón da confraría de pescadores de Vilaxoán e os incumprimentos da normativa por parte desta que impiden coñece-la situación real da confraría, estimase que puidera estar en perigo a existencia da confraría, e dada a conveniencia para o interese social da continuidade da confraría, por razóns das importantes funcións que como corporación de dereito público realiza, cómpre a adopción da medida prevista no artigo 64.2º do Decreto 261/2002, do 30 de xullo, polo que se aproban as normas reguladoras das confrarías de pescadores e as súas federacións, e por proposta do conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 13 de novembro de 2003,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Decreta-la intervención administrativa da confraría de pescadores Virxe do Rosario de Vilaxoán como consecuencia da súa grave situación económico-financeira que puidera pór en perigo a súa existencia como corporación de dereito público, ó abeiro do disposto no artigo 64 do Decreto 261/2002, do 30 de xullo, polo que se aproban as normas reguladoras das confrarías de pescadores e as súas federacións.

Artigo 2º

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos procederá ó nomeamento de interventor que terá entre outras funcións:

-Autorizar calquera tipo de xestión económica, pagamentos ou cobramentos que desenvolva a citada confraría.

-Inspecciona-los libros contables e demais documentación que incida na actividade económica da confraría.

-Informa-la Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos de canto importante ocorra respecto á citada confraría e ós seus negocios para que se adopten as resolucións que procedan en defensa e protección dos intereses dos socios da confraría.

Artigo 3º

A confraría de pescadores non poderá realizar ningún acto de contido económico e patrimonial sen previo coñecemento e autorización do interventor.

Artigo 4º

Esta intervención estenderase durante o prazo de seis meses; non obstante, se finalizado o antedito prazo non estivera restablecida a situación económica da confraría, esta poderá ser prorrogada por un período igual de seis meses, mediante orde do conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, logo de informe motivado do interventor.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos para dictar cantas normas complementarias sexan precisas para a mellor aplicación deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2003.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos