Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Luns, 17 de novembro de 2003 Páx. 14.160

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DAS ARTES ESCÉNICAS E MUSICAIS

RESOLUCIÓN do 5 de novembro de 2003 pola que se anuncian probas para formar parte dunha lista de bailaríns/bailarinas bolseiros no corpo de baile do Ballet Galego Rey de Viana.

O Decreto 394/1990, do 19 de xullo, polo que se crea o Ballet Galego Rey de Viana como un centro ou unidade de producción artística integrada no Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais, establece no seu artigo1.2º a inclusión de bolseiros no corpo de danza do Ballet Galego Rey de Viana.

Na intención de cubri-las devanditas bolsas no corpo de baile para a temporada de 2004, acórdase proceder á oportuna convocatoria con suxeición ás seguintes bases:

1. Convócase concurso para a confección dunha lista de bolsas de bailaríns/bailarinas que, reunindo as condicións previstas na presente convocatoria, desexen integrarse no corpo de danza do Ballet Galego Rey de Viana. A programación prevista de for

mación no corpo de baile produciríase entre o 20 de xaneiro de 2004 e o 30 de novembro de 2004.

2. A dotación das bolsas será de 540,91 euros brutos mensuais durante o período indicado, sendo rateada a cantidade para un período inferior ó mes (referencia mes natural: 30 días), ata un máximo de 5.950,01 euros brutos/ano.

A concesión e contía das bolsas quedan condicionadas á existencia de crédito adecuado e suficiente na aplicación orzamentaria 10.60.354A.460.1 do orzamento de gastos do IGAEM para o ano 2004. Neste caso cubriranse, por orde de prelación da devandita lista, un mínimo de seis bolsas de bailaríns/inas, mediante resolución da xerencia do IGAEM.

3. Requisitos para optar ás bolsas.

a) Ter cumpridos os dezaseis anos de idade e menos de 30, no remate do período de presentación das instancias. A partir dos 30 anos consideraranse, caso a caso, polo tribunal as características dos aspirantes.

b) Non ter permanecido como bolseiro do Ballet Galego Rey de Viana tres ou máis anos, entendéndose por ano cada temporada de once meses (máximo 33 meses).

c) Non ter desempeñado a actividade de bailarín mediante contrato profesional. O aspirante deberá entregar declaración responsable de non ter asinado contrato profesional con anterioridade.

d) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións de bailarín/a.

e) Non estar separado do servicio de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario, nin se atopar inhabilitado por sentencia firme para o exercicio de funcións públicas.

f) Non ter emprego remunerado nin desfrutar doutra bolsa ou axuda, calquera que fose esta, salvo as concedidas para estudios regrados ou, no seu defecto, o compromiso de non atoparse en ningunha destas situacións excluídas no momento no que se outorguen as bolsas.

Poderá presentarse a esta convocatoria, cumprindo os requisitos anteriores, calquera persoa interesada nela sen excepción de nacionalidade, así como os bolseiros que forman neste momento parte do corpo do Ballet Galego Rey de Viana, coa excepción indicada na alínea 3ª b).

4. A concesión da bolsa non establecerá relación laboral, de ningún tipo, entre o IGAEM e o beneficiario dela.

5. As solicitudes, segundo o modelo que figura no anexo da presente convocatoria como solicitude tipo, deberán presentarse ata o día 2 de decembro como data límite, no rexistro xeral do IGAEM (pavillón de Galicia en San Lázaro, s/n) ou por calquera

dos medios establecidos no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. O lugar de celebración das probas será nas instalacións do Ballet Galego Rey de Viana no Complexo Deportivo de Elviña, rúa O Birloque, s/n, A Coruña, o día 10 de decembro de 2003 ás 10.00 horas. A relación de aspirantes admitidos estará exposta no taboleiro das oficinas do IGAEM (Pavillón de Galicia en San Lázaro, s/n, Santiago de Compostela), así como nas dependencias do Ballet Galego Rey de Viana, con anterioridade ó comezo das probas.

Os aspirantes seleccionados deberán presenta-la seguinte documentación:

a) Fotocopia do DNI compulsada.

b) Certificado do IGAEM do período desfrutado como bolseiro do Ballet Galego Rey de Viana, se é o caso.

c) Declaración responsable acreditativa das alíneas 3º c), 3º e) e 3º f) esixidas como requisitos.

d) Certificado médico orixinal e actualizado que acredite a alínea 3º d) esixida como requisito.

e) Currículum vitae e documentación acreditativa dos méritos que aleguen os aspirantes. Os méritos alegados deberán presentarse por documento orixinal ou copia compulsada.

6. Coa finalidade de facilita-la participación, os solicitantes que teñan tramitado a súa solicitude en prazo serán incluídos na relación de aspirantes admitidos ás ditas probas.

Os bolseiros seleccionados, con carácter previo á súa toma de posesión, deberán presentar, de non o faceren no momento da presentación da solicitude, a documentación indicada no punto 5º.

7. A selección dos bolseiros realizarase mediante proba práctica, consistente na interpretación de tres obras coreográficas (libre, clásica e de carácter) presentadas polo aspirante.

Antes do comezo do exercicio, cada concursante poderá optar entre entregarlle ó tribunal unha gravación musical en cassete para dar acompañamento ás obras coreográficas para interpretar, ou interpreta-las que lle facilite o tribunal.

8. O tribunal que efecturará a selección dos candidatos estará constituído do seguinte xeito:

Presidente: presidente do IGAEM ou persoa en quen delegue.

Vocais:

-Xerente do IGAEM ou persoa en quen delegue.

-Directora-coreógrafa do Ballet Galego Rey de Viana.

-Unha profesora de baile ou danza do Ballet Galego Rey de Viana.

Secretario/a (con voz e sen voto): un persoal administrativo do cadro de persoal do IGAEM.

9. A aceptación da bolsa levará consigo, por parte do beneficiario, o cumprimento dos compromisos establecidos no artigo 25.1º, do Decreto 107/1993, do 12 de maio, de desenvolvemento da Lei 4/1989, modificada pola Lei 2/1991, de creación do Instituto Galego das Artes Escéncias e Musicais (DOG do 25 de maio de 1993).

O bolseiro comprométese, así mesmo, a participar no programa de actuacións que estableza a dirección do ballet, coa renuncia a calquera outra contraprestación económica diferente da cantidade que perciba como bolsa, sendo propiedade do IGAEM calquera dereito derivado das actuacións comprometidas no período formativo, incluíndose as gravacións e emisións en televisión, vídeo ou outro medio audiovisual.

10. Os/as bolseiros/as terán dereito ó disfrute, durante o período da bolsa, dos días de vacacións que proporcionalmente lles correspondan nun cómputo de 2,5 días por mes traballado, sempre de acordo coa dirección do ballet.

11. Serán causas de suspensión temporal ou perda definitiva da bolsa, segundo os casos:

a) Renuncia por parte do interesado.

b) O incumprimento das obrigas ás que se refire a base anterior.

c) O incumprimento dalgún dos requisitos recollidos na base 3ª desta convocatoria.

En caso de sanción, esta será imposta polo xerente do IGAEM, logo do pertinente informe da directora-coreógrafa do ballet e audiencia do interesado.

12. A presente convocatoria e cantos actos administrativos deriven dela e da actuación do tribunal poderán ser impugnados nos casos e na forma establecida pola Lei 30/1992, do 26 novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, mediante recurso potestativo de reposición que se interporá no prazo dun mes contado desde o día seguinte á publicación desta resolución no DOG, ante o IGAEM, ou interpor directamente recurso contencioso-administrativo ante a xurisdicción contencioso-administrativa no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da publicación deste anuncio no DOG.

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2003.

José Manuel Soto Virulegio

Xerente do Instituto Galego das Artes

Escénicas e Musicais

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA