Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Venres, 07 de novembro de 2003 Páx. 13.759

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 400/2003, do 6 de novembro, polo que se modifican os estatutos da Sociedade Pública Autoestrada Alto de Santo Domingo-Ourense, S.A.

A Sociedade Pública Autoestrada Alto de Santo Domingo-Ourense, S.A., foi creada polo Decreto 254/2003, do 24 de abril, en cumprimento do disposto na disposición adicional sétima da Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, que autorizaba a Xunta de Galicia a constituír unha sociedade pública autonómica das previstas no artigo 12 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, participada integramente pola Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A., coa finalidade de construír e, se é o caso, explota-las obras da autoestrada Santiago de Compostela-Ourense, treito alto de Santo Domingo-A52 (Ourense).

O Decreto 310/2003, do 11 de xullo, modificou o devandito Decreto 254/2003, establecendo a denominación actual da sociedade e modificando os seus estatutos, coa finalidade de concreta-la súa relación coa Administración autonómica.

Non obstante, vista a redacción actual, cómpre modifica-lo parágrafo primeiro do artigo 2º, co fin de describi-lo obxecto social de xeito máis directo, limitándose ó que constitúe o verdadeiro obxecto da sociedade: a construcción, conservación e explotación da autoestrada Santiago de Compostela-Ourense, tramo alto de Santo Domingo-A52.

Así mesmo, modifícase o artigo 3º, que fixaba a duración da sociedade por referencia ó número de anos que se recolla no decreto polo que se regule a construcción, conservación e explotación do referido tramo da autoestrada. A nova redacción establece, xa nos propios estatutos, unha duración indefinida, acorde coa natureza das actividades que constitúen o obxecto social.

En consecuencia, de conformidade co disposto no artigo 34.5º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, así como no artigo 111.2º do Regulamento para a execución da Lei do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, e co artigo 25 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, de acordo igualmente co Real decreto lexislativo 1564/1989, do 22 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de sociedades anónimas, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello

da Xunta de Galicia, na súa reunión do día seis de novembro de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícanse os artigos 2º e 3º dos estatutos da Sociedade Pública Autoestrada Alto de Santo Domingo-Ourense, S.A., aprobados polo Decreto 254/2003, do 24 de abril, e modificados polo Decreto 310/2003, do 11 de xullo, que pasarán a te-la seguinte redacción:

«Artigo 2º.-Obxecto social.

A sociedade ten por obxecto a construcción, conservación e explotación da autoestrada Santiago de Compostela-Ourense, tramo alto de Santo Domingo-A52.

Forman parte do obxecto social as actividades dirixidas á explotación das áreas de servicio, centros de transporte e aparcadoiros e calquera outra actividade directa ou indirectamente relacionada coa súa conservación e explotación, sempre que se encontren dentro da área de influencia da autoestrada, así como as actividades que sexan complementarias da construcción, conservación e explotación desta.

Artigo 3º.-Duración.

A sociedade terá unha duración indefinida».

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, seis de novembro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda