Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Mércores, 29 de outubro de 2003 Páx. 13.374

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 393/2003, do 10 de outubro, polo que se modifica o Decreto 205/1994, do 16 de xuño, polo que se refunde a normativa vixente en materia de inspección técnica de vehículos e se establece o réxime transitorio de prestación do servicio de ITV, en aplicación do establecido no Real decreto lei 7/2000, do 23 de xullo.

A inspección técnica de vehículos en Galicia está regulada polo Decreto 205/1994, do 16 de xuño, modificado mediante os decretos 323/1996, do 26 de xullo, e 119/2001, do 18 de maio. Nesta última norma establécese o período concesional e as prórrogas deste.

O Real decreto lei 7/2000, do 23 de xullo, de medidas urxentes no sector das telecomunicacións, introduciu unha substancial modificación no actual sistema de xestión do servicio de inspección técnica de vehículos, ó establecer que a execución material das inspeccións poderá ser realizada tamén por particulares, que conten coa debida autorización da Comunidade Autónoma, autorización que deberá concederse sempre que o titular acredite o cumprimento dos requisitos técnicos que regulamentariamente se determinen.

Por outra parte, o referido real decreto lei prevé a continuidade dos actuais concesionarios, sen declarar extinguidos os seus títulos concesionais, aínda que non prevé un específico réxime transitorio.

Polo tanto, faise necesario establecer unha regulación específica, que asegure unha adecuada transición, tendo en conta as relacións contractuais existentes co actual concesionario, para os efectos de evita-las lesivas consecuencias que, en caso contrario, se producirían para os intereses públicos. Para iso é preciso modifica-lo Decreto 205/1994, do 16 de xuño, engadindo a este unha disposición transitoria na que se regule o réxime transitorio.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Innovación, Industria e Comercio e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de outubro de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo único.-Engádese unha disposición transitoria ó Decreto 205/1994, do 16 de xuño, do seguinte teor literal: «De acordo co que establece a disposición transitoria do Real decreto lei 7/2000, do 23 de xullo, e a disposición transitoria segunda do Real decreto 833/2003, do 27 de xuño, as estacións de inspección técnica de vehículos existentes en Galicia en réxime concesional á entrada en vigor destes, continuarán habilitadas nos mesmos termos e condicións nos que foron adxudicados os devanditos títulos habilitantes para presta-lo servicio de inspección técnica de vehículos ata a extinción destes sen necesidade de autorización.

Durante a vixencia do período concesional quedará limitado o outorgamento de autorizacións para a prestación de servicios de ITV ás que se refire o artigo 5 do Real decreto 833/2003, do 27 de xuño, no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia».

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de outubro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Innovación, Industria e Comercio