Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Mércores, 29 de outubro de 2003 Páx. 13.374

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 394/2003, do 16 de outubro, polo que se crea o Rexistro de Profesorado Universitario Contratado.

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, prevé expresamente que nos termos desta lei e no marco das súas competencias, as comu

nidades autónomas establecerán o réxime do persoal docente e investigador contratado das universidades.

Pola súa parte, o Decreto 266/2002, do 6 de setembro (DOG do 17 de setembro), de contratación de profesorado universitario, establece no seu artigo 17.3º que as universidades lle comunicarán á Xunta de Galicia a contratación dos seus profesores, para os efectos de rexistro de persoal. Á actuación desta previsión normativa oriéntase este decreto de creación do Rexistro de Persoal Docente e Investigador Universitario Contratado, no que se rexistrarán as novas categorías de profesorado contratado previstas na propia Lei orgánica 6/2001 e no Decreto 266/2002, que a realizarán as universidades, de conformidade sempre co establecido nas citadas normas.

Do mesmo xeito, dentro dun marco de garantía da calidade da actividade docente e investigadora do ensino universitario no seu conxunto, en todas e cada unha das súas modalidades, cómpre incluír no decreto de creación do Rexistro de Profesorado Universitario Contratado o profesorado contratado dos centros universitarios adscritos e dos centros autorizados que impartan estudios conducentes a títulos de educación superior conforme a sistemas educativos estranxeiros, como instrumento para acredita-lo cumprimento por parte destes centros dos índices de calidade referidos ó profesorado, establecidos na normativa aplicable.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezaseis de outubro de dous mil tres,

DISPOÑO:

Rexistro de Profesorado Universitario Contratado.

Artigo 1º.-Creación.

1. Créase na Dirección Xeral de Universidades da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria o Rexistro de Profesorado Universitario Contratado.

2. Este rexistro ten por obxecto a inscrición do profesorado universitario contratado, segundo as previsións do Decreto 266/2002, do 6 de setembro, de contratación de profesorado universitario.

Artigo 2º.-Organización do rexistro.

1. O Rexistro de Profesorado Universitario Contratado, que será xestionado pola Dirección Xeral de Universidades, constará materialmente dun libro diario e dun ficheiro auxiliar de profesorado que se levarán simultaneamente sobre soportes escritos e informáticos.

2. No Rexistro de Profesorado Universitario Contratado, deberán inscribirse tódolos profesores contratados das universidades do Sistema Universitario de Galicia, segundo as categorías establecidas na Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades e no Decreto 266/2002, do 6 de setembro, de contratación de profesorado universitario.

3. No Rexistro de Profesorado Universitario Contratado tamén deberán inscribirse os profesores con-

tratados dos centros universitarios adscritos ás universidades galegas e os profesores contratados dos centros e institucións promotoras autorizados na Comunidade Autónoma de Galicia que impartan estudios universitarios conducentes a títulos conforme o sistema vixente nun país estranxeiro.

4. Para asegura-la protección dos datos persoais que figuren nas fichas individuais deste profesorado adoptaranse as medidas necesarias para garantir e protexe-la seguridade e confidencialidade de tales datos.

Artigo 3º.-Profesorado Contratado das Universidades do Sistema Universitario de Galicia.

1. As universidades do Sistema Universitario de Galicia comunicaranlle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, mediante certificación, a relación do seu persoal docente e investigador contratado, coas altas e baixas que se poidan producir en cada momento, para os efectos de expedición do correspondente número de rexistro e acreditación.

2. As universidades do Sistema Universitario de Galicia manterán actualizados e rexistrados os datos relativos ós seus profesores contratados, para poder realiza-las correspondentes follas de servicios.

Artigo 4º.-Profesorado contratado dos centros universitarios adscritos.

Os centros universitarios adscritos ás universidades do Sistema Universitario de Galicia para impartir estudios conducentes á obtención de títulos de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, enviaranlle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da universidade á que estean adscritos, copia dos contratos do seu persoal docente e investigador contratado, coas altas e baixas que se poidan producir en cada momento, para os efectos de expedición do correspondente número de rexistro e acreditación.

Artigo 5º.-Profesorado contratado de centros e institucións promotoras que impartan estudios universitarios conforme a sistemas educativos estranxeiros.

Os centros e institucións promotoras autorizados en Galicia, que impartan estudios conducentes a títulos de educación superior universitaria, conforme o sistema vixente nun país estranxeiro, enviaranlle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, copia dos contratos do seu persoal docente e investigador contratado, coas altas e baixas que se poidan producir en cada momento, para os efectos de expedición do correspondente número de rexistro e acreditación.

Disposicións transitorias

Primeira.-As universidades do Sistema Universitario de Galicia deberán comunicar á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria os contratos vixentes cos actuais axudantes e os actuais profesores asociados, ós que se refiren as disposicións transitorias cuarta e quinta da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades.

Segunda.-As esixencias referidas ó profesorado contratado dos centros universitarios adscritos ás

universidades do Sistema Universitario de Galicia, contidas no artigo 3º do presente decreto, faranse efectivas a partir do curso académico 2004-2005.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para dictar cantas normas sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de outubro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria