Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Xoves, 23 de outubro de 2003 Páx. 13.180

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

RESOLUCIÓN do 14 de outubro de 2003 pola que se incapacita a confraría de pescadores de Vilaxoán para ser beneficiaria de axudas, subvencións, indemnizacións ou beneficios de calquera tipo.

Á vista dos seguintes feitos:

Primeiro.-A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos constata o incumprimento das obrigas para as confrarías de pescadores que establece o Decre

to 261/2002, do 30 de xullo, polo que se aproban as normas reguladoras das confrarías de pescadores e as súas federacións, e que se relacionan a continuación, por parte da confraría de pescadores de Vilaxoán:

-Aprobación do orzamento anual e a súa exposición no taboleiro de anuncios da confraría para o seu coñecemento polos afiliados (artigo 51) e a súa remisión á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos (artigo 54).

-Aprobación das contas anuais do exercicio anterior no primeiro semestre do ano seguinte (artigo 56).

-Obriga de presenta-las contas anuais no Rexistro de Confrarías (exercicios 2001 e 2002) (artigo 59).

Segundo.-Mediante escrito do subdirector xeral de Ensino e Desenvolvemento Pesqueiro do 11 de setembro de 2003, requíreselle á confraría de pescadores de Vilaxoán que presente a documentación que esixe o Decreto 261/2002, do 30 de xullo, polo que se aproban as normas reguladoras das confrarías de pescadores e as súas federacións ou a xustificación acreditativa suficiente dos incumprimentos relacionados anteriormente e outros máis.

Terceiro.-Transcorrido o prazo sinalado polo requirimento, a confraría de pescadores de Vilaxoán non presenta ningunha documentación nin xustificación.

E tendo en conta os seguintes fundamentos de dereito:

Un.-A disposición adicional cuarta do Decreto 261/2002, do 30 de xullo, polo que se aproban as normas reguladoras das confrarías de pescadores e as súas federacións establece que «o incumprimento das obrigas establecidas no capítulo V deste decreto impedirá ás confrarías de pescadores de Galicia ser beneficiarias de axudas, subvencións, indemnizacións ou beneficios de calquera tipo».

Dous.-Os artigos do devandito decreto que se incumpren (art. 51, 54, 56 e 59) están contidos no capítulo V.

Esta consellería, actuando en virtude das súas competencias,

RESOLVE:

Declarar á confraría de pescadores de Vilaxoán incapacitada para ser beneficiaria de axudas, subvencións, indemnizacións ou beneficios de calquera tipo, ata nova orde.

Esta resolución esgota a vía administrativa, e contra ela poderán os interesados interpor recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ó da súa notificación, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2003.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos