Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Martes, 21 de outubro de 2003 Páx. 13.075

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 378/2003, do 10 de outubro, polo que se crean a Facultade de Ciencias do Mar e a Facultade de Química, por segregación da Facultade de Ciencias, e se autoriza o cambio de denominación da Facultade de Ciencias que pasará a denominarse Facultade de Bioloxía, no Campus de Vigo da Universidade de Vigo.

Polo Decreto 416/1990, do 31 de xullo, (DOG do 10 de agosto de 1990), creouse a Facultade de Ciencias do Campus de Vigo da Universidade de Vigo, por transformación positiva do Colexio Universitario de Vigo e autorizouse a implantación na citada facultade dos estudios conducentes á obtención do título de licenciado en ciencias do mar.

Posteriormente, polo Decreto 192/1993, do 29 de xullo, (DOG do 17 de agosto) autorizouse a implantación na Facultade de Ciencias do Campus de Vigo dos estudios conducentes ós títulos de licenciado en química e de licenciado en bioloxía.

Este deseño ata o de agora era eficaz pero, na actualidade, as titulacións antes mencionadas consolidáronse adquirindo un tamaño demasiado grande para que a súa xestión común manteña a eficacia desexable.

Con este decreto créanse no campus de Vigo da Universidade de Vigo as facultades de Ciencias do Mar e de Química por segregación da Facultade de Ciencias e autorízase o cambio de denominación da citada Facultade de Ciencias por Facultade de Bioloxía, solicitados por esa universidade, ó tempo que se integran nas citadas facultades as respectivas titulacións xa autorizadas, unha vez cumpridos tódolos requisitos previos ó acto formal da autorización por parte da Xunta de Galicia.

Esta creación e cambio de denominación de centros inscríbese no marco de reorganización dos centros existentes no sistema universitario de Galicia

e responde á necesidade de organizar, dun xeito máis efectivo e en exclusiva, a formación dos titulados nunha determinada ciencia de cara a atende-la demanda, mellora-la calidade do ensino e potencia-la actividade investigadora.

Por todo iso, de conformidade coa Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, a Lei 11/1989, do 20 de xullo, de ordenación do sistema universitario de Galicia, a Lei 1/2003, do 9 de maio, dos consellos sociais do sistema universitario de Galicia, o Real decreto 557/1991, do 12 de abril, sobre creación e recoñecemento de universidades e centros universitarios, e o Decreto 259/1994, do 29 de xullo, polo que se establece o procedemento para creación e recoñecemento de universidades, centros universitarios e autorización de estudios na Comunidade Autónoma de Galicia; por instancia do Consello Social da Universidade de Vigo, logo do informe do Consello de Goberno da citada universidade, oído o Consello Universitario de Galicia, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro; por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, e logo de deliberación

do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do dez de outubro de dous mil tres

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Créase a Facultade de Ciencias do Mar e a Facultade de Química no Campus de Vigo da Universidade de Vigo.

2. Estas facultades créanse por segregación da Facultade de Ciencias do Campus de Vigo.

3. Na Facultade de Ciencias do Mar impartiranse os estudios xa autorizados conducentes ó título de licenciado en ciencias do mar, que se viñan impartindo na Facultade de Ciencias.

4. Na Facultade de Química impartiranse os estudios xa autorizados conducentes ó título de licenciado en química, que se viñan impartindo na Facultade de Ciencias.

Artigo 2º

1. Concédese autorización para que a Facultade de Ciencias do Campus de Vigo pase a denominarse Facultade de Bioloxía.

2. Na Facultade de Bioloxía impartiranse os estudios xa autorizados conducentes ó título de licenciado en bioloxía, que se viñan impartindo na Facultade de Ciencias.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para que, no ámbito das súas competencias, dicte as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de outubro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria