Con data do 30 de xullo de 2003, asinouse a addenda ó convenio do 8 de agosto de 2000 entre a Xunta de Galicia e o Bispado de Ourense sobre o uso do Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, para a súa posta en valor coa pretensión de servicios culturais e turísticos, en virtude da cal, por instancia do dito bispado, se modifica a duración da cesión, a título gratuíto, do dereito real de uso do Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil.
Na medida en que o dito convenio fixa os termos da cesión, trala súa modificación pola addenda, cómpre modifica-la aceptación de cesión pola Comunidade Autónoma de Galicia acordada en virtude do Decreto 227/2001, do 20 de setembro, publicado no DOG nº 191, do 2 de outubro de 2001.
Conforme o artigo 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 34 do seu Regulamento aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta, por proposta da Consellería de Economía e Facenda.
Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, feita nos termos acordados co Bispado de Ourense, no convenio subscrito entre a Xunta de Galicia e o Bispado de Ourense con data do 8 de agosto de 2000, e a addenda con data do 30 de xullo de 2003, logo da deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día dez de outubro de dous mil tres,
DISPOÑO:
Artigo único.-Modifícase o artigo 1º do Decreto 227/2001, do 20 de setembro, polo que se acepta a cesión do dereito real de uso, a título gratuíto, á Comunidade Autónoma de Galicia do Mosteiro de
Santo Estevo de Ribas de Sil, situado no termo municipal de Nogueira de Ramuín (Ourense), (DOG nº 191, do 2 de outubro de 2001), que queda redactado como segue:
«Acéptase a cesión, a título gratuíto e por noventa e nove anos, do dereito real de uso, do Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, situado no termo municipal de Nogueira de Ramuín (Ourense), agás a igrexa, a sancristía e a rectoral.».
Disposición derradeira
A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade deste decreto.
Santiago de Compostela, dez de outubro de dous mil tres.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
José Antonio Orza Fernández
Conselleiro de Economía e Facenda