Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Luns, 20 de outubro de 2003 Páx. 13.036

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 14 de xullo de 2003, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón a inscrición no rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de ámbito provincial para a empresa Industrias Plásticas Arias, S.L.

Visto o texto do convenio colectivo para a empresa Industrias Plásticas Arias, S.L. (código 2700902), da provincia de Lugo, asinado o día 25 de xuño de 2003, pola representación da mentada empresa e dos seus traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90 puntos 2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo.

Esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do citado convenio colectivo no rexistro de convenios desta delegación, así como o seu depósito.

Segundo.-Remiti-lo texto do mentado convenio á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Lugo, 14 de xullo de 2003.

Ana Chao Vázquez

Delegada provincial de Lugo

Convenio colectivo da empresa Industrias Pláticas Arias, S.L.

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

Este convenio regula as condicións de traballo da empresa Industrias Plásticas Arias, dedicada á confección, impresión e comercialización de bolsas de plástico.

Artigo 2º.-Ámbito territorial.

Este convenio será de aplicación para tódolos traballadores da empresa Industrias Plásticas Arias, que presten os seus servicios no actual centro de traballo, estendéndose así mesmo a calquera outro centro de traballo que, relacionado coa actividade principal da empresa, puidera esta ter na provincia de Lugo.

Artigo 3º.-Ámbito persoal.

Estas condicións de traballo afectarán a totalidade dos traballadores así como o persoal que ingrese na empresa, incluíndo neste punto os contratos en empresas de traballo temporal.

Artigo 4º.-Ámbito temporal.

Este convenio entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no BOP de Lugo ou en todo caso ós quince días despois da súa sinatura.

Os efectos económicos terán validez desde a súa publicación ata o 31 de decembro de 2004.

Artigo 5º.-Vinculación á totalidade e garantías persoais.

As condicións aquí pactadas forman un todo orgánico e indivisible, e para efectos da súa aplicación práctica serán aplicadas globalmente.

Respectaranse a título individual as condicións de traballo que foran superiores ás establecidas neste convenio, consideradas no seu conxunto e a título individual e en cómputo anual.

Artigo 6º.-Comisión mixta paritaria.

Para a interpretación deste convenio créase unha comisión paritaria composta por dous representantes dos traballadores e dous representantes da empresa.

Capítulo II

Organización do traballo

Artigo 7º.-Organización do traballo.

A organización do traballo, de acordo co prescrito neste convenio e segundo a lexislación vixente, é facultade da dirección da empresa.

A organización do traballo ten por obxectivo alcanzar na empresa un nivel de productividade adecuado, baseado na utilización óptima dos recursos humanos

e materiais. Iso é posible cunha actitude activa e responsable das partes integrantes, dirección, traballadores e representación dos traballadores.

Sen mingua da facultade aludida no parágrafo 1º deste artigo, os representantes dos traballadores terán funcións de orientación, proposta, emisión de informes, etc., no relacionado coa organización e racionalización do traballo, de conformidade coa lexislación vixente e de acordo co establecido neste convenio e no artigo 64 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 8º.-Roupa de traballo.

Entregaránselle ó persoal dúas pezas de roupa de traballo, fundas, batas ou chaquetas, dependendo do posto de traballo, por ano. Naqueles postos que foran necesarios e logo de xustificación, daránselles as necesarias.

O uso da roupa de traballo ou sistemas de prevención será obrigatorio dentro da xornada laboral.

Todo traballador responsable dun equipo de traballo, sexa cal sexa a súa característica, terá a obriga de coidar da boa conservación del e do seu mantemento, podéndose esixir responsabilidades por incumprimento das súas obrigas.

Equipos de protección individual, segundo a actividade que se vai desempeñar e de acordo coa normativa actual en materia de saúde laboral, responsabilizándose o traballador do coidado e mantemento deste.

Artigo 9º.-Xornada laboral.

A xornada laboral será de 1.784 horas ó ano, tendo en conta as festividades de carácter nacional, autonómico e local, e o disposto na lexislación vixente.

Artigo 10º.-Vacacións.

As vacacións terán unha duración de trinta días naturais ó ano, e para o seu desfrute haberá que aterse ó disposto no artigo trinta e oito do Estatuto dos traballadores.

Artigo 11º.-Comunicación de cesamento.

O persoal queda obrigado a comunicarlle á empresa o seu cesamento nos seguintes prazos:

Técnicos: 3 meses.

Especialistas: 15 días.

Non cualificados: 10 días.

O incumprimento deste aviso previo dará lugar á perda das retribucións dos días que correspondan.

Artigo 12º

No referente ás modificacións substanciais nas condicións de traballo, período de proba, contratación, ascensos, uso de empresas de traballo temporal, mobilidade funcional, traslados e desprazamentos, permisos e licencias, seguridade e saúde no traballo e dereitos sindicais, haberá que aterse

ó legalmente previsto no Estatuto dos traballadores ou norma legal que o substitúa ou complemente.

Por circunstancias do mercado, acumulación de tarefas ou excesos de pedidos que así o esixiran, poderanse nun período de 18 meses, realizar contratos que non superen as 3/4 partes do período establecido.

Capítulo III

Salario e réxime asistencial

Artigo 13º.-Salario.

Para o ano 2003 o salario será o que figura na táboa salarial anexa.

Para o ano 2004 o incremento salarial será do IPC previsto polo Goberno, cunha cláusula de revisión que garanta o IPC real a 31 de decembro de 2004. Os atrasos aboaranse na nómina do mes de xaneiro do seguinte ano.

Artigo 14º.-Pagas extraordinarias.

As correspondentes a paga de Nadal e xullo, que serán o importe dunha mensualidade do salario base más antigüidade consolidada.

Artigo 15º.-Complemento de transporte.

Créase un complemento extrasalarial, denominado complemento de transporte cunha contía igual para tódalas categorías e que figura na táboa anexa.

Artigo 16º.-Incapacidade laboral transitoria.

A empresa, en caso de accidente laboral, (que necesite ou non hospitalización) ou ILT, que esixa hospitalización, a empresa completará ata o 100%, os conceptos salariais que integran a base de cotización durante todo o período de duración do dito accidente laboral ou da dita hospitalización.

Artigo 17º.-Póliza de seguros.

A empresa obrígase a concertar unha póliza de seguros que cubra os riscos de morte ou incapacidade permanente absoluta ou grande invalidez, motivada por accidente sexa ou non laboral a contía de 22.000 euros.

Artigo 18º.-Xubilación.

Os traballadores poderán acollerse a xubilacións anticipadas ós 64 anos, de conformidade co disposto no Real decreto 1194/1985, do 17 de xullo, as empresas deberán substituí-lo traballador que opte pola xubilación simultaneamente ó seu cesamento por outro traballador nas condicións indicadas no mencionado real decreto.

Artigo 19º.-Antigüidade.

Á entrada en vigor deste convenio, os traballadores afectados por el deixarán de xerar antigüidade.

A antigüidade que tiveran á data de publicación deste convenio figurará en nómina como antigüidade consolidada.

Como compensación a esta perda crearase un complemento cotizable denominado de productividade que se aboará tódolos anos e a razón de nove euros ó ano.

Este complemento empezarase a cobrar a partir do un de xaneiro de 2004, e en adiante incrementarase tódolos primeiros de ano.

Capítulo IV

Permisos e licencias

Artigo 20º.-Licencias e permisos.

O traballador poderá ausentarse do traballo, logo de aviso e xustificación, con dereito a remuneración, por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

a) En caso de falecemento dun parente de 1º e 2º grao de consanguinidade ou afinidade tres días se o falecemento ten lugar na Comunidade Autónoma. Se ten lugar fóra da Comunidade Autónoma, o prazo será de catro días.

b) No caso de accidente ou enfermidade grave ou hospitalización, debidamente acreditada, de parentes de primeiro e segundo grao de consanguinidade ou afinidade: tres días se o parente está na Comunidade Autónoma. Cando con tal motivo o traballador necesite facer un desprazamento fóra da Comunidade Autónoma, o prazo será de catro días.

c) No caso de matrimonio do traballador: quince días naturais.

d) No caso de matrimonio de parentes de primeiro e segundo grao de consanguinidade: un día.

e) No caso de nacemento de fillo: tres días.

f) No caso de cambio de domicilio: un día.

g) No caso de intervención cirúrxica con ingreso hospitalario de parentes de primeiro e segundo grao: dous días.

h) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal, incluído o exercicio do sufraxio activo.

i) Polo tempo necesario para asistir a consulta médica oficial, probas ou recoñecementos médicos en centros sanitarios.

j) Polo tempo necesario para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación ó parto que teñan que realizarse dentro da xornada de traballo.

k) As traballadoras, por lactación dun fillo menor de 9 meses, terán dereito a unha hora de ausencia ó traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. A muller, pola súa vontade, poderá substituír este dereito por unha reducción da súa xornada en media

hora coa mesma finalidade. Este permiso poderá ser desfrutado indistintamente pola nai ou polo pai en caso de que ámbolos dous traballen.

l) Quen, por razóns de garda legal, teña ó seu coidado directo algún menor de 6 anos ou un minusválido físico, psíquico ou sensorial que non desempeñe unha actividade retribuída, terá dereito a unha reducción da xornada de traballo, coa diminución proporcional do salario entre, polo menos, un tercio e un máximo da metade da duración daquela.

Terá o mesmo dereito quen precise encargarse do coidado directo dun familiar, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, que por razóns de idade, accidente ou enfermidade non poida valerse por si mesmo e que non desempeñe actividade retribuída.

En todo caso, o traballador terá dereito, por aplicación do artigo 37 do Estatuto dos traballadores, a licencia retribuída polos motivos e polo tempo previsto no mencionado artigo.

Ademais do anterior, o persoal suxeito a este convenio con máis dun ano de antigüidade na empresa terá dereito a un permiso non retribuído de ata un máximo de 15 días naturais ó ano, sempre e cando se solicite xustificadamente e cunha antelación de, polo menos, unha semana.

En todo caso, as empresas poderán denegar de forma motivada e por causas organizativas o desfrute do permiso non retribuído previsto no parágrafo anterior dentro dos dous días seguintes á solicitude deste.

Artigo 21º.-Excedencia por maternidade.

Os traballadores terán dereito a un período de excedencia non superior a tres anos, para atender ó coidado de cada fillo, cando o sexa por natureza como por adopción, contado desde a data de nacemento deste.

Os sucesivos fillos darán dereito a un novo período de excedencia que, se é o caso, porá fin ó que viñese desfrutando. Cando o pai e a nai traballen, só un deles poderá exercer este dereito.

Durante o primeiro ano, o traballador en excedencia terá dereito a reserva do posto de traballo. Transcorrido o dito prazo a reserva quedará referida ó posto de traballo do mesmo grupo profesional ou categoría equivalente.

Disposicións adicionais

Primeira.-Lexislación supletoria.

En todo o non expresamente previsto neste convenio colectivo, haberá que aterse ó disposto no Estatuto dos traballadores e demais disposicións legais de aplicación.

Segunda.-Denuncia.

Este convenio pode ser denunciado por calquera das partes un mes antes da súa finalización, en caso de non facelo, o convenio será prorrogable por un ano.

ANEXO

Táboa salarial

Vixencia: 1-6 ó 31-12-2003

Categoría profesionalSalario baseCompl. de transporte

Xefe de administración84070

Oficial 1ª administrativo70070

Oficial 2ª administrativo67070

Auxiliar administrativo65070

Encargado74070

Viaxante70570

Oficial de 1ª65070

Oficial de 2ª60070

Peón55070