Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Luns, 13 de outubro de 2003 Páx. 12.734

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 23 de xullo de 2003, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, pola que se resolve o expediente número 365 que afecta o monte Pindo, dos lugares de San Paio e Boña, parroquia de Roo, concello de Noia.

Para os efectos previstos no artigo 28 do Regulamento para a aplicación da Lei 13/1989, de montes veciñais en man común, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión que tivo lugar o 22 de xullo de 2003, adoptou o seguinte acordo:

«Reunido o xurado, baixo a presidencia do delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente da Coruña, José Manuel Alvárez-Campana Gallo, procédese a estudiar e resolve-lo seguinte expediente:

Expediente: nº 365.

Monte: Pindo.

Comunidade: lugares de San Paio e Boña.

Parroquia: Roo.

Concellos: Noia.

Antecedentes de feito:

Primeiro: con data 14 de outubro de 1999, seis veciños residentes nos lugares de San Paio e Boña na parroquia de Roo no concello de Noia, solicitaron a declaración como veciñal do monte denominado Pindo coas seguintes características:

Superficie: 20,88 ha.

Lindeiros: norte: predios particulares dos veciños de Liñaio, do piquete 312 ó 322 do deslindamento

do monte Castelo de Nimo seguindo a orde de piquetes, monte veciñal en man común dos veciños de Liñaio, en liña recta do piquete 322 ó 278, e predios particulares de veciños de Liñaio, do piquete 278 ó 282 seguindo a orde de piquetes. Leste: predios particulares de veciños de Liñao, Toxos Outos e Lesende, do piquete 282 ó 291 do monte Castelo de Nimo, seguindo a orde de piquetes e do 291 ó 348 do deslindamento do monte Colón. Sur: estrada Noia-Santiago de Compostela do piquete 548 ó 552 do monte Colón, seguindo a orde de piquetes, do 552 ó piquete 297 do monte Castelo de Nimo, e do piquete 297 ó 305 do deslindamento do monte Castelo de Nimo. Oeste: estrada do encoro, do piquete 305 ó 312 do monte Castelo de Nimo, seguindo a orde de piquetes.

Segundo: con data do 10 de maio de 2001 o xurado acordou inicia-lo expediente, nomeando instructora a Ana María Díaz López. Realizouse a instrucción do expediente redactando mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Noia, e expedindo mandamentos ó Concello de Noia e ó xefe do Servicio de Montes e Industrias Forestais da Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente da Coruña, así como a preceptiva publicación do edictos no Concello de Noia, para os efectos de que tódalas persoas interesadas no expediente realizaran as manifestacións que estimasen convenientes.

Terceiro: os promotores do expediente de cualificación do monte como veciñal en man común fundamentan a súa pretensión en que desde tempo inmemorial veñen aproveitando o monte en réxime de comunidade sen asignación de cotas. Achegan como proba documental do manifestado actas notariais de manifestación dos veciños de que o monte Pindo vén aproveitándose desde tempo inmemorial sen asignación de cotas.

Cuarto: con data do 24 de outubro de 2001, o Concello de Noia achega acordo adoptado polo pleno do concello no que se manifesta que o monte que se pretende clasificar é de titularidade municipal e que o concello sen un proxecto de interese xeral para a parroquia non pode perde-lo seu patrimonio. Achega, do mesmo xeito, certificación expedida pola secretaria do concello na que se establece que a descrición da parcela denominada monte do Pindo coincide coa parcela monte Castelo de Nimo que figura inventariada cunha superficie de 20 ha no inventario de bens do concello.

Quinto: con data do 9 de abril de 2002, Antonio Caamaño Gallardo que actúa en nome e representación da comunidade de montes veciñais dos lugares de Béxeres, Quintáns e Hortas, presenta alegacións ó expediente manifestando que parte da superficie do monte Pindo que se pretende clasificar pertence a esa comunidade como se pode comprobar no plano achegado que foi levantado logo da declaración polo xurado do monte como veciñal.

Sexto: con data do 19 de setembro de 2002, os promotores achegan ó expediente o convenio asinado

polos veciños dos lugares de San Paio de división e adxudicación do monte do lugar por cotas segundo a renda que se viña pagando.

Sétimo: o distrito forestal manifesta no informe do 22 de novembro de 2001 achegando ó expediente que no monte Pindo non se aprecia ningún tipo de aproveitamento, e que non se aprecian actos de disposición ou división.

Fundamentos de dereito:

Primeiro: o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten xurisdicción e competencia para coñecer deste expediente segundo o disposto nos artigos 9 e 10 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo: o expediente tramitouse segundo o preceptuado na Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e do seu regulamento aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro.

Terceiro: para que un monte se poida calificar como veciñal en man común segundo o disposto na Lei 13 / 1989, do 10 de outubro, debe de reuni-las seguintes características: 1) Que pertenza a unha agrupación de veciños na súa calidade de grupo social e non como entidade administrativa. 2) Que se aproveite consuetudinariamente en réxime de comunidade sen asignación de cotas polos membros de cada agrupación na súa condición de veciños comuneiros. 3) Que os veciños comuneiros residan habitualmente con casa aberta dentro da área xeográfica sobre a que se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte.

Cuarto: en virtude do exposto hai que entrar a analizar se o monte Pindo é da pertenza da comunidade, e neste sentido hai que sinalar que a documentación que é achegada polos promotores non resulta suficiente para atribuí-la citada pertenza á comunidade, co que este xurado non entende probado que se estea a cumpri-la primeira premisa establecida pola lei.

Por outra banda, e no que ó aproveitamento consuetudinario do monte se refire, o informe do distrito forestal é determinante ó sinalar que non se constatou ningún tipo de aproveitamento consuetudinario no monte que se pretende clasificar co que tampouco se estaría a cumpri-la segunda premisa establecida pola lei.

Por último, os promotores non achegaron ó expediente relación de veciñanza dos veciños comuneiros co que non resulta acreditada a terceira condición esixida pola lei para que se poida clasificar o monte Pindo como veciñal en man común.

Por todo o exposto, este xurado por unanimidade dos asistentes, á vista dos antecedentes e fundamentos expostos e da proposta da instructora, e atendendo a que non se están a cumpri-los requisitos esixidos pola lei para que un monte se poida cualificar como veciñal en man común acorda:

Non cualificar como veciñal en man común o monte denominado Pindo».

Contra esta resolución poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes ante o xurado ou recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, contados desde o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

A Coruña, 23 de xullo de 2003.

Ana Mª Díaz López

Secretaria do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña

Viste e prace

J. Manuel Álvarez-Camapana Gallo

Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña