Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Luns, 13 de outubro de 2003 Páx. 12.732

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 23 de xullo de 2003, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, pola que se resolve o expediente número 368 que afecta o monte Montecelos, do lugar de Montecelos, parroquia de Carnés, concello de Vimianzo.

Para os efectos previstos no artigo 28 do Regulamento para a aplicación da Lei 13/1989, de montes veciñais en man común, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión que tivo lugar o 22 de xullo de 2003, adoptou o seguinte acordo:

«Reunido o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, baixo a presidencia do delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente da Coruña, con data do 22 de xullo de 2003, procédese a estudiar e resolve-lo seguinte expediente:

Expediente: nº 368.

Monte: Montecelos.

Comunidade: lugar de Montecelos.

Parroquia: Carnés.

Concello: Vimianzo.

Antecedentes de feito:

Primeiro: con data do 29 de maio de 2000, corenta e tres veciños do lugar de Montecelos na parroquia de Carnés do concello de Vimianzo, solicitaron a declaración como veciñal do monte denominado Montecelos coas seguintes características:

Superficie: 114,00 ha.

Lindeiros: norte: monte vecinal da comunidade de Cures e Mouzo, sur: monte dos veciños de Devesa; leste: monte de Gándara e monte Prado de Blanco Rajoy, oeste: propiedades particulares de veciños de Devesa e Montecelos.

Xúntase á esta resolución plano do monte e coordenadas UTM de descrición dos lindeiros do monte e de puntos singulares.

Segundo: con data do 10 de maio de 2001 o xurado acordou inicia-lo expediente, nomeando instructora a Ana María Díaz López. Realizouse a instrucción do expediente librando mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Corcubión, e expedindo mandamentos ó Concello de Vimianzo e ó xefe de Servicio de Montes e Industrias Forestais da Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente da Coruña, así como a preceptiva publicación de edictos no Diario Oficial de Galicia e taboleiro de anuncios do Concello de Vimianzo, para os efectos de que tódalas persoas interesadas no expediente realizasen as manifestacións que tiveran por convenientes.

Terceiro: os promotores do expediente de cualificación do monte como veciñal en man común fundamentan a súa pretensión en que desde tempo inmemorial veñen aproveitando o monte en réxime de comunidade sen asignación de cota. Presentan como proba documental do manifestado copias de particións privadas do ano 1959 nas que existen referencias ó monte Montecelos como un monte de propiedade dos veciños.

Cuarto: con data do 17 de xaneiro de 2002 Alfredo Rojo García presenta alegacións ó expediente nas que pon de manifesto que parte do monte que se pretende cualificar é de propiedade privada, sen achegar documentación na que basea-la súa pretensión.

Quinto: con data do 23 de decembro de 2002 o Concello de Corcubión achega certificación na que se fai constar que o monte de Montecelos de 114,00 ha de superficie, non consta como integrante do Inventario de Bens do Concello.

Sexto: o distrito forestal manifesta no informe de data do 16 de xullo de 2003 achegado ó expediente que o monte vén sendo aproveitado de xeito consuetudinario polos veciños do lugar de Montecelos mediante o pastoreo de gando solto, principalmente cabalos, aproveitamentos cinexéticos e recollida de pedras.

Fundamentos de dereito:

Primeiro: o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten xurisdicción e competencia para coñecer deste expediente segundo o disposto nos artigos 9 e 10 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo: o expediente tramitouse segundo o preceptuado na Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu Regulamento aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro.

Terceiro: para que un monte se poida cualificar como veciñal en man común segundo o que dispón a Lei 13/1989, do 10 de outubro, debe de reuni-las seguintes características: 1) Que pertenza a unha agrupación de veciños na súa calidade de grupo social e non como entidade administrativa. 2) Que se aproveite consuetudinariamente en réxime de comunidade sen asignación de cotas polos membros de cada agrupación na súa condición de veciños comuneiros. 3) Que os veciños comuneiros residan habitualmente con casa aberta dentro da área xeográfica sobre a que se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte.

Cuarto: en virtude do exposto hai que empezar a analizar se se está a cumpri-la primeira premisa sinalada na lei, de que o monte que se pretende clasificar pertence á comunidade solicitante, e neste sentido hai que ter en conta que, á vista da documentación achegada polos promoventes, unido á certificación expedida polo Concello na que se constata que o monte obxecto deste expediente nunca figurou no Inventario de Bens do Concello, considérase probada esta pertenza do monte Montecelos ós veciños do lugar de Montecelos na parroquia de Carnés do concello de Vimianzo.

En canto á segunda circunstancia que debe de reuni-lo monte para ser declarado como veciñal que é o do seu aproveitamento consuetudinario, hai que sinalar que á vista do informe de campo emitido polo distrito forestal, se considera probado que os veciños do lugar de Montecelos viñeron aproveitando este monte en réxime de comunidade sen asignación de cotas, circunstancia que persiste na actualidade.

En terceiro e último lugar, o xurado, á vista da documentación achegada polo concello consistente na relación de vecindade dos promoventes do expediente de clasificación do monte, considera que os veciños comuneiros da comunidade que vai resultar lexítima titular do monte Montecelos, residen habitualmente na área xeográfica sobre a que se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte.

Por todo o exposto, este xurado por unanimidade dos asistentes, á vista dos antecedentes e fundamentos expostos e da proposta da instructora, e atendendo a que se están a cumpri-las premisas sinaladas pola lei para que un monte se poida cualificar como veciñal en man común acorda:

Cualificar como veciñal en man común o monte denominado Montecelos, da superficie e lindes refe

renciados nesta resolución e dos que se xuntan as súas coordenadas».

Contra esta resolución poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes ante o xurado ou recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, contados desde o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedimento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

A Coruña, 23 de xullo de 2003.

Ana Mª Díaz López

Secretaria do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña

Visto e prace

J. Manuel Álvarez-Campana Gallo

Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña