Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Mércores, 08 de outubro de 2003 Páx. 12.520

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 1 de setembro de 2003, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Vulcarol, S.L. (persoal de limpeza industrial da mina de Endesa nas Pontes de García Rodríguez).

Visto o expediente do convenio colectivo da empresa Vulcarol, S.L. (persoal de limpeza industrial da mina de Endesa nas Pontes de García Rodríguez) (código de convenio número 1503041), que tivo entrada nesta delegación provincial o día 24-6-2003, subscrito en representación da parte económica pola

empresa, e da parte social polos membros do sindicato CC.OO. no comité de empresa o día 17-6-2003, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo depósito do citado acordo no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 1 de setembro de 2003.

Elisa Madarro González

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo da empresa

Vulcarol, S.L.

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

Este convenio colectivo será de aplicación ó persoal de Vulcarol, S.L. dedicado á limpeza industrial da mina de Endesa Generación nas Pontes de García Rodríguez.

Artigo 2º.-Ámbito temporal.

O convenio terá vixencia desde o 1 de xaneiro de 2003 ata o 31 de decembro de 2004.

Quedará automaticamente denunciado a partir do día 1 de novembro de 2004, e a partir desa data poderase inicia-la negociación dun novo convenio.

Será prorrogado en tódolos seus conceptos en canto non se logre un acordo expreso nas novas negociacións.

Artigo 3º.-Vinculación á totalidade.

As condicións establecidas neste convenio forman un todo orgánico indivisible e para efectos da súa aplicación práctica serán consideradas globalmente en cómputo anual, sen que caiba a aplicación illada dalgunha das súas partes.

Artigo 4º.-Absorción e compensación.

As retribucións establecidas no presente convenio compensan e absorben tódalas existentes ata o momento da súa entrada en vigor, calquera que sexa a súa natureza ou a súa orixe.

Os aumentos de retribucións que poidan producirse no futuro por disposicións legais de xeral aplicación só poderán afecta-las pactadas neste convenio

cando, consideradas en cómputo anual, superen a estas.

En caso contrario, serán absorbidas ou compensadas por estas últimas, subsistindo este convenio nos seus propios termos e sen ningunha modificación nos seus conceptos, módulos e retribucións.

Artigo 5º.-Comisión mixta de interpretación.

Para a correcta interpretación e vixilancia do convenio crearase unha comisión mixta de interpretación formada polo comité de empresa e a representación desta que tomou parte nas deliberacións. A comisión será presidida por quen ela designe en cada sesión. Será secretario un vocal, igualmente designado para cada sesión, tendo en conta que o cargo recaerá unha vez en cada unha das dúas representacións.

A comisión reunirase no prazo máximo de quince días desde a súa convocatoria e cantas veces sexa necesario para resolve-los problemas referentes á aplicación e interpretación do convenio, tendo as súas resolucións carácter vinculante.

Artigo 6º.-Xornada laboral.

A xornada laboral será de 38 horas semanais de traballo efectivo, distribuídas da seguinte forma:

-Xornada continuada: luns a mércores de 7.00 a 15.00 horas; xoves e venres de 7.00 a 14.00 horas.

-Xornada partida: luns a mércores de 8.30 a 13.15 e de 14.45 a 18.00 horas; xoves e venres de 8.30 a 13.15 e 14.45 a 17.00 horas.

O persoal en xornada partida pasará a xornada continuada durante o período de 15 de xuño a 14 de setembro.

O persoal a xornada continuada disporá de 20 minutos de descanso para bocadillo que terá a consideración de tempo traballado.

Os traballadores afectados polo presente convenio disporán de 15 minutos á saída do traballo para asearse.

Se durante a vixencia deste convenio se reducise a xornada semanal de Endesa Generación (As Pontes de García Rodríguez), e sempre que esta non sexa inferior a 37 horas semanais, adaptaríase a xornada de acordo con tal reducción.

Artigo 7º.-Retén de garda.

Os sábados, domingos e festivos haberá un retén de persoal de garda, designado pola empresa, no caso de non existir voluntarios suficientes, con horario de 7.00 a 13.00 horas e descanso luns e martes.

Por cada sábado, domingo ou festivo traballado percibirán unha prima segundo o anexo, se ben poderán optar por percibi-la prima e dous días de descanso ou só tres días de descanso. O terceiro día de descanso cobrarase da mesma forma que un dos outros dous.

Artigo 8º.-Vacacións.

Todo o persoal desfrutará dunhas vacacións anuais retribuídas de 30 días naturais. Os maiores de 50 anos desfrutarán de 31 días. A retribución será a

do salario real correspondente á xornada ordinaria, exceptuando os complementos de distancia e transporte. Empresa e comité confeccionarán un calendario de vacacións procurando que tódolos traballadores as desfruten entre o 15 de xuño e o 15 de setembro.

Os traballadores que se incorporen á empresa durante o ano desfrutarán a parte proporcional de vacacións que lles correspondan. Desfrutaranse obrigatoriamente dentro do ano natural, non podendo ser compensadas en metálico nin acumuladas para anos sucesivos.

Artigo 9º.-Licencias retribuídas.

O traballador avisando coa debida antelación e posterior xustificación terá dereito a licencias retribuídas nos seguintes supostos:

a) 15 días naturais en caso de matrimonio.

b) 5 días por enfermidade grave de familiar de primeiro grao. Asimílase a primeiro grao a parella con quen se conviva.

c) 4 días por falecemento de familiar en primeiro grao; 2 días por falecemento de familiar en segundo grao; 1 día por falecemento de familiar en terceiro grao.

d) 6 días por nacemento de fillo.

e) 1 día por traslado de domicilio habitual.

f) Ó desfrute dos permisos necesarios para concorrer a exames, cando se cursen estudios para a obtención dun título académico ou profesional.

g) Ó tempo imprescindible para recibir asistencia sanitaria, debendo xustificarse adecuadamente o tempo de permanencia. O traballador terá dereito ó cobramento dos complementos polo tempo que xustifique de permanencia en consulta.

h) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal.

i) 1 día para a renovación do permiso de conducir.

j) 1 día para a renovación do DNI.

k) 1 día para o recoñecemento médico anual.

Artigo 10º.-Salario base.

O salario base é o que se establece para cada categoría na táboa salarial anexa. O salario base devéngase por día natural.

Artigo 11º.-Antigüidade.

O complemento persoal por antigüidade consistirá en tres bienios do 5% do salario base e posteriores quinquenios do 7% do salario base. Respectarase o establecido no Decreto lexislativo 1/1995 do 24 de marzo, que aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

Artigo 12º.-Pagas extraordinarias.

Todo traballador afectado polo presente convenio terá dereito a percibir 3 pagas extraordinarias, o importe das cales será segundo o anexo ou a parte proporcional ó tempo traballado segundo o seu período de devengo. Estas pagas denominaranse de verán, Nadal e beneficios.

A paga de verán devengarase proporcionalmente ó tempo traballado no primeiro semestre e farase efectiva coa nómina do mes de xuño.

A paga de Nadal devengarase proporcionalmente ó tempo traballado no segundo semestre e farase coa nómina do mes de novembro.

A paga de beneficios devengarase proporcionalmente ó tempo traballado do día 1 de xaneiro ó 31 de decembro e farase efectiva coa nómina do mes de febreiro.

Artigo 13º.-Complemento de actividade.

Percibirase para cada categoría, segundo a táboa salarial e por día efectivo de traballo.

Artigo 14º.-Complemento de transporte e distancia.

Por día efectivo de traballo percibirase o complemento extrasalarial denominado complemento de transporte e distancia, na contía establecida no anexo.

Artigo 15º.-Complemento de nocturnidade.

O traballador que realice a súa xornada de traballo entre as 22.00 e as 6.00 horas percibirá en concepto de nocturnidade a cantidade establecida no anexo, por xornada efectivamente traballada.

Artigo 16º.-Complemento tóxico, penoso e perigoso.

Pola excepcional toxicidade, penosidade e perigosidade que concorra en determinados postos de traballo percibirase un complemento na contía establecida no anexo, por xornada efectivamente traballada. Aboarase a parte proporcional no que exceda de 8 horas.

Percibirá o complemento nos seguintes traballos:

-Traballos en rodetes e pista de aros.

-Parque de Sa.

Así como en todos aqueles en que legalmente se determine o dereito á súa percepción.

Artigo 17º.-Complemento de mina.

O persoal que realice o seu traballo na mina percibirá un complemento por día traballado na contía establecida no anexo, inclúese nesta cantidade o desprazamento.

Artigo 18º.-Complemento de pistola.

Por día efectivamente traballado con pistola de auga á presión percibirase un complemento na contía establecida no anexo.

Os seguintes traballos equipararanse, para os efectos económicos, ó manexo de pistola de auga á presión:

-Aspiración con equipo Munkebo.

-Pistoleado con hidrolimpadora de presión.

Artigo 19º.-Complemento de varredora e outros complementos.

Os peóns que manexen varredoras automóbiles percibirán por día efectivo de traballo no dito posto un complemento, na contía establecida no anexo.

Artigo 20º.-Traballos especiais e paradas programadas.

1. Escavadoras e amoreadoras.

A limpeza de escavadoras 12, 13, 15 e amoreadora 28 farase coa totalidade do cadro de persoal da mina, sempre cun mínimo de 18 traballadores.

Pola realización destes traballos sempre que se realicen en sábado, domingo ou festivos (fóra da xornada laboral) percibirán por tódolos conceptos un total de 510,86 euros, no importe do cal están incluídos todo tipo de complementos e compensacións, incluídas as horas extraordinarias. A dita cantidade consta no anexo.

A limpeza das escavadoras 16 e 17, así como as amoreadoras 25 e 29 farase con 21 traballadores. Pola realización completa destes traballos, sempre que se realicen en sábado, domingo ou festivos (fóra da xornada normal), percibirán por tódolos conceptos un total de 540,91 euros, neste importe están incluídos todo tipo de complementos e compensacións, incluídas as horas extraordinarias. A dita cantidade consta no anexo.

Pola realización de cada unha das máquinas precedentes o traballador terá dereito ó desfrute de 3 días de descanso, que se aboarán como día efectivo de traballo.

A limpeza da amoreadora 22 e recolledora 23 farase con todo o cadro de persoal da mina, sempre cun mínimo de 18 traballadores. Pola realización completa destes traballos, sempre que se realicen en sábado, domingo ou festivo (fóra da xornada normal), percibirán por tódolos conceptos un total de 255,43 euros, por cada unha das máquinas, neste importe están incluídos todo tipo de complementos e compensacións, incluídas as horas extraordinarias.

Pola realización de cada unha das máquinas precedentes o traballador terá dereito ó desfrute de 1,5 días de descanso, que se aboarán como día efectivo de traballo.

As horas de espera pagaranse na contía establecida no anexo.

Durante as semanas seguintes á limpeza da máquina, se fose necesario realiza-la limpeza das rúas, cabezas e colas desta, levarase a cabo con dous equipos de presión. No caso de ter que realizarse fóra da xornada aboaranse as horas segundo a táboa do anexo.

2. Gama da amoreadora 22 e rúa 500.

A limpeza da amoreadora 22 e da rúa 500 realizarase con 11 traballadores en horario de 7.00 a 14.00 horas, sempre que se faga fóra da xornada laboral de traballo percibirase por tódolos conceptos, un total de 108,18 euros. Cada traballador que realizara a gama completa terá dereito a desfrutar dun día de descanso que será aboado como día efectivo de traballo. A dita cantidade consta no anexo.

Artigo 21º.-Horas extraordinarias.

1. Horas extraordinarias habituais: supresión.

2. Horas extraordinarias esixidas pola necesidade de reparar sinistros ou outros danos de carácter extraordinario e urxentes: realización.

3. Horas extraordinarias estructurais e as necesarias por ausencias imprevistas: realización sempre e cando non sexa posible a súa substitución por contratacións temporais previstas na lexislación vixente.

4. As horas extras aboaranse na contía establecida no anexo, podendo compensarse a razón de 1 día de descanso por cada 5 horas extras realizadas.

5. As horas extras en sábado, domingo ou festivo aboaranse na contía establecida no anexo, podendo compensarse a razón de 1 día de descanso por cada 4 horas realizadas.

En caso de ser chamado para a realización de horas extraordinarias, aboaranse un mínimo de 3 horas.

Mensualmente faráselle entrega ó comité de empresa dunha relación nominativa das horas extraordinarias realizadas.

Artigo 22º.-Axuda de comida.

En concepto de suplidos establécese, durante a vixencia do presente convenio, unha axuda de comida o importe da cal será o establecido no anexo, por día traballado, para o persoal en xornada partida.

Artigo 23º.-Axudas de custo.

O importe das axudas de custo, durante a vixencia deste convenio, será o establecido no anexo.

Artigo 24º.-Pagamento de salarios.

Os salarios serán aboados nos tres primeiros días do mes, e o traballador disporá dunha hora de permiso para cobrar sempre que o pagamento se realice por cheque ou transferencia bancaria.

Artigo 25º.-Organización do traballo.

Tendo en conta a obrigatoriedade da empresa de realizar tódolos traballos establecidos nos contratos subscritos con Endesa Generación para a limpeza industrial da mina, en particular os que merecen especial mención no artigo 22º, e a adscrición do persoal afectado por este convenio a eles, convense a execución, mesmo fóra da xornada normal de traballo.

A realización dos traballos fóra da xornada ordinaria de traballo farase con persoal voluntario dentro de cada categoría e especialidade, completando con traballadores de libre designación cando os voluntarios non fosen suficientes.

Ámbalas partes comprométense para que, tanto dentro da voluntariedade como na designación, se rote entre tódolos traballadores salvando as diferencias propias de categoría e profesión.

A empresa, sen prexuízo da capacidade de organización que lle é propia, procurará rota-los traballadores por tódolos postos de traballo propios da súa categoría.

Artigo 26º.-Traballos de superior categoría.

Todo traballador que realice traballos de superior categoría por espacio de catro meses consecutivos ou seis alternos nun período dun ano consolidará a retribución económica ó dito posto.

Artigo 27º.-Promoción.

A empresa realizará cursos de formación e perfeccionamento do persoal, organizándoos a través dos representantes dos traballadores. Estes cursos, no caso de seren superados, servirán de mérito para valorar ascensos.

Independentemente do anterior, a empresa estará obrigada a convocar prazas de ascenso, cando existan vacantes, mantendo unha relación porcentual entre as diferentes categorías. Acórdase crear unha comisión formada por dous representantes de cada unha das partes negociadoras do convenio, para, conxuntamente, definir porcentaxes.

Artigo 28º.-Seguro colectivo.

A empresa no prazo dun mes desde o asinamento do presente convenio subscribirá unha póliza de accidentes que cubra os riscos de:

-Falecemento derivado de accidente laboral ou enfermidade profesional.

-Incapacidade permanente absoluta ou gran invalidez derivada de accidente laboral ou enfermidade profesional.

Os capitais asegurados serán os establecidos no anexo.

Artigo 29º.-Anticipos.

Todo traballador terá dereito a percibir anticipos a conta do traballo realizado, podendo chegar ata o 90% do salario mensual devengado. Considéranse datas hábiles para a súa solicitude os días 15 a 20 de cada mes, debendo solicitarse con, polo menos, un día laborable de antelación.

Artigo 30º.-Aboamento incapacidade temporal por EC ou AT.

En caso de incapacidade temporal por enfermidade común, a empresa completará as prestacións ata o 100%, a partir do 8º día, dos seguintes conceptos: salario base, antigüidade, complementos de actividade, complemento de mina e pagas extraordinarias.

O complemento producirá efectos sempre que as ausencias por IT non superen o 6%, en caso contrario o complemento aplicarase a partir do 15º día de baixa.

No suposto de baixa por accidente de traballo ou enfermidade profesional, darase o mesmo tratamento desde o primeiro día, pero respectando, en todo caso, as condicións máis favorables economicamente, se a achega da SS supera a garantía anterior. Este mesmo criterio aplicarase nos casos de baixa con hospitalización, mentres permaneza internado.

Artigo 31º.-Incapacidade permanente.

O persoal que cause baixa na empresa por incapacidade permanente, total ou absoluta, será substituído por outro traballador co mesmo carácter.

Artigo 32º.-Roupa de traballo.

A empresa facilitaralles a tódolos traballadores, desde o primeiro día de traballo, a roupa de protección e hixiene necesarias. Esta roupa daráselle igualmente ó persoal que estea de baixa por enfermidade ou accidente. A cada traballador entregaráselle:

-1 chaqueta de auga acolchada.

-1 funda.

-1 traxe de faena.

-2 toallas de baño.

-12 pastillas de xabón Heno de Pravia de 125 gramos.

-1 par de zapatos de seguridade de coiro, cada seis meses.

-1 camisa de verán.

Entregaráselle unha funda a cada traballador que realice un rodete completo e graxa.

Artigo 33º.-Xubilación.

Establécese a idade de 65 anos como xubilación obrigatoria.

Establécese un premio por xubilación anticipada para os traballadores cunha antigüidade mínima de sete anos que decidan xubilarse voluntariamente, nas contías establecidas no anexo, sempre que a xubilación supoña a amortización do posto de traballo.

Artigo 34º.-Préstamos reintegrables.

O persoal fixo poderá solicitar da empresa a concesión de préstamos reintegrables.

Estes préstamos terán como finalidade axuda-los traballadores nos supostos de gastos imprevistos ou extraordinarios e para tal efecto dotarase un fondo social cos importes establecidos no anexo.

Elaboraranse os criterios para a concesión destes, que terán os límites por traballador establecidos no anexo.

Quedará a criterio da empresa a concesión ou non dos préstamos, así como o prazo de amortización, que non poderá supera-los dous anos.

Artigo 35º.-Garantías sindicais.

Os membros do comité de empresa disporán da reserva de horas mensuais que establezan as leis para o desenvolvemento das súas funcións de representación.

As horas poderán acumularse nun ou en varios membros do comité, non computándose dentro do crédito horario as investidas na negociación de convenio ou por petición da empresa.

Artigo 36º.-Cota sindical.

A empresa por petición dos traballadores afiliados a unha central sindical descontará en nómina o importe da cota mensual de afiliación, que será posta á disposición das centrais por esta. A solicitude será por escrito e permanecerá vixente en tanto non se comunique o contrario.

Artigo 37º.-Asembleas.

Os traballadores disporán dun máximo de 5 horas ó ano para asembleas, dúas das cales non poderán coincidir en ningún caso en xoves ou venres.

Artigo 38º.-Emprego.

Mentres se manteña a actual carga de traballo derivada da relación contractual con Endesa Generación para a limpeza industrial da mina, garantiráselle ad personam o emprego ó persoal procedente de FCC, durante a vixencia deste convenio.

En todo caso, a empresa comprométese a utiliza-los mecanismos establecidos no Decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

Artigo 39º.-Revisión salarial.

Páctase un incremento salarial que será do 1% sobre o IPC previsto para o ano 2003, será de aplicación sobre tódalas cantidades actualizadas o 31 de decembro de 2002.

O 31 de decembro de 2003 aboarase a diferencia entre o IPC real do ano 2003 e o IPC previsto para o ano 2003 (2%). A revisión terá efectos retroactivos a 1 de xaneiro de 2003.

Para o segundo ano de vixencia do convenio establécese un incremento salarial que será do 1% sobre o IPC previsto para o ano 2004, sobre as cantidades indicadas no anexo, actualizadas unha vez coñecido o IPC real do ano 2003.

O 31 de decembro de 2004 aboarase a diferencia entre o IPC previsto para o ano 2004 e o IPC real a 31 de decembro de 2004. A revisión terá efectos retroactivos o 1 de xaneiro de 2004.

Artigo 40º.-Seguridade e hixiene.

En materia de prevención de riscos e saúde laboral aplicarase o disposto na lexislación vixente.

Artigo 41º.-Condicións máis beneficiosas.

Os traballadores que, con anterioridade ó presente convenio, viñeran desfrutando de mellores condicións consideradas no seu conxunto en cómputo anual que as aquí pactadas, conservarán estas.

Cláusulas adicionais:

Primeira.-Para o non previsto neste convenio aplicarase o disposto no convenio colectivo de limpeza de edificios e locais da Coruña.

Segunda.-Os atrasos que deriven da aplicación deste convenio serán satisfeitos como máximo coa nómina do mes de xullo.

Terceira.-No suposto de negociarse e que se chegue a asinar un convenio colectivo das empresas auxiliares de Endesa Generación das Pontes de García Rodríguez, no que participe na comisión negociadora a parte empresarial de Vulcarol, S.L., producirase a adhesión a este, sempre que así o decida a asemblea de traballadores deste centro de traballo, respectándose as condicións máis beneficiosas que a xuízo dos traballadores existan no actual convenio.

ANEXO

Ano 2003:

ConceptosCapatazXefe

de equipo

Oficial

de primeira

Oficial

de segunda

Peón

especialista

Peón

ordinario

Salario base24,4123,4323,4322,6221,7720,95

Complemento actividade11,0911,0911,0911,0910,8410,84

Complemento distancia-transp.6,226,226,226,226,226,22

Complemento mina10,4410,4410,4410,4410,4410,44

Pagas extras712,95712,95712,95712,95712,95712,95

Paga beneficios712,95712,95712,95712,95712,95712,95

Retén fin de semana25,6825,6825,6825,6825,68

Complemento nocturno6,886,886,886,886,88

Complemento tóxico p. e perig.13,1413,1413,1413,1413,14

Complemento pistola presión3,693,693,693,693,69

Complemento varredora---2,312,31

Prima escav. 12, 13, 15, e amoread. 28510,86510,86510,86510,86510,86

Prima escav. 16, 17, e amoread. 25, 29540,91540,91540,91540,91540,91

Prima amoread. 22, e recoll. 23255,43255,43255,43255,43255,43

Gama amoread. 22 rúa 500108,18108,18108,18108,18108,18

H. espera escav. e amoread.8,098,098,098,098,09

Axuda comida6,416,416,416,416,41

Hora extra normal8,918,918,918,918,91

Hora extra festiva11,1311,1311,1311,1311,13

* Xubilación anticipada.

Ós 60 anos: 3.956,27 euros.

Ós 61 anos: 3.560,65 euros.

Ós 62 anos: 3.166,63 euros.

Ós 63 anos: 2.769,40 euros.

Ós 64 anos: 2.373,76 euros.

* Préstamos reintegrables.

Fondo: 18.356,98 euros.

Importe: 920,60 euros.

Axudas de custo:

-Axuda de custos completa: 39,21 euros.

-Comida + cea: 23,51 euros.

-Comida ou cea: 13,23 euros.

* Seguro de accidentes.

Falecemento: 27.069,71 euros.

Inv. permanente: 30.936,82 euros.