Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Martes, 07 de outubro de 2003 Páx. 12.451

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 26 de setembro de 2003, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se apraza a data de convocatoria do segundo exame ordinario para a obtención do carné profesional de instalador electricista de baixa tensión no ano 2003.

Antecedentes de feito.

1. Mediante Resolución do 30 de abril de 2003, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, convocáronse exames ordinarios para a obtención de carnés profesionais no ano 2003, entre os que figura o correspondente a instalador electricista de baixa tensión, que debería realizarse o 18 de novembro.

2. Desde o 18 de setembro, data de entrada en vigor do Regulamento electrotécnico de baixa tensión aprobado polo Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, e a súa ITC-BT-03, o documento mediante o cal se recoñecerá a capacidade persoal para desempeña-las actividades do instalador electricista debe se-lo certificado de cualificación individual en baixa tensión nas categorías básica ou especialista.

3. Así mesmo, na antedita ITC-BT-03 indícase que para a obtención de calquera dos anteditos certificados de cualificación individual en baixa tensión, as persoas físicas deberán acreditar uns coñecemen

tos teórico-prácticos de electricidade, entendéndose que reúnen tales coñecementos, entre outros, os técnicos de grao medio con ou sen experiencia que realicen un curso de 40 ou 100 horas respectivamente, impartido por unha entidade de formación autorizada en baixa tensión. Así mesmo, os aspirantes, en función da súa titulación, deberán superar un exame teórico ou teórico-práctico sobre as disposicións do regulamento e as súas ITC, correspondentes ás categorías nas que se desexe obte-la cualificación.

4. Actualmente, na Comunidade Autónoma de Galicia non existe ningunha entidade de formación autorizada en baixa tensión, polo que non se puideron imparti-los cursos que acreditan ós técnicos de grao medio ós coñecementos teórico prácticos de electricidade.

Fundamentos de dereito.

1. Esa dirección xeral é competente para resolver en virtude do Decreto 223/2003, do 11 de abril, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Innovación, Industria e Comercio e se distribúe a competencia para o exercicio da potestade sancionadora entre os seus órganos.

2. A orde da Consellería de Industria e Comercio do 27 de decembro de 2000 pola que se establece o procedemento unificado para a obtención de carnés profesionais e esixencias a empresas autorizadas para instalación, mantemento e outras actividades

en materia de seguridade industrial, atribúelle á Dirección Xeral de Industria Enerxía e Minas a competencia para realizar mediante resolución a convocatoria de exames para a obtención dos distintos carnés.

En virtude das citadas competencias,

RESOLVO:

Apraza-la convocatoria do exame ordinario para a obtención do carné profesional de instalador electricista de baixa tensión que debía ter lugar o 18 de novembro do ano 2003, que pasa a realizarse con suxeición ás seguintes bases da convocatoria:

Primeira.-Obxecto da convocatoria.

Exames teórico e práctico sobre as disposicións dos regulamentos e as súas ITC, necesario para a obtención do certificado de cualificación individual en baixa tensión nas categorías básica ou especialista.

Segunda.-Datas e lugares de realización dos exames. Tribunais cualificadores.

2.1. Os exames realizaranse nas catro provincias. As probas comezarán ás nove horas nos locais que se indicarán nas listas definitivas de admitidos e excluídos ás que se refire a base sexta da Resolución do 30 de abril de 2003, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se convocan exames ordinarios para a obtención de carnés profesionais no ano 2003.

2.2. Os membros dos tribunais cualificadores así como as datas e hora de cada unha das categorías serán os que se indican a continuación.

* Categoría básica

Exame teórico: día 12 de febreiro de 2004, ás 9.00 horas.

Exame práctico: día 12 de febreiro de 2004, ás 12.00 horas.

* Categoría especialista

Exame teórico: día 19 de febreiro de 2004, ás 9.00 horas.

Exame práctico: día 19 de febreiro de 2004, ás 12.00 horas.

Tribunal nº 5.

Presidente: Carlos Gómez Martínez.

Suplente: Juan Luis Ecenarro Tomé.

Secretaria: Agustina de la Cruz da Rocha.

Suplente: Isabel Álvarez Janeiro.

Vocal A Coruña: Julián Lucas Ramírez.

Vocal suplente: Roberto Osé Otero.

Vocal Lugo: Alberto Mena Rodríguez.

Vocal suplente: Juan Carlos Martínez Suárez.

Vocal Ourense: Juan R. Velasco González.

Vocal suplente: Alfonso Tomás Paz Dóniz.

Vocal Pontevedra: José Antonio González Cerreda.

Vocal suplente: Eugenio Fernández Piñeiro.

2.3. O tribunal cualificador correspondente resolverá cantas incidencias se susciten no eido da presente convocatoria. Para os efectos de comunicación e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede na Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas da Consellería de Innovación, Industria e Comercio da Xunta de Galicia.

2.4. Os membros do tribunal percibirán as indemnizacións correspondentes segundo o establecido no Decreto 299/1990, do 24 de maio, modificado polo Decreto 21/1994, do 4 de febreiro.

Terceira.-Requisitos dos aspirantes.

Para ser admitidos á realización das probas, os aspirantes deberán reuni-los requisitos establecidos no punto 4.2º da ITC-BT-03.

Eses requisitos deberán posuírse no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Cuarta.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes para a realización dos exames obxecto desta resolución, comezará o día 7 de xaneiro de 2004 e rematará o 23 do mesmo mes.

Quinta.-Desenvolvemento dos exames.

5.1. Os exames teóricos e prácticos correspondentes a cada categoría desenvolveranse no mesmo día, nas datas e horas que se recollen na base segunda desta resolución. Os que pola súa titulación precisen supera-la proba teórico-practica a que se refire o punto 4.2.c.1 da ITC-BT-03, deberán examinarse do exame teórico e do práctico. Os que precisen supera-la proba práctica, examinaranse exclusivamente do exame práctico.

Exame teórico: consistirá na resolución dun cuestionario proposto polo tribunal sobre as materias regulamentarias establecidas para cada categoría.

Exame práctico: consistirá na resolución dun ou varios supostos prácticos establecidos para cada categoría. Nestes exercicios os candidatos poderán utiliza-lo correspondente regulamento técnico.

5.2. Para a realización do exame os candidatos deberán ir provistos do seu documento nacional de identidade ou de calquera que acredite suficientemente a súa identidade.

No non establecido nesta resolución aplicarase o disposto na Resolución do 30 de abril de 2003, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se convocan exames ordinarios para a obtención de carnés profesionais no ano 2003, publicada no Diario Oficial de Galicia número 88, do 8 de maio de 2003.

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2003.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas