Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Mércores, 01 de outubro de 2003 Páx. 12.311

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

AUGAS DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 17 de setembro de 2003 pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto de ordenación do río Deza e acondicionamento da área recreativa da Carixa en Merza no concello de Vila de Cruces (Pontevedra), promovido polo organismo autónomo Augas de Galicia. (Clave 2002/0192).

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 25 de xuño de 2003, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de ordenación do Río Deza e acondicionamento da área recreativa da Carixa en Merza, no concello de Vila de Cruces (Pontevedra), promovido polo organismo autónomo Augas de Galicia, que se transcribe como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2003.

P.D. (Resolución 9-4-2003)

Emilio García Gallego

Director xeral do organismo autónomo Augas de Galicia

Declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 25 de xuño de 2003 relativa ó proxecto de ordenación hidráulica do río Deza e acondicionamento

da área recreativa da Carixa en Merca, no concello de Vila de Cruces (Pontevedra) promovido polo organismo autónomo Augas de Galicia. Clave 2002/0192.

De acordo co artigo 1 do Decreto 442/1990, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, será obrigatorio someter a avaliación de impacto ambiental os proxectos públicos ou privados consistentes na realización de obras ou calquera outra actividade abranguida no anexo do decreto.

Dado que no punto 13 do anexo do citado decreto se inclúen todas aquelas actuacións que produzan unha alteración física dos espacios naturais en réxime de protección xeral, incluídos no rexistro xeral de Espacios Naturais de Galicia, e á vista de que o proxecto se desenvolve no espacio natural en réxime de protección xeral proposta para a súa inclusión na Rede Europea Natura 2000 denominado Sistema Pluvial Ulla-Deza, e que entre outras actuacións se recolle a canalización e dragaxe do río Deza e desvío e canalización do regato Orza, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental cualificou o proxecto como sometido a avaliación de impacto ambiental.

O obxecto do proxecto é a realización dunha serie de obras entre as que destacan o movemento de terras, reconstrucción do azude e encanamento do regato Orza, así como a rexeneración da área recreativa e da praia fluvial da Carixa en Merza, que resultou afectada polo réxime de intensas choivas no ano 2001.

No anexo I descríbese o proxecto e as medidas protectoras e correctoras recollidas no estudio ambiental.

O estudio ambiental someteuse a información pública, por un prazo de 30 días, mediante Resolución do 15 de xullo de 2002, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 201, do 17 de outubro. Durante o período de exposición pública presentáronse alegacións por parte da Coordinadora Galega en Defensa dos Ríos (Cogader), a Sociedade Galega de Historia Natural (S.G.H.N.), a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega), Jesús Cornado Alonso e o Bloque Nacionalista Galego (BNG).

As alegacións de carácter ambiental, tivéronse en conta, no que procede no punto 7 desta declaración.

No anexo II resúmense as alegacións presentadas no período de exposición pública.

Con data do 16 de xaneiro de 2003 recíbese no rexistro da Consellería de Medio Ambiente o expediente ambiental do proxecto, remitido polo organismo autónomo Augas de Galicia, contendo os certificados de exposición pública e os informes das direccións xerais de Conservación da Natureza, Patrimonio Cultural, Saúde Pública e o emitido por Turismo.

No anexo III resúmese o contido dos informes recibidos.

Realizada a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das com

petencias que lle concede o Decreto 14/2002, do 24 de xaneiro (modificado polo Decreto 333/2002, do 22 de novembro), formula a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto ordenación hidráulica do río Deza e acondicionamento da área recreativa da Carixa en Merza, no concello de Vila de Cruces (Pontevedra), promovido polo organismo autónomo Augas de Galicia.

O órgano substantivo é o organismo autónomo Augas de Galicia e o órgano ambiental é a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Declaración de impacto ambiental

Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se atopan os documentos titulados proxecto constructivo de ordenación do río Deza e acondicionamento da área recreativa da Carixa en Merza. Concello de Vila de Cruces (Pontevedra) (xuño 2001) e contestación ó informe emitido polos técnicos da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente (maio 2002), a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen na presente DIA, ademais das incluídas no estudio ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradicción entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

Condicionado.

1. Ámbito da declaración.

A presente declaración refírese en exclusiva ó proxecto denominado proxecto constructivo de ordenación do río Deza e acondicionamento da área recreativa da Carixa en Merza. Concello de Vila de Cruces (Pontevedra) que inclúe o movemento de terras, a reconstrucción do azude, a canalización e dragaxe do río Deza, o desvío e canalización do regato Orza, o acondicionamento da área recreativa e da praia fluvial, así como a revexetación da zona e evolución desta, constando a súa descrición no anexo I da presente declaración de impacto ambiental.

2. Protección do medio atmosférico.

2.1. A maquinaria de obra cumprirá coa normativa de emisións que lle resulte de aplicación, debendo dispoñer de documentación acreditativa ó respecto.

2.2. Queda prohibida a queima de restos ou de calquera tipo de material.

2.3. En relación coas posibles alteracións da calidade do aire por emisión de po á atmosfera durante a fase de construcción, debido á acción da maquinaria e ós movementos de terras, procederase á rega de vías e zonas de obra de forma suficiente e cando se dean condicións de seca e/ou fortes ventos, evitando en todo momento os encharcamentos e escorregas.

3. Sobre o ruído.

3.1. Adoptaranse as medidas necesarias para que os niveis de ruído producidos durante a fase de obras, cumpran co disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como, se é o caso, o establecido nas ordenanzas municipais ó respecto.

3.2. Co fin de comproba-lo cumprimento do descrito no punto anterior, deberase propoñer para a fase de obra un plan de control de ruídos.

4. Protección do solo.

4.1. Previamente ó inicio das obras, delimitarase unha zona degradada ou de escaso valor para destinala a zona de traballo, parque de maquinaria e almacenamento de materiais a cal deberá quedar reflectida no plano requirido no punto 11.1 desta DIA, reducindo ó máximo posible a área afectada. O tránsito da maquinaria restrinxirase ó interior desta zona e vías de acceso, non podendo afectar terreos distintos dos inicialmente previstos. Balizaranse tódolos terreos afectados polas obras co obxecto de preserva-las zonas colindantes.

4.2. Retirarase e amorearase a terra vexetal susceptible de ser utilizada na restauración segundo o indicado nas medidas correctoras e ambientais do estudio ambiental. Os amoreamentos garantirán a conservación das súas propiedades e realizaranse de xeito que se eviten riscos de erosión hídrica ou o paso da maquinaria tal como se indica no estudio ambiental.

4.3. Os labores de mantemento e reparación da maquinaria realizaranse en talleres autorizados, non podendo ser realizados nas zonas de obras.

4.4. Simultaneamente ó avance das obras e en todo caso inmediatamente despois de finalizalas, procederase a recuperar e revexeta-los terreos, excepto no caso dos noiros que co fin de evita-los fenómenos erosivos, deberán ser consolidados no momento da súa formación.

4.5. Calquera material procedente de canteira que se precise para o desenvolvemento das obras, deberá proceder de canteiras autorizadas. No caso de que se precise da apertura de canteiras no curso das obras, deberase contar previamente coas autorizacións precisas en función da lexislación vixente. En caso de existir préstamos de terra, estes deberán contar coa autorización do órgano competente.

4.6. Ó remata-las obras, tódalas instalacións auxiliares das que non estea previsto o seu uso deberán ser desmanteladas e, no caso de que estas non foran instaladas sobre a zona de obras, restaurados os espacios ocupados por elas á súa situación preoperacional.

5. Protección das augas.

5.1. Co fin de evitar verteduras accidentais ós cursos durante a fase de obras, disporase de redes de contención ou calquera outro sistema que evite estas verteduras ou caídas de materiais.

5.2. Non estando previsto no estudio de impacto presentado a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, este, necesariamente, será provisto desde planta fóra da obra, e que conten coas debidas autorizacións, salvo que se solicite revisión da declaración coa inclusión da planta.

5.3. No caso de que os servicios hixiénicos destinados ós operarios non estean conectados á rede de saneamento xeral, as augas residuais que se produzan neles deberán ser tratadas axeitadamente.

5.4. De utilizar fitosanitarios para o mantemento do axardinamento, estes deberán ser biodegradables e de baixa toxicidade.

5.5. Deberase presentar unha proposta de seguimento da calidade das augas afectadas, na que se recolla entre outras cuestións o control da posible afección dos fertilizantes (N, P, K) que se utilizarán segundo o plan de restauración e revexetación presentado.

6. Protección da vexetación.

6.1. Para calquera aproveitamento, utilización ou modificación da vexetación de ribeira aplicarase o disposto na Resolución do 27 de maio de 2002 (e posteriores correccións de erros), da Consellería de Medio Ambiente, relativa á tramitación e resolución dos expedientes de autorización para sementeiras, plantacións e corta de árbores en terreos de dominio público hidráulico, e para o aproveitamento e utilización da vexetación arbórea ou arbustiva das ribeiras dos ríos.

6.2. Reducirase ó mínimo posible a roza de vexetación evitando a corta dos pés de porte arbóreo e utilizando os criterios expostos no estudio ambiental.

7. Protección da fauna.

7.1. Evitarase a realización das operacións máis molestas (escavacións, movementos de terras e voaduras) na época de reproducción dos salmónidos, é dicir, en outono e inverno.

7.2. Na construcción dos dispositivos proxectados para o remonte do azude por parte da fauna piscícola, terase en conta o seguinte:

* Deben recrecerse tódolos caixeiros das artesas en 0,30 m.

* Deben protexerse ámbalas dúas escalas de verteduras indebidas, mediante o recrecemento do labio do azude en 0,15 m nas zonas inmediatas a ámbalas dúas escalas.

* Os limiares dos vertedoiros das artesas deben rebaixarse para garanti-la alimentación da escala cando as comportas cerren o vertedoiro principal. Supoñendo a coroación da presa á cota 182, as cotas dos citados limiares pasarían a ser:

-Entrada de augas arriba da escala (1ª artesa): 181,50.

-Paso da 1ª artesa á 2ª artesa: 181,20.

-Paso da 2ª artesa á 3ª artesa: 180,90.

-Paso da 3ª artesa á 4ª artesa: 180,60.

-Paso da 4ª artesa ó río: 180,30.

* Cando se retiren as comportas do vertedoiro central, disporanse uns taboleiros de 0,2 m de altura nos dous vans máis próximos a ámbolos dous estribos, de tal maneira que mentres o caudal evacuado permaneza dentro dos límites deste vertedoiro, se produza unha concentración da lámina cara á súa zona central e se xere unha lámina de altura suficiente que permita ós peixes remonta-la coieira e atravesa-lo vertedoiro.

* Deberase instala-la reixa de protección da entrada de augas arriba fronte a flotantes grosos.

* Por último, previamente ó remate das obras, o axuste destes dispositivos e medidas encamiñadas á mellora do franqueo da presa, deberán ser revisados por técnicos da Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

8. Protección do patrimonio cultural.

8.1. Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de execución de obra e de restitución dos terreos, en todo o ámbito do proxecto. Para tal fin, e previo ó inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

8.2. De acordo cos resultados das actuacións arqueolóxicas, en cada unha destas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección.

8.3. Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.

9. Restauración.

9.1. Deberán segui-lo plan de restauración proposto no estudio de impacto ambiental.

9.2. Alterarase o menos posible a vexetación existente na zona do proxecto e a revexetación farase de maneira que a situación final sexa o máis parecida á actual.

9.3. As especies utilizadas para a revexetación deberán te-la súa procedencia debidamente acreditada, e estarán libres de pragas e/ou enfermidades.

9.4. Vixiarase a evolución da revexetación, de xeito que as marras ou calvas que poidan aparecer nas sementeiras ou plantacións de árbores e arbustos deberán ser repostas.

10. Sobre os residuos.

10.1. Tódolos residuos que se xeren como consecuencia da execución das obras, deberán ser correctamente xestionados, atendendo á súa natu

reza, e conforme a lexislación vixente. Neste sentido, primarase a reutilización ou reciclaxe fronte a vertedura. Inclúense entre estes, ademais dos habituais, os materiais procedentes do dragado, retirada de residuos do leito e actuacións de limpeza e saneamento da vexetación.

10.2. De realizarse almacenamentos temporais de residuos durante a fase de obra, e mentres non se procede á súa xestión, estes localizaranse no marco da zona de obras e en superficies delimitadas e destinadas a tal fin, nas que ademais, deberá dispoñerse de contedores ou outros medios semellantes para evita-las afeccións ó solo e ás augas. Deberase xuntar plano desta zona conforme se sinala no punto 11.1.

10.3. Os sobrantes de terras, se é o caso, serán depositados en localizacións autorizadas por órgano competente.

10.4. Ó finaliza-las obras a zona debe quedar totalmente limpa, procedendo a xestión de tódolos residuos da obra.

11. Documentación adicional.

Previamente ó inicio das obras, o promotor presentará perante esta dirección xeral tres (3) exemplares, para a súa valoración e se procede imposición de medidas correctoras adicionais que se deriven por triplicado:

11.1. Plano en planta a escala 1:400 ou maior detalle, referenciado con coordenadas UTM, no que se localicen os lugares de amoreamento de terra vexetal, almacenamento de materiais e residuos, instalacións auxiliares e parque de maquinaria, así como as vías de acceso e punto de vertedura da fosa séptica.

11.2. Copia da autorización do proxecto de control e seguimento arqueolóxico emitida pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, segundo o requirido no punto 8.1. desta DIA.

11.3. Programa de vixilancia ambiental adaptado a este proxecto, que comprenda o control de tódolos factores ambientais susceptibles de alteración durante a fase de obra (en función das actividades da obra), indicando expresamente os controis que se realizarán, a periodicidade, e as medidas correctoras que se adoptarán. Incorporará, así mesmo, a identificación do responsable do control do seguimento ambiental, de acordo co requirido no punto 13.2 desta declaración, así como o plan de control de ruídos requirido no punto 3.2 e a proposta de seguimento da calidade das augas requirido no punto 5.5 desta DIA.

11.4. Acreditación da procedencia das especies usadas na revexetación.

11.5. Cronograma estimado das obras no que se inclúan as medidas protectoras e correctoras.

11.6. Memoria onde se defina o sistema que se implantará en fase de obra co obxecto de controla-la incorporación ás augas de materiais procedentes dos

movementos de terras e escavacións, conforme se establece no punto 5.1 desta DIA.

11.7. Documentación acreditativa de ter notificado a pequena producción de residuos perigosos para a fase de obras, segundo o Decreto 298/2000, polo que se regula a autorización e notificación de productor e xestor de residuos de Galicia.

11.8. Definición da localización na que se depositarán, se é o caso, os sobrantes de terras, e da correspondente autorización.

Unha vez avaliada a antedita documentación, remitiráselle o resultado desta, non podendo proceder ó inicio das obras ata que non conte co informe favorable desta dirección xeral.

Ó menos 48 horas antes do inicio das obras, o promotor comunicará a esta dirección xeral a data de inicio destas.

12. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras recollidas na documentación avaliada e no condicionado desta declaración. Este programa debe permitir detectar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudio ou no condicionado da declaración, permitindo determinar ou cuantificar impactos e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Tódolos controis realizados no seguimento e tódalas incidencias producidas rexistraranse no momento do seu control nun libro-rexistro que estará á disposición da Administración competente na materia. Estes rexistros deberán considerarse na elaboración dos informes a remitir a esta dirección xeral.

Tendo en conta o anterior, o promotor deberá remitirlle a esta dirección xeral, a través do órgano substantivo, dous (2) exemplares da seguinte documentación:

12.1. Informe de obras, con carácter trimestral:

12.1.1. Cronograma actualizado das obras, incluíndo os aspectos relativos á restauración e revexetación, así como as medidas protectoras ou correctoras.

12.1.2. Control da calidade das augas coas conclusións que se deriven e debendo ter en conta que a toma de mostras, analíticas e medicións deberán ser realizadas por entidades homologadas e/ou acreditadas.

12.1.3. Memoria na que se recollan os controis realizados para observa-lo cumprimento do condicionado ambiental, indicando a data de cada control de acordo co programa de vixilancia ambiental aprobado.

12.1.4. Incorporarase copia das autorizacións para a corta de arborado e de vexetación de ribeira, nos períodos nos que se realicen estas actuacións.

12.1.5. Reportaxe fotográfica onde se reflicta claramente o desenvolvemento dos traballos, indicando nestas a data e a hora de toma da fotografía.

12.1.6. Representación, en plano con coordenadas UTM a escala 1:400 ou maior detalle, dos avances dos traballos e porcentaxe de execución das obras respecto ó total, así como o lugar de toma das fotografías requiridas no anterior punto e o lugar da toma de mostras de augas.

12.2. Informe fin de obras, presentarase antes de dous (2) meses desde o remate dos traballos:

12.2.1. Representación, en plano con coordenadas UTM a escala 1:400 ou maior detalle, de tódolos elementos construídos e as zonas onde se aplicaron medidas protectoras e/ou correctoras, incluíndo as zonas revexetadas. Sinalarase, así mesmo, o lugar de toma das fotografías requiridas no seguinte punto.

12.2.2. Reportaxe fotográfica das zonas afectadas polo proxecto, indicando a data e a hora da toma. Nesta reportaxe distinguiranse claramente os elementos construídos así como as zonas revexetadas.

12.2.3. Memoria do programa de vixilancia e seguimento ambiental para o período comprendido entre o último informe de obras e o fin destas.

12.3. Informe de seguimento ambiental, a partir da data de inicio da explotación presentarase con periodicidade semestral durante os dous (2) primeiros anos, e anual nos seguintes, a seguinte documentación.

12.3.1. Memoria, coas súas conclusións, na que se recollan os controis realizados para observa-lo cumprimento do condicionado ambiental (restauración), xunto cunha reportaxe fotográfica coa data de toma das fotografías e indicación nun plano en planta do lugar de toma delas.

13. Condicións adicionais.

13.1. As condicións sinaladas nesta DIA son de cumprimento obrigatorio para o promotor. Sen embargo, este poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas sinaladas co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes no aproveitamento, e sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican na presente declaración.

Nesta circunstancia, o promotor solicitarallo á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Esta solicitude remitirase nun prazo máximo dun (1) mes despois de ser notificada a presente declaración. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas e comunicaralle ó promotor o acordo adoptado. O promotor non poderá comeza-las obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral para o efecto.

13.2. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, o promotor deberá designar un responsable do control deste, notificando o seu nomeamento e comunicándollo ó órgano ambiental.

13.3. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberá elaborarse tendo en conta a variable ambiental e será notificado previamente a esta dirección xeral quen o avaliará e decidirá sobre a súa aceptación, comunicando, así mesmo, se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

13.4. O órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá dictar, en calquera momento e para os sos efectos ambientais, condicionados adicionais á presente declaración en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da explotación, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non recollido actualmente.

13.5. Se unha vez emitida esta declaración se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o ambiente, o órgano substantivo por propia iniciativa ou pola solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e ata que sexan corrixidas.

13.6. Esta dirección xeral, por iniciativa propia poderá dictar en calquera momento e para os únicos efectos ambientais, condicionados adicionais á presente declaración en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da fase posterior, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non previsto actualmente.

13.7. Así mesmo, o incumprimento total ou parcial das condicións impostas nesta DIA, poderá ser causa suficiente para proceder á solicitude de peche cautelar e adopta-las medidas oportunas en cumprimento da lexislación vixente.

13.8. Como queira que a publicación da DIA no Diario Oficial de Galicia é preceptiva segundo o disposto no artigo 5.7º do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, deberá realizarse este trámite.

ANEXO I

Resumo do proxecto

O obxecto do proxecto é a realización dunha serie de obras entre as que destacan o movemento de terras, reconstrucción do azude e encanamento, así como a rexeneración da área recreativa e da praia fluvial da Carixa en Merza que resultou afectada polo réxime de intensas choivas no ano 2001.

A) Movementos de terras:

Acondicionamento do terreo mediante o despexe e a limpeza da zona con retirada de cascallos, maleza,

terra vexetal e demolición de obras deterioradas, con transporte e descarga a vertedoiro do material non susceptible de aproveitamento. Consérvase a parte do muro de coieira non afectada pola riada augas arriba do azude rehabilitando a parte de acceso á zona de baño.

Limpeza, dragaxe e regularización do leito na zona de baño entre o azude existente e a ponte romana, eliminando a meirande parte de sedimentos depositados na zona e recuperando a profundidade que presentaba o leito antes da riada, adaptándoo ós novos perfís definidos.

Desmonte na marxe esquerda do leito para suaviza-la curvatura do meandro e sanear escavando o fondo do leito nesta mesma zona, xunto ó extradorso de azude existente.

Rasado, recheo e preparación do terreo da área recreativa ata a cota 183, mediante o recheo con material seleccionado e estendido de saburra na coroación para posteriormente realiza-la pavimentación cos moldes de Grasscrete.

Acondicionamento do leito do regato de Orza mediante a limpeza e roza da zona, e mellora do seu desaugamento mediante a colocación de coieira ou encachado de pedra nas súas marxes. Ampliarase o muro de coieira existente no leito do río Deza ata entroncar con este encanamento na desembocadura deste.

Augas abaixo do azude, no pé deste, reencherase a parte frontal facendo que o vertedoiro faga un efecto de cascada e nos laterais do azude queden unhas pozas naturais que axuden os peixes a acceder á escala de peixes proxectada.

B) Reconstrucción do azude e encanamento:

Unha vez realizado o desvío provisional de río procederase a realiza-lo picado e demolición de parte do azude existente co obxecto de preparalo por unha banda para a súa reconstrucción, deixando a parte central do azude desmontable que permita na época estival ter unha zona de baño á mesma cota que se acadaba antes da riada e na época invernal retira-las chapas da parte central para facilita-lo desaugamento das crecidas ordinarias, e por outra banda acondiciona-los laterais do azude para realizar cadansúa escala de peixes non existentes anteriormente.

O corpo central executarase con elementos desmontables metálicos realizados con perfís HEB-140 e comportas construídas en taller con perfís de tubo estructural galvanizado en quente.

Durante a execución das obras de reconstrucción avaliarase o corpo do azude e comprobarase o seu estado procedendo á súa reparación no caso de que presente algunha deterioración importante.

C) Recuperación da praia fluvial e área recreativa:

Replanteo e pavimentado con Grasscrete mediante a colocación dos moldes de plástico con previsión da execución dos zunchos e xuntas de expansión. A continuación colocarase unha simple capa de

malla de aceiro de reforzo entre os moldes e formigonarase con formigón axeitado para acadar un bo acabado superficial. Acadada a resistencia do formigón queimaranse as superficies exteriores dos moldes e logo estes orificios reencheranse de terra vexetal apropiada provista de semente recomendada para a xeración de céspede.

Para o posterior mantemento do céspede da área recreativa prevese a realización dun sistema de rega mediante a execución dun pozo de captación ó bordo do leito do río Deza que sirva de toma da auga do río e que a través do correspondente grupo de presión, electroválvulas etc., se utilice para a rega de toda a superficie pavimentada.

O resto das obras de recuperación da área recreativa consistirán en dotar de mobiliario urbano tipo bancos e mesas de pedra, barbacoas, varandas de peche de madeira e bambáns para rehabilitar a zona destinada a área infantil.

D) Obras varias:

Instalación de luz pública na parte de acceso á área recreativa por seguridade e mantemento da instalación de maneira que non se vexa afectada polas enchentes extraordinarias. Este consistirá na colocación de columnas galvanizadas sobre zapatas de formigón, con luminarias de 150 W.

Pozo de bombeo de augas residuais e fecais que recolla as augas dos aseos do bar e da vivenda próxima e as verta á rede xeral de saneamento que discorre pola estrada principal.

Prepararase a zona de acceso e aparcadoiro da área recreativa mediante o rasado da pista e posterior estendido de saburra artificial, macádam bituminoso e regas asfálticas.

Medidas correctoras

A) Obxectivos:

* Restaurar e revexeta-los terreos das ribeiras directamente afectados polas obras.

* Protección das novas superficies fronte á erosión e facilita-la integración paisaxística dos terreos afectados.

* Compensa-la perda de formacións vexetais e repoñer, no posible, aquelas máis valiosas danadas durante as obras.

B) Actuacións:

* Retirada, xestión e reutilización das terras vexetais.

* Selección de especies axeitadas á masa vexetal que hai que restituír.

* Plantación e definición do mantemento que se realizará nos dous primeiros anos.

ANEXO II

Resumo das alegacións recibidas

A Coordinadora Galega en Defensa dos Ríos (Cogader).

* Consideran que o proxecto debería orientarse a desmonta-las estructuras creadas e eliminar obs

táculos, especialmente no que se refire ó azude, para o que sinalan a conveniencia da súa eliminación.

* Solicitan que no caso de que sexa preciso represa-las augas para a viabilidade da área recreativa, se realice mediante piares, a modo de tallamares que se pechasen con comportas durante o verán.

* Manifestan tamén o seu rexeitamento á suavización do meandro, pois non se xustifica funcionalmente.

* Consideran que as escalas proxectadas revestirán dubidosa eficacia, especialmente a da marxe esquerda e ámbalas dúas en períodos de crecida.

* Así mesmo, consideran o encanamento do río Orza como o maior despropósito do proxecto, pois os seus problemas no treito final, único que os ten, derivan do muro de protección da área recreativa. Suxiren que se substitúan as actuacións proxectadas a este nivel por outras que restitúan as ribeiras do Orza no treito comprendido entre a ponte e o muíño.

* En canto á explanada da área recreativa, considérase que debe rexenerarse a base de terra vexetal e gravas. Considérase innecesario o sistema de rega.

* Solicítase que se asuman as anteriores suxestións respecto do azude, meandro, regato de Orza e explanada.

A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN).

* Sinala que algunhas das actuacións proxectadas son positivas para o ambiente, se ben se rexeitan, por consideralas non xustificadas, as seguintes actuacións de proxecto:

-Desmonte de marxe esquerda para suaviza-la curvatura dun meandro.

-Encanamento do regato de Orza con coieira de pedra deitada.

-Recheo da área recreativa.

-Instalación de iluminación.

* Tamén expoñen que as devanditas actuacións son precisas polas erróneas intervencións que se fixeron con anterioridade con fondos públicos polo que deberán depura-las responsabilidades ás que houber lugar.

Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega).

* Manifestan un rexeitamento xeral cara ás actuacións proxectadas por considerar que A Carixa non é lugar axeitado para a instalación dunha área recreativa.

* Por outra parte, tamén opinan en contra das diversas actuacións que conforman o proxecto: retirada de sedimentos, suaviza-lo meandro e acondicionamento do regato de Orza.

* Din que debería estudiarse previamente a posibilidade de acondicionar outro tramo da ribeira para tal fin, onde non houbera que interferir tan drasticamente coa dinámica fluvial.

Jesús Coronado Alonso.

* Indica ser propietario dunha parcela destinada a prado (13 ferrados e 4 cuartillos) con dobre acceso: a pé a través de predio colindante e mediante tractor facendo uso dunha servidume de paso (zarra da Carixa) que discorre a través da área recreativa ata o río Orza, actualmente vadeable. Achega acta notarial.

* Sinala a incompatibilidade das actuacións proxectadas ó nivel do regato de Orza coa posibilidade actual de vadeo mediante vehículo.

* Solicita que se modifique o proxecto de xeito que poida seguir servíndose da servidume de paso sinalada.

O Bloque Nacionalista Galego (BNG).

* Considera que o proxecto non resolverá os actuais problemas da área recreativa, pois accións como a suavización dun meandro ou a canalización do Orza non supoñen ningunha mellora. Tampouco se considera xustificado o arranxo da explanada, considerando que debe recuperarse favorecendo o desenvolvemento de vexetación ripícola, que a protexerá mellor das futuras crecidas. Tampouco se consideran necesarios os sistemas de rega, pois serán danados polas crecidas cíclicas do Deza.

* Consideran que o problema da área recreativa se debe á mala localización da presa e que os terreos sobre os que se actúa son privados, polo que é inxustificado investir diñeiro público nun espacio non público.

* Polo tanto suxiren que a intervención se oriente cara á recuperación natural e que se garanta o dominio público do espacio mediante:

-Comprar ou expropia-los terreos da área recreativa.

-Incluír no proxecto o espacio do muíño restaurado.

-Substituí-la presa por un sistema de pasos que permitan represa-las augas cando se considere oportuno.

-Recupera-la explanada de xeito natural.

-Recuperar de xeito natural as marxes dos cursos fluviais, permitindo o desenvolvemento espontáneo da vexetación de ribeira.

ANEXO III

Resumo dos informes

A Dirección Xeral de Saúde Pública emite informe favorable.

A Dirección Xeral de Turismo emite informe favorable.

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza emite informe con data 31 de xullo de 2002 no que se indica:

* Unicamente se refire ós dous dispositivos proxectados segundo as directrices da Dirección Xeral de

Conservación da Natureza emitidas nun informe previo, para o remonte do azude por parte da fauna piscícola, respecto dos que:

-A localización e planta de ámbolos dous dispositivos de franqueo é correcta.

-Deben recrecerse tódolos caixeiros das artesas en 0,30 m para protexe-lo paso de entradas de augas indesexadas cando o nivel da auga supere a coroación do vertedoiro principal do azude, co obxecto de garanti-lo correcto funcionamento dos dispositivos.

-Deben protexerse ámbalas escalas de verteduras indesexadas mediante o recrecemento do labio do azude en 0,15 m nas zonas inmediatas a ambas escalas.

-Os limiares dos vertedoiros das artesas deben rebaixarse para garanti-la alimentación da escala cando as comportas cerren o vertedoiro principal. Supoñendo a coroación da presa á cota 182, as cotas dos citados limiares pasarían a se-las seguintes:

VertedoiroCota do limiar

* Entrada de augas arriba da escala

(1ª artesa):181,50

* Paso da 1ª artesa á 2ª artesa:181,20

* Paso da 2ª artesa á 3ª artesa:180,90

* Paso da 3ª artesa á 4ª artesa:180,60

* Paso da 4ª artesa ó río:180,30

-A reixa de protección da entrada de augas arriba fronte a flotantes é correcta.

-Cando se retiren as comportas do vertedoiro central, é moi conveniente colocar uns taboleiros de 0,2 m de altura nos dous vans máis próximos a ámbolos dous estribos, de tal forma que mentres o caudal evacuado permaneza dentro dos límites deste vertedoiro, se produza unha concentración da lámina cara á zona central deste e se xere unha lámina de altura suficiente que permita ós peixes remonta-la coieira e atravesa-lo vertedoiro.

* O axuste destes dispositivos e medidas encamiñadas á mellora do franqueo da presa deberán consensuarse con técnicos da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, previamente á finalización das obras, coa finalidade de poder executa-las correccións oportunas.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite informes con data 31 de xullo de 2003 e 12 de novembro de 2003 nos que se indica:

a) Con data 31 de xullo de 2003:

Destaca a inexistencia de informes baseados en traballos de campo relativos ó impacto do proxecto sobre o patrimonio cultural, segundo o establecido no artigo 6 do Real decreto 1131/1988, do 30 de setembro, referente á execución do Real decreto lexislativo de avaliación de impacto ambiental, e no artigo 32 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.

Na zona onde se localiza o proxecto (concello de Vila de Cruces, Pontevedra), localízanse xacigos arqueolóxicos que poderían verse afectados polo proxecto, polo que non se pode establece-lo impacto do proxecto no patrimonio arqueolóxico sen unha prospección superficial previa.

Así mesmo, hai que ter en conta a natureza do rexistro arqueolóxico galego, moitas veces enmascarado por unha tupida vexetación ou ben cuberto por procesos sedimentarios, polo que non se debe descarta-la posible existencia de xacigos non detectados ata agora.

Por todo isto, é conveniente a realización dun estudio específico do impacto do proxecto sobre o patrimonio cultural (facendo especial fincapé no patrimonio arqueolóxico), onde sexan establecidas as posibles afeccións neste patrimonio. Este estudio sería necesario, de acordo co artigo 32. Impacto ou efectos ambientais, da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia. O estudio incluirá unha prospección arqueolóxica, levada a cabo por técnicos competentes, de acordo cun proxecto presentado e autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo da Xunta de Galicia (de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia e o Decreto 199/1997, do 10 de xullo, polo que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia, DOG nº 199, do 10 de xullo de 1997). O proxecto de prospección arqueolóxica terá que incluír:

* A prospección arqueolóxica intensiva da zona que abrangue o proxecto.

Polo tanto, débese ter en conta que:

-O proxecto deberá incorpora-la prospección arqueolóxica de campo, de toda a área afectada polo proxecto de construcción e o seu contorno inmediato, para a catalogación e delimitación dos restos arqueolóxicos localizados.

-O proxecto de obra incorporará, de ser necesario, un programa de actuacións arqueolóxicas compatible co plan de obra, de cara á protección e conservación dos xacigos arqueolóxicos, en coordinación coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia.

* Os resultados da prospección, xunto cos planos das obras (explanacións, acondicionamentos...) que poidan afectar a xacementos arqueolóxicos, deberán remitirse a esta dirección xeral, co fin de establece-las medidas correctoras que se consideren necesarias para a protección dese patrimonio.

b) Con data 12 de novembro de 2003.

Á vista da memoria da prospección arqueolóxica intensiva do proxecto de ordenación do río Deza e acondicionamento da área recreativa da Carixa en Merza (Vila de Cruces, Pontevedra), acórdase informar favorablemente e acepta-las medidas correctoras propostas, cos seguintes condicionantes que se incluirán na correspondente declaración ambiental:

* Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de execución de obra

e de restitución dos terreos, en todo o ámbito do proxecto. Para tal fin, e previo inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

* De acordo cos resultados das actuacións arqueolóxicas, en cada unha destas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección.

* Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.