Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Martes, 16 de setembro de 2003 Páx. 11.709

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 349/2003, do 11 de setembro, polo que se aproba o procedemento de inserción de anuncios no Diario Oficial de Galicia a través da Internet.

A Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 6 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, introduce a informatización como elemento de apoio no procedemento, establecendo no seu artigo 45 un mandato de carácter programático coa finalidade de que as administracións públicas impulsen o emprego e a aplicación das técnicas e medios electrónicos, informáticos e telemáticos no desenvolvemento da súa actividade e no exercicio das súas competencias.

Así mesmo, recoñécelles ós cidadáns a facultade de relacionarse coas diferentes administracións

públicas e a que exerzan os seus dereitos ante elas, utilizando a técnica e medios electrónicos, informáticos e telemáticos, e outorgándolles ós documentos e copias así realizados validez e eficacia, sempre que se cumpran os requisitos previstos na lei e se garanta a autenticidade, integridade, conservación e, se é o caso, a recepción polo interesado.

Coa publicación do Decreto 200/2003, do 20 de marzo, polo que se regulan e determinan as oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración autónoma de Galicia, procédese á creación do Rexistro Telemático da Xunta de Galicia e regúlase a atención ó cidadán. Dáse así un paso importante para dar cumprimento ó artigo 45 da Lei 30/1992.

Como parte do proceso de apertura á Internet dos sistemas administrativos do Diario Oficial de Galicia, a Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública deseñou un sistema que permite a utilización da Internet para o envío da solicitude de inserción de anuncios no Diario Oficial de Galicia.

O novo sistema xa está funcionando para os envíos que realizan as unidades administrativas das consellerías, os organismos autónomos e entidades da Xunta de Galicia. Este sistema axiliza os tempos de tramitación, elimina o papel, permítelle ó funcionario a consulta do estado de publicación e, en definitiva, facilita e axiliza o funcionamento dun instrumento administrativo esencial.

O sistema de envío telemático de documentos ó Diario Oficial de Galicia é tamén un dos servicios incorporados ó portal dos concellos, Eidolocal, o que lles permite ós concellos adheridos a este sistema realizar tamén o envío dos anuncios que queiran publicar no DOG a través da Internet.

A través deste decreto esténdese a calquera persoa que demande publicacións no Diario Oficial de Galicia.

Para garanti-la seguridade na Internet, utilízanse, no ámbito non corporativo da Xunta de Galicia, certificados electrónicos persoais, proporcionados pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre, con base no convenio de colaboración que a Comunidade Autónoma de Galicia formalizou para estes efectos coa mencionada real fábrica.

A utilización deste certificado posibilita a sinatura electrónica e o non repudio por parte do usuario das interaccións que este puidese realizar coa Xunta de Galicia. Esta sinatura electrónica cumpre os requisitos establecidos no Real decreto lei 14/1999, do 17 setembro, sobre sinatura electrónica.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta

de Galicia, na súa reunión do día once de setembro de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Este decreto ten por obxecto aproba-lo procedemento telemático que posibilita a solicitude de inserción de anuncios no Diario Oficial de Galicia para toda persoa física ou xurídica a través da Internet utilizando certificados dixitais.

Artigo 2º.-Condicións xerais.

A solicitude de «insírase» no Diario Oficial de Galicia a través da Internet estará suxeito ás seguintes condicións:

a) Deberá ser realizada por unha persoa física que actúa en nome propio ou en representación dunha persoa xurídica.

b) A persoa interesada en realiza-la solicitude de «insírase» deberá remiti-la solicitude de alta no sistema de inserción de anuncios no Diario Oficial de Galicia a través da Internet, utilizando certificados dixitais (anexo), á Secretaría Xeral da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, Diario Oficial de Galicia. A persoa que figure nesta solicitude terá a consideración de anunciante.

c) O anunciante deberá posuír un certificado dixital persoal expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre - Real Casa da Moeda (FNMT). A solicitude do certificado dixital poderá realizarse ante as oficinas da Xunta de Galicia que actúan como autoridades de rexistro da mencionada FNMT.

d) O anunciante asume a responsabilidade de que o texto transmitido é copia fiel do orixinal, non tendo o Diario Oficial de Galicia ningunha responsabilidade nas variacións que existan en relación co texto orixinal ou da falsidade do contido, sen prexuízo das correccións ortográficas e gramaticais que introduzan os servicios lingüísticos da Xunta de Galicia.

e) O anunciante poderá transmiti-los anuncios durante as vintecatro horas do día ó Diario Oficial de Galicia. Os anuncios que non superen as cinco páxinas mecanografadas por cada idioma (cento cincuenta liñas como máximo) e dos que fose aboada a correspondente tarifa de urxencia serán publicados no prazo de catro días (96 horas excluídos do cómputo sábados, domingos e festivos) contados da seguinte maneira:

a) O día de recepción contarase se a entrada no sistema se produce antes das 10.00 horas.

b) Se a entrada se produce a partir das 10.00 horas contarase como pruducida ó día seguinte.

c) Se o anuncio non entra no sistema coas dúas versións, os prazos contarán desde a recepción da última delas que se produza.

f) Calquera texto enviado pola internet para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia terá consideración de anuncio pendente de publicación ata que se comprobe que está aboada a tarifa correspondente. Se unha vez enviado o anuncio non se procede ó pagamento nun prazo de tres días aquel será anulado.

Artigo 3º.-Procedemento para a solicitude de «insírase» de anuncios no Diario Oficial de Galicia a través da Internet.

1. O anunciante incluirá o texto do anuncio nun único arquivo. As versións de galego e castelán da disposición incluirase no mesmo arquivo.

2. O anunciante conectarase vía Internet á web da Xunta de Galicia, http://www.xunta.es, na páxina habilitada para o envío telemático de anuncios ó Diario Oficial de Galicia, desde o ordenador no que teña instalado o certificado dixital. O sistema comprobará que se trata dunha persoa con permiso para o «insírase» de anuncios polo sistema telemático.

3. O anunciante deberá confirma-lo envío do anuncio cubrindo previamente os datos da pantalla que presenta o sistema. O sistema xerará automaticamente o nome que deberá te-lo arquivo que se anexa: código - data de envío - contador de envíos por data. O sistema validará o nome do ficheiro. Ese nome deberá ser incluído polo usuario no documento antes do seu envío, de tal xeito que figure na primeira páxina do texto.

4. Realizarase unha anotación no Rexistro Telemático da Xunta de Galicia creado polo Decreto 200/2003, do 20 de marzo, para cada unha das solicitudes de «insírase» de anuncios enviadas.

Disposición adicional

Validez dos certificados dixitais expedidos pola FNMT. Os certificados dixitais expedidos pola FNMT serán válidos a efectos do «insírase» telemático no Diario Oficial de Galicia de acordo coas normas en vigor dictadas pola FNMT.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento do disposto no presente decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de setembro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais

e Administración Pública