Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Luns, 15 de setembro de 2003 Páx. 11.661

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 25 de agosto de 2003 pola que se dictan instruccións para a aplicación na educación secundaria obrigatoria do establecido na disposición adicional primeira do Real decreto 827/2003, do 27 de xuño, polo que se establece o calendario de aplicación da nova ordenación do sistema educativo, establecida pola Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, de calidade da educación.

O Real decreto 827/2003, do 27 de xuño, polo que se establece o calendario de aplicación da nova ordenación do sistema educativo, establecida pola Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, de calidade da educación (BOE do 28 de decembro), determina no punto 1 da súa disposición adicional primeira que o previsto nos artigos 28, 29 e 31.2º desa lei orgánica será de aplicación no curso académico 2003-2004.

Así mesmo, a orde do Ministerio de Educación, Cultura e Deportes ECD/1923/2003, do 8 de xullo, pola que se establecen os elementos básicos dos documentos de avaliación, das ensinanzas escolares de réxime xeral reguladas pola Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, de calidade da educación, así como os requisitos formais derivados do proceso de avaliación que son precisos para garanti-la mobilidade dos alumnos (BOE do 11 de xullo) determina na súa disposición derradeira terceira que no curso 2003-2004 será de aplicación todo aquilo nela disposto que resulte necesario para o cumprimento do establecido nos artigos 13, 15, 18.2º e 18.3º do Real decreto 831/2003, do 27 de xuño, polo que se establece a ordenación xeral e as ensinanzas comúns da educación secundaria obrigatoria (BOE do 3 de xullo).

Unha vez publicadas estas normas básicas, procede dictar instruccións para adaptar, con carácter transitorio, o disposto na Orde do 24 de abril de 1994, sobre a avaliación na educación secundaria obrigatoria (DOG do 18 de maio), ó establecido na disposición adicional primeira do Real decreto 827/2003, así como na disposición final terceira da Orde ECD/1923/2003.

En consecuencia, en virtude do establecido no punto 4 da disposición adicional primeira e na disposición derradeira segunda do Real decreto 827/2003, na disposición derradeira segunda do Real decreto 831/2003, e no punto segundo da disposición derradeira terceira da Orde ECD/1923/2003, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O disposto nesta orde será de aplicación en tódolos centros públicos e privados de Galicia dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que impartan ensinanzas de educación secundaria obrigatoria.

Artigo 2º.-Avaliación das aprendizaxes dos alumnos.

A avaliación das aprendizaxes dos alumnos na educación secundaria obrigatoria será continua e diferenciada segundo as diferentes materias do currículo, e levarase a cabo tendo en conta os obxectivos específicos de cada materia, establecidos no anexo do Decreto 233/2002, do 6 de xuño (DOG do 17 de xullo), polo que se modifica o Decreto 78/1993, do 25 de febreiro, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos criterios de avaliación que se establecen para cada curso e que se concretarán nas distintas programacións didácticas.

No caso do primeiro curso os criterios de avaliación deberanse concretar no proxecto curricular, tomando como referencia o citado Decreto 233/2002.

Artigo 3º.-Actividades de avaliación final.

1. Ó final de cada un dos cursos da etapa o equipo avaliador decidirá sobre a titulación ou promoción de cada alumno ó curso seguinte, tendo en conta a súa madureza académica e as súas posibilidades de recuperación e de progreso nos cursos posteriores, se é o caso.

2. Os alumnos poderán realizar no mes de setembro, nas datas que cada ano se determine, unha proba extraordinaria das materias que non superasen trala avaliación final ordinaria. O equipo avaliador de cada grupo de alumnos decidirá, trala realización destas probas extraordinarias sobre a titulación ou promoción dos alumnos que as realizaran.

Artigo 4º.-Promoción e titulación.

1. Cando, trala celebración das sesións finais de avaliación, ordinaria e extraordinaria, o número de materias non superadas sexa superior a dúas, o alumno deberá permanecer outro ano no mesmo curso, repetíndoo na súa totalidade. Non obstante, cada curso só se poderá repetir unha vez.

Os alumnos que, a partir do curso 2003-2004, promocionen con materias pendentes deberán ser avaliados destas nos anos académicos seguintes.

2. Se, trala repetición dun curso, o alumno non cumprira os requisitos para promocionar ó curso seguinte, o equipo de avaliación, asesorado polo departamento de orientación, no caso dos centros públicos, ou o servicio de orientación, no caso dos centros privados, e logo de consulta ós pais ou titores legais do alumno, decidirá, segundo proceda e en función das necesidades deste último, a súa promoción ó curso seguinte con medidas de reforzo ou, sempre que se cumpran os requisitos legais correspondentes, a un programa de diversificación curricular, programa de garantía social ou programa de iniciación profesional, tendo en conta o calendario de implantación das novas ensinanzas de educación secundaria obrigatoria que determina o Real decreto 827/2003.

3. Para obte-lo título de graduado en educación secundaria será preciso ter superadas tódalas materias cursadas.

Excepcionalmente, o equipo avaliador, tendo en conta a madureza académica do alumno en relación cos obxectivos da etapa e as súas posibilidades de progreso, poderá propor para a obtención do título os alumnos que ó finalizaren o cuarto curso teñan unha ou dúas materias non aprobadas, sempre que non sexan simultaneamente dúas de entre matemáticas, lingua galega e literatura e lingua castelá e literatura.

4. As condicións polas que poderán obte-lo título de graduado en educación secundaria os alumnos que sigan programas de diversificación curricular serán as establecidas na Orde do 19 de maio de 1997, pola que se regulan os programas de diversificación curricular na educación secundaria obrigatoria (DOG do 6 de xuño).

Artigo 5º.-Rexistro das cualificacións nos documentos de avaliación: actas de avaliación.

As actas de avaliación dos alumnos, que se axustarán ós modelos que se recollen nos anexos desta orde, cubriranse e asinaranse tanto na sesión de avaliación final ordinaria como na extraordinaria de cada un dos cursos da etapa. Na acta da avaliación extraordinaria incorporaranse tódalas cualificacións correspondentes á sesión de avaliación ordinaria.

Disposicións transitorias

Primeira.-Rexistro das cualificacións nos documentos de avaliación: expediente académico.

1. Entrementres non se modifique o modelo de expediente académico, utilizarase o establecido no anexo da Orde do 25 de abril de 1994 coas adaptacións que se recollen a continuación.

2. As cualificacións outorgadas a cada alumno consignaranse no seu expediente académico trala realización da sesión de avaliación extraordinaria, independentemente do resultado da decisión adoptada acerca da promoción ou titulación. Polo tanto, non serán de aplicación as notas (1), (2) e (3) que figuran no expediente.

3. No caso dos cursos primeiro e segundo, as cualificacións figurarán na columna etiquetada como «primeiro ciclo», texto que se substituirá pola denominación do curso avaliado.

Así mesmo, no caso de que se adopte a decisión de promoción do primeiro ó segundo curso, substituirase o texto «...decidiuse a promoción do alumno/a ó terceiro curso de educación secundaria obrigatoria» por «...decidiuse a promoción do alumno/a ó segundo curso de educación secundaria obrigatoria».

4. No expediente recolleranse as cualificacións resultantes das avaliacións ordinaria e extraordinaria. Para tal fin, trazarase una liña divisoria na columna correspondente ó curso avaliado, consignándose á súa esquerda os resultados da avaliación ordinaria e á dereita os da extraordinaria.

Segunda.-Rexistro das cualificacións nos documentos de avaliación: libro de escolaridade.

1. Entrementres non se modifique o modelo de libro de escolaridade, utilizarase o establecido no

anexo da Orde do 25 de outubro de 1993 coas adaptacións que se determinen.

2. Os centros educativos, de acordo coas instruccións que oportunamente se dicten, poderán introducir nos libros de escolaridade dos alumnos as adaptacións que sexan pertinentes para a recollida e constancia dos datos que se deriven da aplicación desta orde.

Cando se incorporen estampiñas tomaranse as cautelas de selado e outras que sexan precisas para garanti-la súa autenticidade.

Disposicións adicionais

Primeira.-As referencias nesta orde a materias entenderanse feitas ás áreas e materias establecidas polo Decreto 78/1993.

Segunda.-Tódalas referencias ó primeiro ciclo da educación secundaria obrigatoria que figuran na Orde do 25 de abril de 1994 sobre a avaliación na educación secundaria obrigatoria deberanse entender con relación ós cursos primeiro e segundo desta etapa.

Así mesmo, tódalas referencias que aparecen nesa norma como «curso ou ciclo» deberanse entender substituídas polo termo «curso».

Terceira.-Modifícase o punto 2º do artigo 6 da Orde do 25 de outubro de 1993, pola que se dictan instruccións sobre o procedemento de solicitude e rexistro do libro de escolaridade do ensino básico (DOG do 26 de novembro) nos seguintes termos: «No libro de escolaridade consignaranse os resultados correspondentes ás avaliacións finais ordinaria e extraordinaria de cada curso, así como as decisións positivas de promoción».

Cuarta.-Trala celebración da avaliación extraordinaria, os centros educativos remitirán ó servicio provincial de inspección educativa, xunto coa copia das actas que se establece no punto 5º do artigo 8 da Orde do 25 de abril de 1994, un informe estatístico sobre os resultados da avaliación, que se axustará ó modelo que se recolle no anexo desta orde.

Disposición derrogatoria

Única.

Quedan derrogados os seguintes puntos e artigos da Orde do 25 de abril de 1994, sobre a avaliación na educación secundaria obrigatoria: punto 1º do artigo 3, puntos 1º e 2º do artigo 8, artigo 11 e o artigo 13, así como todo aquilo que se opoña ó disposto nesta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase á Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa a dicta-las normas que sexan precisas para a execución do establecido nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e será de aplicación desde o ano académico 2003-2004.

Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2003.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria