Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 175 Mércores, 10 de setembro de 2003 Páx. 11.491

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 8 de setembro de 2003 pola que se regula a concesión de subvencións ós titulares de autorizacións de transporte da serie VT domiciliadas na Comunidade Autónoma de Galicia para a instalación de sistemas de seguimento, localización e outros elementos de seguridade.

Os profesionais dos vehículos destinados ó servicio público de taxi (provistos de preceptiva autorización administrativa de transportes da serie VT) veñen soportando actos de delincuencia que, en moitos dos casos, son extremadamente perigosos e que poñen en risco a vida dalgúns destes profesionais, polo que a sociedade galega está moi sensibilizada ante a demanda de novas medidas de seguridade para os vehículos do sector.

Neste sentido, co ánimo de continua-la actuación iniciada pola Orde do 6 de agosto de 1999 (DOG nº 156, do 13 de agosto), conscientes da importancia que ten a seguridade neste sector, asinouse con data do 28 de abril de 2003 un protocolo entre diferentes departamentos da Xunta de Galicia (consellerías de Cultura, Comunicación Social e Turismo; de Xustiza, Interior e Administración Local; de Innovación, Industria e Comercio; e de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda), co fin de instrumentalizar e canaliza-lo interese de todos eles cara á consecución de sistemas que garantan unha maior seguridade dos titulares de tarxetas VT.

Neste acordo, as consellerías citadas contribúen mediante a achega de fondos dos seus respectivos orzamentos, ou dos seus medios técnicos, e acordan igualmente que lle corresponderá á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda a xestión da referida colaboración, o que se instrumenta a través desta orde de subvención.

Polo disposto, e conforme co acordo do Consello Galego de Transportes na súa reunión do 4 de setembro de 2003,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Finalidade e obxecto.

1. Por esta orde establécense as bases reguladoras e convócanse para o ano 2003 as axudas para a dotación de equipamentos de seguimento e localización e outros mecanismos de seguridade para vehículos de transporte que dispoñan de autorización administrativa documentada en tarxeta de transportes da serie VT-N, expedida pola Dirección Xeral de Transportes, co fin de facilita-la instalación nos taxis galegos de sistemas que resulten eficaces en consideración ás tecnoloxías que incorporan e que contribúan ó incremento da seguridade no seu traballo profesional.

2. Os sistemas de seguridade que se van instalar poderán ser de dúas clases:

a) Sistema GPS, consistente nun dispositivo tecnolóxico embarcado no taxi, e que nunha situación de emerxencia de inseguridade física do taxista activa un sinal que se recibe no Centro de Emerxencias 112 SOS-Galicia.

b) Mampara de seguridade e protección física do conductor do taxi que permita a separación e imposibilite o contacto físico entre o taxista e os ocupantes da parte traseira do vehículo, permitindo a comunicación verbal entre eles; deberá consistir nun material polimérico altamente resistente a golpes.

Para os efectos desta orde, e de xeito inicial, só devengará axuda respecto de cada beneficiario un dos sistemas de seguridade previstos no punto anterior, á elección dos solicitantes; sen embargo, de se solicita-la axuda para os dous sistemas, tomarase en consideración inicialmente só aquel que sexa seleccionado en primeiro lugar, podendo a Administración, de resultar dispoñibilidades orzamentarias logo da resolución de totalidade de solicitudes formuladas, aplica-lo remanente resultante á subvención do segundo sistema de seguridade que, se é o caso, se teña solicitado.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán acceder a esta liña de axudas os titulares de autorizacións administrativas de transporte documentadas en tarxetas da serie VT-N, expedidas pola Dirección Xeral de Transportes ou órganos periféricos desta consellería competentes para o efecto, e domiciliadas en Galicia. Para tal fin, xerará dereito á axuda cada unha das autorizacións das que sexa titular o solicitante.

Artigo 3º.-Imputación orzamentaria e contía.

Esta convocatoria realízase con cargo á aplicación orzamentaria 2003.06.04.413A.770.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2003, na que existe un crédito para este efecto de 120.000,00 euros, e limitarase ás dispoñibilidades orzamentarias. Sen embargo, as solicitudes de axuda que reúnan tódolos requisitos e non resulten beneficiarias, poderán ser tidas en consideración, se é o caso, de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias, na seguinte convocatoria de axudas que, se é o caso, se convoque, logo de confirmación do mantemento da solicitude polo interesado, e no marco das condicións técnicas e dos requisitos que se establezan.

Os equipamentos que se prevén nesta orde como obxecto da subvención poderán acadar unha axuda económica do 50 por cento (sen IVE) do seu prezo, incluíndo neste tanto o do propio equipamento como os correspondentes ós gastos de colocación, man de obra, equipamento adicional necesario e verificación do seu funcionamento; en todo caso, e para os efectos do previsto neste artigo, considerarase como importe máximo da subvención o seguinte:

-Sistema GPS: 600,00 euros.

-Mampara: 650,00 euros.

Artigo 4º.-Solicitudes.

1. As solicitudes de subvención serán formuladas polo titular da autorización administrativa de transportes VT-N, segundo o modelo normalizado que se xunta como anexo I a esta orde, e dirixiranse ó director xeral de Transportes; fíxase como prazo límite para a súa presentación o de corenta días hábiles contados a partir do día de publicación desta orde.

2. A presentación das solicitudes efectuarase no rexistro xeral da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda nos servicios centrais (complexo administrativo de San Caetano s/n, Santiago de Compostela) ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Xunto coa solicitude unirase a seguinte documentación:

-Fotocopia compulsada do DNI e do NIF ou CIF, cando corresponda, do solicitante.

-Fotocopia compulsada da tarxeta de transporte VT-N en vigor referida ó vehículo no que se pretendan instala-los equipamentos obxecto da subvención.

-Declaración responsable xustificativa de non ter instalado no vehículo para o que se solicita a axuda ningún sistema de seguridade dos previstos no artigo 1º desta orde, ou, en caso positivo, xustificativa do sistema que xa estea instalado.

-Declaración responsable ou certificación de non ter débedas coa Seguridade Social, coa Axencia Tributaria e coa Comunidade Autónoma de Galicia, e copia compulsada do último recibo do IAE ou da alta nel de non se ter devengado aínda ningún recibo por razón deste imposto.

-Permiso de circulación do vehículo ou fotocopia compulsada del.

-Marca e modelo do sistema elixido polo interesado con factura proforma do provedor.

-Certificado acreditativo das condicións de funcionamento e mantemento do servicio por parte da empresa instaladora. Informe de validación do sistema GPS expedido polo Centro de Emerxencias 112 SOS-Galicia, se dispón del no momento de presentación da solicitude; en caso de non dispor del en tal momento, deberá achegarse certificación de telo solicitado e que estea pendente de realización das oportunas probas previstas na disposición adicional desta orde.

-Certificado de homologación do sistema de seguridade.

-Informe de validación do sistema GPS expedido polo Centro de Emerxencias 112 SOS-Galicia.

-Certificación bancaria do número de conta.

-Declaración responsable segundo modelo normalizado incluído no anexo II desta orde referente ós aspectos seguintes:

a) Cumprimento dos requisitos necesarios para acollerse a esta orde de axudas, así como das obrigas e compromisos que nela se establecen.

b) Autenticidade dos datos facilitados e da documentación presentada.

c) Compromiso de facilita-la documentación complementaria que se poida requirir, así como de permiti-las comprobacións e inspeccións que para o efecto esta Administración considere oportunas, ou previstas nesta orde.

d) Compromiso de non beneficiarse nin se ter beneficiado de máis subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais que, illada ou conxuntamente coa outorgada por esta Administración, superen o custo da actividade obxecto desta orde.

Artigo 5º.-Tramitación e resolución.

O órgano competente para a xestión das axudas será a Dirección Xeral de Transportes da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, a cal se ocupará da totalidade de actos de instrucción do procedemento que resulte precisos.

Para a valoración das peticións crearase unha comisión de valoración que será presidida polo director xeral de Transportes ou persoa en quen delegue con nivel de subdirector xeral, e integrada, en calidade de vocais, por un representante das direccións xerais de Interior e Protección Civil da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local; de Tecnoloxía e Desenvolvemento Sectorial da Consellería de Innovación, Industria e Comercio; e de Comunicación Social e Audiovisual da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo; todos eles con nivel mínimo de subdirector xeral. A referida comisión poderá solicitar cantos informes técnicos considere convenientes para os seus fins. Para o seu funcionamento observarase o establecido para os órganos colexiados pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común,

exercendo as funcións de secretario o persoal da Dirección Xeral de Transportes designado para o efecto, dirección xeral que prestará o apoio técnico que resulte preciso para o seu funcionamento.

Como criterio de selección, outorgaráselles prioridade a aqueles solicitantes que non teñan instalado ningún sistema de seguridade dos previstos nesta orde nos seus respectivos vehículos; dentro destes, establecerase como criterio de selección para o outorgamento da axuda prevista nesta orde, o da prioridade temporal na presentación da solicitude.

Elevada proposta pola indicada comisión, a resolución de concesión de subvencións será adoptada polo conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda no prazo máximo de catro meses desde a data de publicación desta orde. Transcorrido o dito prazo sen que se dicte e notifique resolución expresa, lexitima os interesados para entender desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo, consonte co previsto polo artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 6º.-Compatibilidades.

Esta subvención será compatible coas que poida conceder calquera outra Administración pública ou organismo público ou privado, nacional ou internacional, sempre e cando, e en ningún caso, o importe das subvencións ou axudas concedidas, illada ou conxuntamente, poida ser tal que supere o custo da actividade subvencionada que debe desenvolve-lo beneficiario, segundo o disposto no artigo 78.3º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 7º.-Xustificación e pagamento.

Unha vez notificada a resolución á que se refire o artigo 5º desta orde, os interesados que resulten beneficiarios das subvencións concedidas disporán dun prazo de quince días para procederen á instalación dos equipamento e presentaren ante a Administración o certificado da empresa instaladora e factura de pagamento dos equipamento; a dita documentación deberá ser achegada no referido prazo ante a Dirección Xeral de Transportes, presentándoa no rexistro xeral da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda nos servicios centrais (complexo administrativo de San Caetano s/n, Santiago de Compostela) ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Xunto coa referida documentación, e no mesmo prazo, de non se ter achegado coa solicitude ou de ter caducado as achegadas previamente, deberán achegarse as certificacións oficiais acreditativas de non

ter débedas coa Seguridade Social, coa Axencia Tributaria e coa Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 8º.-Condicionantes.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas

outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión. As persoas ou entidades beneficiarias están obrigadas a lle comunicar á Dirección Xeral de Transportes calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente o destino ou a correcta aplicación da concesión concedida.

2. Os beneficiarios das subvencións non poderán alterar de ningún xeito a súa finalidade, para o cal a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda poderá realiza-las inspeccións e comprobacións que considere necesarias co fin de asegura-lo cumprimento das normas e dos requisitos fundamento da concesión.

3. Os solicitantes e beneficiarios das subvencións deberán permitir que a devandita dirección xeral realice as comprobacións e inspeccións que considere oportunas co fin de comproba-la veracidade dos datos e da documentación presentada, así como o lóxico seguimento e control das axudas concedidas; tamén facilitarán toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control das axudas.

4. O incumprimento de calquera obriga mencionada nesta orde poderá ser causa determinante da revogación da subvención, así como do reintegro, se é o caso, das subvencións percibidas e dos xuros de demora correspondentes, todo isto de acordo e nos termos previstos polo artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 9º.-Réxime xurídico e de recursos.

1. A convocatoria desta axuda, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. As resolucións expresas ou desestimacións presuntas recaídas en aplicación desta orde esgotan a vía administrativa e contra elas poderá interporse potestativamente recurso de reposición ante o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa notificación se é expresa, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, segundo os casos; ou ben poderá ser impugnada directamente ante a orde xurisdiccional contencioso-administrativa, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses de ser resolución expresa ou no de seis contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, de acordo co previsto polos artigos 10, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

3. Igualmente, os beneficiarios das subvencións reguladas por esta orde quedan suxeitos ó réxime de infraccións e sancións previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e ó previsto polo Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición adicional

Cando o taxista solicitante da subvención opte pola instalación do sistema GPS, e este non estea validado e operativo polo Centro de Emerxencias 112 SOS-Galicia, a empresa instaladora deberá presentar previamente para a súa validación un equipamento no Centro de Emerxencias 112 SOS-Galicia.

Os equipamentos deben estar preparados para a súa integración dentro do sistema Taxgal (Sistema de Emerxencias de Taxis de Galicia, que consta dun número elevado de elementos: sistemas embarcados nos taxis, operador de telefonía, equipamentos receptores de alarmas, equipamento integrador de alarmas e postos de atención e seguimento) no contorno da plataforma de operacións Séneca-Galicia do Centro de Emerxencias 112 SOS-Galicia, sendo imprescindible para dita validación a realización dunha batería de probas desde o Centro de Emerxencias con presencia in situ do persoal da empresa instaladora e do persoal técnico do Centro de Emerxencias 112 SOS-Galicia.

Tódolos custos que se deriven da dita integración e das probas necesarias serán por conta da empresa instaladora, e o Centro de Emerxencias 112 SOS-Galicia unicamente será responsable da atención das alarmas que entren directamente nel, e o correcto tratamento delas.

De non se ter obtido e acreditado ante a Dirección Xeral de Transportes a validación e integración do equipamento proposto no sistema do Centro de Emerxencias 112 SOS-Galicia na data tope para resolver respecto das solicitudes formuladas prevista nesta orde, a Administración non admitirá a solicitude formulada, sen prexuízo da súa consideración para a seguinte orde de convocatoria que, se é o caso, se puidese dictar.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Transportes da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda para que, no ámbito das súas competencias, dicte os actos necesarios para a correcta aplicación e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2003.

Alberto Núñez Feijóo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas

e Vivenda