Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 172 Venres, 05 de setembro de 2003 Páx. 11.371

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 26 de agosto de 2003, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico ampliación Meda, no Concello de Parada de Sil (Ourense), promovido pola empresa Eólicas del Sil, S.A.

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 12 de xuño de 2003, da Dirección General de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico ampliación Meda, no Concello de Parada de Sil (Ourense), promovido pola empresa Eólicas del Sil, S.A., que se transcribe como anexo a esta resolución.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas

Declaración de impacto ambiental

Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se atopa a presentada pola empresa promotora:

* Proyecto parque eólico de ampliación de Meda. Outubro 2001.

* Estudio de impacto ambiental del parque eólico de ampliación de Meda. Outubro 2001.

* Estudio de impacto arqueológico del parque eólico de ampliación de Meda (Parada do Sil, Ourense). Informe valorativo.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen na presente DIA, ademais das incluídas no estudio ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradicción entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

1. Ámbito da declaración.

A presente declaración refírese en exclusiva ó proxecto denominado parque eólico ampliación de Meda, que consiste na ampliación do parque eólico de Meda mediante a instalación e explotación dun parque eólico de 13,6 MW de potencia total no concello de Parada de Sil (Ourense), constituído por 16 aeroxeradores modelo GAMESA G-52, de 850 kW de potencia unitaria, que se localizarán dentro do polígono definido polas seguintes coordenadas UTM:

Vértice XVértice Y

614.0004.690.000

611.5004.692.500

615.5004.692.500

615.5004.688.000

Tendo en conta o exposto nos puntos 6.2º e 8 desta DIA, a localización e coordenadas UTM dos aeroxeradores nº 1, 3, 6, 11 e 16, así como a disposición das súas infraestructuras asociadas establecerase, se é o caso, unha vez sexa recibida, avaliada e informada favorablemente a documentación requirida nos puntos 10.1º e 10.2º da DIA.

A localización dos aeroxeradores e infraestructura asociada ó parque eólico será a que se recolle nos planos camiños de acceso: existentes e novos. Plano 1.4 e canalizacións eléctricas. Planta xeral. Plano 3.2, do estudio de impacto ambiental, agás para o que se derive do parágrafo anterior.

As coordenadas UTM dos 11 aeroxeradores con posicións definidas son as seguintes:

AeroxeradorUTM XUTM Y

2614.6724.690.198

4614.4634.690.401

5614.3744.690.443

7614.0814.690.645

8614.0094.690.742

9613.9284.690.831

10613.8494.690.981

12613.7954.691.388

AeroxeradorUTM XUTM Y

13613.7384.691.501

14613.6754.691.608

15613.6154.691.717

2. Protección da atmosfera.

2.1. Sobre a emisión de po.

Durante a fase de obras procederase, nos períodos de seca, á humectación dos viais e das zonas onde se estean a realizar movementos de terras, co fin de evita-lo levantamento excesivo de po. Así mesmo, os camións de transporte de terras ou materiais que poidan xerar po, deberán ir cubertos con lonas ou similar.

2.2. Sobre a contaminación acústica.

Os niveis de presión sonora no parque e nas vivendas máis próximas non poderán supera-los valores límite de recepción para ruído ambiente exterior establecidos no artigo 8 do anexo da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como, se é o caso, o establecido nas ordenanzas municipais ó respecto.

Para tal fin, levarase a cabo un seguimento do nivel de ruído durante as fases de construcción e funcionamento do parque. Neste senso, á vista do establecido no punto 1 da DIA, deberá revisarse a proposta de plan de seguimento incluída no EsA, adaptándoa á configuración final do parque, tal e como se require no punto 10.4 da DIA.

3. Protección das augas e leitos fluviais.

Calquera actuación ou afección nas zonas de servidume e policía dos cursos de auga, así como calquera captación e/ou vertedura, precisará da autorización da Confederación Hidrográfica do Norte, conforme ó establecido no Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas.

As obras non poderán afectar á calidade e volume das augas que teñan por finalidade o abastecemento público dos núcleos e das zonas de afección das construccións, tendo prioridade este servicio fronte a calquera outro.

Realizarase un control do correcto funcionamento dos dispositivos de drenaxe previstos (tanto transversais como lonxitudinais) e das condicións de incorporación das augas á rede natural, levando a cabo o plan de control da rede de drenaxe proposto no EsA.

Á vista da información achega no estudio ambiental, e tendo en conta o cumprimento da premisa anterior, non se estima necesario levar a cabo un plan de control da calidade das augas.

A achega das augas das drenaxes á rede hidrográfica farase gradualmente, instalando sistemas protectores e/ou de disipación de enerxía, co fin de evitar erosión, deposición de sólidos ou asolagamentos na traxectoria de incorporación das augas ós cursos naturais.

Non se acumularán terras, entullos, material de obra nin calquera outro tipo de materiais nas zonas de servidume e policía dos cursos de auga, nin interferindo na rede natural de drenaxe, co fin de evita-la súa incorporación ás augas no caso de chuvias ou escorrega superficial. Non está permitido a lavada de maquinaria e materiais nos cursos fluviais.

A medida que avanza a obra procederase á estabilización e revexetación dos noiros de desmonte e/ou terraplén resultantes da execución da obra civil, co obxecto de previr fenómenos erosivos e incorporación de sólidos ás augas. Nas zonas de maior pendente empregaranse mallas antiescorrega e calquera outra medida necesaria para evita-lo arrastre de materiais ladeira abaixo.

Non estando previsto no estudio ambiental presentado a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, este necesariamente será provisto dende planta ou plantas localizadas fóra da obra, e que conten coas debidas autorizacións.

4. Protección do solo.

Realizarase un control topográfico preciso dos límites das zonas de obra e da localización de tódalas infraestructuras e instalacións proxectadas, que se axustará ó establecido nesta declaración, estando prohibido ocupar terreos fóra dos previstos.

Procederase á delimitación das zonas de obra mediante o seu balizamento, que deberá manterse en perfecto estado durante o transcurso das obras, sendo retirado cando estas finalicen. A circulación de vehículos e maquinaria de obra no parque restrinxirase ós viais e zonas acondicionadas para o efecto.

As infraestructuras asociadas á construcción do parque eólico executaranse de acordo coas especificacións técnicas e dimensións sinaladas no proxecto, non permitíndose o seu sobredimensionamento.

Na realización das voaduras disporanse os medios materiais necesarios (redes, mallas, lonas...) que impidan a proxección de fragmentos de rocha ó contorno. En calquera caso, se istos se producisen, deberán ser retirados da zona e depositados en lugar autorizado.

Nos movementos de terras equilibrarase ó máximo o volume de desmonte co de terraplén, tendo en conta que se, trala finalización das obras, existise material sobrante das escavacións, será retirado e depositado en lugar autorizado por órgano competente. No caso de precisar materiais de préstamo, deberán te-la súa procedencia debidamente acreditada, restaurándose o préstamo ó finaliza-la obra.

Para a localización das instalacións de obra seleccionarase un lugar de baixo valor ambiental, escasa pendente e afastado de calquera curso de auga ou área de protección arqueolóxica, reflictindo a localización prevista no plano requirido no punto 10.3 desta DIA.

No caso de deterioración de camiños ou calquera outra infraestructura ou instalación preexistente debido ás labores de construcción do parque, deberá restituírse a súa calidade ós niveis previos ó inicio das obras.

A realización do proxecto deberá respecta-la Lei 4/1994, de estradas de Galicia, no que se refire ó uso e defensa destas. As obras, edificacións, cerramentos e accesos que afecten ós terreos comprendidos na área de influencia das estradas requirirán, en todo caso, expresa autorización do órgano competente da Administración titular da estrada.

5. Xestión de residuos.

Tódolos residuos que se xeren como consecuencia da instalación, explotación e desmantelamento do parque eólico deberán ser xestionados en función da súa natureza e conforme a lexislación vixente, primando a reciclaxe ou reutilización fronte ó vertido.

Os residuos almacenaranse en contedores ata a súa entrega a xestor autorizado, atendendo ós criterios de almacenamento establecidos na lexislación vixente e sinalizando claramente a súa presencia.

Os labores de limpeza, mantemento e reparación da maquinaria durante a fase de obras realizaranse en talleres legalmente establecidos, eliminando así o risco de derrames accidentais de substancias contaminantes. Cando isto non sexa posible polas características da maquinaria, estas tarefas realizaranse na zona de instalacións de obra, protexendo o solo con materiais impermeables e dispoñendo os medios necesarios para a recollida de posibles verteduras.

Ó finaliza-las obras, e antes do inicio da fase de explotación, deberán terse retirado e xestionado a totalidade dos residuos de obra.

En tanto non se produzan as sucesivas entregas ó xestor autorizado, durante a fase de construcción os contedores localizaranse na zona de instalacións de obra, e durante a fase de explotación disporanse no edificio de control do parque do Sil.

6. Protección da fauna e vexetación.

6.1. Sobre a fauna.

Respecto á avifauna, realizaranse comprobacións periódicas que permitan determina-la existencia ou non de afeccións sobre os seus efectivos poboacionais e detectar posibles cambios no comportamento e usos do hábitat producidos pola instalación e/ou presencia dos aeroxeradores, tanto deste parque como os do seu contorno.

Para tal fin, levarase a cabo o plan de seguimento de avifauna proposto no EsA e unha valoración

conxunta dos resultados dos plans de seguimento de avifauna dos parques Sil, Meda e a súa ampliación, que incluirá tamén a liña de evacuación que lles da servicio. Neste senso, presentarase a documentación requirida nos puntos 10.5 e 10.7 da DIA.

Así mesmo, tendo en conta a presencia de Aguia Real (Aquila chrysaetos) na zona, especie incluída no anexo I da Directiva 79/409/CEE e no anexo II do Real decreto 439/1990, e da que se confirmou a existencia de niños a uns 1,5 quilómetros do aeroxerador nº 16, deberá contemplarse esta cuestión no seguimento de avifauna, aumentando a frecuencia no caso de detectarse a súa presencia, chegando incluso a para-lo funcionamento dos aeroxeradores en días de condicións meteorolóxicas moi desfavorables. Ademais do anterior, deberá facerse un estudio específico sobre a especie na área, conforme o requirido no punto 10.6 da DIA.

Respecto doutros vertebrados, dada a presencia de morcegos na zona, realizarase o seguimento de quirópteros proposto no estudio ambiental.

6.2. Sobre a vexetación.

O aeroxerador nº 3 deberá trasladarse á marxe oposta da estrada existente, co fin de preserva-la concavidade na que existe un asolagamento no que pode estar en proceso de formación unha turbeira mineralotrófica, e que sustenta unha pequena pradeira de montaña.

A eliminación da vexetación nas diferentes zonas afectadas polas obras reducirase ó estrictamente necesario, efectuándose mediante sistemas de roza.

Será preciso xestiona-la biomasa vexetal eliminada, primando a súa valorización, tendo en conta que non se pode proceder á queima destes restos. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, deberase proceder a súa trituración e espallado homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ó solo.

7. Protección do patrimonio cultural.

Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, execución de obra e restitución dos terreos en todo o ámbito do parque eólico, polo que, previamente ó inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Durante a fase de execución de obra procederase á inspección dos terreos rozados e dos perfís das gabias do cableado.

Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas en cada unha destas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Na fase de replanteo revisaranse os impactos e valorarase a aplicación das correspondentes medidas correctoras.

Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de

acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia.

8. Sobre a paisaxe.

Co fin de evita-lo importante impacto visual que produciría na paisaxe a instalación dos aeroxeradores nº 1, 6, 11 e 16, terase que evitar, con actuacións ou propostas concretas, que os anteditos aeroxeradores sexan visibles dende o Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil e o mirador dos Balcóns de Madrid. Para tal fin, presentarase a documentación requirida no punto 10.1 da DIA.

Empregaranse cores pouco rechamantes e tonos mate no acabado dos aeroxeradores e as liñas eléctricas previstas no interior do parque, tanto en baixa como en media tensión, así como as de telemando, comunicacións, etcétera, estarán soterradas en gabias, tal como se indica no estudio ambiental.

9. Restauración.

Tódalas superficies afectadas ou deterioradas pola execución das obras (marxes dos viais, foxos, contorno das obras de drenaxe, gabias do cableado, plataformas de montaxe, zonas de amoreamento de materiais...) deberán ser restauradas e revexetadas, favorecendo a recuperación do solo e a reinstalación da vexetación orixinal. Así mesmo, garantirase o mantemento da revexetación ó longo do tempo.

Para tal fin, levarase a cabo o proxecto de restauración incluído no estudio ambiental, realizando un seguimento da súa efectividade, incrementando a intensidade deste no caso de que se detecten dificultades para o desenvolvemento da vexetación.

Os labores de restauración e revexetación deberán realizarse paralelamente ó avance da obra, conforme as distintas superficies que se van restaurar acadan o seu estado definitivo, co fin de evitar fenómenos erosivos e lograr unha meirande integración paisaxística das zonas alteradas dende un principio.

Previamente á revexetación efectuarase o acondicionamento do terreo, procedendo á súa descompactación e laboreo superficial, retirando o exceso de pedregosidade e estendendo a terra vexetal previamente amoreada. Minimizarase o estendido de terra vexetal, restrinxíndoo ás zonas alteradas que vaian ser restauradas.

Ó finaliza-las obras, retiraranse as casetas de obra e calquera outra estructura relacionada, procedendo á recuperación da zona afectada.

Na fase de desmantelamento e abandono do parque, unha vez rematada a súa vida útil, levaranse a cabo tódalas actuación necesarias para recupera-la situación preoperacional da zona ocupada pola instalación, incluíndo a revexetación de tódalas zonas afectadas pola desmontaxe, conforme o plan de restauración presentado.

10. Documentación adicional.

Previamente ó inicio das obras, o promotor presentará perante o órgano substantivo, quen dará tras

lado a esta dirección xeral para a súa valoración e, se procede, imposición de medidas protectoras e/ou correctoras adicionais que se deriven, tres (3) exemplares da seguinte documentación:

10.1. Proposta relativa ós aeroxeradores nº 1, 6, 11 e 16 co fin de evita-la súa visibilidade desde o Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil e o mirador dos Balcóns de Madrid, conforme o exposto no punto 8 da DIA.

Se a proposta implicase relocalización de aeroxeradores, indicaranse as coordenadas UTM dos novos lugares, acompañándoa de valoración ambiental, estudio de visibilidade e planos de detalle. Tamén deberá terse en conta, para a selección de novos lugares, a presencia de aguia real na zona próxima ós Canóns do Sil, conforme o exposto no punto 6.1 da DIA.

10.2. Proposta de desprazamento do aeroxerador nº 3, conforme o establecido no punto 6.2 da DIA, incluíndo un plano de detalle e coordenadas UTM do novo lugar.

Unha vez informada favorablemente por esta dirección xeral a documentación requirida nos puntos anteriores, presentarase:

10.3. Plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta a poligonal do parque e tódalas infraestructuras e instalacións proxectadas, de acordo co que se derive do cumprimento dos puntos anteriores.

Diferenciaranse, en cores ou grafía distintiva, os viais preexistentes dos de nova construcción e aqueles que se van acondicionar, indicando na lenda a lonxitude de cada tipo e a das gabias do cableado. Reflictiranse, así mesmo, o punto/os de acceso ó parque e a localización prevista da zona de instalacións de obra, parque de maquinaria e amoreamento de materiais.

10.4. Adaptación, se é o caso, do plan de seguimento do nivel de ruído á configuración final do parque, segundo o indicado no punto 2.2 da DIA.

10.5. Revisión do plan de seguimento de aves, no referente á metodoloxía para a caracterización do comportamento das aves na área do parque, tendo en conta que, para a poboación de rapaces é máis axeitado establecer estacións de observación. No referente á detección de aves mortas por colisión, revisarase como mínimo o 50 % dos aeroxeradores por visita. A periodicidade proposta manterase, inicialmente, nos dous primeiros anos, dado que en seis meses non se obteñen datos significativos, e non cobren nin sequera un ciclo anual completo. Xuntarase tamén proposta de medidas protectoras e/ou correctoras a adoptar no caso de acada-los limiares de risco e medidas para a detección e corrección de impactos puntuais imprevistos (desvío de rutas migratorias ou pasos, acumulación temporal de aves na área...).

10.6. Estudio pormenorizado da aguia real (Aquila chrysaetos) na área do parque e as súas proximidades, conforme o punto 6.1 da DIA, que deberá ser elaborado por técnico/s especializado/s na materia e virá asinado polo/s autor/es, constando a súa titulación e acreditación do coñecemento da materia. Afondará tanto na caracterización local da poboación (zonas de nidificación, cría, campeo...), como nos riscos que afectarían á especie, sobre todo como consecuencia da implantación dos parques eólicos na zona. Conterá unha exposición detallada das medidas que se van aplicar para palia-los posibles impactos e un plan de seguimento específico adaptado ás particularidades da especie.

10.7. Proposta metodolóxica para a detección e valoración de posibles efectos acumulativos e/ou sinérxicos sobre a avifauna e quirópteros, referidos ós parques eólicos do Sil, Meda e a súa ampliación obxecto da presente DIA, incluíndo tamén a liña de evacuación que lles dá servicio, de acordo co punto 6.1 da DIA. Proporanse limiares de risco e medidas correctoras específicas ó respecto.

10.8. Novo orzamento do plan de restauración, adaptado, se é o caso, á configuración final do parque resultante do establecido na presente DIA.

10.9. Identificación do responsable ambiental por parte do promotor, en cumprimento do indicado no punto 12.3 da presente DIA.

10.10. Documentación acreditativa de ter notificado a pequena producción de residuos perigosos para a fase de obras, segundo o Decreto 298/2000, do 7 de decembro, polo que se regula a autorización e notificación de productor e xestor de residuos de Galicia.

10.11. Copia da autorización do proxecto arqueolóxico para a realización do control e seguimento arqueolóxico durante a fase de obras, conforme o indicado no punto 7 da presente DIA. En ningún caso poderán iniciarse as obras sen a autorización expresa da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, respecto do indicado neste punto.

Unha vez avaliada a antedita documentación, remitiráselle ó promotor o seu resultado, non podendo proceder ó inicio das obras ata que conte co informe favorable desta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental sobre a totalidade da documentación requirida.

Unha vez informado favorablemente por esta dirección xeral o cumprimento dos puntos anteriores, o promotor comunicará a esta dirección xeral a data de inicio das obras e remitirá, como mínimo 48 horas antes do seu comezo, o cronograma estimado de obras, contendo tódalas actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, as datas de inicio e fin e a duración prevista.

11. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras contempladas na documentación avaliada e no condicionado da declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir alteracións que non se puidesen prever no estudio ou no condicionado da DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

No caso de que durante o seguimento ambiental se detectasen, en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, tomaranse as medidas oportunas para paraliza-la actuación, comunicando a esta dirección xeral a incidencia detectada e propoñendo as medidas correctoras precisas para corrixilas, que serán avaliadas polo órgano ambiental, quen informará sobre a conveniencia ou non de continua-la actuación nesas circunstancias.

Tendo en conta o anterior, o promotor remitiralle a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo e coa periodicidade indicada, tres (3) exemplares da seguinte documentación:

11.1. Durante a execución das obras presentarase, con carácter trimestral, un informe de obras que como mínimo inclúa:

a) Cronograma de obras actualizado, con tódalas actividades, incluíndo as medidas protectoras e correctoras e indicando, para cada actividade, a porcentaxe de execución respecto ó total. No cronograma figurará a data de actualización.

b) Resultados do plan de seguimento do nivel de ruído, con medicións en plena actividade, indicando persoal de obra e maquinaria en funcionamento. As medicións serán efectuadas por entidade homologada por esta dirección xeral, e os informes presentaranse asinados por técnico desa entidade.

c) Resultados do plan de control da rede de drenaxe, seguimento de avifauna e, se é o caso, de quirópteros.

d) Informe onde se detallen, para aqueles indicadores ambientais que non teñan plans de seguimento específicos, os controis ambientais efectuados de acordo co plan de vixilancia (indicando datas das visitas), resultados da aplicación das medidas protectoras e correctoras, incidencias ou imprevistos acontecidos, labores de restauración levados a cabo, xestión dos residuos de obra, etcétera. O informe reflictirá o cumprimento da declaración en relación a tódolos aspectos incluídos ou derivados dela.

e) Informe de avance da obra, acompañado de reportaxe fotográfica, onde se describa o desenvolvemento dos traballos en relación a tódolos compoñentes do proxecto. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización.

f) Plano en planta, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta a situación real das obras e a porcentaxe de execución respecto do total, referido a tódolos elementos que conforman o proxecto.

11.2. Ó final das obras, comunicarase a data de posta en marcha do parque. No prazo máximo de dous (2) meses desde o remate dos traballos, presentarase un informe fin de obras, co seguinte contido mínimo:

a) Informe onde se describa o desenvolvemento dos traballos desde a emisión do último informe de obras e o estado final destas trala súa finalización, así como os controis ambientais e medidas protectoras e correctoras levadas a cabo, incidencias ou imprevistos acontecidos e solucións adoptadas, destino dos sobrantes de terras, residuos de obra e biomasa vexetal; descrición detallada do estado final da área afectada en relación a tódolos aspectos contemplados no estudio ambiental e no condicionado desta declaración.

b) Reportaxe fotográfica que amose con detalle os aspectos máis salientables da actuación: zonas nas que se implantaron os aeroxeradores, estado dos viais, drenaxes e foxos, gabias do cableado, estado de limpeza da área, en especial da zona destinada a instalacións de obra, zonas onde se efectuaron medidas protectoras e correctoras, etcétera. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización.

c) Plano as built, a escala 1:5.000 ou maior detalle e dotado de coordenadas UTM, no que se reflicta a situación real de tódalas instalacións e infraestructuras do parque, así como as zonas onde se realizaron medidas protectoras e/ou correctoras de carácter ambiental.

d) Documentación acreditativa de ter notificado a pequena producción de residuos perigosos para a fase de explotación, segundo o Decreto 298/2000, do 7 de decembro, polo que se regula a autorización e notificación de productor e xestor de residuos de Galicia.

11.3. Seguimento ambiental semestral, contado desde o inicio da explotación, durante os dous primeiros anos desta. Este informe incluirá, como mínimo, os seguintes contidos:

a) Resultados do plan de seguimento do nivel de ruído, indicando o número de aeroxeradores en marcha durante a medición.

b) Resultados do plan de control dos dispositivos de drenaxe e das condicións de incorporación das augas á rede natural, de acordo co punto 3 da DIA.

c) Resultados do plan de seguimento de avifauna e quirópteros, conforme o punto 6.1.

d) Informe dos posibles efectos acumulativos e/ou sinérxicos, conforme o que se derive da documentación requirida no punto 10.7 da DIA.

e) Informe, acompañado de reportaxe fotográfica detallada, no que se describan os resultados da aplicación do plan de restauración, indicando os avances e incidencias no proceso de rexeneración da cuberta vexetal, estado dos viais, foxos, plataformas de montaxe, gabias do cableado, drenaxes e aquelas zonas nas que se aplicasen medidas de protección contra a erosión. Detallaranse os controis ambientais efectuados (indicando datas das visitas) para verifica-la eficacia e evolución das medidas protectoras e correctoras adoptadas. Describiranse as posibles incidencias en relación a tódolos aspectos incluídos ou derivados da DIA. Nas fotografías indicarase a data e hora, acompañándoas dun plano de localización.

11.4. Seguimento ambiental anual: presentarase a partir do segundo ano de explotación e terá, con carácter xeral, os contidos do informe descrito no punto anterior.

Non obstante, esta dirección xeral, á vista dos resultados obtidos no seguimento ou a proposta motivada do promotor poderá modifica-lo contido de dito informe ou a frecuencia dos controis que se van realizar.

11.5. Informe previo ó abandono: no prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación do parque, remitirase un cronograma estimado das actuacións de desmantelamento e abandono da instalación, acompañado, se é o caso, dun informe indicando as posibles variacións respecto do plan de desmantelamento previsto, xunto coa súa xustificación.

11.6. Informe posterior ó abandono: no prazo de dous (2) meses contados dende o remate dos traballos de desmantelamento e abandono do parque, remitirase un informe acompañado de reportaxe fotográfica, que conteña a descrición das actuacións levadas a cabo, con especial mención á xestión dos residuos procedentes do desmantelamento e á restauración das superficies afectadas.

12. Condicións adicionais.

12.1. Para efectos de seguimento da presente declaración, o órgano substantivo comunicará a este órgano ambiental a data de notificación da DIA ó promotor.

12.2. As condicións sinaladas nesta declaración de impacto ambiental (DIA) son de obrigado cumprimento para a empresa promotora. Nembargantes, o promotor poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas indicadas, co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación, ou implicasen modificacións importantes na actividade, sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican na presente declaración.

Nesta circunstancia, o promotor realizará a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Esta solicitude remitirase no prazo máximo dun (1) mes despois de serlle notificada a presente DIA polo órgano substantivo. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental procederá a súa avaliación, comunicando o acordo adoptado ó promotor, quen non poderá comeza-las obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral para o efecto.

12.3. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o promotor deberá designar un responsable do control deste, notificando o seu nomeamento ó órgano substantivo, quen o comunicará ó órgano ambiental.

12.4. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberá elaborarse tendo en conta a variable ambiental e será notificado previamente, a través do órgano substantivo, a esta dirección xeral, quen o avaliará e decidirá sobre a súa aceptación, comunicando así mesmo se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

12.5. Previamente ó inicio das obras, o promotor deberá depositar un aval para garanti-lo cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ó ambiente e do custo de restauración, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental.

Proponse como importe provisional do aval, que deberá fixa-lo órgano substantivo, o 4% do investimento previsto, ascendendo á cantidade de trescentos sesenta e un mil cincocentos cincuenta e catro con corenta e un (361.554,41) euros. O importe definitivo do aval, que será actualizable, proporase cando o promotor presente o novo orzamento do plan de restauración, conforme ó requirido no punto 10.8 da DIA.

12.6. O órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá establecer, en calquera momento e para os efectos ambientais, condicionados adicionais á presente declaración, en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da explotación, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non contemplado actualmente.

12.7. Se unha vez emitida esta declaración se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o medio ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou a solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e ata que estes sexan corrixidos.

12.8. O incumprimento total ou parcial, por parte da empresa promotora, das condicións impostas nesta DIA, poderá ser causa suficiente para proceder á solicitude de peche cautelar e adopta-las medidas oportunas en cumprimento da lexislación vixente.

12.9. A presente declaración non exime o promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificacións desta.

12.10. O proxecto de referencia estará ó abeiro do disposto na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

12.11. O promotor queda obrigado a cumprir toda a normativa que se dicte con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

12.12. Deberán efectuarse os trámites oportunos para a publicación da DIA no Diario Oficial de Galicia, conforme o disposto no artigo 5.7º Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia.

ANEXO I

Resumo do proxecto

O proxecto denominado parque eólico de ampliación de Meda, promovido pola empresa Eólicas del Sil, S.A., consiste na instalación e explotación dun parque eólico composto por 16 aeroxeradores e a súa infraestructura asociada, no concello de Parada de Sil (Ourense). Os aeroxeradores distribuiranse ó longo dunha aliñación dentro do polígono definido polas coordenadas UTM que se indican no punto 1 desta declaración.

As características básicas do proxecto presentado son as seguintes:

* Número de aeroxeradores: 16.

* Modelo: Gamesa G-52.

* Potencia unitaria por aeroxerador: 850 kW.

* Potencia total instalada: 13,6 MW.

* Altura das torres: 44 m.

* Diámetro do rotor: 52 m.

* Producción neta anual prevista: 39.584 MWh/año.

* Inversión prevista: 9.038.860,33 euros.

A obra civil inclúe a execución duns 3.000 m de viais de acceso e servicio ós aeroxeradores, cunha largura de rodadura de 3,5 m e dotados de gabias e drenaxes para a recollida e evacuación de pluviais. Prevese a execución duns 6.050 m de gabias de conducción do cableado, cunha largura máxima de 60-70 cm.

Medidas preventivas e correctoras

Atmosfera

* Posta a punto do motores, limitación de velocidade, realización de obras en período diúrno, pantallas acústicas portátiles de ser necesario, mantemento das instalacións e realización dun control das emisións de ruído.

* Rega de superficies, mantemento de amoreamentos, cubrición de camións de transporte, revisión da maquinaria e ITV de vehículos.

Solo.

* Selección previa de lugares de acopio e instalacións auxiliares, xestión de sobrantes de obra, mantemento de maquinaria fóra da obra, revexetación, circulación de vehículos polos viais, retirada de terra vexetal, control da compactación, loita contra a erosión.

Augas.

* Obras de drenaxe, sistemas de disipación, control das formigoneiras, plan de control de augas, evitar obras en períodos de moita chuvia, vixilancia do sistema de drenaxe.

Vexetación.

* Eliminación da mínima vexetación, non se eliminará a vexetación mediante lume, circulación polos viais, revexetación e seguimento da súa efectividade.

Fauna.

* Evitar molestias en época de cría, recuperación da vexetación.

Paisaxe.

* Remodelado de noiros, plan de revexetación, instalacións provisionais en zonas pouco visibles, xestión de residuos, acabado mate dos aeroxeradores.

Patrimonio arqueolóxico.

* Medidas preventivas e correctoras do estudio de impacto arqueolóxico.

Socioeconomía.

* Evitar obras pola noite e en festivos, respectar sinalizacións, control de ruído e emisións de po, parque aberto con visitas concertadas.

ANEXO II

Resumo dos informes

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite informe favorable ó estudio de impacto arqueolóxico, cos seguintes condicionantes que se van incluír na correspondente declaración ambiental:

1. Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, de execución de obra e de restitución dos terreos, en todo o ámbito do parque eólico. Para tal fin, e previo ó inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

2. Durante a fase de execución de obra procederase á inspección dos terreos rozados e dos perfís das gabias.

3. Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas, en cada unha destas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de replanteo revisaranse os impactos e valorarase a aplicación das correspondentes medidas correctoras.

4. Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia.

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza, a través da Subdirección Xeral de Espacios Naturais e Biodiversidade, emite informe que inclúe un resumo do proxecto e as seguintes consideracións:

Actualmente, o lugar onde se pretende construí-lo parque non ostenta ningunha figura autonómica ou estatal de protección de espacios naturais, aínda que moi preto, a uns 300 metros, localízase a proposta de LIC Canón do Sil. Este espacio atópase, na actualidade, no rexistro xeral de Espacios Naturais en Réxime de Protección Xeral, establecido así na Orde do 13 de xuño de 2002. De todos modos, malia a proximidade, non son de prever deterioracións ou alteracións apreciables dos hábitats e especies polos que o espacio foi proposto como LIC e protexido.

1. En canto á vexetación afectada, na maior parte da área na que se implantarán os aeroxeradores está constituída por uceiras (aeroxeradores 1 ó 10), mesturadas con toxos e xestas nas partes máis baixas da serra (entre o 11 e o 16). O dito hábitat sería o catalogado na Directiva 92/43/CEE como uceiras secas europeas.

É de destaca-la zona de localización do aeroxerador nº 3, coa presencia dunha concavidade na que se dá un asolagamento temporal ou permanente e que pode estar en proceso de formación dunha turbeira mineralotrófica e que sustenta unha pequena pradeira de montaña; neste senso vese aconsellable o traslado do aeroxerador ó outro lado do vial existente.

2. No estudio faise mención da presencia na zona de águia real, (Aquila chrysaetos), ave que figura no anexo I da Directiva 79/409/CEE, e no cal se afirma que non se atoparon niños na zona, os cales foron confirmados polo Servicio Provincial de Conservación da Natureza moi preto do parque, a uns 1,5 km do aeroxerador nº 16, concretamente nos escarpados do Canón do Sil; tendo isto en conta, no plan de vixilancia das poboacións de aves aumentarase a periodicidade do seguimento no caso de detectarse a súa presencia, parando incluso o funcionamento dos aeroxeradores en días nos que as condicións atmosféricas sexan moi desfavorables. De todas formas debe facerse un estudio pormenorizado

da águia real na área do parque e as súas proximidades, estudio que afonde tanto na caracterización local da poboación (zonas de nidificación, cría, campeo...), así como nos riscos que afectarían a esta especie, sobre todo como consecuencia da implantación dos parques eólicos na zona; sendo, ademais, fundamental a exposición detallada das medidas que se van aplicar para palia-los posibles impactos.

Extremarase a minuciosidade no seguimento das poboacións de aves e quirópteros, polo que no desenvolvemento e aplicación do plan de aves, teranse en conta as seguintes recomendacións:

* Presentación con regularidade periódica dos resultados obtidos.

* A frecuencia de mostraxe debe considera-las particularidades estacionais e locais da avifauna (migracións, época reproductora, inicio do voo).

* Presentación de forma explícita dos datos empregados na consecución dos resultados.

* O plan debe presentarse para que se solape en duración co tempo de afección do proxecto, ou sexa, durante a súa vida útil.

* Implementaranse as medidas mínimas para a detección de calquera impacto negativo imprevisto que se poida producir sobre as poboacións de aves, tanto durante a execución como a explotación. Unha vez detectado o posible impacto, adoptaranse as medidas cautelares que procedan, dando comunicación inmediata dos feitos ó organismo competente.

* O seguimento deberíase integrar nun único plan de vixilancia que abranguise o conxunto dos parques eólicos da zona así como a liña de evacuación destes.

* O estudio cero de avifauna debería integrarse no estudio ambiental.

3. O impacto sobre a paisaxe da futura ampliación será moi severa debido á amplísima conca visual do proxecto. A integración paisaxística será un aspecto crucial na execución da obra, cumpríndose o disposto no Plan de Revexetación. Os viais axustaranse á topografía do terreo e o modelado de noiros evitará formas demasiado artificiais. Empregaranse canteiras ou zonas de extracción abandonadas para o depósito de materiais, que logo serán restauradas. Sería adecuado que se propuxesen medidas de carácter compensatorio que tratasen de equilibra-lo impacto de índole paisaxística e ecolóxica, mediante labores de mellora ecolóxica e paisaxística.

4. Con independencia do previsto no plan de vixilancia do estudio ambiental, durante o replanteo e execución, efectuaranse os controis oportunos para garantir que non se producen impactos imprevistos, sobre todo nas poboacións de aves. No momento no que se detecte un posible impacto, tomaranse as medidas oportunas para evitalo, comunicando ó correspondente servicio de conservación da natureza tal situación, así como as medidas que se planifican adoptar. En todo caso, paralizaranse aquelas obras susceptibles de producir afección, en tanto o organismo competente non se pronuncie.

A Dirección Xeral de Obras Públicas informa que a realización deste proxecto deberá respecta-la Lei 4/1994, de estradas de Galicia, no que atinxe ó uso e defensa destas. As obras, edificacións, cerramentos e accesos que afecten ós terreos comprendidos na área de influencia das estradas requirirán, en todo caso, expresa autorización do órgano competente da Administración titular da estrada.

A Dirección Xeral de Turismo emite informe de incidencia turística que inclúe unha descrición das características do proxecto e da súa localización, idoneidade turística da instalación, impacto visual na paisaxe e principios normativos nos que se basea o informe.

No punto de conclusións indican o seguinte:

1. Que o impacto visual na paisaxe sería importante, e dada a orografía da zona, imposible de amortecer.

2. Que non obstante o anterior, o feito da existencia de dous parques eólicos na zona fai que a valoración global do impacto producido pola ampliación do parque sobre o medio perceptual poida ser cualificada como moderada.

3. Terase que evitar, con actuacións ou propostas concretas que os novos aeroxeradores nº 1, 6, 11 e 16 sexan visibles desde o Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil e dende o Mirador dos Balcóns de Madri

Polo anterior, e sempre e cando se cumpra o manifestado no punto 3, considérase a instalación con informe de incidencia turística asumible.

A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas emite informe favorable, que inclúe un resumo das características básicas do proxecto, da tramitación realizada, dos informes emitidos polos organismos consultados, dos resultados de información pública e unha proposta de condicionado ambiental.

A Confederación Hidrográfica do Norte informa o seguinte:

Compróbase que no lugar de construcción do parque só discorren augas pluviais de forma ocasional, e que dado que se trata dunha divisoria de montañas non son presumibles afeccións importantes ó dominio público hidráulico.

Pola configuración da rede hidrolóxica da zona non cabe falar de dominio público hidráulico, senón de canle de dominio privado, o que non autoriza, nembargantes, para facer nel labores nin construír obras que poidan facer varia-lo curso natural das augas ou a súa calidade en prexuízo do interese público ou de terceiros.

De existir cruzamento de liñas sobre o dominio público hidráulico e as súas zonas de servidume e policía, ou verteduras de augas residuais, deberá obterse previamente autorización administrativa do organismo de conca.

ANEXO III

Resumo das alegacións

Francisco López González, en representación da Asociación Forestal ASOFOR, alega cuestión rela

tivas ó impacto acústico e paisaxístico do proxecto, así como a carencia de informe da Confederación Hidrográfica do Norte e estudio de impacto arqueolóxico.

José Enrique Teijeiro Blanco, en representación da CMVMC Cabeza de Meda, alega, nun escrito similar ó anterior, cuestións relativas ó impacto acústico e paisaxístico do proxecto, así como certas carencias no proxecto técnico, de contido non ambiental, acompañando a súa alegación dun informe técnico.