Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Mércores, 20 de agosto de 2003 Páx. 10.755

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 12 de agosto de 2003 que modifica a do 12 de febreiro de 2003 pola que se modifican as bases reguladoras das axudas para os investimentos en transformación e comercialización de productos agrarios do período 2000-2006 e se convocan para o exercicio orzamentario de 2003.

A Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural publicou no Diario Oficial de Galicia do 20 de febreiro de 2003 a Orde do 12 de febreiro pola modifican as bases reguladoras das axudas para os investimentos en transformación e comercialización de productos agrarios do período 2000-2006 e se convocan para o exercicio orzamentario de 2003. Esta orde establece no seu artigo 6º as partidas orzamentarias e importes económicos para financia-las axudas, dándose con posterioridade a circunstancia de que o volume de peticións supera as estimacións inicialmente realizadas, polo que convén amplia-lo orzamento consignado inicialmente dándolle, ademais, ás axudas un carácter plurianual.

En consecuencia, e de acordo co disposto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase o artigo 6º da Orde do 12 de febreiro de 2003, publicada no Diario Oficial de Galicia do 20 de febreiro de 2003, pola que modifican as bases reguladoras das axudas para os investimentos en transformación e comercialización de productos, que queda redactado como segue:

«Artigo 6º.- Financiamento.

Para facer fronte ás obrigas derivadas da presente convocatoria, o pagamento das axudas poderá abrangue-las anualidades 2003, 2004 e 2005. As obrigas correspondentes ó ano 2003 financiaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias 09.04.713A.770.0, dotada inicialmente con 7.500.000 euros, 09.04.714A.770.0, dotada inicialmente con 50.000 euros, e 09.04.615A.770.0 dotada inicialmente con 50.000 euros, dos orzamentos de gastos da Comunidade Autónoma para 2003, así como con cargo ós remanentes adicionais que puidesen existir nos mesmos conceptos. As obrigas imputables ó ano 2004 financiaranse con cargo á aplicación 09.04.713A.770.0 e 09.04.714A.770.0 por uns importes máximos de 14.582.694,53 euros e 600.000 euros respectivamente, e as imputables ó 2005 con cargo á aplicación 09.04.713A.770.0 por un importe máximo de 3.000.000 de euros».

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2003.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural