Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Mércores, 20 de agosto de 2003 Páx. 10.753

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 7 de agosto de 2003 pola que se establece o procedemento para a obtención da autorización necesaria para a realización das poxas previas establecidas no Decreto 419/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente sobre descarga, primeira venda e comercialización dos recursos mariños frescos.

A Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia, no seu artigo 97, dispón que tratándose dos peixes e mariscos comercializados en fresco, a primeira venda deberá efectuarse preceptivamente nas lonxas ou nos lugares que para tal fin se establecerán regulamentariamente, sen prexuízo da existencia de determinas excepcións.

O Decreto 419/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente sobre descarga, primeira venda e comercialización dos recursos mariños en fresco, establece no seu artigo 21 que a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, poderá autorizar, por instancia dos interesados, as vendas reguladas neste título mediante o sistema de poxa previa.

Este sistema de poxa previa, que ten carácter excepcional, consiste no sinalamento dun valor fixo dunha determinada especie que rexerá a poxa durante un período concreto.

Por outra banda as cambiantes circunstancias dos mercados da pesca e a situación variable dos recursos pesqueiros, fan necesario que exista un procedemento que permita de forma axeitada resolve-los problemas que puntualmente se presentan no eido da primeira venda de productos frescos da pesca.

Por todo isto, e en virtude das facultades conferidas no artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e a Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Finalidade.

Esta orde ten por obxecto establecer un procedemento para outorgar, no ámbito da competencia da Comunidade Autónoma, autorizacións para a realización de primeira venda de recursos mariños frescos polo sistema de poxa previa.

Defínese como «poxa previa», aquel procedemento de primeira venda de productos frescos da pesca que, con carácter excepcional, consiste no sinalamento dun valor fixo dunha determinada especie que rexerá a poxa durante un período concreto.

Artigo 2º.-Solicitudes e documentación.

Poderán solicita-la poxa previa aquelas entidades que sexan concesionarias da lonxa ou teñan auto

rizado o centro de venda, conforme o establecido no Decreto 419/1993, do 17 de decembro, onde se pretenda levar a cabo este sistema excepcional de venda.

As solicitudes dirixiranse ó conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos segundo o modelo que figura no anexo I desta orde, e se presentarán no rexistro da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos ou no de calquera das súas delegacións territoriais ou comarcais, ou en calquera dos previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Xunto coa solicitude deberá presentarse unha memoria explicativa que conterá como mínimo o seguinte:

-Breve xustificación da necesidade de instaura-lo sistema de poxa previa.

-Especie ou especies obxecto da poxa previa, así como lugar, o día e a hora na que se pretende celebrar.

-Cantidades máximas que se pretenden comercializar mediante este sistema.

-Período de vixencia para o que se solicita a autorización.

Artigo 3º.-Resolución, prazo e réxime de recursos.

A resolución correspóndelle ó conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, por proposta da Dirección Xeral de Estructuras e Mercados da Pesca, logo dos informes realizados pola Dirección Xeral de Recursos Mariños, e pola Subdirección Xeral de Control, Salvamento Marítimo e Loita contra a Contaminación.

Na resolución de autorización fixaranse as condicións específicas que rexerán a poxa previa.

As solicitudes serán resoltas nun prazo máximo de tres meses desde a data de entrada da solicitude. Transcorrido o prazo máximo sen que o interesado recibise comunicación expresa entenderase estimada a súa pretensión por silencio administrativo.

A resolución da solicitude porá fin á vía administrativa e poderase interpor recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da recepción da notificación da resolución.

Artigo 4º.-Obrigas da entidade autorizada.

As entidades autorizadas para a realización da poxa previa deberán remitir, mensualmente, á Dirección Xeral de Estructuras e Mercados da Pesca, a seguinte documentación:

-Día de celebración das poxas.

-Horario destas.

-Volumes de venda.

-Prezos acadados.

-Relación de compradores participantes.

-Outras incidencias de interese, con independencia das condicións específicas que se determinen en cada autorización concreta.

Artigo 5º.-Vixencia e extinción das autorizacións.

As autorizacións reguladas nesta orde, caducarán nos seguintes casos:

1. Incumprimento da normativa vixente.

2. Incumprimento dalgunha das condicións que motivou a concesión da poxa previa.

3. Incumprimento de todas ou algunha das obrigas da entidade autorizada establecidas no artigo 4º.

4. Transcorrido o período para o que foi concedida.

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, comunicará á entidade autorizada os motivos para a declaración de caducidade, para os efectos oportunos, agás no caso establecido no punto 4 anterior, no que non será necesaria a declaración expresa.

Disposicións transitorias

Primeira.-As autorizacións concedidas para a realización de poxa previa, pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, con anterioridade á entrada en vigor desta orde, terán validez de seis meses desde a súa publicación.

Segunda.-No caso de poxas previas autorizadas especificamente nun plan de explotación aprobado terán validez ata o seu remate.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Estructuras e Mercados da Pesca para que dicte as resolucións necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2003.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E

DESENVOLVEMENTO RURAL