Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 159 Martes, 19 de agosto de 2003 Páx. 10.719

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EMIGRACIÓN

ORDE do 7 de agosto de 2003 pola que se regula a concesión de subvencións a asociacións de inmigrantes de nacionalidade española e estranxeira.

O Decreto 196/2003, do 20 de marzo, polo que se desenvolve a estructura orgánica da Consellería de Emigración establece, entre as súas competencias, o exercicio da política inmigratoria nacional e estranxeira en Galicia.

O fenómeno da globalización e os constantes movementos migratorios que se están a producir están a afectar a tódolos países, non quedando Galicia allea a esta situación. De feito, a nosa Comunidade Autónoma presenta nos últimos cinco anos un notable incremento dos movementos inmigratorios ata chegar a un rexistro de máis de oitenta e dous mil inmigrantes. Ante esta situación, a creación da Consellería de Emigración resposta á decisión do goberno galego de elaborar unha política autonómica propia en materia de inmigración nacional e estranxeira axeitada á realidade que se está a presentar no noso país.

Con este fin, e ante a existencia de asociacións de inmigrantes de nacionalidade española e estranxeira radicadas no noso territorio, a conveniencia de apoialas no exercicio das súas funcións e a competencia asumida pola consellería de apoio á creación e mantemento do movemento asociativo inmigratorio, convócase esta orde de axudas a fin de facilitarlle ás devanditas entidades o desenvolvemento das súas actuacións.

Finalmente, o marco normativo ó que se axusta esta convocatoria, ademais de ás bases establecidas nela, é o disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e polo Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por todo o exposto, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e finalidade da convocatoria.

O obxecto desta orde e regula-los requisitos e condicións para a concesión, por parte da Consellería de Emigración, de subvencións a asociacións de inmigrantes en Galicia, tanto nacionais (incluídos os emigrantes retornados procedentes doutros países) como estranxeiros, que desenvolvan programas que favorezan a súa integración social.

Artigo 2º.-Requisitos das entidades solicitantes.

As asociacións que soliciten subvención con cargo a esta convocatoria deberán reunir, á finalización do prazo de presentación de solicitudes, os seguintes requisitos:

a) Carecer de ánimo de lucro, estar integrados por inmigrantes ou emigrantes retornados, e ter entre os seus fins estatutarios a atención á poboación inmigrante en Galicia, nacional ou estranxeira, e que así conste nos seus estatutos.

b) Ter sede permanente na Comunidade Autónoma galega.

c) Estar debidamente inscrita como asociación no rexistro correspondente.

Artigo 3º.-Accións subvencionables e contía da axuda.

Poderán subvencionarse con cargo a esta convocatoria os gastos correntes e de equipamento, derivados do funcionamento das entidades indicadas no artigo anterior e correspondentes ó exercicio económico do ano 2003.

Cada entidade beneficiaria poderá recibir unha axuda de ata o 80% do orzamento presentado e ata un máximo de 8.000 euros.

Artigo 4º.-Criterios de valoración.

Para a determinación da contía a conceder a cada entidade teranse en conta os seguintes criterios:

a) Ámbito territorial de actuación da entidade solicitante. Valorarase de 1 a 4 puntos segundo o ámbito sexa municipal, provincial, supraprovincial ou autonómico.

b) Nº de asociados. Ata 50 asociados valorarase 1 punto; de 51 a 100 con 2 puntos e máis de 100 con 3 puntos.

c) Programación das actividades que desenvolva; particularmente, teranse en conta as seguintes (valorarase de 1 a 3 puntos):

-Programas de sensibilización e fomento da interculturalidade. Proxectos que promovan accións tendentes ó respecto e á tolerancia e rexeiten toda clase de actuacións xenófobas e promocionen o intercambio cultural entre a poboación inmigrante e a poboación autóctona.

-Programas de información, orientación e asesoramento, tendentes a proporcionar á poboación inmigrante un coñecemento dos seus dereitos e dos recursos ós que poden acceder pola súa condición e situación.

-Programas que promovan a coordinación e cooperación social neste eido e que potencien a creación de redes solidarias, coordinación de actuacións e transmisión de experiencias que favorezan a mellora da calidade da intervención neste sector.

Artigo 5º.-Aplicacións orzamentarias.

As axudas que se concedan con cargo a esta convocatoria imputaranse á aplicación orzamentaria 17.04.213A.480.0 ata unha contía máxima de 75.000 euros, e na aplicación orzamentaria 17.04.213A.780.1 ata unha contía de 75.000 euros.

Artigo 6º.-Lugar e prazo de presentación de solicitudes.

1. As solicitudes dirixiranse á Consellería de Emigración e poderán presentarse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. O prazo de presentación será de corenta días hábiles contados desde o día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 7º.-Solicitude e documentación.

As solicitudes presentaranse segundo o modelo oficial establecido como anexo I a esta orde, á que deberán xunta-la seguinte documentación en orixinal ou copia debidamente compulsada:

1. Acreditación da identidade e capacidade de representación do asinante da solicitude que actúa en nome da entidade solicitante.

2. Fotocopia cotexada da tarxeta de identificación fiscal.

3. Copia dos seus estatutos e acreditación do requisito de inscrición da entidade no rexistro correspondente.

4. Certificación do secretario da asociación que acredite o número de socios da entidade.

5. Memoria explicativa da entidade solicitante correspondente á súa actividade durante o ano 2002, agás no suposto de asociacións de nova creación, e actuacións executadas ou para realizar no ano 2003, segundo o anexo II.

6. Orzamento de gastos correntes e/ou de equipamento previstos para o ano 2003 para os que solicita a subvención.

Artigo 8º.-Emenda da solicitude.

Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se achega a documentación esixida, a Consellería de Emigración requirirá ó interesado para que, no prazo máximo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se entenderá desistido da súa petición, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dictándose resolución para o efecto.

Artigo 9º.-Resolución.

A competencia para resolve-las solicitudes de axudas correspóndelle ó conselleiro de Emigración, quen dictará a correspondente resolución no prazo máximo de 3 meses, que se computarán a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen se dictaren as resolucións expresas, poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido nos artigos 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 10º.-Recursos.

Contra a resolución expresa ou presunta, que pon fin á vía administrativa, poderán os interesados interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as dictou, no prazo dun mes

contado a partir do día seguinte ó da recepción da correspondente notificación, no caso de resolución expresa. No caso de que a resolución se entenda desestimada por silencio administrativo, o prazo será de 3 meses contados a partir do día seguinte ó de producción do acto presunto.

De non se estima-la presentación deste recurso, poderán os interesados interpoñer recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de 2 meses contados a partir do día seguinte ó da recepción da correspondente notificación, se a resolución é expresa. No caso de que a resolución se entenda desestimatoria por silencio administrativo, o prazo será de 6 meses contados a partir do día seguinte ó de producción do acto presunto.

Ademais deste réxime de recursos contra a resolución de adxudicación das axudas, esta convocatoria e as súas bases poderán impugnarse na forma e nos prazos establecidos na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 11º.-Forma de pagamento e xustificación da axuda.

O importe da subvención concedida será transferido á conta bancaria da que sexa titular a entidade beneficiaria e así se acredite mediante certificación bancaria segundo o modelo establecido no epígrafe correspondente do anexo I desta orde.

O pagamento da axuda realizarase da seguinte forma: realizarase un anticipo, sen xustificación previa, do 50% do importe da axuda concedida no momento da súa concesión, librándose o 50% restante no momento da completa xustificación dos gastos, que deberá realizarse antes do 10 de decembro do ano 2003.

Para a xustificación dos gastos deberán presentarse os correspondentes orixinais ou copias compulsadas de facturas; contratos de aluguer ou de servicios ou subministracións; recibos validamente emitidos; e boletíns de cotización da Seguridade Social no caso de gastos de persoal. O órgano xestor reserva para si a facultade de solicitar calquera outro documento que considere conveniente para a correcta xustificación do gasto.

Artigo 12º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación, de acordo co disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 13º.-Compatibilidade das axudas.

As axudas concedidas en virtude desta orde serán compatibles con outras, calquera que sexa a súa natureza ou Administración ou entidade que as conceda, sempre que a suma de todas elas non supere

o custo total da acción subvencionable. Para a determinación do cumprimento deste requisito, o beneficiario da axuda deberá informar no momento da solicitude e ó longo do ano 2003 de tódalas axudas e subvencións que para o mesmo fin perciba de calquera entidade pública ou privada.

Artigo 14º.-Obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiarios das axudas estarán obrigados a:

a) Mante-la súa actividade, alomenos durante dous anos contados a partir do momento da concesión da axuda, agás causas de forza maior debidamente xustificadas.

b) Someterse ás actuacións de comprobación que considere oportuno a Consellería de Emigración e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ó Tribunal de Contas e o Consello de Contas segundo a lexislación vixente na materia, facilitando o seu labor de fiscalización e control.

c) Comunicar á consellería a obtención de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera entidade pública ou privada.

d) Facer constar nos medios de difusión e publicidade das súas actividades a condición de subvencionada pola Consellería de Emigración.

Artigo 15º.-Reintegro.

De conformidade co disposto no artigo 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, procederá ó reintegro, total ou parcial, da subvención concedida e os xuros de demora producidos desde o momento do seu pagamento nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obtención da subvención sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas ó beneficiario pola concesión da axuda.

Disposicións adicionais

Primeira.-Autorízase a delegación de competencias do conselleiro de Emigración no director xeral de Apoio á Inmigración para a resolución da concesión e denegación das subvencións previstas nesta orde.

Segunda.-Facúltase o director xeral de Apoio á Inmigración para que dicte, no exercicio das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2003.

Aurelio D. Miras Portugal

Conselleiro de Emigración