Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 159 Martes, 19 de agosto de 2003 Páx. 10.712

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 1 de xullo de 2003, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se ordena o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Voz Audiovisual, S.A.

Visto o texto do convenio colectivo de ámbito autonómico da empresa Voz Audiovisual, S.A. (código do convenio nº 8200792) que se subscribiu con data do 17 de xuño de 2003, entre a representación da empresa e os membros do comité de empresa, e de conformidade co disposto no artigo 90, números 2º e 3º, e do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo.

A Dirección Xeral de Relacións Laborais

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do dito convenio no rexistro xeral de convenios desta dirección xeral.

Segundo.-Remiti-lo texto orixinal ó correspondente servicio deste centro directivo.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2003.

Pilar Cancela Rodríguez

Directora xeral de Relacións Laborais

Convenio colectivo Voz Audiovisual, S.A.

TÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito territorial.

Este convenio é de aplicación nos centros de traballo da empresa Voz Audiovisual, S.A. existentes na actualidade no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e nos que durante a vixencia deste convenio puidesen establecerse.

Artigo 2º.-Ámbito funcional.

As normas contidas neste convenio colectivo son de aplicación a tódalas actividades da empresa Voz Audiovisual, S.A.

Artigo 3º.-Ámbito persoal.

O convenio é de aplicación á totalidade do persoal que preste os seus servicios na empresa e o faga en virtude dunha relación laboral ordinaria, salvo os supostos establecidos legalmente para o persoal de alta dirección. Quedan excluídos tamén os actores, pois as súas relacións laborais con Voz Audiovisual, S.A. se rexen polo establecido no seu propio convenio colectivo.

Artigo 4º.-Ámbito temporal: vixencia e denuncia.

Este convenio terá unha duración de 1 ano, entrando en vigor desde o 1-1-2003, con excepción do artigo 19 que o fará desde a sinatura do convenio colectivo, e rematando a súa vixencia o 31 de decembro de 2003.

O convenio colectivo poderá ser denunciado por calquera das partes cunha anticipación mínima de polo menos dous meses á data de finalización da súa vixencia. No caso de non ser denunciado en tempo e forma, entenderase prorrogado por anualidades ata a conclusión da negociación dun novo convenio colectivo. Unha vez producida a denuncia, manterá a súa vixencia o contido íntegro deste convenio colectivo ata a sinatura dun novo.

Artigo 5º.-Vinculación á totalidade.

Este convenio colectivo aprobarase en consideración á integridade das prestacións e contraprestacións así como a tódalas condicións establecidas no conxunto do seu articulado.

Artigo 6º.-Respecto de dereitos. Absorción e compensación.

Respectaranse as condicións salariais, pactadas a título persoal ou derivadas dunha decisión unilateral do empresario, que estean vixentes ó entrar en vigor o convenio e que, con carácter global, excedan o mesmo en cómputo anual.

As retribucións establecidas neste convenio compensarán e absorberán tódalas existentes na súa entrada en vigor, calquera que sexa a natureza ou orixe, na forma que o propio convenio establece e, en todo caso, segundo o establecido no artigo 26.5º do Estatuto dos traballadores.

Artigo 7º.-Comisión paritaria.

1. Constitúese unha comisión paritaria como órgano de conciliación e interpretación do pactado neste convenio formada por tres representantes dos traballadores e tres da dirección da empresa, preferentemente que interviran na negociación. Tamén poderán intervir, con voz mais sen voto, os asesores correspondentes a ámbalas partes.

2. A dita comisión dotarase dun regulamento de funcionamento.

3. O domicilio da comisión paritaria será o do centro de traballo de Agrela, na cidade da Coruña.

4. Os acordos da comisión paritaria requirirán, para a súa validez, a conformidade da maioría simple de membros de cada unha das representacións.

5. Son funcións desta comisión:

-Interpretación da aplicación de tódalas cláusulas deste convenio.

-Mediación e conciliación de tódalas cuestións que as partes sometan á súa consideración e que deriven da aplicación do convenio.

-Vixilancia do cumprimento do pactado no convenio.

6. No caso de que a comisión paritaria non poida chegar a acordos nos asuntos que lle sexan sometidos, calquera das partes, con carácter previo á vía xudicial, poderá acudir ós mecanismos de composición establecidos no Acordo Galego de solución extraxudicial de conflictos, AGA, se é dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, ou ó ASEC se é noutro ámbito.

TÍTULO II

Persoal e condicións de traballo

Capítulo I

Estructura profesional

Artigo 8º.-Clasificación profesional.

Todo o persoal en activo á entrada en vigor do convenio, e o que entre durante a vixencia deste convenio colectivo, será inmediatamente encadrado no grupo profesional que lle corresponda tendo en conta as funcións que realmente desenvolva de acordo coa clasificación que figura no anexo I a este convenio.

Artigo 9º.-Factores de encadramento.

O encadramento dos traballadores incluídos no ámbito de aplicación deste convenio dentro da estructura profesional pactada será o resultado da ponderación global dos seguintes factores: coñecementos, iniciativa, autonomía, responsabilidade, mando e complexidade. Estes factores responden á seguinte definición:

1. Coñecementos.

Factor para a valoración do cal se terá en conta, ademais da formación básica necesaria para poder cumprir correctamente a misión, o grao de coñecemento e experiencia adquiridos.

Este factor pódese dividir en dous subfactores:

a) Formación: considerarase o nivel inicial mínimo de coñecementos teóricos que debe posuír unha persoa de capacidade media para chegar a desempeñar satisfactoriamente as funcións do posto de traballo despois dun período de formación práctica. Este factor tambén deberá considera-las esixencias de coñecementos especializados, idiomas, informática, etc.

b) Experiencia: este subfactor determina o período de tempo requirido para que unha persoa de capacidade media, e posuíndo a información especificada anteriormente, adquira a habilidade e práctica necesarias para desempeña-lo traballo do seu posto, obtendo un rendemento suficiente en cantidade e calidade.

2. Iniciativa e autonomía.

Factor no que se ten en conta a maior ou menor dependencia de directrices ou normas e a maior ou menor subordinación no desenvolvemento da función que corresponda.

Este factor comprende tanto a necesidade de detectar problemas como a de improvisar solucións para estes.

Débese ter en conta:

a) Marco de referencia: valoración das limitacións que puidesen existir no posto respecto a acceso a persoas con superior responsabilidade no organigrama da empresa, a existencia de normas escritas ou manuais de procedemento para a sección que corresponda.

b) Elaboración da decisión: entendendo como tal a obriga dimanante do posto de determina-las posibles solucións e elixir aquela que se considere máis apropiada.

3. Complexidade.

Factor que se avalía en función do maior ou menor número, así como do maior ou menor grao de integración dos restantes factores enumerados na tarefa ou posto encomendado. Terase en conta ademais:

a) Dificultade no traballo: considerarase a complexidade da tarefa que se vai desenvolver e a frecuencia das posibles incidencias.

b) Habilidades especiais: este subfactor determina as habilidades que se requiren para determinados traballos, como poidan ser esforzo físico, destreza manual, etc., e a súa frecuencia durante a xornada laboral.

c) Ambiente de traballo: apreciaranse as circunstancias baixo as que se debe efectua-lo traballo e o grao en que estas condicións fan o traballo desagradable.

4. Responsabilidade.

Terase en conta o grao de autonomía de acción do titular da función e grao de influencia sobre os resultados e importancia das consecuencias da xestión.

a) Responsabilidade sobre a xestión e resultados: considerarase a responsabilidade asumida polo ocupante do posto sobre os erros que se puidesen dar. Avalíanse non só as consecuencias directas, senón tamén a súa posible repercusión na marcha da empresa. Para avaliar correctamente é necesario ter en conta o grao en que o traballo é supervisado ou comprobado posteriormente.

b) Capacidade de interrelación: este subfactor aprecia a responsabilidade asumida polo ocupante do posto sobre contactos oficiais con outras persoas de dentro ou de fóra da empresa. Considerarase a personalidade e habilidade necesaria para conseguir os resultados desexados e a forma e frecuencia dos contactos.

5. Mando.

É o conxunto das tarefas de planificación, organización, control e dirección das actividades doutros, asignadas pola dirección da empresa, que requiren dos coñecementos necesarios para comprender,

motivar e desenvolvelas persoas que dependen xerárquicamente do posto. Para a súa valoración deberase ter en conta a capacidade de ordenación de tarefas, a natureza do colectivo e o número de persoas sobre as que se exerce o mando.

Artigo 10º.-Mobilidade funcional.

1. A mobilidade funcional desenvolverase, en función das necesidades operativas da empresa, dentro dos límites que marca o ET.

2. A realización de funcións do grupo profesional superior ó que teña un traballador, por un período de máis de 6 meses durante un ano ou 8 meses durante dous anos, consolidará a clasificación profesional superior que lle corresponde. Non obstante, mentres dure a situación, percibirá o nivel salarial superior.

3. Se por necesidade perentoria ou imprevisible da actividade productiva a empresa tivese que destinar un traballador a tarefas correspondentes a un grupo inferior, porque o dito traballo non puidese realizalo outro traballador dese grupo inferior, só poderá facelo con carácter excepcional, polo tempo imprescindible, e nunca superior a 6 meses, mantendo a retribución e demais dereitos derivados do seu grupo profesional, e comunicándollelo ós representantes dos traballadores.

4. Poderase levar a cabo unha mobilidade funcional no interior dos grupos profesionais cando isto non implique traslado de localidade. Exercerán de límite para esta os requisitos de idoneidade e aptitude necesarios para o desenvolvemento das tarefas que se lle encomenden ó devandito traballador.

5. Para os efectos deste artigo entenderase que existe a idoneidade requirida cando a capacidade para o desenvolvemento da nova tarefa se desprenda da anteriormente realizada ou o traballador teña o nivel de formación ou experiencia requirida. De non se produciren os anteriores requisitos, deberá a empresa dota-lo traballador da formación antes referida.

6. A representación dos traballadores poderá reclamar información sobre as decisións adoptadas pola dirección da empresa en materia de mobilidade funcional, así como da xustificación e causa delas, véndose obrigada a empresa a facilitárllela.

Artigo 11º.-Mobilidade xeográfica.

Distínguense dúas modalidades: traslados e desprazamentos temporais.

Traslado: enténdese traslado cando supón un cambio de domicilio, ou de centro de traballo en localidade distinta, do traballador.

En tódolos supostos de traslado considerados neste punto o traballador terá dereito a unha licencia retribuída de 5 días naturais ininterrompidos. Igualmente tera dereito ó aboamento dos gastos de transporte das persoas coas que conviva e dos mobles e en xeral, entre a localidade de orixe e a de destino.

O traslado poderase realizar:

1. Por instancia do traballador. Neste caso a petición formularase por escrito, entregando copia á dirección e ó comité de empresa.

2. Por mutuo acordo de empresa e traballador. Observarase o convido entre ámbalas partes.

3. Por decisión da dirección da empresa. Poderase efectuar nos supostos do establecido no artigo 40 do ET ou disposición legal que o substitúa.

Será sempre razón organizativa suficiente por decisión da dirección da empresa que exista vacante no centro de traballo de destino e que o traballador obxecto de traslado vaia ocupar un posto de igual ou superior categoría, conservando o traballador tódolos seus dereitos no concernente a salario e calquera outro aspecto da remuneración.

Unicamente poderán ser trasladados, no caso ó que se refire o punto 3 deste artigo, os traballadores que teñan menos de 52 anos e que leven na empresa menos de 20 anos.

Desprazamentos temporais.

A empresa poderá desprazar temporalmente o seu persoal fixo a poboación distinta, nos supostos establecidos no artigo 40.4º do ET ou disposición legal que o substitúa.

Artigo 12º.-Ingreso e contratación.

A provisión de vacantes levarase a cabo de acordo co seguinte procedemento:

1) Corresponde á dirección da empresa con carácter exclusivo a admisión e ingreso do persoal a través da contratación externa, de acordo coas disposicións legais sobre o emprego, así como o establecemento das condicións e probas que vaian esixirse ó persoal de novo ingreso en cada caso.

2) Recursos internos mediante unha adecuada política de promoción, ascensos e traslados pactados do persoal da empresa.

3) A empresa utilizará calquera das modalidades da contratación establecidas no Estatuto dos traballadores e demais disposicións legais sobre a materia.

Artigo 13º.-Modalidades de contratación.

Toda contratación que por necesidades do servicio deba ser efectuada nas modalidades de contrato temporal, contrato en prácticas ou contrato a tempo parcial, deberase rexer polas seguintes normas:

1. Contrato temporal: reducirase ó mínimo imprescindible o recurso á utilización de traballadores que pertenzan a empresas de traballo temporal, excepción feita dos casos que non correspondan á actividade productiva da empresa e a duración dos cales non sobrepase os 30 días. Ós citados traballadores aplicaránselle-las condicións establecidas neste convenio.

2. Contrato en prácticas: os traballadores contratados en prácticas percibirán durante o primeiro ano de vixencia do seu contrato o 60% do salario correspondente á súa categoría profesional, e o 90% durante o segundo ano. As mesmas porcentaxes serán de aplicación para os casos de nocturnidade.

3. Contrato a tempo parcial: é aquel que se presta durante un número de horas inferior ó considerado neste convenio. Este tipo de contratos non poderán incluír en ningún caso cláusula de exclusividade.

Artigo 14º.-Demisión do traballador.

1. O traballador que desexe cesar voluntariamente na empresa deberá poñelo en coñecemento desta, por escrito, cunha antelación mínima de quince días. O incumprimento deste aviso previo pola parte do traballador dará dereito á empresa a descontarlle, da liquidación que tivese que percibir, o importe dun día de salario por cada día de atraso no aviso previo.

2. En igual sentido, a empresa deberá avisalos traballadores con contrato de carácter temporal cunha anticipación mínima de 15 días á súa finalización, e con 7 días se o contrato é de obra ou servicio determinado. En caso de non o facer así, deberá aboarlle ó traballador os días de falta de aviso previo.

Capítulo II

Xornada e organización do traballo. Vacacións.

Artigo 15º.-Principios xerais.

1. A natureza das actividades da empresa Voz Audiosual, S.A. fai necesario que a ordenación, distribución e aplicación dos horarios e xornadas teña a variabilidade e mobilidade que esixe a atención delas. Por esta razón, a actividade laboral distribuirase, en función das necesidades do servicio, entre tódolos días da semana.

2. Con razón fundada na misión diversa que teñen que levar a cabo as distintas unidades funcionais da empresa, a ordenación e distribución da xornada e horarios efectuarase por departamentos. O cambio dunha unidade funcional a outra suporá a adscrición ó sistema horario e xornada que rexa nela.

3. As quendas e a eventual rotación son intrínsecos á propia actividade da empresa, así como a adscrición ás diferentes modalidades de horario e xornada. Con este obxectivo, a dirección da empresa, a través das xefaturas dos distintos departamentos, exercerá a facultade e responsabilidade de ordenación dos horarios e xornadas de acordo co que se regulamenta nos artigos seguintes, oídos os representantes dos traballadores e perseguindo unha racional organización do traballo.

4. Entre o final dunha xornada e o comezo doutra haberá un mínimo de 12 horas.

Artigo 16º.-Xornada de traballo.

A xornada anual será de 1.800 horas de traballo efectivo. A semanal será a equivalente a 40 horas

de traballo efectivo de media en cómputo anual distribuídas de luns a venres, sendo considerados os sábados e domingos como días non laborais.

Os traballadores terán dereito a un descanso semanal de 48 horas ininterrompidas, que como regra xeral, comprenderán o sábado e o domingo.

A empresa, en función das súas necesidades e logo de acordo co comité de empresa, respectando o número de horas anuais de traballo convidas así como os períodos mínimos establecidos legalmente e por este convenio de descanso diario e semanal, poderá realizar unha distribución irregular da xornada.

O tempo de desprazamento entre o centro de traballo e o lugar de gravación non se considerará tempo de traballo efectivo sempre que non exceda media hora, incluíndo a ida e a volta. O tempo de desprazamento en exceso sobre estes límites si se considerará tempo de traballo efectivo.

Artigo 17º.-Modalidades de xornada.

1. Os diferentes grupos horarios poderán adopta-las seguintes modalidades de xornada:

a) Xornada partida. Realizada en período diúrno ten unha interrupción de unha hora como mínimo e dúas como máximo. A interrupción deberá estar comprendida entre as 13.30 e as 16.30. A asignación á xornada partida incluirá a comunicación das horas de entrada e saída tanto para o primeiro bloque como para o segundo.

b) Xornada continuada. Establecida nun único bloque de 8 horas cada día. Terá unha pausa de 30 min. que serán computables para tódolos efectos como tempo efectivo de traballo.

c) Xornada nocturna. É a comprendida entre as 22.00 e as 6.00 horas.

d) Xornada en rodaxe.

Durante o transcurso dunha xornada de máis de 8 horas, durante a rodaxe farase un corte de 15 minutos para bocadillo por cada intervalo horario de 4 horas, e un corte dunha hora e media para comer por cada intervalo de 6 horas, sen que os ditos cortes teñan consideración de traballo efectivo. Os gastos de manutención correrán a cargo da empresa.

Artigo 18º.-Modalidades de horario.

1. Horario fixo. É o establecido con carácter permanente.

2. Horario en quendas.

-Estableceranse tantas quendas como requiran as necesidades do servicio. Esta modalidade poderá ser fixa (cando o traballador sexa asignado sempre á mesma quenda) ou rotatoria (cando o traballador cambie periodicamente de quenda).

-Os traballadores adscritos a este sistema de horario coñecerán a distribución do horario cada mes

con, cando menos, 8 días de anticipación, sendo os horarios asignados e selados pola empresa.

-Na planificación das quendas aplicarase a distribución das mesmas de maneira equitativa e deberá evitarse a coincidencia de realizar nunha semana a última quenda e na seguinte a primeira.

-Os traballadores poderán intercambialas quendas de mutuo acordo, co visto e prace do xefe inmediato superior.

Artigo 19º.-Horas extraordinarias.

É firme vontade das dúas partes a reducción ó mínimo indispensable do número de horas extraordinarias. Para garantilo anterior, manteranse reunións entre comité e empresa, que se encargarán de analizalas horas extraordinarias, o estudio das causas que as orixinan e a formulación de solucións para a súa extinción ou reducción.

Axustándose a esta vontade teranse en conta os seguintes criterios:

a) Non se recolle a realización de horas extraordinarias habituais, considerándoas suprimidas.

b) Realizaranse as horas extras que veñan esixidas pola necesidade de reparar sinistros e outros danos extraordinarios e urxentes.

c) Tamén se realizarán as horas extraordinarias necesarias para atender pedidos ou períodos punta de producción, ausencias imprevistas, cambios de quenda e outras circunstancias de carácter estructural, sempre que non caiba a utilización das distintas modalidades de contratación temporal ou parcial previstas pola lei.

En calquera caso, a prestación de horas extraordinarias será de aceptación voluntaria por parte do traballador.

A primeira hora extra diaria aboarase de acordo coa seguinte fórmula:

* VHE= [SBA/1800] x 1,25

Onde VHE é o valor da hora extra, SBA é o salario bruto anual.

Se en caso moi extraordinario, houbese que realizar unha segunda hora extra, esta aboaríase da seguinte maneira:

* VHE= [SBA/1800] x 1,50

Onde VHE é o valor da hora extra, SBA é o salario bruto anual.

O traballador poderá optar entre cobrar as horas extraordinarias ou compensalas con descansos a razón de 1 h e 15 min por hora traballada ou por 1 h e 30 min, segundo proceda e sempre que a producción o permita. Esta opción deberá ser solicitada polo traballador antes de que comece a producción de que se trate. En caso de discrepancia resolverá a comisión paritaria. O descanso compensatorio ó que houbese lugar por esta circunstancia

deberase gozar antes de transcorridos dous meses desde a data na que se ocasionou o dereito.

Non obstante, se se tratase de persoal contratado por obra cunha duración inferior a un ano e optase pola compensación en descanso, esta producirase ó remate do seu traballo efectivo nela.

Artigo 20º.-Calendario laboral e horarios.

A dirección e o comité de empresa establecerán anualmente os calendarios laborais, cadro de horarios e os tempos de desfrute de bocadillo de aplicación nos distintos departamentos ou unidades organizativas, coa vixencia temporal que se pacte, antes do 31 de xaneiro de cada ano.

Artigo 21º.-Festivos.

Tódolos traballadores terán dereito a gozar por cada día festivo traballado un día e medio de descanso acumulable a vacacións, coa opción de que poderán solicitar que o dito día sexa compensado economicamente cunha retribución de 78 euros.

No suposto de solicita-lo descanso compensatorio, a data para o seu desfrute fixarase de común acordo coa empresa, excepto no caso de xornada intensiva de fin de semana, que será obrigatoriamente acumulable a vacacións.

Festivos especiais: os días 24, 25 e 31 de decembro e o 1 de xaneiro serán considerados festivos especiais e serán compensados economicamente a razón de 120 euros en prexuízo da retribución do día festivo.

Artigo 22º.-Complemento de traballo dominical.

Tódolos traballadores que desenvolvan a súa xornada en domingo percibirán en concepto de complemento dominical unha retribución de 78 euros.

A percepción deste complemento non anula o dereito ó descanso semanal compensatorio de día e medio.

Artigo 23º.-Complemento de nocturnidade.

Tódolos traballadores que realicen toda ou parte da súa xornada en horario nocturno (entre as 22.00 e as 6.00 h) percibirán un complemento de nocturnidade a razón de 1 euro por hora nocturna.

Artigo 24º.-Vacacións.

O persoal rexido por este convenio colectivo terá dereito ó desfrute anual de 22 días laborables de vacacións retribuídas.

O desfrute das vacacións será ó longo de todo o ano, podendo fraccionarse en dous períodos como máximo (cun período mínimo de 5 días laborables) garantindo sempre que a producción o permita, que un dos períodos se desfrutará nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro. A empresa informará previamente ó comité de empresa das razóns de produccións que, se é o caso, puidesen existir para non garanti-lo desfrute nestes meses.

Non poderán compensarse en metálico, en todo ou en parte, as vacacións anuais do persoal fixo

do cadro de persoal, e temporais de duración igual ou superior a un ano.

A aqueles traballadores que causen baixa ou alta durante o ano en curso corresponderanlles as vacacións proporcionais en función do tempo traballado.

Anualmente establecerase unha programación de vacacións en cada departamento e fixaranse os criterios de desfrute destas. As colisións nun período de desfrute das vacacións que poidan producirse entre dous ou máis empregados, resolveranse de acordo coas normas que respecto disto estableza a dirección da empresa coa participación da representación legal dos traballadores e que deberán estar baseadas no principio de fixar unha orde rotativa de preferencia no desfrute, iniciándose a dita rotación por aquel persoal que teña maior antigüidade na empresa.

O cadro de distribución das vacacións exporase cunha anticipación de dous meses, como mínimo, nos taboleiros da empresa para coñecemento do persoal.

Se durante o desfrute das vacacións se producise unha situación de baixa por incapacidade temporal, debida a enfermidade ou accidente non laboral, quedaran interrompidas as vacacións e continuará o seu desfrute nas datas que de común acordo fixen ámbalas partes. No caso de que, establecido o calendario de vacacións, o traballador/a non puidese gozalas por estar en incapacidade temporal, gozaraas nas datas que de común acordo fixen a empresa e o traballador. De todas estas situacións será informado o comité de empresa.

Artigo 25º.-Permisos retribuídos.

O traballador, logo de aviso e xustificación, poderase ausentar do traballo con dereito a remuneración polos motivos e tempo dos supostos do artigo 37.3º do Estatuto dos traballadores ou disposición legal que o substitúa. Estes supostos veranse ampliados cos seguintes:

a) Por nacemento de fillos: 3 días naturais.

b) Por casamento de familiares en primeiro grao de consanguinidade: un día natural, que terá que coincidir coa data de celebración daquel.

c) Por enfermidade grave de familiar en primeiro grao de consanguinidade ou afinidade: ata dous días naturais. Se é familiar en segundo grao: un día natural.

d) Por falecemento de cónxuge ou parella coa que conviva, pais, fillos, irmáns, avós, cuñados, xenros, noras e pais políticos: tres días naturais.

e) Por permiso para a lactación dun fillo menor de nove meses, as traballadoras terán dereito a unha hora de reducción da súa xornada diaria, que poderán usar tamén de forma fraccionada ou acumulada para o seu desfrute semanal ou mensual. Así mesmo, poderase optar por acumular o total de horas de permiso por lactación e gozalas de forma ininterrompida a seguir da baixa por maternidade. O permiso

de lactación aumentará proporcionalmente en caso de parto múltiple.

Artigo 26º.-Licencias non retribuídas.

Os traballadores/as poderán solicitar permiso non retribuído unha soa vez ó ano, para atenderen circunstancias persoais; estas licencias poderán ir de (1) día a seis (6) meses.

O traballador/a solicitará a licencia con, polo menos, quince (15) días de anticipación á data de desfrute da licencia, e a empresa contestará como máximo cinco (5) días antes de que remate este prazo.

Artigo 27º.-Excedencias voluntarias.

Poderá solicitar unha excedencia todo aquel traballador/a cunha antigüidade mínima de un (1) ano de acordo co artigo 46º do vixente Estatuto dos traballadores.

Capítulo III

Retribucións e estructura salarial

Artigo 28º.-Estructura salarial.

1. A estructura salarial de cada grupo comprende un salario base de grupo ou salario de contratación, como retribución fixa por unidade de tempo ou de obra e, se é o caso, complementos salariais.

2. O salario base de grupo remunera tanto a xornada coma os períodos de descanso nos termos nos que estes se encontren establecidos neste convenio colectivo.

3. A táboa salarial do persoal afectado polo convenio recóllese no anexo I.

Artigo 29º.-Pagas extraordinarias.

Os traballadores terán dereito á percepción das seguintes pagas extraordinarias, que se devengarán anualmente:

a) Paga de xuño: percibirase o 15 de xuño de cada ano e o seu importe estará constituído polos conceptos fixos da nómina.

b) Paga de Nadal: percibirase o 15 de decembro de cada ano e o seu importe estará constituído polos conceptos fixos da nómina.

Estas pagas poderán ser rateadas en mensualidades, en todo ou en parte, por petición expresa do traballador.

Artigo 30º.-Axudas de custo e quilometraxe.

Naqueles supostos en que o traballador teña que realizar desprazamentos fóra do seu centro habitual de traballo por orde ou disposición da empresa, terá dereito a gastos de locomoción e/ou aloxamento en función de que o dito desprazamento sexa na comunidade autónoma de orixe ou fóra dela.

* Dentro da CA de orixe:

-Comida e cea: 12 euros c/u (1.997ptas.).

-Pernoita: observarase o establecido en canto a un desprazamento temporal.

* Fóra da CA de orixe:

-Comida e cea: 18 euros c/u (2.995 ptas.).

-Pernoita: observarase o establecido en canto a un desprazamento temporal.

* Aloxamento e almorzo: 36 euros.

* Quilometraxe: 0,18 euros/km (30 ptas/km).

Artigo 31º.-Cláusula de revisión salarial.

Tódolos conceptos económicos aquí pactados e os da nómina sufrirán unha suba salarial nos seguintes termos:

-Compensación da desviación que poida sufrir o IPC real a final de ano respecto ó IPC previsto a principios de ano.

Capítulo IV

Beneficios sociais

Artigo 32º.-Complemento en IT.

Os traballadores en situación de incapacidade temporal (IT) percibirán un complemento ó subsidio da Seguridade Social ata completa-lo seu salario real.

Artigo 33º.-Producción audiovisual.

Os traballadores especializados que traballen nunha producción audiovisual teñen dereito a que o seu nome e categoría profesional figure nos seus títulos de crédito.

TÍTULO III

Outras disposicións

Capítulo I

Formación

Artigo 34º.-Formación.

A empresa e o comité de empresa colaborarán na elaboración anual dun plan de formación para cubrilas necesidades detectadas neste aspecto nos distintos departamentos. Os cursos pactados clasificaranse segundo a necesidade de adaptación dos empregados ás novas técnicas de traballo que redunden nun mellor aproveitamento deste, tanto en calidade como en cantidade.

Artigo 35º.-Tipos de curso.

Os cursos que resulten do plan de formación acordado por efecto do artigo anterior clasificaranse necesariamente nas seguintes categorías:

De adscripción obrigatoria: son aqueles cursos que pola súa necesidade para o correcto desenvolvemento dunha nova tarefa ou pola complexidade dunha nova técnica, teñen carácter obrigatorio para os traballadores afectados. Neste caso o tempo que dure o curso será computado como tempo efectivo de tra

ballo. No caso de que por asistir a un curso destas características se exceda a xornada máxima pactada neste convenio, o tempo excedido compensarase como horas ordinarias.

A formación poderá impartirse no centro de traballo ou fóra del, dentro do horario laboral ou á marxe deste. A asistencia dos traballadores ós cursos de formación, xa se impartan total ou parcialmente fóra da xornada laboral, considerarase obrigatoria cando sexa necesaria para o desempeño normal do posto de traballo e se xustifique a imposibilidade de realizala dentro da xornada laboral.

De adscrición voluntaria: son aqueles cursos que supoñen a actualización e desenvolvemento de coñecementos previos na realización das tarefas que non corresponden ó persoal afectado polo curso. Neste caso o tempo que dure correrá a conta do traballador.

Capítulo II

Seguranza e hixiene

Artigo 36º.-Seguro de automóbiles.

A empresa estará obrigada a que o conductor e ocupantes de calquera automóbil da empresa, sexa propio ou alugado, estean cubertos por un seguro que cubra danos físicos ou materiais, de acordo coas pólizas suscritas pola empresa, nas que estará garantida, en todo caso, a defensa xurídica.

Artigo 37º.-Equipamento mínimo en rodaxe e gravación en exteriores.

A empresa porá ó dispor de todo o persoal que participe en gravación e rodaxes de exteriores o vestiario mínimo de seguranza e hixiene, así como as instalacións portátiles de saneamento apropiadas.

Artigo 38º.-Local para comedor.

A empresa disporá dun local axeitado para aqueles traballadores que por desexo propio ou por necesidades de producción realicen o xantar ou a cea nas instalacións de empresa.

Artigo 39º.-Recoñecemento médico.

A empresa ó seu cargo ofrecerá un recoñecemento médico especifico do seu posto de traballo ós seus traballadores polo menos unha vez ó ano. Unha copia do resultado individual deste recoñecemento deberá ser entregada ó propio traballador.

Capítulo III

Réxime disciplinario

Artigo 40º.-Normas xerais.

Levarase a cabo de acordo co establecido sobre cobertura de baleiros aprobado por resolución de data 13-5-1997 ou calquera outro que o substitúa.

ANEXO I

IIIIIIIVV

DirecciónAux. dirección2º axte. direcciónLingüista1º axte. direcciónDirectores

Rexedor

Script

Guionista

IIIIIIIVV

ArteAux. atrezzoAttrezzistaDecoradorDirector artístico

Aux. maquillaxeAxte. vestiarioMaquillador/a

Aux. perruqueríaAxte. maquillaxePerruqueiro/a

Aux. vestiarioAxte. perruqueríaVestiarista

Carpinteiro

RealizaciónAux. realizaciónOperador de VídeoAxte. realizaciónRealizador

Aux. de cámaraOperador de guindastreControl de cámarasXefe iluminación

Aux. eléctricoEléctricoOperador de cámara 1ªXefe de son

Aux. de sonOperador de sonOp. cámara/editor

Op. edic. e posproducciónTécnico ed/posprod.

Op. grafismoIluminador

Operador de cámara *Técnico grafismo

Técnico de son

TécnicaAux. técnicoAxte. técnicoTécnico mantementoXefe técnicoDir. técnico

ProducciónAux. producciónAxte. producciónProductorXefe producciónDir. producción

Secretaria producción

RedacciónAxte. redacciónRedactorXefe redacción

XeralAux. administrativoAdministrativoOficial administrativoDir. desenvolvemento

LimpadorAxudantes

Euros8.680,5711.019,3413.181,6014.987,3919.542,3

Pesetas1.444.0001.833.5002.193.0002.494.0003.251.500

NOTA. Definición da categoría operador de cámara do grupo II: enténdese como un operador de cámara con menos de 1 ano de experiencia no seu posto, capaz de realiza-las súas funcións nas produccións que se realicen en interiores (plató) e exteriores, normalmente baixo a supervision dun realizador ou un operador de cámara de 1ª