Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 159 Martes, 19 de agosto de 2003 Páx. 10.707

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 6 de agosto de 2003 pola que se convocan axudas para a realización de proxectos de investigación sobre materias turísticas dentro do programa de Ciencias Sociais do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica (2002-2005).

A Lei 12/1993, de fomento de investigación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia, no seu artigo 1 establece como obxectivo xeral o fomento da investigación científica e a innovación tecnolóxica para promove-lo desenvolvemento económico, social e productivo de Galicia. Como unha ferramenta encamiñada ó logro deste obxectivo, a citada lei, no seu capítulo II, crea o Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico. O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 14 de marzo de 2002, aprobou o Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica (2002-2005).

O plan está integrado por programas xerais, sectoriais e horizontais. Dentro dos programas sectoriais figura o bloque de Servicios ó Cidadán que está formado por dous programas: Ciencias Sociais e Sociedade da Información. Dentro do programa de Ciencias Sociais inclúese, entre outros, proxectos relacionados co turismo, ocio e deporte, é dicir, proxectos relacionados co estudio da demanda turística e da motivación do ocio, relación entre o turismo e a conservación da paisaxe e do patrimonio, saturación de centros turísticos, diversificación da oferta turística, etc.

A importancia que o sector turístico ten no desenvolvemento da nosa economía require que por parte das administracións públicas se dediquen recursos para xerar iniciativas con tendencia a mellorar cada día o sector para así mante-la demanda existente e incrementala en todo o que sexa posible.

En consecuencia co anterior a Consellería de Innovación, Industria e Comercio en colaboración coa Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, e en virtude das atribucións que ten con

feridas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, e o Decreto 223/2003, do 11 de abril, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Innovación, Industria e Comercio,

DISPÓN:

Primeiro.-Obxecto e áreas de estudio e investigación.

Convocar ata un máximo de doce axudas para a realización de proxectos de investigacións por parte de investigadores novos que deberán versar sobre algún dos seguintes temas:

1. Comunicación e promoción turística referida a Galicia (oficinas de turismo, imaxe de Galicia a partir do material de divulgación, marcas, accións, promocións).

2. Destinos turísticos fráxiles: natureza, rural, núcleos históricos (xestión de visitantes, impacto do turismo, indicadores de sustentabilidade).

3. Turismo e dinamización económica en Galicia (xeración de emprego, gasto turístico, tecido empresarial, comercialización de productos).

4. Novos productos turísticos e diversificación da oferta (náutico, termal, natureza, cultural, social, outros).

5. Hostalería, calidade nos servicios e profesionalización do sector.

6. Políticas das administracións públicas e lexislación en materia turística. Estudios comparados.

Segundo.-Duración e dotación económica.

Os proxectos que resulten seleccionados deberán estar finalizados nos 12 meses seguintes ó da concesión das axudas, se ben a petición do interesado e por causa xustificada poderá autorizarse unha ampliación do dito prazo ata o 12 de novembro de 2004.

O importe de cada unha das axudas concedidas oscilará entre 4.200 euros e 6.600 euros e será determinado pola comisión de selección en función da complexidade do proxecto e dos custos aparellados previsibles, o seu aspecto innovador ademais do interese dos seus obxectivos. Para a concesión destas axudas destinarase ata un máximo de cincuenta e catro mil cen euros que se imputaran á aplicación orzamentaria 08.05.432A.781.0 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2003 e 2004 (27.050 euros en cada unha delas).

Terceiro.-Beneficiarios e natureza xurídica da relación.

Poderán ser beneficiarios destas axudas, unha persoa o un equipo interdisciplinar como máximo de tres persoas que reúna/n os seguintes requisitos: diplomados en turismo, técnicos de empresas e actividades turísticas ou titulados superiores, idade máxima de 35 anos, que acrediten formación e/ou con experiencia en materias relacionadas coa área sobre a que se propón investigar, e non foran adxudicatarios de máis dunha axuda deste tipo en anteriores convocatorias da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, ou da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento. As axudas concedidas son incompatibles con calquera outra destinada ó mesmo obxecto ou finalidade.

A condición de beneficiario da axuda obxecto desta convocatoria non xerará relación laboral ou contractual de ningún tipo coa Xunta de Galicia nin a inclusión na Seguridade Social.

Cuarto.-Solicitudes e documentación.

1. As persoas interesadas presentarán no rexistro xeral da Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento, ou por calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dentro dos 40 días hábiles seguintes ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, a seguinte documentación:

a) Unha solicitude segundo o modelo oficial CSO-05, do que a cara externa se publica como anexo á presente orde está dispoñible de forma íntegra na Internet nos enderezos: http://www.sxid.org; htt://www.xunta.es/conselle/in.

b) De se-lo o caso, composición do equipo (máximo de 3 persoas) que realizará o proxecto.

c) Fotocopia cotexada do DNI (por ámbalas caras), do solicitante e, se é o caso, dos restantes membros do equipo.

d) Currículum vitae cos documentos acreditativos mediante documentos orixinais ou copias cotexadas (so se valorará o acreditado) e, en todo caso, a certificación académica completa na que se detallen as cualificacións obtidas na licenciatura, diplomatura ou na materia de técnico de empresas e actividades turísticas e as súas datas de obtención (orixinal ou fotocopia compulsada). Así mesmo, achegarase copia cotexada do correspondente título.

Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros non estatais deberán estar validados na data de finalización do prazo de presentación das solicitudes.

No caso dos equipos, esta documentación entenderase referida a cada un dos membros do equipo.

e) Memoria do proxecto de investigación. Nela farase mención específica dos obxectivos, contidos básicos do proxecto e as estratexias específicas de análise e indagación que se van utilizar. O tema do proxecto referirase a unha das alíneas da base primeira desta orde.

f) Declaración xurada das axudas solicitadas para o mesmo proxecto ás distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

g) Declaración expresa de estar ó día do pagamento das súas obrigacións tributarias e de seguridade social.

h) Declaración expresa de non ter contraída ningunha débeda, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia.

Quinto.-Tramitación.

Os servicios administrativos da Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento procederán á revisión das solicitudes presentadas comprobando si é correcta a documentación achegada. No caso contrario, requirirase ó solicitante para que, no prazo de dez días a complete ou emende os erros detectados coa advertencia de que, de non facelo, se lle considerará desistido da súa solicitude procedéndose conforme o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999.

Non axustarse ós termos da convocatoria, o incumprimento dos requisitos nela establecidos, a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada será causa de desestimación da solicitude presentada, con independencia de que poida acordarse outro tipo de actuacións.

Sexto.-Procedemento de avaliación, selección e resolución da convocatoria.

A valoración das solicitudes presentadas, así como a proposta de selección e determinación da contía da axuda, será realizada por unha comisión designada polo director xeral de Investigación e Desenvolvemento, constituída por cinco membros un dos cales actuará como presidente, outro como secretario e dos tres vocais dous serán propostos pola Dirección Xeral de Turismo. A selección dos beneficiarios realizarase mediante a valoración dos méritos acreditados conforme o seguinte baremo:

a) Expediente académico: ata 4 puntos.

b) Coñecementos da lingua galega: ata 1 punto.

c) Outros méritos de currículum vitae: ata 3 puntos. Valorarase a formación ou experiencia en materias relacionadas co obxecto da convocatoria e do proxecto proposto, e o coñecemento doutras linguas.

d) Memoria: ata 4 puntos. Valorarase especialmente o aspecto innovador do proxecto e a adecuación da metodoloxía proposta ós obxectivos que pretenden alcanzarse con este.

No caso de equipos a puntuación das alíneas a), b) e c) obterase pola media aritmética da puntuación que cada un deles obtivo en cada alínea.

A comisión poderá realizar unha entrevista cos aspirantes que acrediten máis de 8 puntos no anterior baremo. Versará sobre os méritos curriculares e a memoria e terá unha duración máxima de 15 minutos. En función do contido da entrevista, a comisión poderá aumenta-la puntuación asignada nun máximo do 25%. A comisión de selección elevará a proposta de resolución ó conselleiro de Innovación, Industria e Comercio que dictará a oportuna resolución. Esta resolución publicarase no DOG.

O prazo máximo para resolve-las solicitudes presentadas ó amparo da correspondente convocatoria, será de 6 meses, contados desde a apertura do prazo de presentación de solicitudes. De non mediar resolución expresa no dito prazo as solicitudes deberán entenderse desestimadas.

Contra as resolucións expresas ou presuntas que poñen fin á vía administrativa, poderán os interesados interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da recepción da correspondente notificación no caso de resolucións expresas. No caso de que a resolución se entenda desestimatoria por silencio administrativo, o prazo será de tres meses contados a partir do día seguinte ó que se produza o acto presunto.

De non estima-la presentación deste recurso, poderán os interesados interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da recepción da correspondente notificación, se a resolución é expresa. No caso de que a resolución se entenda desestimada por silencio administrativo, o prazo será de seis meses contados a partir do día seguinte ó que se produza o acto presunto.

Con independencia do anterior esta convocatoria e todos cantos actos administrativos se deriven da súa aplicación poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento

administrativo común modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Sétimo.-Aceptación e renuncia das axudas.

A aceptación da axuda farase mediante documento asinado polo beneficiario no que se comprometa a cumprir tódalas condicións recollidas nestas bases.

No suposto de que algún beneficiario non aceptara a axuda, ou de que con posterioridade á aceptación xurdiran renuncias, ou quedara algunha vacante, o director xeral de Investigación e Desenvolvemento poderá adxudica-la axuda ó seguinte aspirante en puntuación de acordo coa lista de suplentes elaborada pola comisión de selección.

Oitavo.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Os beneficiarios comprométense:

-A acudir a unha reunión que convocará a Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento na que se comentará, en relación coa materia de cada un dos proxectos para os que se concede a axuda, todo o que desde a Dirección Xeral de Turismo se estime adecuado para o mellor desenvolvemento de estudio ou investigación.

-A realizar o proxecto de conformidade coa memoria presentada e tendo en conta, se é o caso, o que se suxira ó respecto na reunión arriba mencionada.

-A presenta-lo proxecto na Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento, por exemplar duplicado, en copia impresa e en soporte magnético (débese especifica-lo formato) no prazo máximo dun ano contado a partir da adxudicación das axudas.

-A presentar, xunto co proxecto, unha declaración complementaria de non ter concedida ningunha axuda para o mesmo proxecto, por parte da Administración pública ou calquera dos seus organismo, entes ou sociedades.

-A facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control de destino de axuda obxecto da presente orde.

2. Os proxectos realizados e os resultados obtidos da investigación, se é o caso, serán propiedade dos seus autores que, non obstante, quedan obrigados a transferilos á Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento que dará traslado deles á Dirección Xeral de Turismo para o seu uso. No suposto de facelos públicos, deberán facer consta-la referencia específica da axuda recibida da Consellería de Innovación, Industria e Comercio da Xunta de Galicia e enviar dous exemplares da correspondente publicación á Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

Noveno.-Pagamento das axudas.

Tendo en conta que as actividades que hai que realizar para o desenvolvemento do proxecto supoñen a realización de desprazamentos así como a incompatibilidade con outras axudas, excepcionalmente e en virtude do disposto no artigo 16.dous.3, do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, a Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento aboará ós beneficiarios un anticipo de pagamento por importe da anualidade 2003 se esta non é superior ó 50% da cantidade total do proxecto. En caso contrario o anticipo será por importe do 50% da axuda concedida. A cantidade restante librarase cando os beneficiarios presenten os seus proxectos rematados, e estes obteñan a conformidade da comisión que propuxo a concesión das axudas.

Previamente ó pagamento os interesados deberán achegar certificacións acreditativas de estar ó día das súas obrigas tributarias coa Facenda estatal e autonómica expedidas pola Axencia Tributaria e pola Consellería de Economía e Facenda, respectivamente, así como certificación de atoparse ó día no pagamento das cotas da Seguridade Social. O pagamento da axuda que poida corresponder ós equipos interdiciplinarios realizarase repartindo a partes iguais entre os integrantes do citado equipo a axuda concedida pola comisión de selección.

Décimo.-Incidencias.

A Dirección Xeral de Investigación e Desenvolvemento resolverá tódalas dúbidas e incidencias que poidan xurdir en aplicación desta convocatoria. O incumprimento dos compromisos adquiridos conforme os termos do proxecto presentado e aceptado e no disposto nas bases precedentes dará lugar á revogación da axuda concedida e, se é o caso, á reclamación das cantidades xa pagadas de conformidade co disposto na lexislación vixente de aplicación. Así mesmo, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda obxecto desta orde e a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes privados nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Investigación e Desenvolvemento para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2003.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Innovación, Industria e Comercio