Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Mércores, 13 de agosto de 2003 Páx. 10.586

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

RESOLUCIÓN do 4 de agosto de 2003, da Dirección Xeral de Obras Públicas, pola que se fai público o acordo do Consello da Xunta de Galicia polo que se aproba definitivamente o plan denominado Plan sectorial da rede viaria de Santiago de Compostela, Ames e Teo como Plan sectorial de incidencia supramunicipal para os efectos previstos na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.

Antecedentes:

1. Por acordo do Consello da Xunta de Galicia do 2 de maio de 2002 declarouse:

-A incidencia supramunicipal do Plan sectorial da rede viaria de Santiago de Compostela, Ames, e Teo.

-Que fose a Dirección Xeral de Obras Públicas o órgano competente para a tramitación do expediente.

-Que as determinacións contidas no Plan sectorial vincularán o planeamento urbanístico dos concellos afectados.

2. Con data do 20 de maio de 2002 sométese o Plan sectorial ó trámite de audiencia dos concellos afectados.

3. No Diario Oficial de Galicia do 30 de maio de 2002 publícase a resolución da Dirección Xeral de Obras Públicas pola que se somete a información

pública durante un mes o Plan sectorial da rede viaria de Santiago de Compostela, Ames e Teo.

4. Analizadas as alegacións presentadas ó Plan, redactouse un documento complementario onde se modificaban os trazados inicialmente propostos, denominado Plan sectorial da rede viaria de Santiago de Compostela, Ames e Teo-Documento complementario.

5. Con data do 23 de maio de 2003 sométese o documento complementario ó trámite de audiencia dos concellos afectados.

6. No Diario Oficial de Galicia do 23 de maio de 2003 publícase a resolución da Dirección Xeral de Obras Públicas pola que se somete a información pública durante un mes o Documento complementario do Plan sectorial da rede viaria de Santiago de Compostela, Ames e Teo.

7. Con data do 18 de xullo de 2003, a Dirección Xeral de Urbanismo da CPTOPV, emite informe favorable desde o punto de vista da ordenación do territorio, sobre a proposta de aprobación definitiva do Plan sectorial de Santiago de Compostela, Ames e Teo.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 24 de xullo de 2003, acordou:

1. A aprobación definitiva do denominado Plan sectorial da rede viaria de Santiago de Compostela, Ames e Teo modificado polo Documento complementario de acordo coas seguintes prescricións froito do proceso de información pública:

-O deseño concreto dos enlaces propostos determinarase nos correspondentes proxectos que desenvolvan o Plan sectorial.

-Os treitos que se vaian executar en viaductos poderán ser modificados nos estudios que con maior detalle desenvolva o presente Plan sectorial, buscando acada-lo menor impacto.

2. Calquera actuación urbanística que afecte as vías aprobadas no presente plan, deberá incluír entre a súa documentación a correspondente xustificación da súa compatibilidade co Plan sectorial, mediante anexo, onde non só se estableza a afección sobre a rede proposta no Plan sectorial, senón tamén que a capacidade da rede viaria é suficiente para absorbe-la planificación urbanística proposta, debendo establecerse reserva de solo para novas vías, se a capacidade fora insuficiente.

3. As determinacións contidas no Plan sectorial da rede viaria de Santiago de Compostela, Ames e Teo vincularán o planeamento urbanístico dos concellos afectados.

4. Declara-la utilidade pública dos bens afectados polo Plan sectorial para os efectos expropiatorios.

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2003.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Director xeral de Obras Públicas